A mellora da convivencia escolar

Grupo de Traballo do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (A Coruña) Curso 2012/2013

Benigna Vidal Tomé
PES de Lingua e Literatura Galegas
Xefa de Estudos do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda
beni.vidal@edu.xunta.es

Introdución

Coa idea de ter un proxecto que estableza un plan de actuacións para mellorar a convivencia escolar no IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, un grupo de profesores tentamos desenvolver con este traballo un protocolo de convivencia.
O grupo de traballo ten como finalidade acadar unhas liñas de actuación que permitan unha mellora na convivencia dos dous grupos implicados no proceso de aprendizaxe, alumnado e profesorado. Isto faise partindo do diálogo e con base na xustiza e na solidariedade.

Establecemos unhas normas básicas e consensuadas para acadar a convivencia escolar, tendo en conta tamén a prevención de posibles conflitos. Deste modo tratamos de mellorar e reforzar a práctica docente.

Contextualización socioeconómica do centro

O IES Plurilingüe Eusebio da Guarda da Coruña atópase na praza de Pontevedra, a el están adscritos o CIP Eusebio da Guarda, tamén na praza de Pontevedra, e o CIP Labaca, situado na rúa Juan Flórez, polo tanto é un instituto do centro da cidade cunha demanda grande por parte dos pais, precisamente por esta condición.

O nivel socioeconómico do alumnado é variado, como o é na maioría dos centros da cidade, pero predomina a clase media, con pais funcionarios e autónomos provenientes da pequena empresa; non esquecemos, por outra banda, a porcentaxe de alumnos inmigrantes e de clase baixa que polo de agora resulta irrelevante.
Debido á procedencia do alumnado deste nivel social, os problemas de convivencia no centro non son graves nin frecuentes e a maioría son consecuencia da relación diaria dos estudantes, non hai tampouco problemática que arrastren da súa contorna exterior.

Temos que facer notar que moitos dos problemas que se dan no desenvolvemento diario da actividade educativa son consecuencia da distribución espacial do instituto. As aulas repártense en dous edificios unidos por un corredor. O edificio antigo, destinado aos bacharelatos, conta con grandes espazos e aí a incidencia de problemas é escasa, mentres que o pavillón que alberga a ESO ten espazos reducidos para o gran número de alumnos por grupo. O paso entre os dous edificios é de escaso tamaño e por el circula continuamente o alumnado ao cambiar de materias, o que supón un problema engadido na convivencia diaria, e este paso é obrigado, ademais, para baixar ao patio de recreo, que é tamén reducido e complícase aínda máis os días de chuvia, xa que non posuímos patio cuberto, polo que é necesario habilitar dependencias como a aula de usos múltiples para este fin.
É precisamente neste espazo de tránsito, na baixada ao patio e no patio mesmo, onde se producen os conflitos máis frecuentes entre o alumnado da ESO.

Protocolos de actuación diante das alteracións da convivencia

Os protocolos de actuación permiten establecer un clima de convivencia que posibilita o logro de obxectivos educativos. Na súa posta en práctica debe considerarse que as consecuencias das infraccións deben de ser de tres tipos:

  • Destinadas a superar o dano causado.
  • Entrada nun sistema de faltas acumulativas.
  • Penalización directa a cargo do profesor ou da xefatura de estudos.

As normas deben ser claras e estar á vista dentro da aula. Determinar o clima social dun grupo permite tomar decisións á hora de abordar situacións perturbadoras da convivencia.

As medidas que se poden tomar poden ser:

1.  MEDIDAS PREVENTIVAS

  • Organización de grupos heteroxéneos e equilibrados.
  • Elaboración de sociogramas para coñecer e valorar as características do grupo e do nivel de integración de cada alumno, as estratexias de aprendizaxe, as motivacións e as relacións persoais (anexo 1).
  • Sesións de benvida e actividades complementarias e extraescolares ao principio do curso para fomentar a integración do novo alumnado e do profesorado.
  • Disposicións dos alumnos na aula.
  • Elaboración por parte do alumnado dun conxunto de normas de aula e as súas consecuencias ou sancións.

O establecemento dun conxunto de normas e sancións permite establecer un clima de convivencia que posibilite o logro do resto dos obxectivos educativos. Tanto as normas coma as sancións terán que ser elaboradas polo alumnado en coordinación coa titoría. Este feito facilita que o alumnado se implique máis no seu cumprimento.
As normas e as sancións deberán ser revisables con certa frecuencia. Para iso utilizaremos a hora de titoría.
As normas e sancións deberán ser claras e estar á vista dentro da aula. Para o establecemento das normas, consecuencias ou sancións, podemos seguir o seguinte esquema de traballo:

O alumnado valora a necesidade dunhas normas e consecuencias.

Anexo 2. As normas do noso centro e aula

Anexo 3. As sancións na miña clase

As conclusións que se obterán e que exporá a titoría serán:
-Toda lei ou norma ten as súas consecuencias.
-As persoas que sancionan non o fan arbitrariamente.
-As sancións impiden novos males e disuaden o resto.
-Ten que existir proporción entre a sanción imposta e a norma que non se cumpriu.

Determínase cun proceso democrático o establecemento de normas.

As votacións para elixir as normas e as consecuencias aprobaranse por unanimidade ou maioría absoluta (se se realiza unha segunda votación). O profesor apoiará como mediador e o seu voto será un máis.

Elabóranse as normas e as consecuencias.

Realizaranse as seguintes actividades que a continuación se expoñen, aínda que previamente sería conveniente traballar con eles as normas establecidas no Regulamento de réxime interior.

- Para o alumnado:

Anexo 4. Condutas do alumnado que interfire no traballo na clase

Anexo 5. Como conservaremos os materiais e os espazos do centro

Elabóranse agora as normas da aula. 

- Para o profesorado:

Anexo 6. Valoración do comportamento na clase

- Comisións de aula
- Alumnado axudantes
- Talleres de prevencións de condutas violentas
- Valorar a existencia de actividades premio (excursións, películas, xogos…)
- Mediación
- Coordinación con outros organismos (bibliotecas, Fundación Barrié…)

2. MEDIDAS REEDUCADORAS

Baséanse na reflexión, o recoñecemento, a reparación e a revisión.

  • Reflexión sobre o que pasou. Descrición serena que é fundamental para recoñecer o dano.
  • Recoñecemento da situación problemática.
  • Reparación dos danos causados. As medidas reparadoras poden ser:
  • Petición de desculpas públicas e privadas.
  • Reflexión sobre o dano causado, por escrito.
  • Pagamento dos danos causados.
  • Recollida de papeis na clase e no instituto.
  • Limpeza da mesa ou da parede cando estea identificado o responsable e limpeza a cargo de todos os alumnos cando non o estea.
  • Colocar as mesas da clase correctamente.
  • Limpeza ou arranxo de danos.
  • Realización de tarefas na biblioteca.
  • Asistencia e coidado das persoas ás que se prexudican.
  • Revisión dos acordos concretos para mellorar.

3. MEDIDAS SANCIONADORAS

Proponse un tratamento sancionador gradual que seguiría estes pasos:

  • Indicacións non verbais para disuadir ao principio das condutas inapropiadas na aula (silencios, cambios dentro da aula…).
  • Indicacións verbais (chamar a atención de forma breve e contundente sen deixar espazo de réplica, a modo de aviso claro e conciso).

A partir deste momento xorden as primeiras medidas de tipo sancionador:

  • Cambiar o alumno de sitio.
  • Poñer negativos.
  • Remitir unha notificación aos pais ou titores legais (anexo 7).
  • Separar o alumno do grupo de traballo se a súa conduta non é axeitada e non traballa como os demais.
  • Falar co alumno e chegar a un acordo escrito.
  • Falar co titor ou co xefe de estudos.
  • Falar cos pais.
  • Amoestar.
  • Prohibir a asistencia a actividades fóra do recinto, incluídas as excursións.
  • Expulsar.

4. DISCIPLINA E CONVIVENCIA

O plan de convivencia debe canalizar as iniciativas de todos os sectores para mellorar a convivencia e o respecto mutuo, así como promover a cultura da paz e a resolución pacífica dos conflitos.

Cando o conflito se produce, non se debe actuar con precipitación e recorrer inmediatamente a medidas disciplinarias e sancionadoras. Os seus efectos secundarios quizais non resolvan o conflito senón que o agraven. (Expulsar a un alumno da clase pode supor en determinados casos o triúnfo do alumno que provoca o conflito).

O profesorado debe adoptar todas aquelas estratexias que estean na súa man antes de recorrer a esa medida. Igualmente, o centro debe tentar aplicar medidas correctoras alternativas á expulsión do centro. Para a aplicación destas medidas precísase a colaboración do profesorado, das familias, da ANPA, dos organismos oficiais etc. O apoio de educadores sociais e obradoiros alternativos é fundamental para mellorar a convivencia.

Cando se impoñan correccións disciplinarias, a xefatura de estudos informará a comisión de convivencia, nas súas reunións periódicas, para que esta coñeza e valore o seu carácter educativo e reparador.

5. CONDUTAS CONTRARIAS ÁS NORMAS DE CONVIVENCIA E O SEU TRATAMENTO

As condutas contrarias ás normas de convivencia do centro serán corrixidas de acordo coa súa gravidade e considerarán a situación e condicións persoais de non respecto a estas normas de convivencia. Os elementos que hai que ter en conta son:

  • Gravidade da falta cometida.
  • Idade do alumno.
  • Intencionalidade ou non da conduta.
  • Reiteración.
  • Posta en perigo da seguridade e/ou da integridade propia e dos demais.

As condutas contrarias ás normas de convivencia e o seu tratamento son as seguintes:

5.1. A non asistencia inxustificada ás clases e as faltas reiteradas de puntualidade

O alumnado deberá permanecer sempre no centro durante a xornada escolar e respectar a obrigatoriedade da asistencia e da puntualidade nos horarios deste, salvo causas xustificadas e mantendo sempre informado o persoal educativo responsable.

- As faltas de asistencia serán comunicadas no mesmo día por teléfono ao centro. Ao reincorporarse á clase, os alumnos e alumnas deberán traer a xustificación (a que fornece o centro) asinada polos seus pais ou titores legais, dirixida ao titor ou titora.

- Cando se produce unha falta de asistencia ou de puntualidade por motivos de saúde, a familia ou o alumno deberá entregarlle ao titor o xustificante médico no caso de enfermidade prolongada, ou o xustificante da familia por escrito se é algo puntual.

- O alumnado de postobrigatoria pode saír do centro nos recreos, non vir á primeira hora e saír ás últimas horas co permiso do/a pai/nai ou titor legal que asinará nun impreso que será entregado coa matrícula.

- Cando o alumnado da ESO saia do centro en horario escolar, a persoa que o veña buscar asinará un documento de recollida en conserxería.

- No caso de que o alumnado da ESO saia só e sen autorización do recinto escolar durante a xornada escolar, procederase a informar inmediatamente á familia e, de ser o caso, aos organismos competentes, e iniciarase o proceso de aplicación de medidas correctoras estipuladas no apartado de sancións recollido no RRI.

Neste apartado, se non hai atenuantes, considerarase como conduta grave na alteración da convivencia.

- En bacharelato as ausencias á clase sen xustificar poderán provocar a imposibilidade de avaliación continua con:

  • Dúas ausencias inxustificadas á clase dunha materia dunha hora semanal.
  • Catro ausencias á clase de dúas horas semanais.
  • Cinco ausencias nunha materia de tres horas.
  • Seis ausencias nunha materia de catro horas ou un total de vinte no conxunto de todas as materias, en cada período de avaliación.

- Falta de puntualidade: se o alumno chega tarde á clase, isto reflectirase como falta de puntualidade, ben á primeira hora, ben despois dos recreos. Ao contabilizarse cinco faltas de puntualidade, o profesor poderá impoñerlle unha falta de conduta. Á terceira falta de conduta por este motivo, considerarase unha falta grave e será sancionado.

5.2. A falta de respecto á comunidade educativa. O alumnado debe manter unha actitude de respecto cos adultos, cos compañeiros e compañeiras e con calquera membro da comunidade educativa

Cando se trate dunha agresión física ou verbal leve, ademais da amoestación ou falta de conduta, o alumnado fará unha reflexión e recollida do acontecido nun informe que supervisará o profesor e que terá que traer asinado da casa ao día seguinte.

Se houber unha reincidencia, o informe cubrirase ante o XE ou profesor de garda, e iniciaranse as accións estipuladas no apartado de sancións de faltas graves recollida no RRI.

5.3. Actitude incorrecta nas aulas e no centro, que non permita desenvolver unha boa dinámica de aprendizaxe e convivencia, como a non corrección no modo de falar, nos xestos, na vestimenta

  • Amoestación verbal ou por escrito.
  • Amoestación por escrito e comparecencia inmediata ante o XE.

5.4. O uso de aparellos electrónicos

Os aparellos electrónicos están prohibidos nas horas lectivas.

O requirimento do aparello obriga o alumnado á inmediata entrega do obxecto, que será depositado polo profesorado na Dirección do centro, onde quedará á disposición dos pais ou titores, se a alumna ou alumno que o porta fose menor de idade, ou da propia alumna ou alumno, se fose maior de 18 anos, unha vez rematada a xornada escolar ou a actividade complementaria; todo iso sen prexuízo das correccións disciplinarias que poidan corresponder.

O incumprimento destas medidas será considerado como falta de conduta gravemente prexudicial para a vida do centro e como tal será sancionada.

5.5. Os alumnos e alumnas que individual ou colectivamente causen dano de forma intencionada ou por neglixencia nas instalacións do centro ou no seu material quedan obrigados á súa reparación. Así mesmo, os alumnos e alumnas que subtraian bens do centro deberán restituír o subtraído. Con todo, os pais ou titores legais dos alumnos e alumnas serán os responsables civís nos termos previstos nas leis.

  • Cando suceda de xeito intencionado ou por mal emprego, comunicaráselle a situación á familia e o alumnado farase responsable de reparar o dano causado nos espazos e materiais do centro, ben mediante arranxo, ben mediante a súa reposición ou pagamento.
  • Se non se identifica a persoa responsable da perda ou rotura, todos os presentes no momento da infracción deberán facerse cargo da reposición.
  • Se os danos se producen na aula e non hai ninguén no momento do dano, toda a aula pagará o custo do arranxo.

5.6. As actuacións prexudiciais para a saúde e a integridade persoal dos membros da comunidade educativa (cando non constitúan conduta gravemente prexudicial)

Cando se produza a constatación de calquera substancia prexudicial para a saúde ou de presenza onde se estea a dar esta conduta, se incite ao consumo ou se detecte a presenza de substancias prexudiciais para a saúde, procederase a requisar esta e informaranse as familias (de ser o caso, sería considerada conduta gravemente prexudicial para a convivencia) e os organismos competentes, e iniciarase o proceso de aplicación de medidas correctoras estipuladas no apartado de sancións recollido nos dereitos e deberes dos alumnos e alumnas.

Calquera alumno lle deberá mostrar as súas pertenzas a calquera membro do equipo directivo ou aos seus representantes cando a ocasión así o requira.

O profesorado está facultado para requirirlle ao alumnado, dentro do recinto escolar e tamén durante a realización de actividades complementarias e extraescolares, a entrega de calquera obxecto, substancia ou produto que porte e que estea expresamente prohibido (polas normas do centro) que resulte perigoso para a súa saúde ou integridade persoal ou a dos demais membros da comunidade educativa, ou que poida perturbar o normal desenvolvemento das actividades docentes, complementarias ou extraescolares. O requirimento obriga o alumno ou alumna requirido á inmediata entrega do obxecto, que será depositado polo profesorado na dirección do centro, e quedará á disposición da nai ou pai ou da titora ou titor (se a alumna ou alumno é menor de idade) ou do propio alumno (se é maior de 18 anos) unha vez rematada a xornada escolar ou a actividade complementaria ou extraescolar; dito o anterior sen prexuízo das correccións disciplinarias que correspondan.

6. CONDUTAS E ALTERACIÓNS GRAVES DA CONVIVENCIA E O SEU TRATAMENTO

Este tipo de condutas queda recollido na súa tipificación no RRI. O seu tratamento é sempre sancionador, na medida que alteran gravemente a convivencia. O seu tratamento é o seguinte:

  • Realización de tarefas que contribúan a mellorar as actividades do centro.
  • Suspensión do dereito a participar en actividades extraescolares e complementarias por un período entre 15 e 30 días.
  • Cambio de grupo.
  • Suspensión do dereito a asistir a determinadas clases durante un período que oscilará entre os catro días e os quince. Non implica a suspensión das súas tarefas.
  • Suspensión do dereito de asistencia ao centro de catro días lectivos a un mes.
  • Reparación dos danos causados e obriga de restituír o subtraído.
  • Cambio de centro.

Se a infracción constitúe delito ou falta, pasará a coñecemento das autoridades educativas e mesmo do Ministerio Fiscal, sen prexuízo de que se poidan tomar no centro medidas cautelares.

7. DIAGNOSE DAS FALTAS DE CONDUTA NO IES PLURILINGÜE EUSEBIO DA GUARDA

Infraccións leves

Unha vez realizada a recollida de datos de infraccións levadas a cabo no primeiro trimestre no IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, o resultado é de 215 infraccións leves que se distribúen en:

  • Deterioracións: 6
  • Indisciplina: 66
  • Ofensa a compañeiros: 4
  • Ofensa a profesores: 12
  • Non facer deberes: 1
  • Interromper a clase: 43
  • Uso de móbil, CD e mp3: 7
  • Agresión ou inxurias: 3
  • Non traer o material: 8
  • Faltas de puntualidade: 65

Estas infraccións quedan repartidas nos distintos niveis da seguinte maneira:

ESO: 114 ; 1.º CICLO da ESO: 57  (1.º ESO: 25; 2.º ESO: 32) ; 2.º CICLO da ESO: 107 (3.º ESO: 75; 4.º ESO: 32)

BACHARELATO: 51 (1.º BACH: 26; 2.º BACH: 25)

Como se pode observar, hai unha maior porcentaxe de faltas de conduta na ESO (114) ca no bacharelato (51). E dentro da ESO, máis no segundo ciclo (107) ca no primeiro (57).

As faltas de conduta máis persistentes son: a indisciplina (66) e as faltas de puntualidade (65). A primeira é maioritaria na ESO e a segunda dáse sobre todo en cuarto de ESO (23) e en segundo de bacharelato (13).

Infraccións graves

A recollida de datos de infraccións graves levadas a cabo no primeiro trimestre no IES Plurilingüe Eusebio da Guarda deu como resultado: 31 infraccións graves que se distribúen:

  • Inxurias graves: 1
  • Indisciplina grave: 30

Estas infraccións quedan repartidas nos distintos niveis da seguinte maneira:

ESO: 25;  1.º ciclo da ESO: 5 (1.º ESO: 2; 2.º ESO: 3); 2.º ciclo da ESO: 20 (3.º ESO: 11;4.º ESO: 9)

BACHARELATO: 6 (1.º BACH: 4; 2.º BACH: 2)

Como se pode observar, hai unha maior porcentaxe de faltas de conduta na ESO (25) ca no bacharelato (6). E dentro da ESO, máis no segundo ciclo (20) ca no primeiro (5).

A falta de conduta máis persistente é a indisciplina grave (30) e esta é maioritaria na ESO (24) e sobre todo no segundo ciclo (20).

Amoestacións como consecuencia de faltas de conduta

A Dirección do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda amoestou con expulsión a un total de 33 alumnos no primeiro trimestre do curso 2012/13. Distribúense da seguinte maneira:

ESO: 27 ; 1.º CICLO da ESO: 6 ( 1.º ESO: 4; 2.º ESO: 2); 2.º CICLO da ESO: 21 ( 3.º ESO: 17; 4.º ESO: 4)

BACHARELATO: 6 ( 1.º BACHARELATO: 4; 2º BACHARELATO: 2)

Como se pode observar, a amoestación con expulsión é maioritaria na ESO (27) fronte ao bacharelato (6). A expulsión en 23 alumnos amoestados foi dun día, en tres alumnos foi de dous días e en seis alumnos foi de tres días.

Hai que sinalar que aínda sendo faltas de conduta graves, a Dirección foi magnánima co alumnado ao amoestalos cunha expulsión de falta leve (dun a tres días), xa que está establecido que a amoestación por falta grave sexa de apertura de expediente disciplinario, cousa que non se fixo.

8. OUTRAS ESTRATEXIAS DE INTERVENCIÓN

  • Protocolo de actuación ante o acoso escolar
  • Protocolo de actuación ante o absentismo escolar
  • Mediación
  • Aula de convivencia

9. A MEDIACIÓN

Mediar é axudar a solucionar problemas.

O MEDIADOR
1. Que non é?  
Acusón – Murmurador – Rexoubeiro – Pelota – Máis ca os demais – Psicólogo – Axudante do profesorado
2. Que Fai?  
Escoita – Fala cos illados – Intenta axudar – Acompaña – Está á disposición – Ponse no lugar do outro – Media nos conflitos – Respecta a palabra dada – Dá confianza – Anima – Comprométese – Deriva os problemas graves
3. Calidades
Bo comunicador – Mellor oínte ca falante – Prudente na forma e no contido do que di – Capacidade de estimular a que outro fale – Capacidade de empatía: conecta ben con sentimentos e emocións doutro – Formula preguntas claras e directas sen ser rudo – Respecta, sen agoniarse, os estados emocionais dos demais – Non cualifica nin critica a opinión do que escoita – Manifesta un sentimento honesto de axuda – É asertivo sen ser excesivamente autoafirmativo – Contacta cara a cara sen arrogancia, pero sen timidez

Pautas para a busca do equipo de mediadores

RECRUTAMENTO: como?
a) Pasamos por aulas para realizar a primeira enquisa.
b) Volvemos polas aulas informando dos resultados das enquisas.
c) Reunímonos co alumnado interesado en participar e poñemos os puntos básicos sobre que é a mediación.

 

1. Enquisa de convivencia no instituto realizada ao principio do curso

COMO SE CONVIVE NO INSTITUTO?

1) Cres que no noso centro hai moitos conflitos?
        a) Si                 Poucos               Moitos
        b) Non

2) Se estiveses implicado nalgún deles, en quen confiarías, a quen llo contarías, a quen lle pedirías axuda?
        a) Aos teus familiares      
        b) Ao teu titor ou titora   
        c) Á xefatura de estudos
        d) Aos teus amigos         
        e) A … … … …       

Os conflitos entre alumnos existen, pero hai que tratar de abordalos e solucionalos. Nalgúns centros existe o que se chama un equipo de mediación, son xente que traballa e acode ao instituto todos os días, coma ti, e que está disposta a axudar para tratar de resolver eses conflitos. Se estás metido nun conflito e cres que o mellor é arranxalo canto antes, os mediadores pódenche axudar.
Mediar = Axudar a solucionar conflitos.

3) E a ti, gustaríache formar parte dun equipo de mediación?
        a) Si                          
        b) Non      
        c) Non sei. Necesitaría máis información       

2.  Resumo de resultados por grupo despois da realización primeira enquisa

CURSO_______ GRUPO_____  NÚM. ALUMNOS/AS______
COMO SE CONVIVE NO INSTITUTO?

1)    Cres que no noso centro hai moitos conflitos?
a.    Si
       Poucos
       Moitos
b.    NON

2)    Se estiveses implicado nalgún deles, en quen confiarías, a quen llo contarías, a quen lle pedirías axuda?
a.    Aos teus familiares
b.    Ao teu titor ou titora  
c.    Á xefatura de estudos      
d.    Aos teus amigos     
e.    A … … … …       

3)    E a ti, gustaríache formar parte dun equipo de mediación?
a.    Si     
b.    NON   
c.    Non sei. Necesitaría máis información

3. Elaboración das gráficas unha vez realizado o cuestionario a todos os cursos da ESO

Gráficas de resultados


  •  
  •  

 

 

RESUMO DE RESULTADOS POR CURSOS E GRUPOS

CURSO

GRUPO

NÚM.

SI

NON

NON SEI

OBSERV.

 

1.º ESO

 

A

28

2

11

16

 

B

27

5

3

19

 

C

22

1

12

9

 

D

25

2

7

16

 

TOTAL 1.º

102

10

33

60

 

 

2.º ESO

A

27

2

16

9

 

B

25

2

9

14

 

C

27

10

12

4

 

D

26

5

7

13

 

TOTAL 2.º

105

19

44

40

 

 

 

3.º ESO

A

24

4

10

10

 

B

14

3

8

3

 

C

27

3

11

13

 

D

22

6

10

6

 

PDC

11

--

5

6

 

TOTAL 3.º

98

16

60

38

 

 

4.º ESO

A

24

1

7

5

 

B

24

1

7

15

 

C

15

1

5

8

 

D

22

4

11

5

 

TOTAL 4.º 

85

7

30

33

 

TOTAL ESO

390

52

167

171

 

Lenda:
NÚM.:     Número de alumnos/as que respondeu a enquisa
SI:     Alumnado disposto a formar parte dun grupo de mediación
NON:     AlumnadO non disposto a formar parte dun grupo de mediación
NON SEI: Alumnado que necesitaría máis información para tomar a súa decisión

 

FORMACIÓN

1. Xuntanza inicial co alumnado interesado en participar no grupo de mediación na que se tratan os seguintes puntos
a)    Que é a mediación?
b)    Calidades do mediador.
c)    En que conflitos intervén un mediador?
d)    Como formar parte dun equipo de mediación:
    a. Se cumpres os seguintes requisitos:
        i.  Sabes escoitar.
        ii. Es honesto e sabes manter un segredo (confidencialidade).
        iii.Es paciente e estás disposto a axudar.
    b.    Cubrirás un documento de compromiso pola túa parte e terás a autorización dos teus pais.
    c.    Finalmente, recibirás unha formación de mediador escolar, en tres sesións de dúas horas cada unha.

2. Curso de formación do mediador en tres sesións
1.ª sesión
      - Power Point.
      - Conflitos no noso instituto (enquisas do curso 2010/11).
      - Que é a mediación escolar? Paga a pena mediar?
      - Calidades do mediador.
2.ª sesión
      - Proceso de mediación:
                   o Etapas – Vídeo sobre etapas.
                   o Clarexar o proceso.
                   o Petición de mediación. Todo conflito pode ser obxecto de mediación?
3.ª sesión
      - Conclusións.
      - Caso práctico – Dramatización.
[Entrega do título de mediador – Posibilidade de asistir como oínte ao IES Fin do Camiño, Fisterra]

 

10. TEMPORIZACIÓN E METODOLOXÍA

A metodoloxía que seguimos os membros do equipo de traballo consistiu en reunións presenciais de dúas horas realizadas os mércores pola tarde, desde outubro ata maio, así como encontros por internet segundo demandou o proceso. Nos encontros presenciais tivo lugar a posta en común das actividades realizadas polos profesores participantes distribuídos en pequenos grupos, así como debates e a redacción definitiva dos documentos necesarios para o desenvolvemento destas, despois de telas levado á práctica en diferentes grupos dos distintos niveis. Tamén contamos coa presenza dun relator especialista en mediación escolar que nos ilustrou co protocolo que se debe seguir en casos de conflitividade escolar que precisen de mediación.

11. VALORACIÓN DO PROXECTO E CONCLUSIÓN

O obxectivo final deste grupo de traballo foi a mellora da convivencia no noso centro e na nosa comunidade educativa, partindo da análise, da reflexión e do acordo; tendo sempre en conta que a convivencia é a pedra angular sobre a que se apoia a formación do alumnado. Este curso estamos levando á práctica algúns dos diferentes protocolos que están propiciando cambios positivos no modelo de organización do centro, tanto no alumnado coma no profesorado. Os modelos elaborados nos anexos están sendo moi útiles e o profesorado foi moi receptivo ás nosas propostas.
Pensamos que coa nosa proposta estamos contribuíndo a unha boa convivencia, xa que con ela tratamos de responder á necesidade de formar unha cidadanía preparada para desenvolver a súa vida respectándose a si mesma, ás demais persoas e responsabilizándose dos seus actos, porque o que temos que acadar, en definitiva, é formar o noso alumnado dun xeito comprensivo, harmónico e integral.

 

PROFESORES PARTICIPANTES:
María del Carmen Aquino Acuña
María Sonsoles Fernández García
Antonio Fondo Rodríguez
José Luis Gundín Vázquez
Olga Meana González
Emilio Insua González
María Jesús Quintáns Rodríguez
María Isabel Ruso de Lago
Benigna Vidal Tomé (coordinadora)


 



 

Bibliografía: 

 

ALZATE, R. (1998): Análisis y resolución de conflictos. Una perspectiva psicológica. Bilbao: Universidad del País Vasco.

ARMAS CASTRO, M. (2005): Alumnado con problemas de conducta. Santiago de Compostela: Consellería de Educación, Xunta de Galicia.

ARMAS CASTRO, M. e ARMAS BARBAZÁN, C. (2006): Violencia escolar (12-16 anos). Vigo: Nova Galicia Edicións.

ARMAS CASTRO, M. (2006): Como prevenir e intervenir en conflictos y problemas de conducta. Madrid: Praxis.

ARRIETA, L. e MORESCO, M. (1999): Educar desde el conflicto. Chicos que molestan. Madrid: CCS.

BOLÍVAR, A. (1995): La evaluación de valores y actitudes. Madrid: Anaya.

CAMPS, V. (1994): Los valores de la educación. Madrid: Alauda/Anaya.

CARRERAS, LL. e outros (1995): Cómo educar en valores. Madrid: Narcea.

CASAMAYOR, G. e outros (1998): Cómo dar respuesta a los conflictos. La disciplina en la enseñanza secundaria. Barcelona: Graó.

MAYOR ZARAGOZA, F. (2000): Un mundo nuevo. Barcelona: Galaxia Gutemberg, Ediciones UNESCO.

ORTEGA RUIZ, R. (1998): La convivencia escolar, que es y cómo abordarla. Sevilla: Junta de Andalucía.

ORTEGA RUIZ (2000): Educar la convivencia para prevenir la violencia. Madrid: Machado Libros.

SABATER, F. (1997): El valor de educar. Barcelona: Ariel.

VAELLO ORTS, J. (2005): Resolución de conflictos en el aula. Madrid: Santillana.

Programa de sensibilización sobre o maltrato entre iguais, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, 2005.

Revista dixital da Asociación Convives. 

Sección: