ERASMUS: o programa europeo para a mobilidade e a cooperación na ensinanza superior

Vinte e cinco anos de andaina
Hai vinte e cinco anos que botou a andar (1987-2012) o programa Erasmus e, polo tanto, é un bo momento para facer unha merecida achega, aínda que breve, ao que é a historia do que se coñece como o “buque insignia” dos programas educativos e formativos da Unión Europea.

Emilia Seoane Pérez
Conselleira EURES (EURopean Employment Services)
Profesora da Universidade de Vigo
eures.universidade.emilia@uvigo.es

 

A pesar de que Erasmus corresponde ao nome latino de Erasmo de Rotterdam, recoñecido humanista neerlandés (Rotterdam 1469-Basilea 1536) de expresión latina, pensador libre, viaxeiro e residente, estudante e traballador en diferentes cidades europeas e profesor de ideas independentes, en realidade ERASMUS é o acrónimo de European Region Action Scheme for the Mobility of the University Students.


Cando Jacques Delors era presidente da Comisión Europea, por iniciativa da Asociación Estudantil Europea AEGEE, coa promoción do daquela comisario de Educación, Manuel Marín, e co apoio especial dos gobernos de España e de Francia, pola Decisión do Consello de Europa do 15 de xuño de 1987 apróbase o programa Erasmus que, nese mesmo ano, iniciaría unha andaina longa e con visible pegada. Nese momento, unicamente doce países participaron no proxecto, entre os que se atopaba España. Mais, ao ir pasando os anos, iríanse incorporando novos socios, ata un total de trinta e tres (os vinte e sete Estados membros da Unión Europea máis os catro países da Asociación Europea de Libre Comercio, e Croacia e Turquía en calidade de países candidatos). Chegaron aos trinta e cinco na convocatoria de 2012, pola participación de Serbia e da antiga República Iugoslava de Macedonia, como países membros do Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).


Naquel primeiro proxecto, participaron no programa 95 estudantes do sistema universitario español, que cursaron unha etapa dos seus estudos noutras universidades europeas. No curso 2011-2012, participaron 36.183 estudantes e, no transcurso destes vinte e cinco anos, matriculáronse no programa Erasmus preto de 400.000 estudantes. Estas cifras reflicten o permanente incremento da mobilidade de estudantes de centros educativos españois que se achegan, coñecen e participan doutros sistemas educativos, doutras culturas, doutras vivencias e doutros idiomas. No ano 2003, chegouse ao “Erasmus un millón” na Unión Europea e, no curso 2008-2009, aos dous millóns, o que evidencia unha indubidable dinámica de participación ascendente tamén no resto dos países europeos participantes. Se a nivel cuantitativo falamos de evolución, a nivel cualitativo o programa Erasmus tamén mudou e, aínda que sempre mantivo as súas orixes de mobilidade de estudantes universitarios europeos, pasou por diferentes cambios. Comezou sendo un programa con nome propio, pasou a estar incluído no macroprograma Sócrates no 1995 e, no 2007, é cando se produce o maior cambio debido á aprobación da Decisión do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de novembro de 2006, do Programa de aprendizaxe permanente (PAP) e á súa implementación para un período de funcionamento do 2007-2013, co que se modificaron ou substituíron outros programas europeos ata entón vixentes.

 


Así, na actualidade, Erasmus, xunto con Grundtvig, Comenius e Leonardo da Vinci, constitúe un dos catro subprogramas sectoriais do PAP.


E a partir do ano 2007, e a outros niveis, Erasmus experimentou cambios moi significativos, como foron a incorporación de novas accións ao programa, entre elas a mobilidade para a realización de prácticas en empresas, en centros de formación, en centros de investigación e noutro tipo de organizacións doutros países participantes neste programa de mobilidade, agás nas propias institucións da Comisión Europea, do Parlamento ou doutros organismos semellantes. Dáse unha mudanza moi importante tamén en canto ao público destinatario, xa que deixa de ser exclusivamente universitario no referente ao alumnado, ao persoal e aos centros, para recoñecer como educación superior a formación profesional de ciclo superior e as ensinanzas artísticas oficiais, o que permite que eses colectivos e institucións de educación poidan participar por primeira vez deste programa.


Con base nos cambios comentados, poden ser destinatarios de Erasmus: estudantes de educación superior; institucións de ensinanza superior; profesorado e outras categorías de persoal destas institucións, así como asociacións que as representan; persoal de empresas relacionado con actividades docentes; empresas; interlocutores sociais e outros representantes da vida laboral; organismos públicos e privados e ONG que impartan ensinanza e formación no ámbito local, rexional ou estatal; centros de investigación e organismos que ofrezan servizos de orientación, asesoramento e información.


Por ser Erasmus un programa de mobilidade amplo no relativo ao alumnado de institucións de educación superior –un destinatario moi importante deste programa–, poderá participar, entre outras, en dous tipos de actividades de mobilidade individual: mobilidade de estudantes para cursar estudos nunha institución de ensinanza superior noutro país participante e mobilidade de estudantes para realizar prácticas en empresas ou noutro tipo de centros xa comentados. Para realizar estas mobilidades, o alumnado pode recibir unha axuda económica procedente de fondos da Comisión Europea, do Ministerio de Educación, da Administración autonómica, de deputacións, de concellos…


A través deste programa, un estudante pode chegar a ter ata dúas bolsas Erasmus, unha bolsa para un período de estudo e outra para a realización dunhas prácticas e, en calquera dos casos, sempre fóra do seu país e, polo tanto, noutro dos participantes neste programa.
 

 

MÁIS INFORMACIÓN:

Publicacións Erasmus

Publicacións Erasmus 25º aniversario

Páxina web Programa Erasmus

Mobilidade de estudantes para estudos

Guía de solicitude para estudos

Mobilidade de estudantes para prácticas

Guía de solicitude para prácticas

 

Bibliografía: 

 

 

Sección: