Trinket.io

Elliott Hauser, Brian Marks, Ben Wheeler


Autor da recensión: José Manuel Martínez Loureiro
martinezloureiro@edu.xunta.gal
IES Leiras Pulpeiro (Lugo)
CFR de Lugo


Trinket.io é unha ferramenta dispoñible en liña que nos permite programar en distintas linguaxes sen necesidade de facer ningunha instalación no noso ordenador: tampouco é necesario rexistrarse, aínda que é aconsellable facelo.

 
Existen multitude de ferramentas que permiten programar en liña, como Scratch ou App Inventor, ambas as dúas empregando bloques. A vantaxe que presenta Trinket é que incorpora a posibilidade de traballar con bloques, pero tamén tecleando código directamente. De todas as posibilidades que ofrece este sitio web, as máis interesantes para traballar co alumnado son Python, HTML e Blocks.


Malia as aplicacións para programar con bloques ser unha ferramenta moi útil para que o alumnado comece a programar, tamén debemos perder ese medo a introducir entre o noso alumnado a programación tecleando código directamente. A disposición de Trinket permite visualizar o código na parte esquerda da pantalla e a execución do código na parte dereita. Isto permite que se vexan inmediatamente os efectos que ten o código que se escribe no programa e así pódese comprender os efectos que ten cada liña de código. Ademais dispón de exemplos sinxelos para que o alumnado se inicie con máis facilidade.

Exemplos útiles que se poden facer serían, por exemplo:  

  • Python: cuestionario de preguntas e respostas sinxelo, onde se comprobe se a resposta é correcta ou non. O alumnado aprende a empregar funcións básicas como print, input, if…else e o uso das variables.
  • HTML: facer unha páxina web sinxela, inserindo imaxes, listas, hiperligazóns etc. Aprenden a estrutura básica dunha páxina web (diferenza entre head e body, uso de estilos css) e comandos básicos en HTML (title, img, ul...).
  • Blocks: a opción máis interesante dentro dos bloques é a da tartaruga, que nos permite facer debuxos ou mesmo animacións con comandos sinxelos (move, turn, circle).

Trinket.io permite, sen rexistrarnos, facer os nosos propios programas en Python, Java ou páxinas web en HTML e compartilos, descargalos ou incrustalos noutra web de forma sinxela. Ao compartir o programa, Trinket xera unha dirección URL na que teremos acceso permanentemente ao noso programa ou páxina web, non é necesario contar cun aloxamento propio. O rexistro é gratuito e permitiranos, ademais do anterior, gardar os nosos programas para editalos posteriormente e crear carpetas para organizar o noso contido. Unha ferramenta moi útil para traballar non só o pensamento computacional, senón tamén a creatividade do noso alumnado.

 

 

 

Sección: