Xeografía 2.0 na eso: traballo colaborativo con wikis e estratexias para superar o 'copiaepega'

Ramón Noche Fraga
IES Xograr Afonso Gómez de Sarria


Nos cursos 2009-2010 e 2011-2012 puxéronse en marcha dous proxectos de traballo colaborativo nas aulas de Ciencias Sociais de segundo e terceiro da ESO do IES Xograr Afonso Gómez de Sarria. Para levar a cabo estas dúas iniciativas, tanto no ámbito técnico coma no enfoque dos contidos, foi de suma importancia a formación recibida nos cursos presenciais da área de Ciencias Sociais do CFR de Lugo, así como a formación a distancia na plataforma do INTEF e a participación nun grupo de traballo con ferramentas web organizado no meu centro de traballo.


Estes proxectos tentaron dar resposta a unha das necesidades máis determinantes que atopei ao longo de toda a miña experiencia docente: evitar o recurso continuado do noso alumnado de ensino secundario a unha reprodución literal e acrítica de información para elaborar traballos, o chamado copiaepega. Hoxe isto constitúe, penso, un dos retos fundamentais para lograr unha auténtica competencia dixital máis aló do dominio puramente técnico das ferramentas TIC.


Neste contexto de formación persoal, por unha banda, e de observación do que sucede nas aulas, por outra, naceron dous wikis como ferramenta-marco escollida para, a partir da análise de realidades xeográficas, lograr unha xestión da información máis crítica por parte do alumnado. Escolleuse este formato porque permite a participación directa dos rapaces na elaboración de contidos. Unha das leccións aprendidas nos distintos espazos de formación nos que participei reside en que o profesor sexa o principal xerador de contidos para un alumnado que permanece pasivo, coma un simple receptor que non achega nada á construción dese material. Esta tendencia deriva frecuentemente no cansazo do docente e na apatía do alumno.
 

O wiki “O outro mundial” foi un proxecto levado a cabo no curso 2009-2010 en segundo e terceiro da ESO. O alumnado converteuse no principal responsable da súa realización e o papel do profesor quedou circunscrito principalmente a tres puntos:

  • Ofrecer unha formación básica no manexo das ferramentas da web 2.0 necesarias.
  • Establecer a estrutura xeral do wiki e as normas básicas de traballo.
  • Orientar o alumnado no proceso de xestión da información: busca, selección e presentación desta.

O eixe do wiki foi o Mundial de Fútbol de Suráfrica, utilizado como pretexto para chamar a atención do alumnado e aproveitalo pedagoxicamente desde unha perspectiva xeográfica. Así, os grupos de competición, nos que había catro países, foron empregados nunha primeira parte do wiki para que os estudantes de segundo da ESO realizasen unha presentación xeográfica de cada un deles. Para iso debían seguir un esquema no que figuraban as seguintes epígrafes: caracterización xeral, personaxes históricos e lugares patrimonio da humanidade. O obxectivo era que os rapaces obtivesen información na web e a usasen seguindo un esquema predefinido. Unha mostra deste traballo pode verse nesta páxina do wiki.

 

Pola súa parte, o alumnado de terceiro da ESO atendeu ao que se denominou “partidos,” isto é, análises comparativas entre dous países. Para guiar esta análise indicáronse unha serie de conceptos que debían ser mencionados obrigatoriamente e integrados dun xeito coherente. Por exemplo, para o “partido” Francia–Alxeria debían figurar no traballo os seguintes elementos: 1830, pied-noirs, De Gaulle, Ben Bella e Albert Camus. Este mecanismo pretendía que fose a reflexión previa, e non a redacción, a tarefa máis importante do traballo, e que esa reflexión sobre a maneira na que se relacionaban os distintos conceptos requiridos permitise superar o copiaepega.

 


No que respecta á temporización, empregouse unha xornada lectiva semanal en cada un dos dous niveis educativos durante os meses de maio e xuño de 2010, aínda que nos primeiros compases do traballo, e dada a necesidade de aprender o manexo das ferramentas web 2.0, foi necesario incrementar esa proporción.


En canto á valoración da experiencia, hai que destacar a súa  capacidade motivadora. Escoller como pretexto un tema coma o fútbol captou a atención de boa parte do alumnado. Ademais, o dominio técnico das ferramentas foi algo que se conseguiu con rapidez a pesar dos distintos niveis dos que partían.


Porén, a avaliación do wiki non é tan satisfactoria no que respecta aos contidos, dado que na maior parte dos traballos de terceiro da ESO non se conseguiu evitar a tendencia ao copiaepega. Os distintos conceptos que debían aparecer nas análises dos alumnos non conseguiron fomentar unha reflexión previa e os traballos, en moitos casos, limitáronse a unha definición tirada da wikipedia ou similar para cada un deles, sen poñelos en relación.

Deste xeito, a sensación que deixou o proxecto foi en parte agridoce porque o considerable dominio no manexo das ferramentas web non se viu acompañado por unha xestión da información acorde. Aínda así, hai que ter en conta o valor do erro no proceso de ensino-aprendizaxe, tanto para o alumnado coma para os docentes. Para os rapaces a elaboración dun traballo propio, a pesar dos erros, supuxo un proceso moito máis significativo ca se acudisen ao wiki coma meros espectadores e, para o profesor, quedaron patentes os fallos propios no deseño da actividade e o reto de tentalo de novo.


Por iso, coa experiencia do proxecto “O outro mundial” púxose en marcha no seguinte curso o wiki “De viaxe por Europa” para o alumnado de terceiro da ESO. O obxectivo fundamental volvía ser que o alumnado fose o principal xerador de contidos e evitar o copiaepega. Para iso, no marco dunha ferramenta xa traballada polo alumnado no curso anterior, suscitouse un novo formato de traballo: o diario de viaxe.


O eixe do wiki era unha viaxe ficticia por dous países europeos que os rapaces debían preparar contando cun orzamento determinado e un prazo de tempo máximo (poden consultarse todas as condicións aquí). O resultado do traballo consistiría en elaborar unha páxina do wiki con tres epígrafes: un diario de viaxe segundo un esquema preestablecido, unha memoria de gastos e material audiovisual variado. Para iso debían empregar distintas ferramentas da web 2.0 (Glogster, Google Docs, 360cities...), así como a captura de pantalla dalgunha “factura” relacionada coa viaxe, xa que tiñan que facer buscas reais de voos e aloxamentos en internet.


O proxecto levouse a cabo en dúas fases, febreiro/marzo e maio/xuño de 2011, e entre elas mediou unha corrección por parte do profesor, que sinalou os aspectos que se debían mellorar. Dedicouse unha media dunha sesión lectiva semanal e os resultados foron en liñas xerais positivos, tal e como pode observarse nesta mostra do traballo. Aínda que  non se superou totalmente a tendencia a copiar e pegar textos da rede, os resultados reflicten unha mellor xestión da información por parte do alumnado.
Para rematar, a valoración global destas experiencias de traballo colaborativo pode ser sintetizada en tres ideas:

  • Os proxectos educativos coa web 2.0 deben partir da idea e non da ferramenta. É dicir, o fundamental é o contido do traballo e, en función del, debemos escoller as ferramentas web máis axeitadas.
  • A formación do profesor é fundamental, tanto no ámbito do manexo das ferramentas web coma, sobre todo, para coñecer as iniciativas que están levando a cabo outros docentes e a experiencia que poden por iso ofrecer. Neste sentido considero de especial valor formativo os cursos presenciais aos que asistín no CFR de Lugo.
  • A web 2.0 non debe perder o seu adxectivo de “colaborativa” no marco das aulas. É esencial que o alumno, coa orientación e o apoio do profesor no ámbito técnico e, sobre todo, no ámbito de contidos, se converta nun suxeito activo do traballo na rede e non nun exclusivo receptor pasivo de materiais creados por outros.

 

Sección: