Carta a una maestra

(Imprescindible para hoxe)
Autoría: alumnado da escola Barbiana. Editorial: PPC. Ano: 1998

Pacodiaz
francisco.cesardiaz@edu.xunta.es
Asesor de Formación
CFR Pontevedra

 

 

Carta a una maestra é un libro de abril de 1966 moi pequeno, moi forte –di o mestre Tonucci– e cuxa lectura lles recomendo a todos e todas. Di tamén que don Lorenzo Milani foi un cura italiano que dedicou toda a súa vida á escola e que a súa escola escribiu esta Carta a una maestra, un dos libros fundamentais para unha pedagoxía diferente, unha pedagoxía nova. A lectura deste texto resultou clave para a conversión de toda unha xeración de docentes, en Italia e fóra de Italia, a partir do ano 1967, no que se publica por vez primeira.

Efectivamente, o texto que comentamos neste artículo é xa un clásico, un texto imprescindible, unha lectura obrigada. Non son moitas páxinas e tampouco están ateigadas de escuros termos pedagóxicos. Trátase dun texto limpo, claro, contundente, inzado de verdades, e tamén de datos e exemplos que corroboran estas verdades que son, por outra banda, ben coñecidas, aínda que non sempre aceptadas.

Daquela, este libro é imprescindible, mais iso non significa que sexa agradable. Máis ben todo o contrario. É incómodo. É un texto duro, descarnado, unha demoledora crítica ao sistema educativo da Italia dos sesenta, perfectamente comparable co sistema educativo, por exemplo, do noso país.

As palabras que conforman o título deste libriño poden levar a engano. Levan o arrecendo do romanticismo, unha promesa de lembranzas, de recoñecemento, e esta carta non é de agradecemento. Mais tampouco é unha crítica destrutiva. Trátase dunha marabillosa lección da mellor pedagoxía. As duras palabras dos alumnos da escola de don Milani –quen non chegou a ler esta obra– poñen diante do espello un sistema educativo terriblemente inxusto, que promove os ricos e suspende os pobres, nun perverso proceso de selección social no cal o profesorado é cómplice necesario. Porén, non se limitan a denunciar, tamén propoñen un modelo diferente, achegan unha idea do que a escola pode e debería ser. Debuxan unha oportunidade de cambiar. Incluso afirman que eles serán quen, a pesar de teren o sistema en contra, de ser mestres e de facer unha escola mellor.

Se non coñeces este libro, non perdas tempo. Búscao. É unha lectura necesaria. E se xa o coñeces e quizais xa o leches hai tempo, bo momento hoxe para volvelo ler. Penso eu que nestes tempos, a carta dos alumnos de Barbiana ten más vixencia ca nunca antes.

Sección: