Bardos, moito máis que unha revista escolar

Unha simple revista, unha humilde publicación escolar pode ser un instrumento destacadísimo para a acción educativa. A revista Bardos do IES Fermín Bouza Brey é un exemplo disto. A admiración que espertan no profesorado as calidades e os saberes do seu alumnado é o motor deste proxecto. A valoración do que somos individualmente e como colectividade alimentou as, ata o de hoxe, 86 entregas da revista. Pero, onde reside a importancia dunha publicación escolar? Que valores ten Bardos que a fagan merecente dese empeño de continuidade?

Isabel González Avión
IES O Carril (Vilagarcía de Arousa - Pontevedra)
gonzalezavion@edu.xunta.gal

 

 

Unha tarefa colectiva

Bardos é a revista decana dos institutos e a que conta cun maior número de entregas de todas as publicacións escolares de Galicia (86 en total se contamos o número 0, «Especial Memoria» dun tempo silenciado, e as dúas entregas da primeira xeira). Este fito é froito dunha enorme tarefa colectiva.

A participación na vida de Bardos vai máis alá da autoría de textos e ilustracións. A busca e descuberta de talentos, a proposta de ideas e enfoques, a achega de material gráfico, a difusión da revista... Isto fai de Bardos un fermoso proxecto compartido.

Ao longo destas tres décadas, a revista nutriuse do talento e do traballo de centos e centos de persoas, converténdose nun espazo de encontro, nunha ágora. As palabras da profesora Susana Trigo Arca, escritas co gallo da publicación do número 50, subliñan este feito: «Bardos gústame porque é unha obra colectiva, sen xerarquías, onde descubro novos brillos de persoas que andan polo “insti” no seu rol de profe ou alumno e logo, na revista, dilúese esa diferenza que nos limita tanto».

 

Identidade e cohesión

Nun centro cunha identidade plural que contou durante moito tempo con ensinanzas de ESO e bacharelato, con diversos ciclos formativos tecnolóxicos e ensinanzas deportivas especiais, a revista representou tamén un elemento de cohesión.

Aínda que a autoría dos contidos corresponde maioritariamente ao alumnado da ESO e dos bacharelatos, Bardos é un espazo que reflicte o latexar das actividades que se levan a cabo nas distintas ensinanzas impartidas no instituto.

É preciso subliñar que a identificación con Bardos cohesiona tamén a persoas que non coincidiron cronoloxicamente no seu paso polo centro, pero que viviron, medraron, aprenderon, sufriron, se emocionaron e se namoraron neste escenario vital que é o IES Fermín Bouza Brey. Nese sentido, a experiencia da participación en Bardos supón un vínculo invisible entre persoas moi diversas que desenvolven a súa vida en moi diferentes ámbitos e, en ocasións, moi lonxe de Vilagarcía, das nosas aulas. É emocionante ler apelidos nalgunha das colaboracións dos números recentes que xa foron escritos nas páxinas de Bardos 30 anos antes: pais e fillas contribuíron a alimentar un mesmo proxecto en momentos moi diferentes.

 

Autoestima

O IES Fermín Bouza Brey foi mudando ao longo do tempo, tanto na súa oferta educativa como na percepción e prestixio no contorno. O que mantivo ao longo das diferentes etapas foi o carácter socioeconómico do seu alumnado, procedente das capas traballadoras da cidade e da comarca.

Ter un espello onde mirarse, recoñecerse e presentarse ante os demais é un elemento fundamental para a autoestima, tanto individual como colectiva. Esa función de escaparate da actividade e dos talentos do alumnado que ten Bardos foi subliñado pola exalumna de bacharelato Andrea Rodríguez na reflexión que achegou para a celebración do número 50: «Na miña opinión, Bardos é un elemento de prestixio, non só do centro, senón tamén dos alumnos e alumnas, pois, en varias ocasións, persoas alleas ao instituto comentaron o seu abraio ao ver que ben escriben algúns rapaces e rapazas».

 

Fonte documental

Grazas á súa dilatada traxectoria, Bardos convértese nunha fonte documental. Nas súas páxinas podemos rastrexar a historia do IES Fermín Bouza Brey, coas transformacións do sistema educativo, as distintas reformas, implantación de novas ensinanzas, cambios nos equipos directivos e na propia composición do equipo docente. Pero non só.

Na revista atopamos apuntamentos da historia cultural e social do noso país. A catástrofe do Prestige, as guerras nas que os gobernantes involucraron o Estado español, as vagas de incendios forestais de 2006 e 2017 e outros moitos acontecementos teñen o seu particular relato nela.

Algunhas efemérides teñen tamén importante relevancia. Queremos sinalar o número especial de Bardos titulado Memoria dun tempo silenciado, publicado no 2006, cos materiais recollidos polo propio alumnado no seu contorno sociofamiliar con motivo da celebración do Ano da Memoria.

A sección de entrevistas centrouse en gran medida en persoas vinculadas ao instituto ou ao noso contorno. Son hoxe valiosos documentos as entrevistas a Manuel Isorna (expresidente da Fundación Galega contra o Narcotráfico), a Marcela Santorum (poeta, investigadora e xornalista), Xabier Camba Abal (técnico cultural e músico), Luís Rei (investigador e activista da cultura marítima, biógrafo de Ramón Cabanillas), Carlos Blanco (actor), Ramón Caride (escritor), Ugia Pedreira (artista), Alfonso Merino (músico e exalumno do centro) e un longo etcétera. Os equipos de alumnas e alumnos que realizaron estes traballos puideron protagonizar unha experiencia que entraña dificultade, pero que achega importantes aprendizaxes. A través delas descubrimos a sociedade de Vilagarcía e da comarca como un tecido humano cheo de persoas relevantes, que nos convidan a coñecernos e valorarnos, a comprendernos mellor a nós mesmos, a sociedade galega e o mundo actual.

 

Encontro interdisciplinar

A variedade de contidos, unha certa continuidade nas seccións, o esforzo por ser o lugar de encontro entre as distintas disciplinas son unha marca característica de Bardos. Hai un intencionado esforzo por crebar as fronteiras disciplinares e por fuxir do «literaturismo». O papel normalizador da lingua (moito máis potente canto máis nos afastamos dos eidos onde se pretende fechar o noso idioma) é outra das virtualidades da interdisciplinariedade. Deportes, música, banda deseñada, ciencia, tecnoloxía, debates, entrevistas son algunhas das seccións máis destacadas.

Bardos é unha experiencia real da abolición das fronteiras entre materias de «ciencias» e de «letras» e un espazo para a construción cooperativa de aprendizaxes. E non só para o alumnado, senón tamén para o profesorado. Isto implica rachar cunha concepción ríxida e burocratizada da acción educativa.

 

Educación emocional

Son innumerables as horas que compartimos, innumerables as persoas coas que convivimos nun centro educativo. As vivencias cotiás que nel experimentamos teñen unha intensidade que, ás veces, é difícil de plasmar. Aí están as páxinas da revista para ser bitácora das viaxes emocionais.

Tamén hai acontecementos que nos marcan e que nos unen. Moitas veces son experiencias dolorosas: a morte dun docente ou dun alumno, por exemplo. Afortunadamente son moitas máis as celebracións: as festas que vai espallando o calendario, os premios... Son fitos que van tecendo momentos de intensa comuñón colectiva. Cantos sorrisos e cantas bágoas non ten xerado a lectura de páxinas que constitúen, por veces, un diario íntimo do sentir colectivo?

A educación emocional e sentimental é unha tarefa moi esquecida. Para medrar como persoas, é moi importante aprender a afrontar separacións, despedidas, perdas; dar conta das celebracións onde gozamos, rimos, bailamos e cantamos xuntas as persoas que formamos o centro, independentemente de cal sexa o noso rol nel.

 

Unha encrucillada

No momento actual, coa desaparición da ESO e do bacharelato no centro e a marcha da responsable da revista durante vinte e nove cursos, a continuidade parece un pouco difícil, mais a intención dalgúns membros do novo claustro é continuar coa publicación. O certo é que Bardos naceu nun centro de formación profesional e non debería haber ningún motivo para que non continuase a súa andaina neste novo CIFP. Para pechar esta reflexión queremos desexarlles longa vida aos proxectos colectivos que converten o alumnado no centro da acción educativa.

 

 

 

Sección: