Crear hoy la escuela del mañana. La educación y el futuro de nuestros hijos

(Imprescindible para hoxe)
Autoría: Richard Gerver. Editorial: S.M. Ano: 2012

Concepción Pazos Oya
CFR de Vigo
pazosoya@edu.xunta.es

 

Como ben sabemos, hoxe están sendo cuestionados en todo o mundo os modelos tradicionais de escolarización e aprendizaxe. Richard Gerver –un dos máis recoñecidos expertos en innovación educativa– presenta neste libro unha proposta de adaptación da escola aos cambios do mundo actual.

Na mesma liña de Sir Ken Robinson –outra das autoridades máis respectadas nestas cuestións e autor do prólogo do libro– cuestiona que a escola continúe ancorada no pasado cando a educación ten que ver necesariamente co futuro, cunha preparación para o que vai vir, e propugna un cambio de paradigma educativo.

Para o autor resulta inadmisible que, mentres que todas as disciplinas están adaptándose rapidamente aos avances científicos, a escola ignore os avances en neurociencia, no coñecemento do funcionamento do cerebro e dos procesos de aprendizaxe, e reproduza, basicamente, a situación do século XIX: o modelo industrial, impersoal e homoxéneo. Este modelo, de éxito na súa época, non pode solucionar problemas como o fracaso escolar, o absentismo ou o abandono temperán, porque non responde ás necesidades actuais.

Richard Gerver considera que a mocidade actual, que vive rodeada de información, inmersa en tecnoloxía e forma parte de redes, ten curiosidade por aprender se se dan as condicións adecuadas. Crear esas condicións implica adaptar a educación ás necesidades de cada centro, de cada comunidade educativa, o que vai necesariamente da man da innovación, de novas propostas para responder a situacións concretas.

Os líderes do mundo empresarial demandan o desenvolvemento de destrezas non previstas polos actuais sistemas educativos. Os nenos e nenas teñen que desenvolver a confianza en si mesmos, o sentido da propia valía, o pensamento creativo e innovador, a capacidade para traballar en equipo, e as habilidades para comunicarse, se queremos que teñan posibilidades de competir no mercado global.

A modo de exemplo, na segunda parte do libro, Richard Gerver expón a súa experiencia como director dunha escola primaria, Grange, en Inglaterra, na que desenvolveu un proxecto educativo innovador, baseado na autonomía, na responsabilidade e na aprendizaxe aplicada.

Con este libro o autor pretende demostrar que o cambio é posible e necesario, e animar o profesorado e as comunidades educativas a tomar a iniciativa para empezar a introducir a innovación nos seus centros. Un canto de esperanza no futuro da educación.

Sección: