Entornos personales de aprendizaje: claves para el ecosistema educativo en red

(Imprescindible para hoxe)
Autoría: Castañeda, L. e Adell, J. (eds.). Alcoy: Marfil. Ano: 2013

Marta Arias López
CFR de Lugo
marta@edu.xunta.es

 

Linda Castañeda e Jordi Adell como editores, xunto a outras persoas editoras investigadoras e profesorado docente con experiencia no traballo práctico arredor desta temática, comparten connosco o libro Entornos personales de aprendizaje: claves para el ecosistema educativo en red

O dito libro podémolo ver na rede e hai que destacar a súa fácil navegación ou ben compartilo libremente, xa que ten unha licenza CC//BY-NC-ND e permite descargalo enteiro ou simplemente os artigos ou seccións que nos interesen.

O libro é unha introdución teórica ao mundo dos PLE, considerado como o “contorno no que aprendemos usando eficientemente as tecnoloxías”, e amósanos unha recollida de enfoques tanto pedagóxicos coma tecnolóxicos e sociolóxicos sen esquecer o marco de aplicación, o seu futuro, reflexións e exemplificacións prácticas dos PLE aplicados na aula no ámbito de educación infantil, educación primaria, educación secundaria, na universidade e ao mesmo tempo para a formación do profesorado a través da análise e valoración dos distintos autores.

Nos dous primeiros capítulos os citados editores ofrécennos unha visión xeral sobre o mundo dos PLE, atendendo ao que denominan a súa anatomía (contorno persoal para aprender, como aprendemos, compoñentes etc.) e o ecosistema pedagóxico dos PLE e a súa interrelación coas distintas correntes pedagóxicas (conectivismo, aprendizaxe emerxente, heutagoxía, a teoría LaaN, aprendizaxe construtivista e as pedagoxías emerxentes entre outras).

Nos catro artigos seguintes diferentes autores bríndannos unha recollida de enfoques tanto pedagóxicos coma tecnolóxicos e sociolóxicos dun PLE como ecosistema de aprendizaxe en liña.

Na sección “PLE en acción” diferentes profesionais de distintos niveis educativos relátannos a súa experiencia describindo como o fixeron e os pasos que hai que seguir.

Unha sección sobre as novas investigacións sobre os PLE reflectidas a través de diferentes proxectos de investigación desde diversas perspectivas e distintos soportes clarifican estas novas visións.

E unha última sección aborda perspectivas complementarias dos PLE como un ecosistema de aprendizaxe.

A través das distintas reflexións, dos distintos enfoques e experiencias axudaranos a construír ou redireccionar o noso contorno persoal de aprendizaxe, a reflexionar sobre a nosa identidade dixital e os distintos procesos de aprendizaxe.

Como conclusión diría que é un bo libro tanto para a nosa actualización didáctica docente coma para o noso alumnado e en tanto que vaiamos configurando o noso PLE axudaranos a reflexionar sobre que aprender, como aprender e ensinar coa finalidade de desenvolver competencias imprescindibles para este mundo cambiante no que o noso alumnado terá que afrontar retos e problemas descoñecidos ata agora dun xeito crítico, innovador e reflexivo, algo para o cal tanto o noso coma o seu PLE será un recurso clave.

 

Sección: