Integrándonos na natureza e na cultura galega dende a ciencia

A procura dun ensino-aprendizaxe realmente significativo
Como conseguir que se leven a cabo os obxectivos que perseguimos coa educación involucrando realmente o alumnado dun xeito significativo? Como integrar a nena, o neno, de tal xeito que todas as limitacións (persoais, familiares, sociais...) sexan relativas e non paralizantes? Como diminuír ou minimizar o fracaso escolar e favorecermos a formación de persoas do xeito máis pleno posible adaptada a cada unha?

Lois Manoel Toirán Vázquez
CPI Luís Díaz Moreno (Baralla-Lugo)
loistoiran@edu.xunta.gal

 

 

Introdución

As utopías son necesarias para perseguilas e achegarse a elas. Crean ilusión e, asemade, é necesario compartilas. Educar e aprender non deixa de ser un xeito de ver o mundo, un modelo de vida en sociedade onde buscamos o benestar. O coñecemento é básico, xa que crea riqueza e sensibilidade e, cando se comparte, une e resulta moito máis efectivo. Ademais ten que ser integral, que abranga a totalidade do saber, sen áreas que queden sen atender. Abre camiños constantemente e posibilidades de mellora continuas. E nese ambiente é onde aprendemos. Daquela, o ideal é que alumnado, profesorado, familias, institucións, entidades, veciñanza... compartan o que saben, principio básico da ciencia.

O ambiente de actividade na aula é complexo de crear (moito máis o ambiente de centro). Son numerosos os aspectos que hai que coidar. As propostas teñen que ser variadas (implican cooperación coas achegas do que cadaquén saiba dar), continuas no tempo e significativas (que sexan atractivas e útiles). Teñen que buscar a xeración de emocións, da curiosidade, das ganas de saber máis e partir do máis próximo para logo chegar ata onde sexa necesario. Isto vale para o alumnado e para o profesorado.

As teorías da aprendizaxe das que podemos botar man son moi variadas, pero dannos camiños que podemos seguir. Todo iso tendo en conta a neurociencia aplicada á educación.

 

Algunhas Teorías da Aprendizaxe

 

Parece claro que «o inicio da estimulación ambiental, emocións, motivacións, aprendizaxe a través da acción será definitivo no desenvolvemento e madureza do cerebro. Esta interacción comeza na etapa infantil». Federación Mundial de Neuroloxía, a Cognición Integral.

Ademais, a nosa cultura ten que ser o eixe vertebrador que faga persoas sans, respectuosas do seu e de todas as culturas. «Queremos advertir da importancia que a integración do pasado ten para o benestar presente e futuro das persoas... Un pobo que perde a súa lingua é un pobo condenado a non saber quen é... E unha persoa, que non sabe quen é, non pode contribuír con nada de orixinal ao destino da humanidade». Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia.

Nese ambiente de traballo e colaboración imos creando seguridade, apego, crecemento persoal, raíces.

Nesa procura de educación integral botamos man dos Contratos Programa Innova con distintas modalidades para a innovación na adquisición das CC e cun orzamento de seu. Asociado a el temos a posibilidade da formación do profesorado a través dun Plan de formación (PFPP), pero tamén temos en conta a formación do conxunto da comunidade.

 

O que queremos conseguir

Tres son as modalidades nas que traballamos: EDUInnova (o centro como contorna innovadora da aprendizaxe), EDUsostibilidade (onde o centro estuda dende unha perspectiva científica a contorna pensando nos obxectivos da ONU para o desenvolvemento sostible) e EDUSaúde (creando hábitos saudables). Estas serían as principais actividades a desenvolver.

En EDUInnvoa, no Proxecto Lector do Centro abrangue o 50% da actividade nas áreas de LG e LC, o libro é para a aula o que a árbore e os ríos para a natureza. Para as ciencias significará o soporte básico para a investigación.

Co programa SNAPPET (LG, LC, e CM.) e mediante o uso de tabletas, personalizamos a aprendizaxe nas 3 áreas e ábrenos novas posibilidades para o futuro.

Co programa de radio Ponte Nas Ondas (https://www.ivoox.com/podcast-radioescola-galiza_sq_f11301224_1.html ) en Radio As Nogais, e co estudo da radiodifusión (co apoio de ARCOA, asociación de radioafeccionados) realizamos unha serie de actividades ao longo de todo o ano que nos permiten por un lado, traballar a ciencia (electromagnetismo) e, por outro, transmitir á sociedade as nosas inquietudes e intereses especialmente o noso Patrimonio Innmaterial, tanto en primaria como secundaria. Colaboramos para iso con outros 4 centros educativos.

En EDUSostibilidade, modalidade asociada principalmente ás áreas das CM, CN. e CS. Reúne actividades relacionadas co río Neira e as masas forestais a el asociadas. A auga e a árbore son os eixos principais de estudo seguindo as directrices e metodoloxías saídas da USC a través da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza e dentro do PLAN PROXECTA. Ademais do estudo dos seres vivos no río, das características físico-químicas da auga, do ciclo da auga en Baralla (e este curso tamén o da cidade de Lugo) e dos efectos dos proxectos mineiros ou enerxéticos na comarca, traballamos 6 obxectivos concretos da AXENDA 30 da ONU relacionados especialmente co cambio climático (apoiámonos en Meteogalicia), os bosques e a desertificación (o curso pasado foi a enerxía o tema central). As saídas á contorna máis inmediata son abondosas complementadas con aquelas máis afastadas (Lugo, A Mariña e Santiago).

Cos datos recompilados, ao final de curso elaborarase un documento de demandas ambientais que presentaremos no pleno do concello de Baralla, e por escrito na visita ao Parlamento Galego. Todo iso será transmitido ao longo do curso nos distintos programas de radio. ( https://www.youtube.com/@radiomobilgaliza ).

En EDUSaúde, os profesores de EF., de Infantil-Primaria, e Secundaria; co apoio das persoas titoras traballan especialmente temas como a nutrición (na hora da parva de media mañá e co carné saudable, cos menús do centro...), dinamización de patios de recreo (promoción de xogos tradicionais, campionatos intercentros...) ou actividades no exterior do centro (itinerarios pola contorna, sendeirismo en espazos naturais...). Lévase a cabo unha análise do estado físico individual, ao tempo que deseña o propio alumnado actividades saudables para practicar na aula (como primeiros auxilios ou actividades de relaxación).

 

Distintos escenarios de traballo

 

A formación

As actividades indicadas incluídas dentro da programación non poden realizarse se non é coa participación dunha boa parte do profesorado. Das 28 persoas do claustro participan destas actividades, en maior ou menor medida, 20 persoas. Delas, 13 forman parte do Plan de Formación do Profesorado do centro (5 delas dentro dos Contrato Programa).

En EDUInnova foi necesario a formación no manexo e programación das actividades por parte dos mestres que foi desenvolvido pola propia empresa SNAPPET para as aulas de 3º e 4º de primaria. Valórase neste momento a idoneidade das tabletas como ferramentas ampliadas mediante aplicacións de android para distintas medicións noutras áreas (o son, -frecuencia, intensidade, tons-, luminosidade...) videoconferencias, rastrexador de satélites, avións e barcos, repetidores de radio, balizas, intercomunicadores, SDR, GPS, mapas en liña, ... Para o resto de medicións o centro dispón dunha aula de tecnoloxía que achega outros aparellos (polímetros, medidores láser de distancias, etc.).

Para o proxecto de radio o centro posúe unha aula específica, e cun horario escolar para 4º e 6º. De ARCOA, radioafeccionados, recibimos formación tanto o alumnado como o profesorado (montaxe de antenas, manexo de equipos de radio, uso de medidores, etc.). O centro conta cun repetidor de radio a 1.300 metros de altura cun subministro eléctrico proporcionado polo concello limítrofe de Becerreá e que nos permite a conexión a través de radio co colexio de Currelos (O Saviñao) para a realización de actividades repartidas ao longo do curso semanalmente. Neste caso tamén foi necesaria a formación dun mestre nestoutro centro.

Para a elaboración do programa de radio trimestral 5 mestras e mestres necesitan recibir formación no manexo dos equipos da aula de gravación, así como do uso das tabletas e teléfonos móbiles para a gravación e edición dos arquivos sonoros. Unha parte do alumnado recibirá tamén formación específica (4º e 6º).

Dentro de Radio nas Bibliotecas Creativas cada ano, o alumnado recibe tamén formación para a recompilación e tratamento do patrimonio inmaterial da cultura galega na zona dos Ancares.

No ámbito de EDUSostibilidade a formación dada por ADEGA é fundamental non só para tratar os temas centrais de cada ano, senón tamén para o estudo do río a partir de tres niveis: físico, químico e biolóxico utilizando unha metodoloxía científica utilizada pola USC na súa Estación de Hidrobioloxía. A formación do profesorado (5 persoas neste curso) permitirá logo levar a cabo o Plan Proxecta co alumnado de infantil (6 anos) e primaria (7, 8, 9 e 10 anos).

O ideal estaría en que o propio profesorado ou membros da familia de nenas e nenos foran activistas dalgún tipo de entidade que traballara un tema específico. Proporcionarían un saber moito máis completo e que se podería incorporar á actividade do centro. Nalgúns casos xa é así.

 

As familias, Escola de Pais e Nais

Urxente é a necesidade de educar ás persoas educadoras, ademais das mestras, a nais e pais. Aínda habendo consenso social non hai medidas que o plasmen. Dende o centro trátase de organizar sesións formativas de intercambio de información ao longo do ano que tratan de paliar (non solucionar) ese déficit. Faise preciso compartir tempos, espazos e experiencias e obxectivos. “As canles de participación e de acción cidadá, dende o punto de vista da intervención pedagóxica e a lexitimación de medidas, esixen que se xere unha responsabilidade social e xurídica compartida. J.M. Touriñán, Revista Investigación en Educación.

 

Programa de sesións da Escola de Pais e Nais

 

Unha porcentaxe moi alta de problemas relacionados coa evolución na aprendizaxe de nenas e nenos ven dado por cuestións relativas á familia. “Son numerosas as investigacións sobre este modelo de colaboración nas que se destaca que o alumnado vai mellor nos seus estudos cando as súas familias e os seus docentes comparten expectativas, e se manteñen en contacto debatendo, acordando propostas de acción, hábitos de traballo, actitudes ante á escola, así como actividades e tarefas escolares que deben potenciarse”. Jurjo Torres, UDC.

Nenos e nenas reaccionan dun xeito moi positivo cando esa relación familia-escola é habitual xa que a súa sensación de seguridade vese reforzada e posibilita renovar esforzos e ilusión. Neste aspecto no noso centro queda moito por facer, persiste o medo a abrir a escola á participación e mais á formación das familias. Son necesarias, quizais, novas figuras con funcións de enlace entre unhas e outras. As comunidades de aprendizaxe constituirían tamén unha esperanza cara o futuro.

 

 

 

Sección: