Un bombero entre mariposas. Vivencias de un maestro accidental en una escuela libre

(Imprescindible para hoxe)
Autoría: Santiago González Sagüés. Editorial: Tximeleta. Ano: 2012

 

Di o mestre Tonucci que, antes dos programas, antes dos libros de texto, antes das propostas, hai que invitar os nenos a lugares significativos, lugares que teñan sentido no plano físico. “Creo que teriamos que superar a idea de aula. A aula é unha estrutura abstracta.”

Lugares significativos, lugares que teñan sentido… superar a idea das aulas. Todas estas reflexións cobran sentido pleno na lectura deste libro. Como se supera a idea das aulas? Como son eses lugares significativos? Existen? Poden existir? Ou forman parte, máis ben, da teoría educativa, en ocasións, lonxe da realidade?

Tximeleta é como lle chaman á bolboreta en éuscaro. Ese foi o nome que escolleron hai uns dez anos para o seu proxecto un grupo de pais e nais. A pequena escola Tximeleta é un espazo compartido por un grupo moi diverso de persoas –nenos e nenas, nais, pais e un equipo de educadores– que comparten un modo similar de entender a educación. Trátase dun proxecto autoxestionado polas familias, integrado na EUDEC (European Democratic Education Community), organización que engloba as escolas democráticas europeas.

O autor deste texto, Santiago, chegou a esta escola dun xeito un tanto peculiar. O seu traballo anterior, que abandonou para dedicarse ás tarefas propias da escola, era, como xa imaxinas, o de bombeiro. E aínda que semellaba unha idea disparatada, decidiu deixar de apagar lumes para se dedicar a acender ilusións como mestre.

O profesor Tonucci recomendounos a lectura deste libro na súa recente conferencia en Pontevedra. El mesmo escribiu o prólogo, onde sinala algunhas referencias que di que deberían ser tema de debate nos claustros dos docentes das escolas públicas dos nosos países. Aspectos coma estes:


Nenos e nenas de diferente idade poden traballar xuntos; de feito, sería bo que o fixesen así, de modo que cada quen poida atopar o seu verdadeiro nivel (o da idade non significa nada) (…)
Os alumnos poden escoller as actividades (…) Os alumnos poden cansarse, deixar unha actividade, andar por onde queiran e indagar, escoitar, experimentar. Nenos e nenas poden participar nas decisións xunto aos adultos e asumir roles de verdadeira responsabilidade. Esta é a verdadeira educación democrática.
A escola está estruturada en espazos temáticos e non en aulas. Os alumnos non están quietos nas cadeiras agardando que cambien os mestres con propostas diversas, senón que se moven pola escola para buscar os espazos e os materiais adecuados para levar a cabo as diferentes tarefas e afrontar diversos retos.


Ou sexa que si, si que existen. Existen escolas sen aulas; escolas que se configuran en espazos significativos, con sentido!

Ler este libro. Acompañar a Santiago na súa furgoneta ata a escola e percorrer con el o día a día da escola Tximeleta, as asembleas, os obradoiros… escoitar as súas dúbidas, compartir a súa emoción, resulta extremadamente interesante. Confirmar que existen lugares coma este resulta, ademais, reconfortante. Saber que é posible, que outra escola é posible, resulta esperanzador.

O mestre Tonucci conta tamén no seu prólogo que a lectura deste libriño lle fixo  recordar a súa infancia e a difícil vivencia dos seus anos de escola, que deron orixe ás viñetas de Frato. Imaxina que, de asistir a unha escola coma esta, Frato non existiría. O mesmo sucedería con outro neno que coñeceu en Colombia. E remata o seu texto con estas palabras:


De novo Tximeleta empobrecería o mundo educativo: ademais de perder a Frato, tamén nos privaría da frase daquel neno de Bogotá, pero faría felices a dous nenos. E iso sempre paga a pena!

 

 

 

 

Sección: