Cuadernos de Pedagogía (num. 428)

(Novidade)
Autoría: AA.VV. Editorial: Wolters Kluwer España. Mes/ano: novembro de 2012.

A revista Cuadernos de Pedagogía dedica gran parte deste número ao Programa CA/AC (cooperar para aprender/aprender a cooperar). Este programa, baseado na aprendizaxe cooperativa, está formado por un conxunto de actuacións encamiñadas a lle ensinar ao alumnado a traballar en equipo, e ponse á disposición do profesorado de educación infantil, primaria e secundaria a través dun proceso de formación e asesoramento.


Máis de 300 centros aplican este programa, que foi analizado e debatido no I Simposio sobre Aprendizaxe Cooperativa realizado en Vic nos últimos días de xuño de 2010. Pere Pujolàs e José Ramón Lago, dous dos seus principais impulsores, repasan neste número as principais reflexións e repercusións en tres aspectos: os tres ámbitos de intervención do programa, o proceso de formación e asesoramento e os principais eixes de traballo sobre os que se debe profundar.


Recollen, tamén, as principais conclusións ás que se chegou nos  obradoiros sobre traballo coas familias, aprendizaxe cooperativa e competencias básicas, avaliación do traballo en equipo, participación nos equipos de base do alumnado con máis barreiras para a aprendizaxe e dinamización nos centros nas etapas de introdución, xeneralización e consolidación do programa CA/AC.


Preséntanse, ademais, varias experiencias levadas a cabo nalgunhas escolas e institutos, coma a do CEIP Parque de Europa de Utebo (Zaragoza), no que a aprendizaxe cooperativa forma parte do día a día das súas aulas; a da escola pública Camí del Mig de Mataró (Barcelona) que, ante os bos resultados obtidos despois de realizar actividades cooperativas de forma experimental, optan pola cooperación como eixe vertebrador da vida escolar para mellorar a aprendizaxe e a convivencia.

Carmen Vaz Dapía
CFR de Vigo
 

Sección: