Orientación académica y profesional. Estudio de casos. Orientación profesional, diagnóstico: recalculando

(Novidade)
Autoras: Trinidad Donoso Vázquez e Angelina Sánchez Martí. Editorial: ISEP. Ano: 2013

Marta Crespo Romeo
CAFI, Organización Escolar e Diversidade
mcromeo@edu.xunta.es

 

Trinidad Donoso Vázquez e Angelina Sánchez Martí preséntannos neste momento de incerteza laboral un práctico manual dirixido a profesionais do diagnóstico en orientación profesional e inserción sociolaboral.
Baseado na metodoloxía do estudo de casos, resalta a importancia da orientación ao longo do ciclo vital. A calquera idade pode sorprendernos un necesario cambio na nosa carreira ou proxección profesional e laboral que nos obrigue a “recalcular” o itinerario.
Todos coñecemos a alguén coma Quino que abandona os estudos aos 16 anos, non ten o graduado en secundaria e só traballou algo no bar do seu tío; coma Naroa, recentemente graduada en educación primaria, e que axuda economicamente na súa casa dando clases particulares; ou coma Ilex, casado, unha filla, que traballa nunha empresa de transportes que pecha portas...
E cara ao futuro, como orientamos, por exemplo, o noso alumnado de segundo da ESO?
En mozos e adultos non pode definirse unha normativa en canto a traxectorias vitais e profesionais. Toda acción é reversible, pode reconsiderarse. Con todo, cada decisión ten un custo na vida, sexa polo factor “tempo”, sexa polo factor “experiencia laboral e profesional” ou sexa, mesmo, polo desgaste persoal que supón.
O proceso de inserción ou reinserción é unha exploración ampla que realiza a persoa sobre a súa propia traxectoria, a súa propia realidade e a prospectiva do mercado laboral.
O orientador orienta. O orientado decide. E o orientado é o último responsable das súas decisións  e no proceso é acompañado cunha orientación personalizada encamiñada a admitir a natureza imprevista, cambiante e incerta das decisións ás que ten que se enfrontar.
Non hai unha solución óptima nin unha única solución. Cómpre escoller aquela que, sinxelamente, maximiza as vantaxes e minimiza as eivas. E asumir que é posible, ademais, que os resultados sexan imprevistos e que xeren novos problemas.

Sección: