Implementación de sistemas de información xeográfica (SIX) na FP agraria

Proxecto Mestres Gandeiros no IES de Arzúa
Desenvolvemento de habilidades xeoespaciais e conciencia ambiental na formación agrícola mediante o uso de SIX e proxectos baseados na xestión gandeira e da paisaxe A partir do estado de indeterminación no que se atopa o eido curricular da formación profesional en Galicia e en prol de establecer un marco competencial progresivo e versátil adaptado aos perfís profesionais demandados actualmente polas empresas forestais e agrarias, no IES de Arzúa xorde a implicación do alumnado e do profesorado da rama agraria no proxecto Mestres Gandeiros.

Antonio Ventura Figueroa Paz
Profesor de Procesos de Produción Agraria no IES de Arzúa (A Coruña)
figueroapaz@edu.xunta.gal

 

1. Contextualización

No artigo 14.c da Lei 7/2008, de paisaxe de Galicia, establécese que «a Xunta de Galicia fomentará a incorporación da materia da paisaxe nos distintos ciclos educativos e promoverá a formación de especialistas en materia de intervención da paisaxe».

A Estratexia galega da paisaxe, pola súa banda, propón diversas actividades para sensibilizar, formar e divulgar coñecementos sobre a paisaxe, centrándose na importancia dos valores naturais, a biodiversidade e a infraestrutura verde. Esta infraestrutura baséase no principio de que un territorio pode brindarlle múltiples beneficios á sociedade se os seus ecosistemas están en bo estado. Polo tanto, os modelos territoriais son importantes para implementar medidas eficaces. Neste senso, os sistemas de información xeográfica son unha ferramenta fundamental. Cada territorio ofrece servizos ecosistémicos de maneira única e a poboación local é o principal actor se xestiona os recursos naturais de forma sostible. Por iso, é fundamental concienciar os máis novos sobre os valores da natureza e a importancia das boas prácticas e o consumo responsable.

Neste contexto proponse, a través da convocatoria do Plan Proxecta 2022/23, o proxecto Mestres Gandeiros, o cal busca desenvolver no estudantado competencias en distintas áreas, como a conciencia ambiental, a aprendizaxe en ciencia e tecnoloxía, a competencia dixital e a comunicación lingüística. E todo isto baixo a influencia de metodoloxías activas e participativas, como o xogo ou as tecnoloxías de información espacial e de comunicación.

O IES de Arzúa, máximo representante da Familia Profesional Agraria no centro de Galicia con éxito desde 1983, pouco a pouco foi incorporando ciclos formativos desta rama ata chegar, no curso 2022/23 a ofrecer catro:

  • Agroxardinaría e Composicións Florais (BAGA11)
  • Produción Agroecolóxica (MAGA01)
  • Aproveitamento e Conservación do Medio Natural (MAGA04)
  • Xestión Forestal e do Medio Natural (SAGA01)

O alto grao de matriculación que se obtivo en todos eles fai que o profesorado tenda a incorporar proxectos complementarios de formación que ofrezan distintas oportunidades de aprendizaxe para complementar co ordinario curricular. De aí que o Departamento de Agraria decidise participar no proxecto de Mestres Gandeiros na convocatoria mencionada do Plan Proxecta para o curso 2022/23.

 

2. Obxectivos

Xerais:

- Concienciar ambientalmente.
- Xeolocalizar as explotacións gandeiras do concello de Arzúa e limítrofes, distinguindo entre as convencionais e as ecolóxicas.
- Realizar a representación cartográfica dixital daqueles aspectos que incidan na paisaxe e na ordenación do territorio.
- Aplicar de xeito normativo a lingua galega nos documentos e escritos elaborados, así como na comunicación entre os distintos participantes.
- Establecer sinerxías entre o centro educativo e a poboación local.
- Fomentar a comprensión do alumnado do rol do agricultor e do gandeiro a través das boas prácticas que están levando a cabo como xestores da infraestrutura verde da paisaxe.
- Fomentar a innovación educativa e promover hábitos e destrezas no alumnado para desenvolver ideas creativas e innovadoras a través da reflexión crítica, do traballo colaborativo, do xogo, do contacto coa natureza e da comunicación coa poboación local que actúa como xestora do territorio.

Para o alumnado

- Comprender, valorar e integrar as boas prácticas agrarias que están a levar a cabo os seus pais e nais, veciñanza e agricultores no mantemento da biodiversidade, da infraestrutura verde e da paisaxe.
- Adquirir e mellorar a capacidade de análise espacial e territorial do seu contorno mediante o emprego de ferramentas dixitais espaciais que permitan representar o espazo: cartografía, sistemas de información xeográfica, imaxes de satélite, fotografía aérea, audiovisual...
- Apreciar o traballo da poboación local, a súa función na sociedade e a importancia do consumo responsable.
- Recoñecer e valorar na súa contorna os valores da biodiversidade, a conectividade, a multifuncionalidade e os servizos ecosistémicos sociais de regulación e de provisión de bens e alimentos.
- Manexar e aplicar os SIX no desenvolvemento rural a partir de información xeográfica dixital, bases de datos espaciais medioambientais e paisaxísticas.
- Recoller información sobre os tipos de comercialización que realizan estas explotacións para incorporar os resultados de enquisas a un SIX para a súa posterior análise.
- Recoller información sobre as medidas medioambientais que aplican as explotacións.

Para a poboación local

- Recoñecer e valorar a súa función na xestión da biodiversidade e da paisaxe.
- Valorar e integrar o seu coñecemento e sabedoría na concienciación da estratexia da infraestrutura verde e a paisaxe.
- Adquirir habilidades de comunicación coa finalidade de colaborar co profesorado na función educativa, así como fomentar a súa autoestima.

Para o profesorado

- Incorporar na súa función docente a experiencia e o rol da poboación local, o xogo e as tecnoloxías dixitais da información xeográfica.
- Desenvolver metodoloxías participativas, integradoras e lúdicas para o desenvolvemento do proxecto.
- Integrar de forma práctica o coñecemento da paisaxe e da infraestrutura verde, relacionándoo coas diferentes materias curriculares.
- Promover a posta en marcha de proxectos de intervención na contorna, liderados polo alumnado, que valoren as boas prácticas levadas a cabo pola poboación local e o consumo responsable.

 

3. Recursos empregados

Os recursos que se empregaron para o desenvolvemento do proxecto foron aqueles necesarios para:

  • Visita ás distintas explotacións do concello de Arzúa: autocar ou furgoneta do centro.
  • Traballar cos aplicativos de información xeográfica: aula de informática do centro e dispositivos móbiles do alumnado e do profesorado.
  • Deseño, preparación, recollida e presentación de información xeográfica: aplicativos QGIS, Qfield e Google My Maps. Para aquelas persoas que descoñezan en que consisten, amósase a continuación unha breve descrición:
  • Sistema de información xeográfica (SIX):  é un software que permite visualizar, almacenar, manipular e analizar datos xeoespaciais, é dicir, información con referencia a unha localización na Terra. Isto lógrase mediante a integración de diferentes tipos de datos, como mapas, imaxes de satélite, datos de sensores remotos, entre outros, para crear unha representación dixital da superficie terrestre e as súas características.
  • QGIS: é un software libre e gratuíto de sistema de información xeográfica (SIX) de escritorio que permite a visualización, análise e xestión de datos espaciais, así como a creación de mapas e aplicacións xeoespaciais.
  • QField: é unha aplicación de sistema de información xeográfica (SIX) para dispositivos móbiles, que permite a recolección, edición e visualización de datos xeoespaciais en campo, sen necesidade de estar conectado a Internet. É unha ferramenta útil para a toma de decisións e o traballo en terreo.
  • Google My Maps: é unha ferramenta gratuíta en liña de Google que lles permite aos usuarios crear, personalizar e compartir mapas interactivos personalizados con localizacións, marcadores e outros datos xeográficos.
  • Presentación de documentación elaborada para o proxecto: páxina web e redes sociais do centro.

 

4. Descrición da actividade

As actividades coas que se desenvolveu o proxecto foron xestionadas polo alumnado e o profesorado dos distintos módulos dos ciclos de Agraria e cursos da ESO implicados:

  • Fitopatoloxía (primeiro do  CS Xestión Forestal e do Medio Natural): analizáronse as distintas metodoloxías ou prácticas que realizan as explotacións para protexer os cultivos dos axentes prexudiciais tanto bióticos coma abióticos. Esta análise fíxose a partir da información obtida nas visitas ás explotación e en contacto posterior para aclarar dúbidas.
  • Comercialización de Produtos Agroecolóxicos (segundo do CM Dual de Produción Agroecolóxica): mediante enquisas realizadas nas visitas de campo, recolleuse información sobre as tipos de comercialización que desenvolven as explotacións, atendendo á rastrexabilidade das producións e ao coidado medioambiental que aplican.

 

Visita á Casa Bértolo, explotación agroecolóxica de gando vacún e transformación e comercialización de queixos

 

  • Manexo Sanitario do Agrosistema (segundo do CM Dual de Produción Agroecolóxica): realizouse un traballo semellante ao do alumnado de Fitopatoloxía, considerando a análise desde unha perspectiva de prácticas agroecolóxicas e cun alumnado de distinto perfil profesional.
  • Producións Gandeira e Vexetal Ecolóxicas (segundo do CM Dual de Produción Agroecolóxica): nas visitas recolleuse información sobre as prácticas de produción animal e vexetal das explotacións.

 

Visita a Avicava, explotación en ecolóxico de gando cabrún

 

  • Fundamentos Agronómicos (primeiro do CM Dual de Produción Agroecolóxica): como módulo transversal en canto a contidos se refire, deuse apoio ás tarefas dos demais en canto á análise e ao recoñecemento das características dos ecosistemas do contorno máis próximo ás explotacións e demais contidos agronómicos de relevancia no proxecto.
  • Fundamentos Zootécnicos (primeiro do CM Dual de Produción Agroecolóxica): analizáronse as boas prácticas en canto á alimentación e nutrición do gando, así como a afección medioambiental de instalacións ou aloxamentos.

 

Visita á Gandería Quintevas, explotación de gando vacún

 

  • Topografía Agraria (primeiro do CS Xestión Forestal e do Medio Natural): recolleuse mediante un SIX toda a información obtida polo alumnado a través dos outros módulos. Empregaranse os aplicativos QGIS, Qfield e Google My Maps na recollida e análise de información xeográfica, para, posteriormente, elaborar a cartografía e un visor web do proxecto.
  • Xestión dos Aproveitamentos do Medio Forestal (primeiro do CS Xestión Forestal e do Medio Natural): analizouse a influencia dos aproveitamentos forestais como complementos económicos e alimenticios das explotacións gandeiras visitadas, como, por exemplo, o silvopastoreo, dotando esta análise desde un punto de vista paisaxístico  e medioambiental.

 

Alumnado traballando co aplicativo QGIS na aula de informática do centro

 

  • Uso Público en Espazos Naturais (segundo do CM Aproveitamento e Conservación do Medio Natural): analizáronse as prácticas da poboación local con respecto á conservación de especies de flora e fauna da contorna.
  • Lingua e Literatura Galega (ESO): regulouse e revisouse o correcto emprego da lingua galega na documentación elaborada e na difusión dixital do proxecto.

Complementouse o desenvolvemento do proxecto cunha visita do alumnado á cooperativa de gando vacún A Carqueixa no núcleo de Piornedo no concello de Cervantes. A visita consistiu nunha charla sobre as características da cooperativa en canto á produción e comercialización propia dos produtos e pratos elaborados, tamén houbo unha degustación e posteriormente unha ruta guiada polos arredores da aldea de Piornedo.

 

5. Metodoloxía

A metodoloxía seguida para o desenvolvemento do proxecto no IES de Arzúa baseouse en tres piares fundamentais:

1. Recollida de información previa: consulta de bases de datos sobre explotacións gandeiras (IGE, INE, Concello de Arzúa, Oficina Comarcal Agraria de Arzúa e Craega) en canto á súa localización, tipo de produción (ecolóxica ou convencional) ou número de cabezas de gando.

2. Configuración dun proxecto en QGIS: creación de capa de puntos para a xeolocalización das explotacións do concello de Arzúa, así como a incorporación dos campos necesarios para cubrir a información asociada a cada explotación.

3. Sincronización do proxecto de QGIS co aplicativo Qfield dos dispositivos móbiles do alumnado.

4. Participación activa por parte do alumnado nas visitas ás explotacións gandeiras. Deste xeito, o alumnado conseguiu trasladar o material preparado no centro ás visitas de campo, recollendo cos seus dispositivos móbiles a información que lle proporcionaron os gandeiros.

5. Tratamento dos datos recollidos para a súa presentación nun SIXWeb como é Google My Maps e incorporación á páxina web do centro.

 

6. Avaliación

Aplicáronse os correspondentes instrumentos de avaliación sobre os seguintes criterios:

CA1. Manexáronse e aplicáronse os SIX para a análise e representación dixital dos datos recollidos.

CA2. Recoñecéronse os valores da biodiversidade, a conectividade, a multifuncionalidade dos servizos ecosistémicos sociais de regulación e de provisión de bens e alimentos.

CA3. Realizáronse enquisas á poboación local para a obtención de información.

CA4. Valorouse o rol do agricultor e do gandeiro a través das boas prácticas.

CA5. Utilizáronse os medios tecnolóxicos máis axeitados para o rexistro da información dixital (audio, vídeo, imaxes, aplicativos móbiles).

CA6. Difundíronse os resultados a través das canles dixitais dispoñibles no centro.

CA7. Respectouse o medio ambiente na recollida de mostras e traballo de campo.

CA8. Empregáronse as tecnoloxías da información e da comunicación para difundir os resultados do proxecto.

CA9. Analizouse dun xeito crítico a información recollida.

CA10. Valorouse a importancia da iniciativa individual, a creatividade, a formación, a responsabilidade e a colaboración como requisitos indispensables para ter éxito na actividade emprendedora.

CA11. Valoráronse ideas emprendedoras caracterizadas pola innovación, pola creatividade e pola súa factibilidade.

CA12. Aplicouse de xeito normativo a lingua galega nos documentos e escritos elaborados, así como na comunicación entre os distintos participantes.

 

7. Conclusións

O proxecto Mestres Gandeiros desenvolveuse no IES de Arzúa nun contexto educativo no que se consegue vincular o traballo entre alumnado de ciclos formativos e da ESO. A partir das sinerxías establecidas entre os distintos participantes e actores —profesorado, alumnado de cada módulo e materia e gandeiros e gandeiras—, acadouse un resultado moi satisfactorio e cumpríronse os obxectivos marcados inicialmente.

Asociar información a puntos, liñas ou polígonos pode parecer doado, mais manexar un aplicativo de información xeográfica ten a súa dificultade ao mesturar tecnoloxía (neste caso a informática) con xeografía e datos.

A pesar disto e, partindo dun manexo dos sistemas de información xeográfica moi elemental, conseguiuse un incremento do nivel do alumnado ata o punto de  entender a súa aplicación real e en campo mediante os aplicativos empregados (QGIS e Qfield). Esta situación fai que se adquiran novas capacidades profesionais (extracurriculares) en prol dunha adaptación a un mercado laboral que cada vez demanda máis profesionais especialistas neste sector.

Chegados a este punto, os produtos obtidos a través do proxecto convértense en ferramentas moi útiles para vindeiras promocións de ciclos formativos, pois a súa versatilidade ofrece a posibilidade de adaptación a novas estratexias educativas e de actualización ou incorporación da información xeográfica esquecida ou irrelevante ata o momento.

 

 

Sección: