10 ideas clave. La competencia lectora según PISA. Reflexiones y orientaciones didácticas

(Novidade)
Autor: Felipe Zayas. Editorial: Graó. Colección Ideas Clave Ano: 2012

Os informes PISA están a crear, desde a súa aparición hai xa algúns anos, certo malestar e unha gran controversia no mundo educativo. Os datos das avaliacións efectuadas en España no ámbito da lectura reflicten uns pobres resultados que parecen deixar en evidencia a profesorado e alumnado. A polémica xorde cando se interpretan estes datos cun valor única e exclusivamente cuantitativo e non se teñen en consideración as numerosas variables que inflúen nos resultados e na mesma realización das probas. Fixarse unicamente nos resultados destes informes para ver se estamos ou non na media da OCDE impide analizar as probas de xeito máis amplo e observar se podemos tirar algunha conclusión interesante que sexa relevante para o traballo da aula co alumnado.


O autor deste libro, Felipe Zayas, utiliza o informe La lectura en PISA 2009. Marcos y pruebas de evaluación, editado polo Ministerio de Educación no ano 2010, como documento de apoio e estudo para realizar unha análise e valoración do que PISA entende por competencia lectora e que repercusións ten esta visión da lectura na práctica docente. Felipe Zayas propón a súa lectura persoal do citado documento e verte as súas reflexións nestas páxinas para que poidan ser completadas, partilladas e discutidas polos lectores.


O libro divídese en dez capítulos, que se corresponden coas dez preguntas que o autor se formula sobre a competencia lectora partindo de PISA. Nas diferentes páxinas abórdanse ideas de tanto interese e actualidade como a situación da lectura na nosa sociedade, a alfabetización mediática, a diversidade textual de hoxe en día enriquecida coa aparición dos textos electrónicos, a lectura na rede, a formación de lectores críticos e competentes, a formación do lector literario e a biblioteca como elemento integrador das aprendizaxes e axente de fomento da lectura, entre moitas outras reflexións e opinións orientadoras cara ao ensino da lectura.
 

Todos os capítulos van acompañados de cadros que aclaran os contidos tratados en cada parte e rematan cunha sección de orientacións prácticas para o traballo de aula e outra de suxestións bibliográficas para afondar nos temas desenvoltos no capítulo.


Como proposta de lectura poderiamos esquecernos de todo o relacionado con PISA e achegármonos ao libro para aproveitar as reflexións que comparte o autor e utilizalas para orientar a nosa práctica lectora co alumnado. De todas as ideas relevantes deste libro de lectura fácil, amena e instrutiva, destacaría o compromiso que, como docentes, debemos ter coa lectura e a necesidade de facela relevante para os lectores novos, dada a importancia de formar lectores críticos e competentes na nosas aulas.

Javier Pintor Elizalde
CFR da Coruña

Sección: