Entrevista a Joan Vaello

Profesor titor de Psicoloxía Xeral e Evolutiva da UNED
"[...] é necesario vincular a formación á práctica na aula e, nese sentido, en primeiro lugar, a formación ten que ter unha forte base teórica, pero tamén debe ser eminentemente práctica; ademais, debe dar pistas sobre como practicar o que se está a tratar e o ideal sería facer un seguimento de se esas prácticas e esas innovacións aterran ou non nas aulas."

Entrevista realizada por Carmen Vaz, asesora de Organización Escolar e Diversidade no CFR de Vigo

Fotografías cedidas por Joan Vaello e realizadas polo CFR de Vigo

 

Joan Vaello é orientador, profesor titor de Psicoloxía Xeral e Evolutiva da UNED e participante habitual en actividades de formación de profesorado e de equipos directivos. Foi director dun instituto e inspector de educación. Resolución de conflictos en el aula, Las habilidades sociales en el aula, Como dar clase a los que no quieren son algunhas das súas publicacións máis destacadas.

 

CARMEN VAZ:

Estamos a vivir uns momentos cambiantes, de constante evolución social, cun ritmo de innovación tecnolóxica moi acelerado, que xera constantemente novas posibilidades de comunicación e un exceso de información; evidentemente, isto reflíctese na escola, como non pode ser doutro xeito.

Cal cres ti que é o rol do profesorado que está a demandar agora mesmo esta nova sociedade?

JOAN VAELLO:

A importante función do profesorado e da escola é preparar cidadáns capaces de adaptarse aos continuos cambios. Polo tanto, digamos que o fundamental non é transmitir contidos que poden quedar desfasados en pouco tempo senón máis ben adestrar competencias e capacidades basicamente para se adaptar aos sucesivos cambios e aos sucesivos contextos cos que se vai encontrar a infancia e a xuventude. Neste sentido, creo que o profesorado debe acompañar o alumnado nese proceso de adaptación progresiva, pero, ao mesmo tempo, iso require que o profesorado mesmo estea continuamente readaptándose a situacións cambiantes. Polo tanto, é fundamental unha formación permanente plástica, dinámica, flexible e que sexa capaz de reaccionar con lixeireza e con rapidez aos acelerados cambios que se producen na sociedade.

C. V.:

En que medida cres que pode ou debe contribuír esta formación permanente á adquisición destas novas competencias do profesorado para, efectivamente, desempeñar ese rol de acompañamento ao alumnado?

J. V.:

A min paréceme fundamental a formación permanente do profesorado. Desde logo, a formación inicial para ter unhas bases, pero despois unha formación permanente que permita actualizarse e que permita adaptarse aos cambios. Neste sentido, ao profesorado, por exemplo en secundaria, que é especialista, fáltalle o complemento dunha formación xeneralista de base e, polo tanto, a formación permanente aí ten un lugar necesario. Logo, tamén temas xa máis específicos, como poden ser todos os campos de motivación do alumnado, a aprendizaxe cooperativa, por exemplo, o adestramento en procesos atencionais, mellora da atención, mellora do rendemento e da avaliación. O tema da avaliación creo que é un tema fundamental e que aí andamos un pouco despistados en xeral. Conviría facer un repaso e case unha revolución sobre o xeito de avaliar. En vez de avaliar dun xeito “sentenciador”, pasar a avaliar utilizando a avaliación para motivar e para atender á diversidade. Pois todos estes campos –o tema da educación emocional e social, absolutamente fundamental–, todos estes temas, para min, deben ser prioritarios nunha formación permanente do profesorado que lle permita reciclarse continuamente, porque quen non cambia e non se adapta queda rapidamente desfasado ou desfasada. Para min, a gran demanda que o mesmo profesorado realiza á hora de solicitar cursos é sobre estes temas básicos e transversais, é dicir, atención, motivación, emocións, rendemento, atención á diversidade; e sobre isto nunca hai suficiente formación, sempre fai falta máis.

C. V.:

Cremos que a formación do profesorado, dalgún xeito, debería de incidir no alumnado. Que condicións che parece a ti que deberían darse para que a formación permanente do profesorado se vincule realmente dunha forma eficaz coa práctica da aula?

J. V.:

A formación para min, a formación presencial nun curso, nunha xornada, a formación en centros debe achegar ideas, estratexias e favorecer unha reflexión compartida. Pero non é suficiente, porque as ideas tradúcense en meras intencións e a reflexión produce tamén meras intencións. Se esas intencións non se transforman en inercias, en prácticas habituais transformadoras do que é a xestión de aula, entón quedan niso, en boas ideas e en boas intencións. Para min, é necesario vincular a formación á práctica na aula e, nese sentido, en primeiro lugar, a formación ten que ter unha forte base teórica, pero tamén debe ser eminentemente práctica; ademais, debe dar pistas sobre como practicar o que se está a tratar e o ideal sería facer un seguimento de se esas prácticas e esas innovacións aterran ou non nas aulas.

Nese sentido, o fundamental é entender que a psicoloxía e a pedagoxía teñen moitas solucións teóricas, pero, para que sexan realmente transformadoras, esas solucións teóricas teñen que estar totalmente vinculadas á práctica e ese proceso débese facer mediante un seguimento periódico de ver que estratexias e que enfoques serven e cales non serven. Entón, realmente, cando os centros van incorporando esas innovacións a plans de convivencia, de atención á diversidade, a plans de mellora do rendemento; entón, aínda que o profesorado rote e vaia cambiando nos centros, ao estar nos plans dun xeito práctico, claro e sinxelo, non dun xeito trapalleiro e teórico –como hai algúns plans que non me gustan nada polo complicados que son e o extensos que son–, cando hai plans sinxelos, prácticos, estes superan o cambio do profesorado e os cambios mantéñense. Porque, se non, o profesorado fórmase, cambia de centro, o centro non funciona igual e vaise perdendo moita enerxía e desperdícianse moitos esforzos.

C. V.:

Moitas grazas e foi un pracer.

J. V.:

Igualmente.

 

Sección: