Plan para a mellora da convivencia no IES Eduardo Blanco Amor de Culleredo (A Coruña)

M.ª Teresa Reigosa Fernández
Profesora de Música e coordinadora da titoría de convivencia
mreigosa@edu.xunta.es
Carmen Rodríguez-Trelles Astruga
Orientadora e directora
crtrelles@edu.xunta.es

 

No IES Eduardo Blanco Amor estamos levando a cabo un plan para a mellora da convivencia que pretende dar unha resposta, simple e eficaz, aos problemas que se van detectando e que repercuten negativamente no clima escolar e, conseguintemente, na calidade da ensinanza e no rendemento académico dos alumnos.

Contexto socioeducativo

Atopámonos nun centro cunha única etapa de educación secundaria obrigatoria, situado nun concello da periferia da cidade, con exceso de matrícula e sobreocupación, e unha elevada porcentaxe de poboación inmigrante.
Pola súa vez, os cambios que están transformando a nosa sociedade, tanto no eido socioeconómico coma pola incorporación das novas tecnoloxías e polos constantes cambios normativos, impiden unha estabilidade e unha continuidade no tempo que é esencial para garantir un bo desenvolvemento do proceso educativo.
Ante esta complexa realidade, alumnos, pais e profesores reséntense da deterioración do sistema. Así atopámonos con:
- Unha porcentaxe (arredor do 5 %) de alumnado conflitivo ao que se destinan grandes esforzos con escasos resultados.
- Un alumnado non conflitivo pero sen interese nin hábitos de traballo, que nos pasa desapercibido ante a gravidade dos comportamentos dos conflitivos.
- Grupos de clase con falta de control, que dificultan que se poidan impartir as materias.
- Conflitos nos corredores e durante os recreos.
- Profesores con problemas de todo tipo (falta de autoridade, inestabilidade, con necesidade de formación ante as novas necesidades, inseguridade...).
- Pais desbordados por falta de implicación, responsabilidade e/ou autoridade.

Obxectivos

Para dar resposta aos problemas anteriormente presentados, establecemos os seguintes obxectivos:
1- Reducir a conflitividade, corrixindo condutas socialmente non aceptadas. Para isto imos traballar cos titores de convivencia.
2- Formar os alumnos, mellorando a convivencia e o clima do centro a través das actividades que encadraremos na educación para o ocio.
Deste dous obxectivos fundamentais derívanse outros:
3- Optimizar recursos (especialmente humanos), isto é, asignarlles tarefas aos profesores baseándonos no perfil adecuado. Cada profesor ten unhas habilidades que deben ser recoñecidas e utilizadas para mellorar a tarefa común.
4- Realizar unha acción preventiva nas condutas. Consolidar uns mínimos de convivencia que traten de conseguir que tanto faltas leves coma pequenos conflitos se resolvan no momento e non acaben converténdose en graves.
5- Axudar ao desenvolvemento da personalidade. Hai que convencer o alumnado de que no centro escolar se aprende moito máis ca aspectos académicos. O descubrimento e a aceptación de si mesmos, recoñecer o que lles gusta e o que poden ofrecer favorece a súa autoestima.
6- Mellorar o rendemento académico. A redución de conflitividade orixina que os grupos funcionen mellor, facilita o control, e isto repercute de forma moi positiva no rendemento académico. É o alumnado medio o que principalmente se beneficia da mellora da convivencia porque é o que pasa facilmente desapercibido ante problemas graves causados por outros.

Alumnos destinatarios

Actualmente as actuacións dos titores de convivencia destínanse aos alumnos de primeiro e segundo da ESO. Consideramos que a prevención e a actuación temperá debería limitar os problemas en terceiro e cuarto. A formación para o ocio destínase a todo o alumnado do centro.

Temporización

O PROXECTO
O proxecto iniciouse hai dous cursos académicos. Comezamos utilizando a titora de convivencia só para o alumnado de segundo, xa que a súa coordinadora actual foi a súa impulsora e nese momento impartía clase nese nivel educativo.
Á vista dos bos resultados, o curso seguinte incluímos na titoría de convivencia a primeiro e terceiro da ESO. Comprobamos que o traballo no primeiro ciclo facía menos necesario o de terceiro da ESO polo forte labor preventivo. Por este motivo este curso 2013/14 destinámolo só ao alumnado de primeiro ciclo.

PRIMEIRO TRIMESTRE
Durante o mes de setembro, a coordinadora da titoría de convivencia, Maite Reigosa, reúnese con todos os profesores para darlles unhas liñas básicas de funcionamento co fin de tratar os problemas de convivencia que se poidan producir durante o curso. É moi importante que sexan poucas pautas, pero moi claras para que todos os docentes estean coordinados e fagan o mesmo.

Ao mesmo tempo, ambas as dúas titoras de convivencia reciben os profesores novos e  asesóranos sobre todos os problemas que se poidan atopar en convivencia e o modo de resolvelos.

Durante os primeiros días de clase, os titores explícanlle ao alumnado as normas de convivencia e de funcionamento do centro.

Paralelamente, os profesores encargados das actividades de ocio forman os equipos, organizan as ligas e empeza a competición. Coordínanse tamén coa xefa de actividades extraescolares e complementarias para optimizar os recursos.

SEGUNDO TRIMESTRE
É o momento de facer as valoracións para incorporar correccións ás actuacións feitas co fin de melloralas. Para isto en cada observatorio de convivencia e en cada claustro incorpórase un punto da orde do día onde se debaten os aspectos desenvolvidos do plan de convivencia e se adoptan decisións. Todo isto trasládase ao consello escolar.

É tamén o momento de establecer que alumnos son especialmente conflitivos e ver a pertinencia de informar outros organismos (Servizos Sociais...) aos que se lles pide colaboración.

Ata este momento foron constantes as entrevistas das titoras de convivencia cos pais e o apoio e asesoramento aos profesores que o necesitan.

TERCEIRO TRIMESTRE
É o momento da entrega de trofeos e o recoñecemento aos participantes nas diversas actividades de ocio. Tamén é o momento de facer unha avaliación final de resultados e de preparar as actuacións para o curso seguinte.
Para isto volvemos utilizar o claustro e o observatorio de convivencia como punto de encontro para os debates e as contribucións.

Descrición da actividade

Son dúas as liñas de actuación fundamentalmente:
- A titoría de convivencia
Pretende que interaccionen todos os axentes que conflúen no proceso de ensinanza-aprendizaxe: alumnado, profesorado, titores, orientador, equipo directivo. Desta forma facilítase a comunicación e dáse unha resposta consensuada, rápida  e o máis adaptada posible ás necesidades que se presentan.
- Actividades para formar no ocio. Con elas búscase a integración de todo o alumnado e desenvolver o espírito colectivo no que todos poden ofrecerlle algo ao centro. Coñecer e asumir as súas fortalezas e debilidades para compartilas cos demais. É unha programación para a vida en sociedade.

O sistema baséase en cinco tipos de actuacións:

1- ACTUACIÓNS ENCAMIÑADAS A CORRIXIR CONDUTAS CONTRARIAS Á CONVIVENCIA

Neste aspecto consideramos importante:

a) Reducir as expulsións.

b) Que o proceso sirva para identificar os casos realmente conflitivos co fin de darlles o tratamento axeitado.

c) Que o tipo de corrección non sexa custoso nin necesite recursos especiais.

Ás profesoras que se encargan dos problemas de convivencia (M.ª Teresa Reigosa e Mercedes Garrote) chamámoslles  titoras de convivencia.

A experiencia levounos a constatar que a maior sanción que se lles pode aplicar aos alumnos moi conflitivos é privalos do recreo. A expulsión ás súas casas é, polo contrario, un motivo de alegría, xa que non adoita haber persoas que se encarguen do seu control nas súas casas e convértese nunhas vacacións.

O feito de que os profesores Joaquín Villoch e Carlos Vera creasen unha liga de fútbol interna que se xoga nos recreos e onde os alumnos compiten por clases serve de estímulo para estes alumnos difíciles pola expectación que provoca: un 80 % do alumnado do centro, aproximadamente, concéntrase arredor da pista polideportiva para ver os seus compañeiros xogar. Ademais moitos destes alumnos conflitivos son brillantes no deporte, polo tanto, non queren perder a súa participación na liga, que é a súa oportunidade de destacar. O mesmo cabe dicir do coro que dirixe outro profesor, Julián Pérez.

Comprobamos, pois, que os alumnos difíciles asumen calquera sanción, agás que os priven dos recreos.

Para detectar que o alumno debe acudir ao titor de convivencia ideamos unha cadea de información que comeza no profesor que coñece a falta. Este redacta nun parte de incidencia os feitos, déixalle unha copia á titora de convivencia para que se poña en contacto co alumno e outra entrégaa en xefatura.

Pola súa vez, o profesor debe esixirlle que o devolva asinado polos seus pais ao día seguinte e deixarao entón na caixa de correo da xefatura de estudos, que o anotará no historial do alumno.

O titor de convivencia avisa o alumno de que ten que presentarse ante el no recreo que estableza, no lugar que cada curso se designe para realizar o traballo destes titores. É importante que haxa un lugar fixo para recibir a estes alumnos durante o curso.

Considérase unha falta moi grave a incomparecencia do alumno a esta cita, e priorízase a entrevista co titor de convivencia sobre outras correccións impostas simultaneamente (isto aprobouse en claustro e consello escolar e foi incorporado ao Regulamento de réxime interior).

É no momento no que o alumno está co titor de convivencia cando se establece unha relación máis estreita entre ambos os dous. A intervención é gradual, dependendo da gravidade e da súa repetición no tempo. Sempre se trata de facer reflexionar sobre a conduta negativa, por que non é correcta, como lles afecta aos demais e a el mesmo, e que consecuencias ten.

Establecerase un traballo adaptado ás condicións persoais do alumno e ao tipo de conduta que se quere modificar, tendo moi en conta, ademais, a súa evolución ao longo das intervencións que se van facendo.

E é neste punto onde consideramos fundamental o perfil do titor de convivencia, xa que non se trata de castigar nin tampouco de ceder, trátase de convencer. A nosa experiencia permítenos afirmar a capacidade que este sistema ten de reconducir condutas que parecían recalcitrantes.

2- ACTUACIÓNS ENCAMIÑADAS A FORMAR PARA O OCIO

As actuación mencionadas no apartado anterior conducen a unha mellora significativa do comportamento deste alumnado, ben porque as conversacións co titor de convivencia o  fai interiorizar normas que descoñecía ou ben porque sinxelamente non quere quedar sen recreo. En calquera caso, o clima escolar mellora.

Con todo, isto non basta: non nos conformamos con cambiar condutas, queremos cambiar tamén aspectos da súa personalidade.

Neste punto é fundamental a actividade que desenvolven os profesores Villoch e Vera, e que nós encadramos na formación para o ocio. As actividades encamiñadas a formar para o ocio realízanse fundamentalmente durante os recreos e nelas participan todos os alumnos do centro. Desenvólvense desde o mes de outubro ata o de xuño, que é cando se entregan os trofeos e se fan festivais onde se demostran as habilidades adquiridas.

Estas actividades de ocio englóbanse en:

- Competicións deportivas (dentro e fóra do centro).

O curso pasado tres equipos do instituto participaron na liga intercentros, na que compiten equipos de todos os centros escolares da Coruña e das áreas limítrofes, e dous deles quedaron campións absolutos da liga e o outro subcampión. Algúns dos compoñentes destes equipos eran alumnos moi conflitivos, pero a través desta actividade a súa autoestima empezou a mellorar, empezaron a sentirse necesarios, foron admirados e eloxiados de forma sincera polos seus compañeiros e profesores e sentíronse parte fundamental do triunfo do equipo.

Ademais  identificáronse, a través do equipo, co instituto, ao que representaban e polo que loitaban para gañar, o que os levou a interiorizar máis facilmente as normas do grupo.

Como é lóxico, en todas estas actividades comparten espazo e tarefas alumnos conflitivos cos que non o son, xa que evitamos a toda custa encadralos nunha categoría da que non poidan saír facilmente.

 

 

Desta actividade física benefícianse especialmente os alumnos con TDAH, que adoitan destacar no deporte, pero que teñen problemas para relacionarse cos seus compañeiros e para obter bos resultados académicos. Desde o centro insísteselles aos pais na importancia da actividade física e no negativo que, co tempo, resulta privalos dela como consecuencia do seu mal comportamento. E isto aplícase a todos os alumnos.

Outra das actividades relacionadas co deporte é a liga interna de fútbol na que os alumnos do centro compiten entre si representando a súa clase. A clase gañadora obtén un premio ao final do curso.

Tamén se celebrou no mes de abril o Día do Deporte, no que se disputaron partidos de fútbol e probas de atletismo (salto de altura, salto de lonxitude e lanzamento de peso).

- Actividades relacionadas coa música

Outra actividade que se realiza durante o recreo é a de coro, desenvolvida polo profesor Julián Pérez desde o curso pasado. Durante os meses de xuño e setembro infórmase a todo o alumnado desta actividade, para que a partir do mes de outubro quede creado o grupo. O obxectivo persegue un resultado de calidade, e para iso requírese pasar unha proba de selección e un compromiso de traballo semanal e dous ou tres recreos. Como consecuencia, ao longo do ano van xurdindo circunstancias que afectan o resultado final, o tempo faise escaso para unha actividade coma esta e, a día de hoxe, son dez alumnas as que integran o coro. As actuacións que nos ofrecen son un regalo para os oídos.

Por outra banda, alumnos do segundo ciclo tocan distintas obras con frauta e percusión, acompañados ao piano polo seu profesor, Julián Pérez. Varios alumnos do instituto que cursan estudos no conservatorio, pola súa vez, interpretan obras para os seus compañeiros e demostran así os logros que se conseguen investindo activamente o seu tempo libre. Ademais, en segundo da ESO, ofrécese un espectáculo cun grupo moi numeroso de alumnos, no que se bailan distintas danzas do mundo. Obxectivos como o traballo en equipo, o esforzo individual e colectivo, o compromiso, a responsabilidade, a posta en escena co que iso supón (vestiario, entradas, saídas, orde, silencio...) e, sobre todo, a ilusión de ser parte dun todo e centro de atención dos espectadores do instituto fan destas actividades momentos inesquecibles, moi formativos para o seu desenvolvemento integral.

- O programa de radio

A coordinadora de convivencia iniciou este curso un programa de radio chamado Ieseba en la onda, traballo colaborativo que pretende integrar ideas de membros de todo o centro, profesores e alumnos. Foi complexo o seu desenvolvemento:

  • Buscar alumnos colaboradores para participar no programa. Para isto a coordinadora pasou por todas as aulas explicando o proxecto e animando á participación tanto desde o punto de vista periodístico coma técnico.
  • Animar o profesorado a traballar cos seus grupos algunha actividade transversal relacionada coa súa materia.

A coordinadora fixo un anuncio publicitario con todo o alumnado de segundo da ESO que se expuxo durante un tempo na páxina principal da web do centro. Este anuncio consistía nun vídeo no que se desenvolvía unha percusión corporal en gran grupo, na que se lle solicitaba colaboración para o programa a toda a comunidade educativa. Debido a que había unha gran cantidade de participantes (máis de 100), xerouse unha grande expectación á espera da primeira proxección.

Ao longo do proceso foron xurdindo necesidades e ideas tanto periodísticas coma técnicas, elixir diferentes seccións, buscar programas tecnolóxicos para a montaxe, a creación dun logotipo, dun blog... o que permitiu que alumnos con moi diversas aptitudes puidesen participar na mesma actividade.

Os mecanismos de comunicación entre o grupo de radio (catro rapazas e a profesora coordinadora) foron o correo Gmail e Google Drive para compartir ideas e gravacións. Solicitouse tamén unha visita á radio do concello, Radio Culleredo, que amablemente nos deu a coñecer as instalacións, aconsellou suxestións moi acertadas e incluso lle fixo unha entrevista ao equipo.

Con todo isto conseguiuse un primeiro programa ao que se accede premendo no logotipo de Ieseba en la onda que aparece na web do centro (que, pola súa vez, aloxa os programas nun blog que están creando as alumnas iesebaenlaonda@blogspot.com).

Como mostra do todo o exposto, xúntanse os seguintes arquivos:

  • Logotipo, deseñado por unha alumna de cuarto, Carolina Galán, perfeccionado por Enma Fernández (alumna de cuarto) e informatizado por Nacho Niño, profesor de Plástica.

 

 

  • Vídeo publicitario que se realizou cos alumnos de segundo da ESO e que gravou e montou Nacho Niño, profesor de Plástica.

A idea é ir sementando creatividade, cooperación, esforzo e, en definitiva, involucrar o alumnado especialmente en tarefas máis complexas que supoñan aprendizaxes profundas, significativas, construtivas.

Requírese fundamentalmente enerxía e entusiasmo. Curso a curso hai que observar, reflexionar e dar forma en función das circunstancias reais que permitan conseguir proxectos factibles. Polo de pronto, desenvolvéronse actividades moi interesantes. É necesario expresarlle un agradecemento ao claustro por conseguir manter no tempo un clima respectuoso que permite o desenvolvemento destes proxectos.

- Actividades na biblioteca

O centro está incluído no PLAMBE desde hai anos e os profesores encargados da biblioteca, coordinados pola profesora Mar Quintas, constatan que hai alumnos colaboradores da biblioteca e outros que foron premiados polo seu afán lector que empezaron sendo conflitivos, e que melloraron progresivamente a súa conduta grazas, en parte, ás responsabilidades e tarefas que se adxudicaban na biblioteca.

A biblioteca funciona a pleno rendemento durante os recreos e é un foco de actividades para os alumnos.

En resumo, a formación para o ocio busca crear un ocio de calidade e é fundamental porque, a través dela, se desenvolven trazos de comportamento e actitudes de cooperación que son interiorizados polos alumnos de forma espontánea, e cuxos réditos se utilizan para mellorar o rendemento académico.

A misión da coordinadora da titoría de convivencia é impulsar estas actividades e encaixalas nos seus propósitos, suxerindo alumnos e estratexias aos profesores que as organizan.

Desta maneira prodúcese a integración deste alumnado difícil na vida do centro, aprende formas socialmente aceptadas de adquirir protagonismo e conséguese que se sinta  imprescindible na tarefa común.

3. ACTUACIÓNS ENCAMIÑADAS A ASESORAR OS PROFESORES

Como xa dixemos, o labor dos titores de convivencia é asesorar os profesores. Este asesoramento faixe en dous niveis:

a) Particularmente, a cada profesor, para solucionar ou apoialo nos problemas concretos relacionados coa convivencia que se lle presentan. Pódense dar pautas para distribuír os alumnos na aula, ou consellos sobre que facer cos alumnos que mostran especial conflitividade servíndose do coñecemento máis profundo que sobre eles ten o titor de convivencia.

Tamén asesoran os titores particularmente á hora de entrevistarse coas familias destes alumnos difíciles, acompañándoos moitas veces durante as entrevistas. Este asesoramento particular pode ser solicitado polos profesores, aínda que ás veces o titor de convivencia considera que pode ser útil nunha situación particular e ofrece a súa axuda.

A actuación do titor de convivencia debe xerar confianza e ser discreta. Isto faina máis necesaria á vista do resto dos docentes. Por isto é fundamental o perfil do dito titor.

b) O asesoramento tamén pode ser xeral, a todos os profesores, como sucede coas normas básicas de convivencia que se propoñen ao principio do curso e as estratexias para cumprilas. Estas liñas básicas de actuación transmítenllelas os titores de convivencia a todos os profesores durante os claustros, onde son consensuadas, e trátanse no observatorio de convivencia, en cuxas reunións son un punto da orde do día.

Polo tanto, o traballo cos profesores é un traballo cooperativo, no que os profesores se axudan entre si e comparten experiencias, que ten o valor de que se percibe como beneficioso porque reciben apoio e asesoramento discreto e porque se establece unha relación fluída co titor de convivencia que fai que se recorra a el aínda antes de que se produzan os problemas. De aí o seu gran valor preventivo.

A partir da primeira reunión xeral cos profesores, o traballo en rede faise imprescindible. Os profesores e o titor de convivencia comunícanse desta maneira de forma bidireccional.

Por último, hai que dicir que os profesores poden demandar do titor de convivencia asesoramento para unha intervención individual sobre un alumno especialmente conflitivo; ou grupal, para mellorar o funcionamento dun grupo no que algún dos seus compoñentes ten un efecto perturbador. O titor de convivencia, que coñece a estes alumnos, asesora sobre estratexias para neutralizar a súa actitude e reconducila, utilizando tamén as sesións dos recreos.

4- ESTRATEXIAS DE COORDINACIÓN CON OUTRAS INSTITUCIÓNS

Nun primeiro momento colaboramos cos Servizos Sociais. Cando os titores de convivencia sospeitan que unha familia podería estar incorrendo en desatención con respecto ao seu fillo, comunícano ao departamento de orientación, e este, tras a súa valoración particular, se é necesario, traslada o caso aos Servizos Sociais. Estes póñense en contacto co mencionado departamento e co titor de convivencia correspondente e establecen conxuntamente estratexias de actuación para solucionar o problema.

En caso de que os recursos dos Servizos Sociais se amosen insuficientes, estes trasladan, pola súa vez, o caso a Menores, os que frecuentemente se poñen en contacto con nós para recibir información adicional.

Unha das vantaxes do programa é, pois, que permite identificar os casos realmente conflitivos e tratalos especificamente.

Tamén recibimos apoio da Garda Civil a través do Plan director para a convivencia escolar. Cando recoñecemos un problema no que aparece consumo de substancias nocivas, ou cando hai un problema de convivencia no que as redes sociais e internet desempeñan un papel pernicioso, os axentes da Garda Civil destinados á atención de centros preséntanse no instituto e entrevístanse cos alumnos implicados e coas súas familias, infórmanos da dimensión do problema e das súas consecuencias legais e dálles  pautas para solucionalo.

Todo isto é xestionado polo titor de convivencia e o departamento de orientación, e a dirección do centro está informada.

5. INTERVENCIÓN COAS FAMILIAS

Con respecto á intervención coas familias, desde a titoría de convivencia tratamos fundamentalmente de insistir na importancia de traballar no mesmo lado tanto a familia coma o profesorado.

Cando un alumno presenta comportamentos inadecuados de forma reincidente, a titora de convivencia ponse en contacto cos pais e fixa unha reunión na que se procura que tamén estea presente o alumno. Nesa reunión infórmase das intervencións que se fixeron co alumno, indícase cal é o problema e como atallalo. Detectamos en moitas ocasións que existen malentendidos, información terxiversada, que se aclara positivamente con todos presentes. Tamén nos permite observar a relación que existe entre pais e alumno. En xeral, créase un clima de confianza por parte da familia, ademais de concienciala das consecuencias da reincidencia das condutas negativas, no caso de que persistan. Pretendemos convencer a todos os axentes que interveñen no proceso educativo de que ao centro se ven aprender non só contidos académicos, desbotar o concepto de gardería, no que o alumno pode estar sen facer absolutamente nada, sen ningunha esixencia ante o seu dereito á escolarización.

Nunha gran porcentaxe dos casos estas reunións son moi satisfactorias e o alumno recondúcese. Desde a implantación da titoría de convivencia os casos graves diminuíron considerablemente e só nestes casos, que xeralmente van asociados a problemas do contorno familiar, é o centro o que pide a intervención de Servizos sociais ou de Menores. Tanto o alumnado coma as familias perciben un seguimento e un control, unha constancia e firmeza que redunda moi positivamente tanto no clima coma no rendemento dos grupos en xeral e de cada alumno en particular.

Para que o titor de convivencia poida reunirse coas familias adxudicóuselle no seu horario unha hora de atención aos pais (que neste momento nos parece insuficiente).

RECURSOS NECESARIOS

a) Recursos humanos

Necesítanse dous profesores que asuman as titorías de convivencia de primeiro e segundo da ESO (que poden intervir puntualmente para resolver conflitos con terceiro e cuarto). Estes titores están liberados de gardas e de titoría de grupo. A cambio dedican un recreo diario a traballar cos alumnos conflitivos. A eles recoñéceselles no seu horario persoal unha hora de atención a pais, coma o resto dos titores. Ademais é fundamental que os profesores designados teñan un perfil adecuado para o labor que van desempeñar.

Así mesmo, liberamos de gardas os profesores encargados das actividades deportivas e do coro, e substituímolas por atención aos alumnos durante os recreos.

b) Recursos materiais

Son necesarias dúas aulas fixas para que os titores de convivencia reciban os alumnos durante os recreos. É importante que sexa nun espazo fixo durante o curso para que os alumnos non dubiden do lugar onde son esperados, nin poidan encontrar unha escusa fácil para non ir nun ocasional cambio de situación.

 

 

Estas aulas poden ter calquera outro destino durante o tempo que non afecta aos recreos. Tamén son necesarios recursos materiais para atender as actividades de ocio. En calquera caso, é un plan que necesita máis o perfil axeitado das persoas ca o valor económico dos recursos materiais.

7. VALORACIÓN E CONCLUSIÓNS

 

 

Nos dous cursos e medio que leva o plan en funcionamento comprobamos que se trata dun plan realista e eficaz. Apreciamos melloras significativas na convivencia en varios ámbitos:

a)   No dos alumnos comprobamos:

  • Que vai desaparecendo o efecto “contaxio” que os que se portan mal exercen sobre un número importante de compañeiros.
  • Que somos capaces de identificar uns poucos alumnos realmente conflitivos cos que temos que recorrer a outros organismos para solucionar os problemas que presentan, pero o número destes alumnos diminuíu claramente ao longo do tempo que leva establecido o plan.
  • Que o nivel de conflitividade xeral do centro tamén diminuíu no que respecta á gravidade das condutas conflitivas.
  • Que os alumnos e as súas familias asumen con máis naturalidade as correccións dos profesores porque compartiron cos titores de convivencia os seus problemas e aceptan paso a paso o protocolo do centro.

b)   No dos profesores constatamos:

  • Que traballan con máis eficiencia dado que teñen que perder menos tempo en reconducir condutas disruptivas na aula. A avaliación de diagnóstico puxo de manifesto os mellores resultados obtidos polo noso centro a partir da implantación do plan.
  • A actitude dos profesores é máis relaxada porque contan co apoio e o asesoramento dos titores de convivencia, o que redunda nunha mellora do clima escolar.

Concluíndo, a mellora da convivencia leva consigo unha mellora do rendemento escolar e, conseguintemente, un mellor aproveitamento das oportunidades de formación dos nosos alumnos cara a unha inserción laboral digna e de calidade.





 

 
00:00
Sección: