10 ideas clave Evaluar para aprender

(Imprescindible para hoxe)
Autoría: Neus Sanmartí. EditoriaL: GRAÒ. Ano: 2007

Consuelo Rivera Seoane
consuelorivera@edu.xunta.es
CFR de Vigo

 

Sen dúbida ningunha, o labor máis tedioso que desenvolve o profesorado é a corrección de exercicios e probas; ademais sempre queda a inquedanza de se o esforzo realizado redundará na mellora das aprendizaxes do alumnado.

Este pequeno libro de Neus Sanmartí –profesora emérita da UAB e especialista en didáctica e avaliación– segue estando en plena vixencia e continúa a ser un referente básico para o profesorado interesado nestas cuestións.

A avaliación é un fenómeno complexo que inclúe a corrección e a cualificación, pero é moito máis: implica a toma de decisión para o proceso de mellora.

Neus Sanmartí considera que a avaliación é o motor da aprendizaxe, que regula o proceso tanto por parte do alumnado coma do profesorado, pois permite detectar dificultades e buscar estratexias para superalas.

Partindo dunha concepción construtivista da aprendizaxe, a autora considera que os erros cometidos polo alumnado son indicadores claros dos obstáculos que lle impiden avanzar e deben ser aproveitados polo profesorado para reflexionar sobre as súas causas e tomar as medidas oportunas para que o alumnado poida superalos. Nesta concepción, o profesor ou profesora detecta erros, pero é o alumnado quen os corrixe.

Este é o primeiro paso cara a un obxectivo moito máis ambicioso: conseguir desenvolver no alumnado a capacidade de autoavaliación, de autorregulación das propias aprendizaxes. Distintas investigacións proban que os alumnos e alumnas que mellor aprenden son aqueles capaces de detectar as súas dificultades e erros e buscar axudas e estratexias para superalos, o que forma parte da competencia básica de aprender a aprender.

O libro, presentado dun xeito moi “didáctico” –estruturado en dez breves capítulos que parten dunha cuestión á que se intenta dar reposta, con esquemas, resumos, e abundantes exemplos– é de moi doada lectura, ao tempo que parte dunha sólida fundamentación teórica, con abundantes referencias bibliográficas para seguir investigando sobre o tema.

Pero o verdadeiramente útil deste libro é que autora fai propostas concretas, precisas e realistas para mellorar os procesos de avaliación por parte do profesorado e desenvolver procesos de autoavaliación e coavaliación do alumnado, que melloran as súas aprendizaxes e fan menos rutineiro e máis produtivo o traballo do profesorado.

Sección: