A los tres años se investiga, do mestre e pedágogo Francesco Tonucci, unha publicación froito de catro anos de traballo e investigación nunha escola italiana nos anos setenta. Desta obra podemos deducir propostas moi interesantes, sinxelas, documentadas e ben organizadas; cunha posición definida de quen relata e analiza os feitos. Céntrase no encontro do alumnado de educación infantil coa escola e as súas vivencias, emocións, aprendizaxes e formas de pensar. Retrátase a entrada na escola dos máis pequenos por primeira vez como “o corte dun segundo cordón umbilical”, un momento vital no crecemento do alumnado de educación infantil que moitas familias acaban de vivir ao inicio de curso. Neste espazo no que o alumnado permanecerá gran parte do día (un longo número de anos) ten que ser capaz de explorar, observar, redescubrir, expresarse, traballar en equipo... en definitiva, desenvolver as súas capacidades ao máximo. Francesco Tonucci concibe a escola como “unha atmosfera de investigación e descubrimento” na que os nenos e nenas poidan construír o seu coñecemento e sentirse competentes, onde todos e todas teñan dereito a estar presentes coas propias diferenzas, achegando a súa diversidade. Esta pracenteira lectura, que desprende sensibilidade, achéganos ao deseño dunha escola que, sen dúbida, pretende o divertimento e motivación dos máis pequenos mediante un crecemento auténtico, a través da xestión autónoma do seu coñecemento. Nesta publicación, Tonucci proxecta a idea do profesorado como mediador do saber, que conta coa contribución das familias, a cultura e o contorno. Subliña como liñas significativas na calidade da educación nesta etapa educativa a formación permanente do profesorado, o traballo en equipo dos profesionais e a comunicación e o labor conxunto coas familias. Mestres, pedagogos, nais e pais e calquera persoa interesada no tratamento da infancia atoparán nestas páxinas materia para a reflexión sobre a educación, a escola e a profesión docente. Sen dúbida, este libro é unha boa elección para quen queira mergullarse nunha experiencia enriquecedora contada en primeira persoa por un gran pensador.