O legado medieval europeo (Medieval EuropeanTowns)

O alumnado e profesorado da Escola Oficial de Idiomas de Ourense, en colaboración con outros centros en Grecia, Italia e Portugal, recollemos e compartimos información sobre o patrimonio medieval material e inmaterial das nosas cidades e países, e debatemos sobre o mellor modo de preservar a nosa identidade histórica.

Patricia Conde Pardo
Escola Oficial de Idiomas de Ourense
patricia.conde@edu.xunta.gal

 

 

1. Contextualización

Dentro do Plan Proxecta, na modalidade de Patrimonio cultural europeo en colaboración co programa eTwinning,(1) desenvolveuse o noso proxecto titulado Medieval EuropeanTowns.

O proxecto, coordinado pola Escola Oficial de Idiomas de Ourense, levouse a cabo durante o curso 2021/22 e reuniu profesorado e alumnado de catro países europeos: España, Grecia, Italia e Portugal.(2) O proxecto tiña como obxectivo principal fomentar no alumnado e no profesorado a conciencia cultural e o interese pola preservación da nosa identidade histórica, así como o aprecio e respecto cara á diversidade cultural en Europa.

Desde a Escola Oficial de Idiomas de Ourense participamos tres profesoras e alumnado de inglés na sede central da escola en Ourense e na súa sección delegada en Ribadavia. As tres profesoras formamos tamén parte do equipo Erasmus+ da escola e consideramos eTwinning un piar fundamental da nosa proposta Erasmus+.

En Ourense existen moitos espazos emblemáticos, a maioría deles declarados ben de interese cultural. Asímesmo, a vila de Ribadavia foi declarada conxunto histórico artístico e a súa Festa da Istoria está declarada de interese turístico nacional. É por iso que ideamos un proxecto que nos permitise achegar o profesorado e o alumnado ao gran patrimonio cultural e artístico das nosas cidades e compartilo con alumnado doutros países europeos.

 

2. Obxectivos e recursos

O principal obxectivo do proxecto foi fomentar no profesorado e no alumnado participante o respecto e o aprecio polo patrimonio histórico nas nosas cidades. Tamén, no marco do proxecto, pretendiamos crear un debate sobre o modo de preservar o noso legado cultural e a nosa identidade histórica.

A posibilidade de solicitarlles visitas guiadas para centros educativos ás oficinas de turismo dos concellos de Ourense e Ribadavia deunos a oportunidade de ofrecerlles ao noso profesorado e alumnado senllas actividades extraescolares que nos permitiron coñecer de primeira man a riqueza do legado medieval nas nosas cidades.

O alumnado empregou recursos en liña para deseñar infografías ou presentacións de xeito colaborativo e compartir o seu traballo cos compañeiros dos outros centros participantes no proxecto. Asímesmo, os foros de debate permitíronlles a alumnado e profesorado o intercambio de opinións.

Para levar a cabo esta idea de proxecto colaborativo, eTwinning resultou a plataforma perfecta, ao permitir a colaboración entre centros europeos e a aprendizaxe a través das TIC.

 

3. Temporización e descrición das actividades

O proxecto comezou en xaneiro de 2022 e finalizou en maio. O alumnado de cada país dividiuse en catro grupos para facilitar a interacción en certas tarefas, de xeito que cada grupo incluía alumnado de todos os centros participantes. O alumnado interactuaba cos compañeiros do seu mesmo grupo na maioría das tarefas, aínda que algunhas actividades se desenvolveron en común para todo o alumnado, independentemente do seu grupo de traballo. O traballo organizouse en tarefas ou fases.Todas as fases e os produtos creados polo alumnado en cada unha desas fases se poden atopar no noso Twinspace dentro da antiga plataforma eTwinning (3).

Fase 1. Quen somos

Entre os meses de xaneiro e febreiro levouse a cabo a primeira tarefa do proxecto, na que houbo unha fase de presentación e intercambio de información persoal entre alumnado e profesorado. Tamén, nesta primeira tarefa, compartimos as nosas inquedanzas sobre as redes sociais e puxemos en común ideas sobre seguridade en liña (4) coa finalidade de salvagardar a nosa identidade dixital.

Así mesmo, nesta primeira fase de achegamento persoal, o alumnado tivo a oportunidade de facer as súas propostas de deseño para o logo do proxecto. Todo o alumnado e todo o profesorado puideron votar polas distintas propostas e escoller a gañadora.

 

Logo do proxecto

 

Fase 2. As nosas cidades

Durante o mes de marzo, o alumnado e o profesorado traballamos na segunda fase do proxecto, presentando as nosas cidades. O obxectivo era presentarlles as nosas cidades aos nosos socios en Europa, pero desde os nosos propios ollos, escollendo e describindo os nosos lugares favoritos.

O alumnado tivo que tomar fotografías daqueles lugares nas súas cidades que, por algunha razón, eran os seus favoritos ou os que consideraban máis representativos. Xunto coas fotografías, o alumnado achegou unha pequena descrición dos distintos lugares (5). O profesorado de cada centro recolleu todas as contribucións do seu alumnado nunha única infografía ou presentación que se compartiu no espazo de traballo.

O obxectivo desta fase era permitirlle ao alumnado coñecer as cidades nas que vivían os seus compañeiros no proxecto. Moito do noso alumnado descoñecía os lugares de Grecia, Italia ou Portugal que os seus compañeiros presentaron e gozou vendo na clase as distintas presentacións e escollendo o lugar máis fermoso de entre os que vira. Esta foi a última actividade que se realizou nesta fase.

O alumnado de Grecia, Italia e Portugal tamén votou para escoller o lugar máis fermoso de entre todos os que o noso alumnado lles presentara. Os resultados das votacións recóllense na guía do proxecto.(6)

Fase 3. O noso legado medieval

Durante o mes de marzo e abril, o proxecto desenvolveu a súa terceira fase, na que se pretendía achegar o alumnado e o profesorado ao legado medieval das súas cidades.

Esta fase dividiuse en dúas tarefas: unha primeira tarefa consistía en coñecer e compartir información sobre o noso patrimonio medieval; e unha segunda tarefa consistía nun intercambio postal moi particular entre o alumnado.

Fase 3. Tarefa 1

Nesta tarefa, o produto final consistía na creación colaborativa entre todos os centros participantes dun muro virtual en Padlet (7) con imaxes e descricións do legado medieval material e inmaterial nas nosas cidades.

Como actividade previa á elaboración do produto final, o profesorado e o alumnado da Escola Oficial de Idiomas de Ourense puidemos gozar de senllas visitas guiadas polas cidades de Ourense e Ribadavia, grazas á colaboración dos respectivos concellos a través das súas oficinas de turismo. Foi unha oportunidade para o profesorado de compartirmos actividades fóra do centro co noso alumnado e de coñecer de primeira man todos os detalles das pegadas medievais, ás veces inadvertidas, nas nosas cidades.

 

Visita guiada a Ourense

 

Despois de coñecer o noso legado medieval, alumnado e profesorado tivemos a oportunidade de debater nun foro sobre o modo de contribuír a preservar o noso patrimonio histórico e sobre as medidas que debían tomar as autoridades competentes. A conclusión máis interesante á que chegamos e na que todos coincidiamos foi que a educación é a pedra angular da conservación patrimonial. Fomentar as experiencias con persoas maiores que nos poden contar de primeira man a súa propia historia ou visitas educativas planificadas de xeito atractivo para os máis pequenos son recursos que axudarían a concienciar da importancia do noso legado histórico.

Fase 3. Tarefa 2

Unha vez que tivemos toda a información sobre os lugares máis representativos do legado medieval nas nosas cidades, cada centro fixo unha escolla de fotografías que imprimiu e dividiu en anacos a modo de crebacabezas. O alumnado usou o reverso de cada anaco de imaxe para escribirlles unha postal aos compañeiros noutros centros. A actividade de intercambio postal foi a máis apreciada polo alumnado no proxecto. Todos gozaron ao escribir e, especialmente, ao recibir as postais. Tras recibir as postais, cada grupo debía montar o crebacabezas para descubrir a imaxe que os seus compañeiros escolleran de entre todas aquelas máis representativas do patrimonio medieval nas súas respectivas cidades.

 

Intercambio de postais

 

Fase 4. Todo o que somos

Durante o mes de abril, redactamos a nosa guía final (6) do proxecto, onde recollemos todo o que tiñamos feito nel.

A maiores das tarefas propias do proxecto eTwinning, desde a EOI de Ourense organizamos senllas visitas a Kalamata (Grecia) e Coímbra (Portugal) para que o alumnado participante puidese coñecer ambas as dúas cidades e os seus compañeiros.

 

Visitas a Kalamata e Coímbra

 

4. Avaliación e conclusións

Para a avaliación do proxecto, deseñáronse dúas enquisas de satisfacción, unha para cubrir polo alumnado e outra polo profesorado.

Enquisa de satisfacción do profesorado

  • É o teu primeiro proxecto eTwinning?...................................Non – 75%
  • Que opinas desta experiencia eTwinning?...........................Moi interesante  – 100%
  • Que tarefa foi a túa preferida?..............................................Intercambio postal  – 85%
  • Gustaríache repetir a experiencia?......................................Si – 100%

 

Análise dos resultados

Para a maioría do profesorado, este non era o noso primeiro proxecto eTwinning e para todos nós a experiencia foi moi interesante, o que resulta gratificante despois de todo o traballo organizativo e dos axustes que houbo que facer no calendario final. Todos gozamos con este proxecto, involucrando o noso alumnado no traballo. Entre as actividades, escollemos como favorita a tarefa de intercambio de postais, xa que gozamos co noso alumnado na aula, escribindo e lendo a correspondencia. A satisfacción xeral reflíctese no interese amosado por todos nós de repetir esta experiencia de traballo.

Enquisa de satisfacción do alumnado

  • Que opinas desta experiencia eTwinning?............................................Interesante ou moi interesante – 99%
  • Como valoras a consecución dos obxectivos do proxecto?

a) Coñecer a propia identidade histórica e allea.............................. – 52%

b) Aprender a apreciar o legado histórico .......................................  – 55%

  • Que tarefa foi a túa preferida?.

a) Intercambio postal  ......................................................................– 60%

b) O noso legado medieval ............................................................. – 53%

  • Gustaríache repetir a experiencia?.........................................................Si  – 90%

 

Análise dos resultados

Para case todo o alumnado a experiencia foi interesante ou moi interesante. Sobre a consecución dos obxectivos do proxecto dividiron as súas opinións entre os dous obxectivos principais. Isto debeuse, principalmente, á présa coa que se pechou o proxecto, dado que a plataforma eTwinning ía mudar a unha nova versión e facíase necesario finalizar os proxectos e solicitar a acreditación de selo de calidade antes do que estaba previsto. Este feito non lle permitiu ao alumnado debater amplamente sobre o que descubrira sobre o patrimonio medieval propio e alleo e o xeito de conservalo.

O alumnado coincidiu co profesorado na escolla da tarefa favorita. O intercambio de postais foi a actividade máis apreciada, seguida, de preto, pola escolma de datos sobre o legado medieval nas distintas cidades participantes.

En xeral, a satisfacción do alumnado foi moi boa e a maioría amosou o seu interese por participar en futuras experiencias eTwinning.

Como fortalezas do proxecto, podemos salientar, en primeiro lugar, a posibilidade de coñecer e apreciar o noso patrimonio histórico grazas ás visitas guiadas, así como de descubrir a realidade histórica doutros países europeos; en segundo lugar; a oportunidade de aprender a manexar ferramentas TIC na aula; e, finalmente, a sorte de poder viaxar e coñecer as cidades dos nosos socios de proxecto.

Entre as debilidades do proxecto, cabería comentar a temporización axustada para o remate do proxecto e a présa no peche deste por mor do cambio de plataforma. O feito de ter que pechar o proxecto prematuramente non permitiu prolongar o debate sobre a preservación do noso patrimonio histórico, o que se reflicte nos resultados da enquisa do alumnado.

Malia as debilidades mencionadas, o proxecto obtivo a acreditación de selo de calidade nacional, feito que nos fai sentir moi orgullosos.

 

(1) eTwinning forma parte de Erasmus+ e ten como obxectivo promover e facilitar o contacto, o intercambio de ideas e o traballo colaborativo entre profesorado e alumnado dos países participantes, a través das TIC.

(2)Os centros participantes foron a Escola Oficial de Idiomas de Ourense (Ourense, España), a Escola de Educación de Persoas Adultas de Kalamata (Kalamata, Grecia), o Liceo Científico Estatal G. Banzi Bazoli (Lecce, Italia) e a Escola Profesional Beira-Aguieira (Coímbra, Portugal).

(3) A plataforma eTwinning, que recollía todos os usuarios, grupos e proxectos levados a cabo, fusionouse coa plataforma European School Gateway na actual European School Education Platform (https://school-education.ec.europa.eu).

(4) Ideas sobre seguridade en liña:https://padlet.com/eoiouetwinning/esafety

(5) A infografía feita polo alumnado da Escola Oficial de Idiomas de Ourense está dispoñible en Genially: https://view.genial.ly/6228b24df051810011b2a3d6

(6) Guía final do proxecto: https://drive.google.com/file/d/1edL9KuHCNWMZsZiMLlNP5CAasYPiAHZ6/view

(7) O produto final coas achegas do alumnado de España, Grecia, Italia e Portugal pódese atopar en Padlet: https://padlet.com/eoiouetwinning/medievaltowns

 

 

 

Sección: