Competencias mediáticas e informacionales: juego y aprendo

Autor: Felicidad Campal, Ana Ordás
Editorial: UOC

Autora da recensión: Paloma Losada Romero
 palomalr@edu.xunta.gal
CFR de Pontevedra

Ao falarmos de competencia dixital, un dos aspectos que non deberiamos desatender, con vistas a crear unha cidadanía capaz, responsable e ética no uso das tecnoloxías, é o tratamento da información. Un aspecto transversal e ineludible ao que non sempre lle prestamos unha atención consciente e meditada. 

Felicidad Campal é bibliotecaria e especialista en alfabetización informacional. O traballo de Ana Ordás, tamén vencellada ao mundo das bibliotecas, está máis orientado ao márketing dixital, a gamificación e o pensamento lúdico. Ambas poñen en común os seus coñecementos e experiencia para ofrecernos esta obra na que fusionan eses dous ámbitos: a competencia informacional e a aprendizaxe a través do xogo. 

O libro poderíase dividir en dúas partes. Tras unha xustificación da pertinencia deses dous eixes que artellan o libro (a necesidade crecente de desenvolver as competencias informacionais e a eficacia dos enfoques metodolóxicos baseados no xogo), ven unha primeira parte dominada polas precisións metodolóxicas e documentais. Comézase presentando conceptos fundamentais relacionados co tratamento da información (alfabetizacións múltiples, Alfin, AMI…) e as referencias documentais que organizan a súa presenza nas aulas, principalmente en documentos da UNESCO e da IFLA. Tamén analizan as autoras a presenza no currículo educativo deste tema, vencellado principalmente á competencia dixital. 

A continuación precísanse as correntes metodolóxicas baseadas en xogo (aprendizaxe baseada no xogo, gamificación, xogo serio), os seus fundamentos, as diferenzas entre elas e os pasos que hai que seguir para o deseño de unidades didácticas seguindo a aprendizaxe baseada en xogos, que é a orientación elixida para as propostas que se presentan no libro.
 
Na segunda parte do libro vanse analizando e valorando diferentes xogos de mesa e videoxogos que se orientan á capacitación do alumnado, clasificados en catro ámbitos de actuación relacionados co tratamento da información: acceso, uso e preservación; noticias, medios e publicidade; ética e conduta; uso da biblioteca. Trátase dunha selección ampla e variada, con recomendacións das idades e interese de cada un deles. 

Como se pode ver, a obra, non demasiado extensa, abarca unha cantidade de temas demasiado ampla como para afondar en cada unha delas, o cal, evidentemente, non é o propósito deste volume. Malia botarse en falta unha maior integración entre as partes, pois a lectura dá unha sensación xeral da fragmentación deses apartados que mencionamos, o libro si funciona como introdución motivadora para todos eles. Neste sentido, a lectura deber facerse máis ben como unha apertura cara á reflexión, unha invitación para profundar nestes ámbitos a través de máis lecturas e formación, e unha proposta para iniciarse neste enfoque a través da selección de xogos propostos.

 

 

Sección: