Educarse en la era digital

(Novidade)
Autor: Ángel Pérez Gómez. Editorial: Editorial Morata. Ano: 2012

É posible unha escola educativa? Aprender e ensinar a educarse? A pregunta non é retórica e, aínda que parece que el mesmo achega unha resposta, trátase máis ben de dous termos ligados por unha relación de causalidade, dun punto de partida, dunha hipótese de traballo que intentará desenvolver ao longo do libro. Sitúa a escola na realidade sociohistórica da era da información, un escenario no que a educación se conxuga en tempo presente con dous verbos, aprender e ensinar, en forma reflexiva.


O libro está dividido en dúas partes. A primeira, “Aprender a educarse na era dixital”, analiza a xeografía da educación en tres niveis: un nivel global que ilumina, describe e analiza os desafíos aos que se enfronta a educación e os axentes implicados; un nivel inferior constituído pola institución educativa de referencia, a escola e, por extensión, os sistemas educativos da sociedade neoliberal que a sustenta; e un terceiro nivel de indagación que se centra na construción da personalidade. O seu percorrido lévanos desde o coñecemento na súa dimensión externa, as redes, o conectivismo e a súa dimensión interna, o enactivismo, transitando polas achegas da neurociencia, para rematar na construción da identidade. O capítulo catro e último desta primeira parte, a modo de síntese comprensiva dos capítulos anteriores, céntrase no que o autor denomina “unha nova racionalidade para a escola”. O desenvolvemento de competencias, concepto “controvertido, borroso e prometedor” en palabras do propio autor, é o eixe sobre o que fai xirar boa parte da seguinte parte do libro.


A segunda parte leva por título “Axudar a educarse”. Non se trata dun tratado de didáctica xeral o que atopamos nos capítulos que estruturan a segunda parte do libro; o autor ofrece unha serie de suxestións, orientacións ou principios de procedemento coherentes coa escola que emana da súa definición de educación.
 

 O libro termina cun epílogo e o epílogo cunha reflexión que non me resisto a transcribir: “A nosa creación plásmase en axudar a crear, en estimular, acompañar e orientar a creación ilimitada dos demais. Pode concibirse unha profesión máis aberta, digna, atractiva e absorbente?”.


Ángel Sebastián Junquera
Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI)

Sección: