Gústame ser unha mecenas

Obradoiro de enriquecemento curricular a través de aula virtual

Silvia Fernández Castrillón
Esther Fernández Rego
CEIP San Marcos Campo da Feira

 

Este obradoiro xorde da necesidade de ofrecerlle a unha alumna con altas capacidades un complemento de enriquecemento do seu currículo. Para iso, decidimos relacionar o obradoiro coas saídas extraescolares e complementarias que realizaba o seu curso, tomando como referencia o recollido na PXA para o curso 2011-2012, onde o terceiro ciclo da EP (ciclo no que estaba escolarizada a alumna, no sexto curso), na sección de actividades complementarias e extraescolares, visitaba o Museo de Belas Artes da Coruña.


Para empezar a deseñar o obradoiro e ter idea de cales eran as preferencias da alumna, elaboramos unha serie de preguntas baseándonos en técnicas de PNL (programación neurolingüística) e de coaching para, deste xeito, obter a maior información posible sobre os seus gustos e intereses. Unha vez que analizamos a información que nos proporcionou, pasamos á elaboración do obradoiro e o primeiro que fixemos foi organizar un horario para traballar especificamente.
 


Este horario constou dunha sesión á semana fóra da aula, cunha duración dunha hora aproximadamente. Nesta sesión, a idea principal era explicarlle o traballo que tería que desenvolver ao longo da semana para, na sesión seguinte (deixando unha semana de tempo), valoralo e, se fose preciso, modificalo. Tamén serviu para proporlle novas actividades/tarefas para a sesión vindeira. O traballo que se lle formulaba era realizado a través dunha epígrafe específica para ela na aula virtual chamada “Probas” (chamábase así para que ninguén soubese que era para ela, xa que non lle gustaba amosar as súas capacidades).

Uns dos motivos de usar a aula virtual foi a nosa participación no PFAC do centro, onde traballamos as competencias e os recursos dixitais, o que nos permite aplicar as ferramentas aprendidas e poñelas ao servizo do noso obradoiro de enriquecemento.


O obxectivo xeral para traballar foi o de coñecer e dar a coñecer un museo (características, estrutura, organización de exposicións, criterios estético-artísticos…); como obxectivos específicos propuxéronse coñecer diferentes manifestacións artísticas: escultura, pintura, cerámica…; describir o funcionamento interno dun museo; recoñecer os cinco museos máis importantes do mundo e enriquecer o seu vocabulario.

Á hora de desenvolver o obradoiro dividímolo en cinco bloques, que son os que se expoñen a continuación de xeito resumido:


Bloque 1. Que é un museo? O que se lle propuxo foi que fixese unha recompilación de información (que podía ser en papel, dixital, facer uso das TIC etc.) sobre o que era un museo e, unha vez recollida esta información, as tarefas que se lle propuxeron foron que buscase información sobre os:

  • Os cinco museos máis importantes do mundo.
  • Os tres museos máis importantes de España.
  • Os museos máis importantes de Galicia.
  • Os museos máis importantes da Coruña.

Para que lle fose máis doado procurar esta información, déronselle como referencia as ligazóns seguintes:


http://es.wikipedia.org/wiki/Anexo:Museos_m%C3%A1s_visitados_del_mundo
http://www.mcu.es/museos/index.html
http://www.museosdegalicia.com/index.jsp
http://www.pintoresgallegos.com/
http://museobelasartescoruna.xunta.es/
http://www.theartwolf.com/articles/pintores-mas-importantes.htm

A tarefa que realizou foi debatida con ela e decidiu presentar o traballo en Power Point coa recompilación dos museos.

 


Bloque 2. Empezo a crear o meu museo: son unha mecenas. Agora pedíaselle que empezara a deseñar o seu propio museo, que empezase o seu mecenado. As tarefas que tivo que facer foron:

  • Decidir que artistas ían formar parte do seu museo. Tiña que que expoñer obras de tres artistas galegos, outras tres de artistas españois e outras tres de artistas internacionais.
  • Logo da decisión anterior, tiña que explicar cales eran as obras que ía ter expostas (para facer isto, propoñíase que tomase como referencia o Museo de Belas Artes da Coruña, que xa visitara).
  • A distribución das obras e artistas quedou á súa elección.

Bloque 3. Deseño o espazo do museo. O que tiña que facer, unha vez rematado o bloque dous, era deseñar tanto o interior coma o exterior do seu museo. Para o deseño interior debería ter en conta o espazo, número de salas, iluminación, con escaleiras ou sen elas, como distribuír os artistas e as súas obras…; e para o exterior, debería contar co número de plantas/alturas do seu museo, estrutura arquitectónica… Para facer este deseño, podía inspirarse noutros museos, mesturar estilos… pero sempre lembrando anotar as referencias de onde tomaba as ideas (libros, páxinas web etc.).

Bloque 4. Xa estou preparada para a inauguración do meu museo. Os puntos importantes que tivo que ter en conta nesta tarefa foron os seguintes:

  • Colocación das obras segundo o estilo, autor ou autores, tipo de obra.
  • Número de estancias     que ocuparán os artistas.
  • Folletos informativos da/s exposición/s, guías (onde se indicará o percorrido correcto para visitar a exposición).

A tarefa que realizou foi unha maqueta ou plano alzado do seu museo en cartón.

Bloque 5. Chegou o gran día: a inauguración. É o último bloque que se lle presenta e, como ben di o título, o que fixo foi expor todo o traballo realizado nos bloques anteriores. As tarefas que se lle pediron foron:

  • Que deseñase invitacións para as persoas asistentes á inauguración do seu museo.
  • Se viña prensa á inauguración cubrir o evento, que tipo de prensa sería (fotorreporteiros, xornalistas, medios dixitais etc.).
  • Que ela, como directora do seu museo e tamén como mecenas, debería facer unha visita guiada e para iso tivo que redactar unha especie de     guión onde explicaba o percorrido da súa exposición e comentaba as obras dos/as autores/as que alí se exhibían.

Para a presentación da tarefa, a alumna decidiu facer un tríptico.
Tríptico do museo elaborado en Publisher (parte exterior e interior, respectivamente)

 


Así que rematou os cinco bloques, os criterios que se escolleron para a avaliación foron:

  • Ser capaz de conseguir, de forma autónoma, información a través de diferentes medios (impreso, dixital) e traballar sobre ela.
  • Axustarse ao proposto nas actividades presentadas.
  • Ser quen de amosar a súa eficacia e responsabilidade seleccionando e tratando a información de xeito crítico e reflexivo para xerar producións creativas.
  • Utilizar e reelaborar información para un uso específico.
  • Adquirir un coñecemento xeral sobre pintores de relevancia nacional e internacional, así como das diferentes correntes pictóricas existentes.
  • Explicitar os seus gustos pictóricos a través da escolla dos pintores que máis lle gustan a ela.


Como reflexión final do obradoiro pola nosa parte, con todos os datos obtidos da avaliación e unha vez rematado o proxecto, un dos puntos que tivemos que modificar foi o traballo na aula virtual, xa que a idea principal era explicarlle á alumna o traballo que tería que desenvolver ao longo da semana para na sesión seguinte valoralo, modificalo e proporlle novas tarefas, non obstante, esta idea tivo que verse alterada por tres motivos:

  • A excesiva carga de traballo de titoría que a alumna levaba para a casa e que non lle deixaba tempo para dedicarlle ao obradoiro.
  • As dificultades de conexión.
  • Internet na súa casa.
  • A falta de motivación de cara ao traballo escolar en xeral.


As solucións que tomamos foron:

  • Non enviarlle o traballo para a casa e que o fixese na sesión de apoio. Deste xeito, presentabamos desde a aula virtual a actividade uns días antes, para que ela fose “organizando as súas ideas” e no traballo da sesión de apoio estruturábanse e concretábanse as tarefas/actividades (facer Power Point, documento de Word, Publisher…).
  • Para motivala, deixarlle na súa aula virtual o obradoiro completo, para que tivese  unha visión xeral do que tería que desenvolver e, deste xeito, ter clara a finalidade (xa que a súa mente era eminentemente práctica).


Todas estas medidas adoptadas respondían ao carácter da alumna, xa que esta rexeitaba facer actividades onde se puidesen amosar as súas habilidades/potencialidades ante o resto dos compañeiros (ela non quería que se soubese da súa capacidade); de aí que se escollese  o traballo na aula virtual.

Pantalla de presentación do obradoiro na aula virtual


Actividades que deberá ir realizando

 

Sección: