Creación de lip dub no CMUS de Ourense

María García-Mendoza Fernández
Conservatorio Profesional de Música de Ourense
marylynn103@edu.xunta.es



O proxecto desenvolveuse no Conservatorio Profesional de Música de Ourense, como unha actividade de formación do profesorado, na modalidade grupo de traballo, coordinada pola asesora do CFR de Ourense Carmen Calleja Lameiras. Os profesores que participaron neste grupo de traballo xunto comigo foron Belén Ferreiro Pérez, Soledad Mendive Zabaldica e Marcos Manuel Vázquez Rodríguez.

O alumnado maioritariamente acode ás clases no conservatorio polas tardes, despois das súas clases no colexio, instituto ou algúns na universidade. O estudo no conservatorio lévalles moito tempo e ten unha carga lectiva importante.

Unha das finalidades da realización do lip dub era facer unha actividade diferente ás habituais (concertos, audicións, intercambios etc.) e, sobre todo, unha actividade na que se potenciase o traballo en equipo e a relación entre eles. Cremos que é moi importante facer actividades coma esta que potencien o valor do traballo cooperativo, xa que se fortalece o equipo docente como actividade de formación do profesorado, así como a mellora da convivencia escolar e a motivación entre todos os participantes.

Por participantes entendemos non só os que aparecen na gravación, senón tamén todos aqueles membros da nosa comunidade educativa que colaboraron na intendencia, no atrezzo, no coidado dos máis pequenos etc.

Persoalmente, son a profesora de Novas Tecnoloxías e parecíame interesante facer unha actividade relacionada co uso das TIC no conservatorio. O proceso da realización do lip dub foi unha forma de aprendizaxe nas miñas clases, xa que tentei de facer partícipe o meu alumnado desde o principio ata o final. Agora ben, non só polo uso de distintas ferramentas TIC, senón pola pegada convivencial que actividades transversais coma esta xeran nos centros educativos, tamén nos de réxime especial. De feito, hai que ter en conta como valor nesta iniciativa que as idades do alumnado participante ían desde os oito anos ata aproximadamente aos vinte e pico; e traballaron en equipo!

Entre os obxectivos vinculados á realización do lip dub cabe destacar, xunto co reforzo convivencial positivo na comunidade, a potenciación consciente do uso do galego que levamos a cabo.

Organización do traballo

Foi importante o traballo periódico e continuo, necesario para que todo funcionase o día da gravación.

Por outra banda, despois do ensaio xeral, foi necesario estudar ben a peza para facer cambios, e isto levou bastante tempo de organización. Tamén investimos bastante tempo na decoración do centro (preparar os carteis, inflar globos, colocar os elementos decorativos, pegar as teas etc.).

Houbo traballo que tivo que facerse dúas veces, como a elección dos temas, ata obter uns que fosen do gusto de todos. Tamén nas reunións practicamos moitas veces o percorrido ata saber exactamente que momentos da música coincidían en que puntos do conservatorio.

Fixemos dúas xuntanzas informativas coa comunidade educativa. Mais non foron as reunións, ás que acudiron máis ben poucos, o gran catalizador, senón o tradicional boca a boca entre pais e nais que, co que lles chegaba aos fogares, viñan falar directamente co profesorado e co alumnado. Finalmente conseguimos unha participación de máis de 200 persoas, que consideramos todo un éxito.

Contamos coa axuda de varios profesores de materias de grupo (Linguaxe Musical, Orquestra Infantil e Orquestra dos Maiores). Nós dixémoslles o que tiñan que facer, como podían ir vestidos e onde tiñan que colocarse, e eles encargáronse de controlar os seus alumnos, moitos deles menores de idade.

Para proxectos deste tipo, o “procedemento” pasa tamén por fases de aprendizaxe tanto do profesorado, como cando hai que lembrar ter os permisos das familias para gravar a menores e difundir o produto, como do profesorado co alumnado, como ao nos pór en contacto cos músicos dos dous grupos dos que utilizamos cancións: Os Resentidos e Os Diplomáticos de Montealto. Non puxeron pegas a que fixésemos o lip dub cos seus temas.

Grazas a realizar esta acción a través dun GT, tivemos tres sesións de formación moi interesantes, dúas para aprender a manexar a cámara e para tratar temas de iluminación e unha cunha persoa que xa fixera un lip dub no seu centro.

A montaxe fixémola empregando os programas Cubase, Corel Studio e Windows Movie Maker.

Entre o que aprendemos coas docencias máis todo o traballo realizado, para o día da gravación estaba todo moi preparado. E ata o último detalle! Desde a compra de pilas extra por se fallaban as que iamos utilizar, ata a previsión de disfraces por se alguén se apuntaba a última hora. Unha boa organización era necesaria para que funcionase

Subimos o vídeo a Youtube. Cómpre dicir que tivo unha moi boa acollida e cumpriu sobradamente as expectativas de promover o centro. Unha semana despois subimos as tomas falsas (que non falten!). Nunca unha actividade tivo tanta repercusión entre o alumnado coma esta. E pediron que gravásemos tamén un Harlem Shake, cousa que deixamos para o remate dos exames.

Valoración final da experiencia e expectativas de continuidade

A repercusión da realización do lip dub foi moi positiva: a participación foi moito maior da esperada, con máis de 200 participantes. Sabiamos que pretender involucrar a toda a comunidade educativa era un obxectivo moi pretensioso, pero estamos moi contentos coa participación.

Ademais da xente que se ve na gravación, houbo máis xente implicada que participou pero non quixo saír na pantalla (profesorado que estivo pendente do seu alumnado que si participaba, as conserxes, pais e nais do alumnado).

Por suposto, houbo profesorado que non quixo participar e que estaba en contra do proxecto, pero era algo co que contabamos. Intentamos molestar o menos posible.
Grazas a esta experiencia formativa:

  • Reforzouse a relación entre os participantes, que se implicaron na preparación do lip dub. A moitos dos meus alumnos pedinlles que buscasen unha parella para participar, por iso moitos participaban en parella ou en grupos, polo que se reforzou o traballo en equipo. Algúns tiñan liberdade de elección de vestiario, para o cal tiveron que poñerse de acordo entre eles. Moitos alumnos prestáronlles disfraces e material a outros.
  •  
  • Potenciouse o uso do galego no conservatorio, xa que se escolleron dous temas en galego. Moitos dos participantes tiñan que aprender o seu texto de memoria, e ao remate da actividade moitos coñecían as cancións de memoria. Ademais queremos reivindicar a música, os grupos e os músicos da terra, e dalos a coñecer entre o alumnado. Isto fixémolo sobre todo na primeira fase, na que eliximos os temas, xa que tamén fixemos partícipes os alumnos da elección. Deste xeito escoitaron temas de grupos musicais da súa terra que moitos deles descoñecían.
  •  
  • Por suposto, tamén aprendemos aspectos básicos de gravación e, sobre todo, de iluminación, elementos que hai que ter en conta á hora de facer o lip dub. Foi moi interesante estudar as gravacións do ensaio xeral, xa que puidemos observar onde estaban os fallos: xente mal colocada, claroscuros que podían ser evitados, movementos bruscos da cámara que facían que a imaxe estivese  borrosa etc. Durante esa semana aprendemos moitísimo vendo as gravacións e fixemos pequenos cambios que melloraron moito o resultado final.

En canto a publicitar o conservatorio, cremos que foi todo un éxito. Á parte do entusiasmo xeral por parte dos participantes, que axuda a publicitar positivamente o conservatorio, o vídeo subido a Youtube, así como o vídeo das tomas falsas, tiveron moitísimas visitas. Nas redes sociais (Facebook, Twitter), o vídeo foi compartido por moita xente, non só alumnado e profesorado, senón tamén xente allea ao conservatorio.

A directiva quedou moi contenta co resultado, pediunos unha copia do vídeo para proxectalo todos os días na pantalla da entrada do centro, varias veces ao día.

En canto ao obxectivo de ofrecer unha actividade diferente ás habituais no conservatorio, tamén o resultado foi moi satisfactorio. Os participantes pasárono en grande tanto coas preparacións (estudo das letras, de coreografías, realización de carteis, elección de vestiario, elección de cancións) como nos días de ensaio xeral e de gravación. Moitos falaban disto como “a actividade do ano” e cremos que tiñan razón. Foi unha moi boa experiencia, difícil de esquecer para todos.

Sección: