As comunidades de aprendizaxe: unha aposta do CPI de Castroverde na procura da mellora de resultados

Ana M.ª Pérez Veiga

CPI Castroverde (Castroverde-Lugo)

 

 

O CPI de Castroverde participa nun plan de formación permanente do profesorado (PFPP), de dous anos de duración, titulado Metodoloxía das comunidades de aprendizaxe na mellora das competencias básicas. Realizouse un curso de 30 horas de duración que coincide coa denominada fase de sensibilización, necesaria para a transformación nunha comunidade de aprendizaxe. Este curso foi impartido maioritariamente por docentes do Centro Especial en Teorías e Prácticas Superadoras de Desigualdades (CREA), da Universidade de Barcelona. O curso complementouse coa realización de dous seminarios e un grupo de traballo.


O que se procura é aumentar o éxito escolar do alumnado do CPI de Castroverde aplicando os principios da aprendizaxe dialóxica e as actuacións educativas das que hai evidencias científicas que producen éxito escolar. Preténdese mellorar os resultados que obteñen as alumnas e os alumnos cando saen do centro educativo e seguen os seus camiños formativos ou profesionais. A medio prazo, esperamos tamén aumentar os indicadores de rendemento académico (promoción, índice de superación dos contidos das materias, avaliación de diagnóstico etc.). O proxecto busca incluír nunha mesma dinámica o  desenvolvemento de competencias necesarias para a actual sociedade da información e os valores requiridos para afrontar de maneira solidaria a vida nela. O que se ensine na escola tamén debe ser útil para que os alumnos do CPI de Castroverde teñan acceso á cultura en condicións de igualdade con respecto aos seus iguais dos centros urbanos.



No plan de formación establecéronse tres itinerarios formativos, relacionados directamente coa aprendizaxe instrumental: mellora da competencia matemática e científica, mellora da competencia en linguas estranxeiras e nas TIC e mellora da competencia en comunicación lingüística. Estes itinerarios estanse traballando de forma global e coordinada, aplicando as actuacións educativas de éxito. Estas actuacións educativas de éxito son:

  • Grupos interactivos heteroxéneos
  • Tertulias literarias dialóxicas
  • Formación de familiares
  • Biblioteca titorizada (extensión do tempo de aprendizaxe)


Priorízase a aplicación dos grupos interactivos no alumnado que antes vai saír do CPI por dispor de menos número de cursos escolares para traballar con el con este sistema de organización da aula. Así, o maior número de horas de grupos interactivos heteroxéneos concéntrase en cuarto da ESO.




Grazas ao plan de formación permanente do profesorado, introducíronse cambios organizativos no centro moi significativos. O máis importante é a participación directa das familias nas actividades lectivas do centro, principalmente nos “grupos interactivos” e nas “tertulias literarias dialóxicas”.



Como se demostrou nalgunhas investigacións científicas, por exemplo, no proxecto europeo INCLUD-ED, a organización da aula en grupos interactivos, ademais de promover a solidariedade, favorece a aprendizaxe instrumental de todo o alumnado, tanto daquel que ten máis dificultades coma do que habitualmente acada mellor rendemento académico.
A posta en práctica deste tipo de metodoloxía compleméntase cunha visión de altas expectativas do profesorado, na que se supera a visión paternalista do alumnado e das familias. Este enfoque conduce a miúdo ao que se coñece como currículo da felicidade ou sociabilidade de mínimos obxectivos, que está máis centrado nas habilidades sociais ca na aprendizaxe instrumental.

Despois da formación recibida no CPI de Castroverde temos claro que, no eido da aprendizaxe do alumnado, hai que ter moi en conta os resultados obtidos e non só os procesos empregados.

Con estes principios aprendidos, grazas á participación no PFPP, emprendemos un novo camiño que,en primeiro lugar, consistiu na organización de grupos interactivos de Matemáticas e Inglés. Os grupos interactivos aplicáronse en todos os cursos sen excepción desde terceiro de primaria ata cuarto da ESO. A distribución horaria foi a seguinte:

taboa


Existen outras actuacións no centro, coma as tertulias literarias dialóxicas que se realizan abertas a toda a comunidade educativa e nas que participan familiares, profesorado e alumnado de calquera etapa educativa.


Os grupos interactivos aplícanse en materias cun ámbito especificamente instrumental, neste caso Matemáticas e Inglés. Realízanse actividades de 15 ou 20 minutos relacionadas cunha mesma área de aprendizaxe. Cada grupo vai cambiando de mesa, de referente adulto e de actividade, enriquecéndose ata o máximo as interaccións e o dinamismo da clase.

Ao remate dunha sesión de grupos interactivos, os nenos e nenas xa realizaron 3 ou 4 actividades diferentes.

Unha persoa adulta titoriza, xestiona cada un dos grupos interactivos. A súa función non é explicar substituíndo o profesor ou profesora, senón que é xestionar e dinamizar as interaccións entre as nenas e nenos. A persoa adulta potencia as interaccións e a aprendizaxe entre iguais mantendo sempre altas expectativas. As nenas e nenos son os que cambian de actividade. A persoa adulta está coa mesma actividade nos diferentes grupos.

 

Os adultos que entran a colaborar nas actividades do centro multiplican deste xeito as formas de explicar e utilizar os recursos mentais, sumándose aos dos profesores. Na súa maioría son nais das alumnas e alumnos do centro.

O alumnado acolleu moi ben en todos os cursos, tanto en primaria coma en secundaria, a organización dos grupos interactivos. Prefiren decididamente unha clase de grupos interactivos a unha clase maxistral; son conscientes da mellora na súa aprendizaxe, de que lles axuda a entender e tamén a mellorar o clima coas compañeiras e compañeiros, facendo xermolar máis actitudes de solidariedade. Esta participación aumenta a súa motivación para aprender e para amosar aos demais o que aprenderon. En realidade, a participación de voluntarias e voluntarios tamén mellora as súas relacións na clase, aumentando a súa solidariedade e colaboración.



 

A participación dos adultos en grupos interactivos tivo un impacto positivo nas áreas instrumentais. Estes voluntarios adultos enriqueceron as experiencias de aprendizaxe das nenas e nenos. Estas intervencións tiveron consecuencias non só na aprendizaxe, senón tamén nas súas habilidades non académicas como a mellora da convivencia e da motivación cara ao estudo.

A oportunidade de interactuar coas persoas adultas, que teñen unha serie de experiencias de vida, tamén lle ofrece ao alumnado perspectivas máis amplas sobre a sociedade e sobre o mundo. Cando o alumnado ten contacto con persoas diferentes, desenvolve unha comprensión máis completa de actividades, teorías e prácticas ca cando só interactúan coas súas profesoras e profesores.

En segundo lugar, a presenza das persoas adultas que entran na aula conduce a unha mellor relación entre familias, profesores e voluntariado en xeral, xa que traballan xuntos para o ben das nenas e nenos, pasando a coñecerse mellor. Diferentes membros da comunidade son capaces de comprender o outro e facilitar as distintas formas de aprender e coñecer, con base nas súas propias experiencias educativas e vitais diversas.

Para informar as familias do modelo educativo que se pretendía pór en marcha, houbo que facer un importante esforzo por non haber precedentes en Galicia e, sobre todo, para aclarar que a función dos adultos dentro dos grupos interactivos non é ensinar senón dinamizar as interaccións.

Outro problema que houbo que ir solucionando sobre a marcha foi a substitución de voluntarias ou voluntarios cando non podían acudir ao centro.

Para mellorar os resultados, consideramos que o único que hai que facer é continuar coa aplicación das actuacións educativas de éxito de forma constante durante un período continuado e amplo de tempo, mantendo a ilusión e a implicación de toda a comunidade educativa. Sería ideal estendelas, se é posible, a máis espazos e a máis tempo.

Outras actuacións de éxito que se levaron a cabo en menor medida foron a formación de familiares e a extensión do tempo de aprendizaxe (biblioteca titorizada). O primeiro destes aspectos tratarase de extender nos vindeiros cursos partindo das demandas das familias. E no concerninte á biblioteca titorizada despois do horario escolar, débese ter en conta que depende das condicións do transporte escolar. A mellora no centro acelerarase na medida que se vaian completando as actuacións nos vindeiros cursos.


O alumnado, as familias e o profesorado, ante os bos resultados que está dando o plan, teñen previsto continuar coas experiencias en cursos posteriores e incluso aumentar e afondar nas actuacións educativas de éxito. Temos a seguridade de que estamos no camiño correcto para superar o currículo da felicidade e ofrecerlle ao noso alumnado as máximas oportunidades, desenvolvendo por igual os tres aspectos da intelixencia cultural: académica, práctica e comunicativa. Seguiremos transformando en vez de adaptar mediante unha educación participativa da comunidade, pero, para poder conseguilo, necesítase unha formación de calidade que conecte coas demandas do profesorado que desenvolve o proxecto, semellante ao que se puido xestionar desde o CFR de Lugo para o curso 2012-2013.

Sección: