Educación para o desenvolvemento: de que falamos?

Manuel F. Rivera Iglesias
IES Terra de Trasancos (Narón - A Coruña)

 

Aínda que temos moitas definicións de educación para o desenvolvemento ―educación solidaria, educación para a cidadanía etc.―, todos coincidimos en que falamos dun proceso educativo, cuns obxectivos encamiñados a que o alumnado teña capacidade para facer unha valoración persoal, con conciencia crítica, do mundo que o rodea, desde o local á realidade mundial que, coa globalización, condiciona profundamente a súa calidade de vida. Pretendemos facilitar na aula ferramentas para a análise, o traballo en equipo e a participación que lle permitan ao alumnado ter unha visión propia da realidade . En definitiva, desde o grupo solidario do IES Terra de Trasancos, traballamos a educación para o desenvolvemento para ter un alumnado e un profesorado formados, activos, críticos e socialmente comprometidos para construír un mundo máis xusto e equitativo para todas as comunidades do planeta. Traballamos para desenvolver no alumnado unha mirada á sociedade con perspectiva de xénero e intercultural; pretendemos formar persoas capaces de articular discursos e prácticas con capacidade para mellorar a realidade.

Desde o nacemento do Instituto Terra de Trasancos, alá polos anos noventa, estanse a desenvolver dúas liñas de traballo de xeito ininterrompido: o traballo ambiental e o traballo cooperativo. Estas áreas de traballo son os antecedentes da actual educación para o desenvolvemento e véñense organizando de forma permanente, consolidadas desde o principio na organización da Semana Verde, no tema ambiental e as actividades cooperativas, co feito destacado da creación dunha cooperativa real dentro do propio instituto, a Cooperativa Educacional da Terra de Trasancos, no ano 1995, cunha sección de proxectos cooperativos, de medio, troco, librería e comercio xusto. Actividades coas que conectabamos co Informe da UNESCO que marcaba a senda da Educación para o século XXI de J. Delors, quen en A educación encerra un tesouro (1996) establece os catro piares da educación.


Realmente sempre traballamos con maior ou menor acerto nesta proposta da UNESCO. Con estas experiencias e as propostas da UNESCO chegamos á educación para o desenvolvemento:

  • Aprender a convivir: un reto que afrontamos todos os anos. Para iso pensamos que funcionan moi ben os proxectos en común, tanto de aula coma de centro, que lles permiten aos alumnos coñecerse máis e mellor, marcarse obxectivos comúns, superar barreiras e estereotipos, ir creando un clima de aula que favoreza o traballo en equipo e que impulse a realización de proxectos colectivos. Non sempre logramos integrar a todo o alumnado neste clima de aula e de centro. Resulta complicado, en primeiro lugar, polas limitacións do profesorado, pero tamén polo contorno cada día máis utilitarista e competitivo, con problemas socioeconómicos que limitan os recursos tanto das familias coma do centro.
  • Aprender a coñecer: no grupo solidario do IES Terra de Trasancos buscamos compaxinar os coñecementos da programación das diferentes materias, buscando que o alumnado adquira o pracer da aprendizaxe continua e compartida, desenvolvendo a capacidade de reflexión crítica e buscando que domine ferramentas para coñecer o contorno desde o local ao global, manexar no facer diario o concepto de sustentable, valorar as necesidades individuais no contorno actual e tamén as colectivas, desde Ferrolterra ao global.
  • Aprender a facer: coñecementos e competencias necesarias para participar activamente nas actividades, desenvolvendo capacidades para poder organizalas e participar en proxectos que faciliten o traballo en equipo, tanto locais no propio contorno do alumno coma globais, participando en actividades profesionais ou sociais de forma paralela aos estudos.
  • Aprender a ser: mediante as actividades propostas buscamos estimular a responsabilidade persoal, a propia identidade e, en definitiva, desenvolver ao máximo todas as potencialidades do alumnado.

 
Que facemos para implantar na práctica estas propostas educativas?
O primeiro que procuramos é reflexionar como docentes sobre a nosa propia tarefa educativa. Cal é o labor que temos na aula como profesores? Estamos traballando nestas bases da educación que propón a UNESCO? Como é o noso día a día na clase? Como están organizadas as actividades de centro?

Levamos xa uns anos cun equipo de traballo de profesorado. Empezamos de xeito informal, mais desde hai varios anos volvémolo formal aproveitando a oportunidade dos grupos de traballo e agora os plans de formación. Pensamos que é algo fundamental, en primeiro lugar para que cada un de nós reflexione sobre a súa propia práctica docente e non acabe nun ensino rutineiro, burocratizado. Ademais este procedemento foi o primeiro paso para comprender a importancia do traballo en equipo, que non consiste só en acudir ás reunións e xuntanzas varias ás que estamos obrigados como membros dun departamento, xefes/as de seminario etc. A reflexión persoal levoume a ser consciente das miñas limitacións. O mesmo, supoño, lles pasará ás compañeiras e compañeiros. Xorde o auténtico traballo en equipo, agora, para facer un proxecto, sabemos a quen podemos acudir para pedir apoio e romper o individualismo ao que moitas veces leva o traballo de aula.
 

Traballo de aula: dous exemplos

UN. Utilizamos o eixe temático de Obxectivos do Milenio en todo o instituto, desde a ESO a bacharelato:

  • Erradicar a pobreza extrema e a fame.
  • Acadar o ensino primario universal.
  • Promover a igualdade entre os sexos e a autonomía da muller.
  • Reducir a mortalidade infantil.
  • Mellorar a saúde materna,
  • Combater a sida, a malaria e outras enfermidades.
  • Garantir a sustentabilidade do medio.
  • Fomentar a cooperación internacional para o desenvolvemento.


Empregamos diferentes metodoloxías:
En Economía de bacharelato, en primeiro lugar, traballamos conxuntamente a razón de ser desta declaración: “Os Obxectivos do Milenio son unha declaración efectuada por 189 países das Nacións Unidas, pola que se comprometen a incrementar o esforzo mundial para reducir a pobreza, as súas causas e manifestacións”.

 

Logo pasamos un vídeo para o primeiro obxectivo (Erradicar a pobreza extrema e a fame), optamos polo capítulo 1 de Historias del Milenio, que describe a vida da familia Mendoza, un matrimonio con dez fillos que sobrevive con menos dun euro ao día en Guatemala http://www.historiasdelmilenio.com/pobreza_extrema_hambre.html. Despois, seguindo o traballo do economista e premio Nobel Amartya Sen sobre necesidades e calidade de vida (podedes ver con máis profundidade o traballo no blog de economía do IES Terra de Trasancos http://ecotrasancos.blogspot.com.es/2012/09/eposible-considerala-vida-que-leva-unha.html), organizamos un debate democrático e acordamos entre todos conclusións (tamén no blog Ecotrasancos).

O debate democrático e/ou participativo tamén significa un traballo importante dentro do instituto e, antes de aplicalo na aula co alumnado, practicámolo entre o profesorado, limando pouco a pouco as deficiencias. Que é un debate democrático? Pois un debate onde todas as persoas, sen excepcións, teñen dereito ao mesmo número de intervencións. Con isto pretendemos que todo o alumnado participe e exprese a súa opinión e que o faga de xeito equitativo. Para iso, antes do debate cada alumno recibe tres ou catro fichas e con cada intervención gasta unha ficha que deposita no bote (metodoloxía adaptada ás nosas necesidades, existen outras similares funcionando).

Un problema moi común na aula era a pouca participación no debate de ideas. Viña observando que, cando en bacharelato debatemos na aula, moi poucas persoas expoñen as súas ideas e as que o fan acaparan moito a palabra; o mesmo pasa, por certo, nos claustros de profesores, no mundo asociativo dos adultos etc.
 

DOUS. Outra actividade de aula que desenvolvemos neste curso, tanto na ESO coma no bacharelato, é o consumo responsable. Esta actividade que organizan as compañeiras e compañeiros do grupo solidario é un bo exemplo de como pasamos do traballo da aula a actividades do centro e a traballo na comunidade. Traballamos nas aulas con Conectando Mundos -receitas para un mundo máis xusto de Intermon Oxfan- co alumnado de primeiro e segundo da ESO nun nivel e con bacharelato noutro nivel, interconectados con outros centros educativos. E no eido local facémolo co alumnado, dándolle un orzamento para alimentación co obxectivo de facer a compra primeiro nun supermercado dunha cadea e logo nunha cooperativa de consumo responsable. Posteriormente, faremos no instituto unha actividade do centro (XIX Semana Verde, este ano dedicada á alimentación saudable). Entre as actividades programadas para o primeiro ciclo da ESO está a elaboración-degustación de receitas ricas e saudables. As receitas, nas que se deberán detallar os ingredientes e a elaboración do prato, levaranse durante esa semana ás clases de Lingua Galega e Ciencias Naturais, onde, despois de traballar a lingua e as súas propiedades nutricionais, se fará unha presentación atractiva para a exposición do venres. Ese día o alumnado traerá os pratos elaborados da casa, os cales se exporán no vestíbulo para unha degustación solidaria durante os dous recreos. Esta exposición-degustación estará aberta ás familias durante todo o horario lectivo. Despois da degustación, deberase emitir un voto polo mellor prato e poderase achegar un donativo (cantidade libre) destinado ao banco de alimentos de familias desafiuzadas de Ferrolterra (xestionado pola cooperativa sen ánimo de lucro Xoaniña, proxecto que tamén naceu no IES Terra de Trasancos e que actualmente está incorporado, con máis de cen persoas socias, no Encontro Social de Ferrolterra).

 

Traballo de centro: viaxes escolares solidarias

Un dos piares da educación da UNESCO, Aprender a facer, reforza a importancia de que o alumnado adquira competencias para participar activamente nas actividades, de que teña capacidade para poder organizalas e participar en proxectos que faciliten o traballo en equipo, tanto locais, no propio contorno do alumno, coma globais, participando en actividades profesionais ou sociais de forma paralela aos estudos.

Para desenvolver esta actividade, neste curso estamos organizando a rede de viaxes escolares solidarias.

 


Un grupo de alumnos e profesores, inicialmente no instituto, pero co reto de “aprender a facer”, tiñamos claro que queriamos crear un proxecto de rede, así que o organizamos coa cooperativa sen ánimo de lucro Armería de Ferrolterra, invitando e involucrando a unha rede de promotores de viaxes solidarias, outros colexios do Estado español, ONG... Cremos que viaxar é unha parte imprescindible da educación, unha forma insubstituíble para coñecer outros pobos, outras culturas e outros contornos. Queremos crear unha alternativa para viaxar e coñecer outros pobos. Dispoñendo pouco a pouco dunha rede nacional e internacional de destinos alternativos a baixo custo, unha rede de destinos de viaxe que garanta actividades acordes cos principios de educación para o desenvolvemento e educación ambiental, o proxecto de viaxes solidarias, é aberto e participativo, "un ben común", coma o software libre, estará sempre á disposición de todas as empresas, colectivos, entidades e persoas que se converterán en desenvolvedores, como o son actualmente o grupo solidario de alumnado e profesorado do IES Terra de Trasancos, o grupo de viaxes da cooperativa sen ánimo de lucro Armería e outros centros escolares e destinos que queiran incorporarse. Estanse incorporando destinos de ecoturismo como: Albarella (Vilarmaior-Ferrolterra), Nornas Hostel (Gondomar-Pontevedra), Equal Albergue (Coles-Ourense), Aula de Naturaleza Los Chozos (Cala-Badaxoz), Algaba de Ronda (Malaga), Alberg Els Caus de Mura (Mura-Barcelona). Estamos no portal da Rede de Economía Alternativa e Solidaria http://www.economiasolidaria.org/noticias/red_horizontal_de_viajes_escolares_solidarios, tamén no mercado social como proxecto en marcha http://www.konsumoresponsable.coop/informacion/red-horizontal-de-viajes-escolares-solidarios e estannos axudando as ONG especializadas en viaxes solidarias alternativas e Sodepaz para crear a rede. Pretendemos consolidar a rede en España para posteriormente organizar viaxes alternativas a Madrid e Lisboa e, a medio prazo, crear unha rede europea de viaxes escolares solidarias.

O alumnado de Economía do IES Terra de Trasancos presentará un relatorio do proxecto nas I Xornadas de Boas Prácticas do Alumnado en Educación para o Desenvolvemento Intercultural  que organiza o IES Emilio Ferrari de Valladolid xunto coa Junta de Castela e León.

 

 

Sección: