A biblioteca creativa: Fortalecendo competencias

Os recursos da biblioteca creativa son unha excelente ferramenta coa que traballar o currículo, xa que promove a expresión oral, o razoamento lóxico, o xogo, a aprendizaxe manipulativa, a investigación e o pensamento computacional, en prol de acadar unha aprendizaxe competencial. Seguindo unha metodoloxía activa e fomentando o traballo cooperativo ofréceselle a engrenaxe perfecta para integrar estas actividades no deseño e planificación das tarefas e proxectos do centro.

Noa Piedrahita Abril
noapiedrahitaabril@edu.xunta.gal
Maristela Ocampo Durán
maristelaocampo@edu.xunta.gal
CEIP Plurilingüe de Leirado (Salvaterra de Miño-Pontevedra)

 

 

 

A integración da biblio creativa no PDI/na vida da escola

Na biblioteca do CEIP Plurilingüe de Leirado, á proposta de biblioteca creativa da Consellería de Educación, respondemos coa creación da Roboteca Argalleira.

No dicionario da RAG, o significado da palabra argallar é ‘crear, organizar, manipular algo para divertirse’; polo que, o equipo da biblioteca pretendía que houbese manipulación, diversión e experimentación con distintos materiais e recursos cos que se foi dotando este espazo. Nun principio eran ofertas para o tempo de lecer e, ante a boa resposta, avanzamos aproveitando datas especiais e conmemoracións, buscando ideas que se integrasen dentro do currículo escolar. Desta maneira, co potencial que lles comprobamos a estas actividades, a evolución natural foi a de converterse nun elemento integrante dos PDI deseñados desde a biblioteca.

Cando formulamos o proxecto ao inicio de cada curso, temos a preocupación de que haxa unha batería de ideas que complementen as tarefas e que fagan medrar o proxecto, unha colaboración coas distintas áreas para conseguir os estándares propostos. Procuramos variedade nas ofertas de recursos, materiais, ferramentas etc., así como traballo coa lectura de fondo e sempre cunha finalidade ben definida.

Os recursos da creativa son ferramentas ao servizo do currículo e do desenvolvemento de competencias, a través de metodoloxías activas e cooperativas, polo que o ideal é promover o seu uso desde a biblioteca con propostas diversas que a integren na vida da escola. É por isto que o proxecto de centro, no que se involucra todo o alumnado e profesorado, é o marco perfecto no que incorporalas.

Os fondos cos que contamos van desde legos, construcións, lupas, imáns, cinta métrica, paus de cores, caixa de luz, dados para crear historias, tear, máquina de coser, máquina de chapas, impresora 3D, croma, mesa multitáctil… ata os libros interactivos e instrutivos.

Unha sección que non podemos esquecer é a da Cociña-laboratorio, onde elaboramos receitas ou experimentamos con distintos materiais.

 

Como facelo efectivo

Usamos calquera conmemoración, así como os distintos proxectos, para vincular a biblioteca creativa coa marcha diaria da escola e facémolo a través de:

Voluntariado 

  • Colaboran no funcionamento da biblioteca, axudando a mantela ordenada, participando na formación dos usuarios, solucionando dúbidas das persoas que a frecuentan…
  • Dinamizan o uso dos fondos da Roboteca Argalleira, animando ao seu uso, explicando o seu funcionamento e incluso elaborando titoriais  con ese fin.
  • Outra das súas funcións é a preparación de audiolibros para a sección de Ninguén sen lectura. Esta idea xurdiu da necesidade de atender a aquel sector de usuarios que teñen dificultades coa lectura, ou que simplemente prefiren escoitar ou ver unha narración. Os axudantes traballan as destrezas lectoras, cunha entoación e dicción adecuadas, para logo facer a gravación.

Así, no proxecto Volta ao mundo en 160 días, onde estivemos percorrendo distintos continentes, como non recorrer a Julio Verne para preparar un audiolibro? A volta ao mundo en 80 días foi gravado polo voluntariado para ser emitido pola radio diariamente, durante 5 minutos na Hora de Ler. Nesta oferta pretendíase, como en todas as demais, chegar a todo o alumnado, non só ao que escoita senón tamén ao que participa na elaboración da propia actividade.

  • Para celebrar o Día do Libro, despois de viaxar arredor do mundo, os axudantes da biblioteca quixeron volver á nosa tradición oral preparando Lendas e contos tradicionais

galegos e algún portugués. Posteriormente foron gravados e montados usando o croma.

  • Son os encargados, de cando en vez, de reparar as bolsas de préstamo usando a nosa máquina de coser. Pretendemos que o alumnado, amais de aprender o seu manexo, comprenda a necesidade de reducir o consumo innecesario.

Radio escolar 

É un elemento máis para a consecución dos estándares formulados. Este é un instrumento apropiado para traballar distintos xéneros, para a escritura e produción de textos escritos e orais e para unha escoita activa.

  • Con motivo do 8 de marzo e aproveitando o tema do proxecto, decatámonos de que Galicia é terra de emigrantes e as nosas mulleres tamén participaron neste movemento de persoas polo planeta e ségueno facendo nestes intres. Nada mellor que unha serie de entrevistas, que foron preparadas polo alumnado nas súas aulas. Isto provocou diálogos, reflexións e debates ata conseguir elaborar os borradores, que logo se corrixiron, se ensaiaron e se levaron á práctica. Finalmente convertéronse nun programa da radio escolar: Mulleres polo mundo. As entrevistadas foron algunhas mamás, profes, outras traballadoras do centro… Esta foi unha oportunidade que non deberíamos desaproveitar para traballar este xénero.
  • As visitas que realizamos aos distintos continentes serviron para coñecer a tradición oral dalgúns países. Cada curso traballou algunha lenda: leu e seleccionou aquelas que lles pareceu máis apropiadas, preparounas, resumiu, fixo as ilustracións, ensaiou para posteriormente gravar na nosa radio e facer un audiolibro.

A cociña

 É un espazo fisicamente anexo á biblioteca e atende as súas necesidades contribuíndo a conseguir os seus fins. A preparación de receitas contribúe á lectura autónoma do alumnado e á comprensión desta tipoloxía textual, a traballar as matemáticas, a mellorar as habilidades motrices e sensoriais.

  • Vinculada coa volta ao mundo está tamén a tradición gastronómica de cada país, polo que aproveitamos a cociña para preparar pratos de distintos continentes.

Esta tarefa permitiunos o achegamento a diferentes tipoloxías textuais. Por unha banda leron, compararon e seleccionaron receitas típicas. Isto levounos a recalcular pesos, medidas e equivalencias… Con base nisto, redactaron listaxes cos ingredientes necesarios, para logo completar de xeito competencial realizando a compra física no supermercado da vila. Este proceso levaba implícito tamén os cálculos de orzamento, pagamentos, voltas etc.

Familias

  • Para facelas partícipes da aprendizaxe dos seus fillos apoiámonos nas familias lectoras, tamén acudimos a elas cando precisamos algún experto/a sobre temas específicos (no caso dos proxectos, son moi aquelados), convídanse as exposicións de fin de proxecto ou incluso cando precisamos algún artista que nos faga unha exposición do seu traballo… 
  • A inclusión das familias nos obradoiros de formación creativos foi un dos grandes avances do pasado curso, máis logo destes anos de pandemia, nos que se lles privou da participación na vida activa da escola. Seguindo as suxestións da Asesoría de Bibliotecas Escolares, propuxéronselles varias temáticas sobre obradoiros creativos para coñecer os seus intereses e finalmente organizámolos con base en dar resposta ás necesidades/preferencias que manifestaron. A maioría amosou interese por todo o relacionado coa robótica e coa programación, xa que a información que lles chega é maiormente polas actividades que realiza o alumnado na escola. Deste xeito, conseguimos, a maiores do logro de compartir tempo de aprendizaxe e de lecer en familia, achegalos á realidade da programación e creación de xeito práctico, fedellando e comprendendo a finalidade do que pretendemos introducindo este xeito de traballo na escola. 
  • O grupo de quinto, xunto cos seus familiares, achegáronse ao mundo da programación e da electrónica mediante a placa Mackey-Mackey, comprobando as múltiples posibilidades e fedellando con invencións propias e tamén unha aproximación á programación con Scrach, comprobando as posibilidades educativas dos videoxogos.

 

 

O obradoiro para o alumnado e familias de sexto e cuarto permitiulles aproximarse aos e-téxtiles e comprobar o artellamento que hai detrás dunha camiseta luminosa. Experimentaron con circuítos eléctricos e os seus compoñentes e conexións ata deseñar e crear o seu propio brazalete con leds.

Outro ámbito que se explorou tamén foi o da técnica da colaxe e da fotografía coa cámara reflex. O alumnado de terceiro, en cooperación coas familias, deseñou diferentes escenarios con diverso material de refugallo, do recuncho creativo mesturado con obxectos propios da casa. Con isto crearon as obras que posteriormente fotografaron seguindo as técnicas e que formaron parte da exposición final.

Conmemoracións

Naqueles momentos onde debemos celebrar algo importante ou cando queremos darlle a coñecer ao resto da comunidade educativa todo o que estivemos traballando. 

  • Entre as ferramentas coas que contamos na Roboteca Argalleira está tamén a máquina de chapas, coa que se motivan moito e que empregamos nalgunhas conmemoracións, como a do 25 N, na que deseñaron lemas e logos contra a violencia de xénero.

Esta proposta ía acompañada dun documento glosario das pezas que compoñen a máquina para que as coñezan e dunha explicación do paso a paso para confeccionalas. Este texto instrutivo complementouse con imaxes, o que favoreceu o acceso de todo o alumnado á aprendizaxe.

  • Despois de traballar durante o primeiro trimestre o proxecto A volta ao mundo en 160 días percorrendo distintos continentes, chegou o momento de compartir cos viaxeiros doutros cursos os nosos descubrimentos. Pero, para viaxar, é imprescindible un pasaporte e, cando pasamos por aduanas, hai que selalos.

Novamente recorremos aos axudantes que deseñaron co programa Tinkercad selos dos distintos continentes, que logo imprimiron coa impresora 3D e o filamento especial brando e con eles cuñáronse os pasaportes elaborados nos distintos cursos: De visita polo mundo.

  • Como tarefa final do mesmo proxecto programouse unha feira de turismo, Feiratur Leirado, aberta a todo o colectivo escolar e da contorna, xa que se publicitou pola vila con cartelería confeccionada nas diferentes aulas; deste xeito traballouse tamén está tipoloxía textual, características e finalidade.

Nesta feira, distribuída en postos dos distintos continentes, amosábanse os produtos intermedios elaborados a partir das investigacións realizadas durante todo o curso. A maiores das explicacións que as expertas e expertos lles ofrecían aos visitantes, ofertáronse obradoiros temáticos creativos, que lle permitiron ao público interactuar, experimentar e crear seguindo as instrucións do alumnado.

O nivel de interese e participación nesta proposta creativa foi todo un éxito e permitiu levar un recordo personalizado a modo de máscara africana, tatuaxe hindú, pai pai chinés, sacapenas suramericano…

 

 

Formación de usuarios

Algo que nos preocupa a todos os que estamos día a día nas bibliotecas é que os usuarios non se atopen perdidos, que a coñezan, que poidan usar os seus recursos e sobre todo que gocen cando estean nela.

  • Vídeos informativos sobre espazos e usos da biblio nun traballo colaborativo no que a parte de redactar e relatar a fixeron o voluntariado que se estreaba, mentres que o veterano foi o responsable da gravación coas tabletas, edición, montaxe e publicación dos vídeos.

Despois da visualización por todos os grupos do centro, o alumnado participou na actividade programada para conmemorar o Día das Bibliotecas Escolares. 

  • Taboleiros de escornabots para a formación de usuarios, con fotos dos diferentes espazos e tarxetas de preguntas sobre usos e funcións, adaptados por niveis. Empregámolos tamén para cálculos matemáticos, secuenciación e relato de contos, afianzamento de contidos de diferentes áreas…

Aprendendo cos escornabots

 

 

Outras tarefas dos proxectos

Pretendemos que as propostas dos PDI sexan moi diversas e atendan aos distintos niveis e así chegamos a:

  • Busca de información: lectura, comprensión, facela nosa e elaborar os nosos propios textos en distintos niveis, é unha parte básica e así chegamos ás exposicións finais informativas, aos murais, vídeos… en definitiva do que se trata e de traballar con esa información.
  • Máquina de coser: é unha das ferramentas que temos a sorte de gozar na biblioteca. Enfrontámonos a ela con certo respecto, profesoras e alumnado, mais os resultados non deixan de sorprendernos e, despois das primeiras puntadas, a maxia da costura arrástranos a todos. A última ocasión foi a do Obradoiro de costura de bandeiras. Partimos dun texto instrutivo: lemos, comprendemos e seleccionamos teas, deseñamos, medimos, recortamos, montamos e, finalmente, cosemos as distintas partes das nosas bandeiras. Formaron parte así do photocall para visitantes no día da feira final.

 

 

As propostas ofertadas convidan a que participe o alumnado de todos os niveis e, de ser necesario, procuramos que exista unha gradación de suxestións, polo que planificamos os horarios para que pasen pola biblio todos os grupos. As fichas explicativas que acompañan as actividades son facilmente recoñecibles xa que empregamos o membrete de biblioteca creativa e o logo da Roboteca Argalleira.

 

 

En resumo, entendemos a biblioteca creativa como un laboratorio de aprendizaxes no que bulen a comunicación, a expresión oral, a lectura con finalidade, as alfabetizacións múltiples, a creatividade, o traballo cooperativo etc, en prol da formación competencial do alumnado e, como consecuencia disto, propugnamos a integración dos recursos da biblio creativa no deseño das actividades e tarefas de todos os niveis.

 

 

Sección: