La literatura explicada a los asnos. Manual urgente para jóvenes y no tan jóvenes

(Imprescindible para hoxe)
Autoría: José Ángel Mañas. Editorial: Ariel. Ano: 2012

 

José Ángel Mañas saltou á fama en 1994 coa novela Historias del Kronen, novela finalista do Premio Nadal dese mesmo ano e adaptada ao cine por Montxo Armendáriz con grande éxito de recadación. Este libro, considerado pola crítica como un clásico contemporáneo, tivo a súa continuidade noutras tres novelas que conformaron a coñecida como Tetraloxía Kronen e que converteron o autor nun escritor de culto xeracional entre os seus seguidores. Pasaron case vinte anos desde entón e Mañas seguiu camiños literarios moi diferentes, que incluíron a novela histórica (O segredo do oráculo), os aforismos (Un alma en incandescencia), a novela policial ou o ensaio literario, como é o caso que agora nos ocupa.


La literatura explicada a los asnos é un persoalísimo percorrido pola historia da literatura das mans dun autor que forma parte desta mesma historia. O libro pretende, tal como nos di o autor no prólogo, “baixar os clásicos do pedestal e darlles un repaso”. O autor insiste na idea de achegar a literatura ao gran público dun xeito intelixente.
 

O libro respecta na súa estrutura a clásica división en xéneros literarios, xa que é o mesmo autor quen non cre na indefinición xenérica nin na difusión de fronteiras en literatura, tal como se afirma no prólogo do libro. Mañas visita as obras que el considera importantes de cada xénero, cita fragmentos significativos e manifesta de xeito bastante subxectivo a súa opinión sobre estes textos. Que esteamos máis ou menos de acordo coas súas apreciacións é un dos valores do libro, xa que para acceder a outra serie de datos temos infinidade de manuais ao noso alcance.


A selección de obras e autores que realiza o autor afástase pouco do canon clásico que recolle calquera compendio literario. Con todo, as incursións que nos achegan á poesía do rock (Sabina, Fito), ao rap, ao cinema, á banda deseñada, ao artigo xornalístico máis actual (Millás) son un acerto, aínda que breve dabondo, e encaixan moi ben coa idea inicial do autor de achegar a literatura a todos os públicos, xa que moitos dos outros textos que se citan e comentan son os textos clásicos que se levan ensinando nas aulas desde sempre.
 

Este é un libro vizoso, escrito con soltura e ben argallado, ateigado de escintileos lúcidos, non exento dalgunha imprecisión e que realiza un aceno de complicidade á brevidade contemporánea máis actual. O libro invítanos a “revisitar” os textos clásicos, a ser quen de ampliar as súas marxes e, sobre todo, incítanos a mirar a literatura cunha ollada lúcida e diferente. E todo da man dun recoñecido autor convertido aquí en sutil lector da nosa tradición literaria.

 

Sección: