A incorporación das tecnoloxías dixitais na educación da infancia

As tecnoloxías dixitais xogan un papel relevante nos procesos de ensino e aprendizaxe. Particularmente, na etapa de educación infantil, a escola debe ser capaz de implementar aqueles mecanismos necesarios que contribúan a que os nenos e nenas se integren, medren e se desenvolvan na sociedade da información e do coñecemento. Partindo desas consideracións, neste traballo expoñemos algunhas reflexións e metodoloxías de integración da tecnoloxía, susceptibles de ser utilizadas de forma didáctica no ámbito de educación infantil.

Pablo César Muñoz Carril
pablocesar.munoz@usc.es
Alba Souto Seijo
albamaria.souto@usc.es

Dpto. de Pedagoxía e Didáctica. Universidade de Santiago de Compostela

 

Introdución

Resulta obvio que vivimos nun mundo globalizado, nunha sociedade en rede hiperconectada, na que as tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) teñen unha presenza omnímoda en diferentes áreas: na economía, nas relacións laborais, na política, no ámbito do lecer e do tempo libre e, por suposto, tamén na educación.

Neste novo contexto, nunha sociedade líquida onde todo evoluciona de forma rápida e fugaz, os nenos e as nenas están moi afeitos ao contacto coas TIC e outras pantallas (videoxogos, televisión, tabletas dixitais, teléfonos intelixentes, ordenadores, Internet…). Neste sentido, como sinala Brown (2000), un dos trazos prototípicos que caracteriza esta xeración, comunmente coñecida como millenials, é a súa afección pola información rápida, o multitasking (realizar varias tarefas simultaneamente), a preferencia polos gráficos e o hipertexto fronte ao texto e, finalmente, predilección e preeminencia polas actividades en rede (Brown, 2000).

O contacto coas tecnoloxías dixitais prodúcese cada vez a idades máis temperás (Castro-Zubizarreta, Caldeiro-Pedreira e Rodríguez-Rosell, 2018). É por iso que, para un axeitado desenvolvemento afectivo, social, emocional e académico, resulta necesario no marco desta sociedade en rede (Castells, 2000) que tanto a familia como a escola asuman responsabilidades en canto a educar no uso correcto desta tecnoloxía, xa que os nenos e as nenas de hoxe en día van crecer e converterse nos cidadáns dixitais do futuro. Neste sentido, é imprescindible educar os menores nun uso adecuado da tecnoloxía, co fin de empregala de forma segura e cívica, amén de complemento para a súa formación ao longo e ao ancho da vida. 

 

Diverxencias en canto á forma de incorporación das TIC en educación infantil

Se poñemos o foco de atención no ámbito de educación primaria, secundaria, bacharelato e/ou educación superior, non parecen existir demasiadas discrepancias arredor das potencialidades que as TIC poden ofrecer nos procesos de ensino-aprendizaxe. Porén, non sucede o mesmo na etapa de educación infantil, onde nos encontramos con opinións diverxentes por parte dos expertos sobre un uso precoz da tecnoloxía nesa etapa.

Así, autores como Akbiyik (2010) expoñen dúas retóricas opostas sobre o uso das TIC. Por unha parte, atopámonos cunha visión e concepción optimista, apoiada na idea de que as TIC poden mellorar os estándares académicos, sempre e cando se utilicen de forma adecuada e cun deseño adaptado e personalizado ás características do alumnado. 

Non obstante, por outra banda, a retórica pesimista «argumenta que os pais e profesores se distraen da provisión das necesidades básicas dos nenos pola presión de inicialos na tecnoloxía» (Akbiyik, 2010, p. 181). Sobre esta idea afonda o informe da Alianza para a Infancia nos Estados Unidos, sinalando que os pais e mestres deberían enfocar a educación dos máis pequenos cara ao xogo, a experiencia real con obxectos e a interacción co mundo físico, de modo que se priorizasen aspectos como a potenciación das relacións con outros seres humanos, ou o contacto co mundo natural ao seu arredor, antes que sucumbir ante unha iniciación temperá no mundo das TIC (Cordes e Miller, 2000). Do mesmo xeito, Haugland (2000) recoñece a importancia dos ordenadores e outros medios, pero resalta a necesidade de lles dar tempo aos cativos para explorar e experimentar, sobre todo antes dos tres anos.

Estas voces máis críticas esgrimen, ademais, premisas e razoamentos de diversa índole polos que non sería aconsellable utilizar as tecnoloxías e outras pantallas a tan tenras idades. Por exemplo, estudos como os desenvolvidos por Christakis, Zimmerman, DiGiuseppe e McCarty (2007) constataron como o visionado de programas de televisión con contidos violentos ou o uso de videoxogos de carácter agresivo se poden asociar coa aparición de comportamentos antisociais. Así mesmo, a exposición prolongada a estes medios implica menos tempo de dedicación a outras actividades como a lectura e a diminución da competencia verbal, o que deriva máis tarde en problemas de atención (Nathanson, Sharp, Aladé, Rasmussen e Christy, 2013). 

Aínda que é necesario ter en consideración todos estes aspectos que se comentaron, retomando esa visión positiva cara ás TIC que anticipabamos anteriormente, existen evidencias que amosan os beneficios reais de integrar as tecnoloxías no ámbito escolar, sempre e cando esta integración se leve a cabo a través de adecuadas metodoloxías pedagóxicas. Desde esta perspectiva, autores como Marqués (2014), Cánovas (2014), Reina, Pérez e Quero (2017), entre outros, centraron os seus estudos en coñecer as posibilidades didácticas e educativas de ferramentas cada vez máis comúns nas aulas de educación infantil, como son as tabletas e o encerado dixital interactivo. A súa integración no ámbito escolar, conclúen estes expertos, propiciou que os menores melloren aspectos como a comprensión, a capacidade memorística, a súa motivación para aprender, a creatividade, a aprendizaxe autónoma, o pensamento lóxico-matemático, así como o desenvolvemento de competencias básicas das diferentes áreas de coñecemento e transversais (comunicación, interacción social, educación en igualdade de oportunidades, corresponsabilidade cos outros, afectividade...), as cales contribuirán ao desenvolvemento integral da súa personalidade e á aprendizaxe permanente ao longo da súa vida. 

Outros investigadores como Marsh e Millard (2000) tamén consideran que as TIC poden ofrecer aspectos positivos nas primeiras idades, en concreto en cuestións relacionadas coa coordinación óculo-manual, resolución de problemas espaciais ou a motivación cara á lectura, xa que os nenos intentan ler palabras en xogos que lles resulten interesantes. Asemade, o emprego de diferentes aplicacións tecnolóxicas poden potenciar o traballo colaborativo en liña, así como o coñecemento inmersivo para descubrir outras culturas e realidades (Duek, 2010).

 

Metodoloxías de incorporación das TIC en educación infantil

Un dos aspectos relevantes de cara á integración das TIC co alumnado de educación infantil é a súa incorporación de forma natural, a través das mesmas actividades, secuencias, unidades didácticas ou proxectos de traballo na aula, non empregándoas de maneira illada ou inconexa, senón dentro de metodoloxías de carácter globalizador (Asorey e Gil, 2009). Neste sentido, o papel do profesorado resulta de capital importancia á hora de saber utilizar de forma eficaz as tecnoloxías, polo que deberá tomar decisións relativas a cal é o tipo de metodoloxía máis adecuada en función dos obxectivos educativos que se perseguen ou, incluso, de que maneira organizar a aula para alcanzalos.

 

O recuncho do ordenador

O traballo por recunchos responde á necesidade de establecer estratexias organizativas para poder darlles resposta ás diferenzas, intereses e ritmos de aprendizaxe de cada neno e nena (Fernández Piatek, 2009). Implica, ademais, unha visión na que a autonomía do alumnado cobra especial importancia, de modo que o docente actúa como guía e soporte das actividades propostas para traballar en cada un dos recunchos. 

Obviamente, desenvolver accións educativas a través de recunchos de traballo supón ter especial coidado na distribución espacial da aula e a súa organización, así como en cavilar o tipo de recunchos máis adecuados en función das necesidades e motivacións dos discentes. Así, podemos encontrarnos con recunchos de todo tipo: recuncho das construcións, do xogo simbólico, de plástica, de teatro, de ciencia, lóxico-matemático e, por suposto, o recuncho do ordenador ou das TIC, entre outros.

Algunhas das vantaxes fundamentais de empregar un recuncho do ordenador serían as seguintes (Chomsky, 2012): os nenos e as nenas poden traballar de forma individual, por parellas ou en pequeno grupo mediante accións de traballo colaborativo, con todas as implicacións positivas que isto supón; é unha boa forma para aprender a compartir; poténciase a aprendizaxe por descubrimento; o alumnado pode obter un feedback inmediato a través de tarefas de ensaio-erro que descobren guiados pola máquina; desenvólvese a autonomía, o poder de elección por parte dos menores, así como as súas capacidades á hora de explorar e ser creativos; mediante materiais creados polo propio profesorado (por exemplo, a través de ferramentas de autor) ou ben xa elaborados, os nenos/as poden aprender diferentes contidos a través do xogo e accións lúdicas: relacións e series lóxicas, grafomotricidade, contar obxectos etc.

A continuación, analízanse de xeito breve algunhas das metodoloxías máis comúns empregadas en educación infantil.

 

Os obradoiros

Os obradoiros son outra das estratexias útiles para integrar as TIC. Romero (2008, p. 14) defíneos como «un tipo de estrutura educativa na que o suxeito desenvolve unha actividade cun fin eminentemente práctico [...] Fundaméntase nos intereses do neno, fomentando a curiosidade». 

Esta mesma autora exemplifica que unha boa forma de utilizar o ordenador en infantil, baixo esta estrutura de obradoiro, sería o desenvolvemento dun obradoiro de contos. Neste sentido, son diversas as ferramentas que se poderían utilizar: Storybook, StoryJumper, EdiLIM, Zooburst, MyScrapBook, StoryBird etc. A través destas, os rapaces poderían elaborar as súas propias historias de forma atractiva, incorporando personaxes, obxectos, música, imaxes, vídeos, efectos etc., podendo compartir as súas creacións con outros compañeiros ou familiares. Ademais, incitaría á iniciación á lectura e, incluso, á posibilidade de traballar diferentes contidos a partir de actividades derivadas do conto.

 

Os proxectos

A metodoloxía a través de proxectos supón unha das formas preeminentes de traballo na aula cos nenos e nenas de infantil e implica a posta en marcha de accións didácticas de carácter globalizador. Parécenos interesante a proposta realizada por Vizcaíno (2008) pola secuenciación de fases e preguntas clave que debemos formularnos en cada unha delas (véxase a figura 1).

Fases dun proxecto en educación infantil segundo a proposta de Vizcaíno (2008). Extraído de Sarceda, Seijas, Fernández e Fouce (2015)

 

En calquera caso, e independentemente da estrutura ou fases que se vaian desenvolver, os proxectos deberían ter en conta unha serie de aspectos que guíen a acción formativa, entre os que podemos destacar os seguintes: débese partir dun centro de interese por parte dos nenos, así como dos seus coñecementos previos; o proxecto debe vertebrarse arredor dun tema motivador; débese traballar ao longo do proxecto de forma globalizada en diversas áreas como: crecemento en harmonía; descubrimento e exploración da contorna; comunicación e representación da realidade; é necesario ter en conta o ritmo individual de aprendizaxe; os proxectos son unha boa oportunidade para fomentar a creatividade e a imaxinación; a implicación e participación familiar é un elemento importante que permite estreitar vínculos entre os pais e nais co centro educativo.

É preciso sinalar que outro dos aspectos substanciais que hai que considerar son os materiais e os recursos necesarios para implementar o proxecto. É, neste punto, onde as tecnoloxías da información e da comunicación cobran especial relevancia e deben entenderse como un apoio e como un medio, non como un fin en si mesmas.

 

Notas conclusivas

A incorporación das TIC nos centros educativos é, hoxe en día, unha realidade. Estas adquiriron un papel cada vez máis relevante nos procesos de ensino-aprendizaxe, sobre todo como consecuencia da pandemia da covid-19. Non obstante, en non poucas ocasións desaprovéitanse as posibilidades que fornecen os recursos tecnolóxicos como mecanismo para coadxuvar nas programacións didácticas na aula de infantil e como medio para lograr aprendizaxes significativas no alumnado. Isto pode ser debido, en parte, ás carencias formativas do profesorado (García-Zabaleta, Sánchez-Cruzado, Santiago Campión, e Sánchez-Compaña, 2021), polo que é importante que os docentes acaden unha axeitada competencia dixital.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Asorey, E. e Gil, J. (2009). El placer de utilizar las TIC en el aula de infantil. Participación Educativa, 12, pp. 110-119. Recuperado de
https://bit.ly/398uj4X

Akbiyik, C. (2010). ¿Puede la informática afectiva llevar a un uso más efectivo de las tecnologías de la información y de la comunicación (TIC) en la educación? Revista de Educación, 352, pp. 179-202. Recuperado de  https://bit.ly/3OrnUSv

Brown, J. S. (2010). Growing Up: Digital: How the Web Changes Work, Education, and the Ways People Learn. Change: The Magazine of Higher Learning, 32 (2), pp. 11-20. DOI: 10.1080/00091380009601719.

Cánovas, G. (dir.) (2014). Menores de edad y conectividad móvil en España: tablets y smartphones. Madrid: Centro de Seguridad en Internet para los Menores en España: PROTEGELES.

Castells, M. (2000). The rise of the Network Society: Economy. Society and Culture. Cambridge: Blackwell.

Castro-Zubizarreta, A., Caldeiro-Pedreira, M. C. e Rodríguez-Rosell, M. M. (2018). El uso de smartphones y tablets en educación infantil. Una propuesta de investigación que empodera a la infancia. Aula Abierta, 47(3), pp. 273-280. DOI: 10.17811/rifie.47.3.2018.273-280

Cordes, C. e Miller, E. (2000). Fools’ gold: a critical look at computers in childhood. Washington DC: Alliance for Childhood.

Chomsky, D. (2012). L’ús didàctic dels mitjans de comunicació i les TIC a l’Educació Infantil. Barcelona: Editorial UOC.

Christakis, D. A., Zimmerman, F. J., DiGiuseppe, D. L. e McCarty, C. A. (2004). Early television exposure and subsequent attention problems in children. Pediatrics, 113(4), pp. 708-713. DOI: 10.1542/peds.113.4.708

Duek, C. (2010). Infancia, desarrollo y conocimiento: los niños y niñas y su socialización. Revista Latinoamericana de Ciencias Sociales, Niñez y Juventud, 8(2), pp. 799-808.

 

 

Sección: