Superficiales. ¿Qué está haciendo internet con nuestras mentes?

(Imprescindible para hoxe)
Autoría: Nicholas Carr. Editorial: Taurus. Ano: 2010

Paco Diaz
CFR de Pontevedra
francisco.cesardiaz@edu.xunta.es

 

No ano 2008 a revista estadounidense The Atlantic publicou un artigo que levaba este provocador título: “Is Google Making us Stupid?”, ou sexa, “Está Google a facernos parvos?”. Interesante cuestión que abofé que me teño formulado. A controversia que desatou este ensaio foi notable. Renovou un debate xa existente: a discusión entre os apocalípticos, que deostan a cultura de masas, e os integrados, que a celebran.

En 2010 Nicholas Carr, autor do artigo mencionado, publica este apaixonante libro que desenvolve amplamente as teses defendidas no célebre artigo, nun texto inzado de referencias bibliográficas, achados científicos, fitos históricos, reflexións filosóficas e sociolóxicas e cunha profusa apoiatura académica. E cales son estas teses? De que nos intenta avisar o autor?

Poderiamos acudir –como o fai Nicholas Carr– a McLuhan para sintetizar a tese fundamental e recordar a súa celebrada sentenza: “O medio é a mensaxe”. Este aforismo enigmático acuñado nos anos sesenta do século pasado cobra hoxe unha relevancia esencial, nos albores desta nosa sociedade do coñecemento, das redes sociais, da información ubicua e instantánea. En palabras do autor:

O que non ven os entusiastas nin os escépticos é o que McLuhan si que viu: que, a longo prazo, o contido dun medio importa menos ca o medio en si mesmo á hora de influír nos nosos actos e pensamentos. Como ventá ao mundo, e a nós mesmos, un medio popular moldea o que vemos e como o vemos –e con tempo, se o usamos o suficiente, cámbianos, como individuos e como sociedade–

En fin, se sospeitas que a rede –Google, Facebook, Twitter...– está a influír na túa mente, a cambiar o teu modo de ler, de pensar, de vivir, tanto se es un deses escépticos como se es un entusiasta da tecnoloxía, coido que atoparás nesta obra interesantes reflexións sobre as túas sospeitas.

 

Sección: