O mundo que queremos
Iria Mariño Pérez
IES O Carril (Vilagarcía de Arousa - Pontevedra)
iriamarino@edu.xunta.gal
1. Introdución
Con oito edicións ás súas costas, Activistas polo Mundo que Queremos é un proxecto de educación para a cidadanía global. O seu obxectivo é conseguir que o alumnado sexa consciente da conexión que existe entre as realidades locais e as dinámicas globais para traballar a corresponsabilidade que todas e todos temos na construción da xustiza social. (1)
Participar neste programa de innovación educativa permitiunos traballar a educación en valores e a solidariedade co alumnado de terceiro da ESO. Desde o principio, estivo concibido como un proxecto interdisciplinario a través das materias de Lingua e Literatura Galega, Lingua e Literatura Castelá, Tecnoloxía e Educación Plástica e Visual. A maioría deste profesorado forma parte tamén do equipo de igualdade e consideramos fundamental promover a coeducación e fomentar a igualdade en todos os eidos da vida.
Esta edición estivo marcada pola situación sanitaria sen precedentes derivada da pandemia da covid-19. As restricións xerais e especificamente as dos centros educativos dificultaron moito a realización deste tipo de proxectos e obrigaron a repensar as actuacións para adaptalas a un contexto de intervención virtual.
O maior dos retos, e que levou a cabo de xeito brillante o grupo de ONGD que desenvolve o proxecto (2), foi adaptar o itinerario tradicional a un modelo de ensinanza mixta, combinando sesións presenciais nas aulas con sesións virtuais a través da plataforma de teleaprendizaxe Moodle (3).
Malia as dificultades, cómpre sinalar que se conseguiron desenvolver as actividades con certa normalidade e, sobre todo, completar o itinerario previsto grazas ao compromiso e implicación de todo o equipo profesional.
2. Obxectivos
Esta proposta achegou o profesorado e o alumnado do noso centro ás realidades dos países empobrecidos e ás dinámicas globais que perpetúan ese empobrecemento. A aula virtual serviunos de guía e empregamos o potencial das ferramentas comunicativas (a radio ou a contrapublicidade) para sensibilizar, denunciar e transformar.
A nosa pretensión era preparar o alumnado para que incorporase a conciencia de cidadanía global ás actuacións da súa vida cotiá. Para conseguilo, démoslles a coñecer os distintos contidos que nos ofrecía o proxecto. Centrámonos en tres activismos: LGTBI, antirracista e medioambientalista.
No noso caso concreto, pretendiamos influír positivamente sobre un grupo de alumnado con actitudes negativas con respecto á igualdade de xénero e raza. Mellorar a convivencia, eliminar comentarios machistas ou racistas e formar un alumnado crítico que loite pola igualdade. Consideramos este nivel un momento fundamental no desenvolvemento da conciencia e do futuro pensamento adulto.
En definitiva, o obxectivo era fomentar actitudes conscientes e activas entre alumnado e profesorado a prol da xustiza social.
Obxectivos para o alumnado
- Facilitar coñecementos e habilidades sobre a educación para a cidadanía global.
- Crear un proxecto educomunicativo e de carácter artístico arredor dos contido da educación para a cidadanía global.
- Adquirir competencias para lles facer fronte aos problemas sociais e ambientais.
- Analizar os problemas sociais e ambientais locais e a súa incidencia na contorna global, para propoñer alternativas desde o local.
- Desenvolver actividades para comunicar os problemas sociais e ambientais identificados na súa contorna próxima.
Obxectivos para o profesorado
- Facilitar coñecementos e habilidades sobre a educación para a cidadanía global.
- Explorar o nivel de coñecemento do estudantado sobre as problemáticas sociais e ambientais da súa contorna próxima.
- Coñecer e empregar ferramentas e recursos pedagóxicos e didácticos relacionados coa educación para a cidadanía global.
- Desenvolver estratexias de identificación de problemáticas locais e analizar a súa incidencia no ámbito global.
- Desenvolver metodoloxías para o acompañamento das accións e tarefas desenvolvidas polo alumnado.
3. Organización e descrición da actividade
A formación previa e a diagnose
O proxecto comezou cunha formación virtual para o profesorado de todos os centros participante (4) realizada en dúas sesións entre novembro e decembro de 2020. No documento Memoria, dispoñible na bibliografía (SIGA, AGARESO e ACPP, 2020c), está detallado como se organizou este traballo previo. Alí atopamos o marco teórico do que partiamos, os contidos do proxecto ou o manexo da aula virtual.
Para os oito docentes do noso centro as xornadas resultaron moi enriquecedoras. Falouse da educación para a cidadanía global, da axenda 2030, da sensibilización e da corresponsabilidade... e xa desde ese momento fomos recompilando materiais que sabiamos que logo iamos poder empregar nas nosas aulas.
A continuación, intentamos elaborar un diagnóstico de partida tanto do alumnado como do profesorado. Nas sesións virtuais de formación das docentes empregamos Padlet para compartir coas compañeiras doutros centros cal era a nosa motivación para participar, as expectativas iniciais, outras iniciativas postas en marcha que puidesen estar relacionadas e as características ou necesidades específicas do noso alumnado. Para finalizar, realizamos un cuestionario para identificar o coñecemento e experiencia previa en relación coas novas tecnoloxías e, tamén, cos conceptos básicos fundamentais do proxecto. (5)
En canto ao alumnado, levamos os tres grupos de terceiro da ESO á aula de informática e alí responderon un cuestionario virtual que pedía o seu posicionamento en asuntos relacionadas cos tres eixes de traballo: o xénero, o discurso do odio e o medioambiente (6). A idea era ter esa fotografía da situación de partida e ver a súa evolución unha vez finalizado o proxecto.
A viaxe cara ao mundo que queremos en seis paradas
Empregando como guía a aula virtual, establecéronse seis paradas para traballar os contidos do proxecto. Podemos dividilas en dous bloques:
O primeiro titulouse COÑECENDO E CONCIENCIÁNDONOS. Nel realizamos tres paradas:
Parada 1. Que significa ser activista?
A través do contorno virtual e dun xeito moi lúdico, traballamos co alumnado o que se entende por persoa activista, que habilidades e destrezas as caracterizan e coñeceron o exemplo de activismos arredor do mundo.
Vídeo introdutorio da primeira parada
Parada 2. Achegámonos a outros contextos sociais: distintas voces para unha mesma realidade.
Aquí, aproximámonos de xeito virtual ás realidades de persoas activistas nos países onde está presente a cooperación galega: A República Dominicana, O Salvador, Guinea Bissau e Marrocos. Así coñecemos algunhas das súas principais preocupacións: atallar o avance da chamada Illa de Plástico, acabar coa ablación xenital feminina, loitar contra a LGTBIfobia...
Genialy da aula virtual co que viaxamos a outras realidades
Nesta altura tamén traballamos desde as materias de lingua as claves dunha boa entrevista (7). Na seguinte parada tocaríanos poñelo en práctica cunha destas activistas.
Parada 3. Encontros con activistas do sur.
No noso centro tivemos a sorte de poder entrevistar virtualmente a Grecia Villalobos, unha activista trans da organización salvadoreña COMCAVISTRANS. A rapazada mostrouse moi activa e participativa. Malia non poder recibila en persoa polas restricións sanitarias, quedaron fortemente impactados pola dureza das situacións que Grecia lles contou: a violencia contra o colectivo, a pobreza, a brutalidade policial e a prostitución como única saída para moitas desas mulleres...
Encontro virtual coa activista Grecia Villalobos
O segundo bloque leva por nome PASANDO Á ACCIÓN. Con el chegamos á parte máis práctica do proxecto.
Parada 4. Comunicación transformadora e activismos.
Afondamos xunto co alumnado no significado deste concepto e eliximos os activismos (xénero, antirracismo e medioambientalista) sobre os que queriamos traballar no programa de radio.
Establecemos grupos de traballo de tres ou catro persoas. Cada un escolleu o seu activismo e o tema para a reportaxe radiofónica (8). Intentamos que seleccionasen temas próximos e concerta conexión local.
Parada 5. Comeza a acción: obradoiro de radio.
Este foi un dos momentos máis emocionantes do percorrido. Encantoulles todo o proceso de elaboración do programa, desde a parte técnica ata a selección musical ou a repartición de papeis e labores ante o micro.
Os programas foron moi entretidos e contaron con temas do máis variado: a asociación Afrogalegas (da que é integrante unha das profesoras do centro), a protectora de animais de Vilagarcía, os problemas ambientais de Carril, unha análise de música machista ou a historia do colectivo LGTBI+.
Un dos grupos gravando o seu podcast
Parada 6. Cartelería contrapublicitaria.
Para finalizar, traballamos co Departamento de Educación Plástica e Visual para elaborar cartelería contrapublicitaria na que se visibilizasen os coñecementos adquiridos e se denunciasen diferentes situacións como a explotación, o consumismo…
Algúns exemplos da cartelería contrapublicitaria elaborada polo noso alumnado
Estaba previsto saír á rúa para amosarlle á cidadanía o traballo realizado, pero as condicións sanitarias non o permitiron. O que si fixemos foi montar unha pequena exposición para que todo o alumnado do centropuidese coñecer o que aprendemos con este proxecto.
4. Avaliación e conclusións
Como xa se mencionou, realizouse un diagnóstico inicial para establecer o punto de partida e unha avaliación final para coñecer os logros do proxecto.
Na fase final, as ONGD encargadas das actividades entrevistaron a profesora coordinadora e organizaron un grupo de discusión co profesorado participante.
Pola súa banda, o alumnado volveu realizar a enquisa inicial e creouse un grupo de discusión con algúns deles para analizar o que levaban traballado. Para rematar, valoraron o proxecto da seguinte maneira (a escala vai do 1 ao 5, onde 5 é a máxima nota posible):
Valoración das sesións de traballo
Parada 1. Que significa ser activista?........................................ 3,32
Parada 2. Achegámonos a outras realidades............................ 3,49
Parada 3. Encontros con activistas doutros países................... 3,59
Parada 4. Comunicación transformadora.................................. 3,44
Parada 5. Obradoiro de radio.....................................................3,99
Parada 6. Ciberactivismo............................................................3,54
Valoración da aula virtual
Como valoras a AULA VIRTUAL do proxecto (a plataforma Moodle)?
Moi boa | 24,24 % |
Boa | 46,21 % |
Regular | 20,08 % |
Mala | 3,79 % |
Moi mala | 4,92 % |
Valoración do proxecto
- Satisfacción global co proxecto .........................................3,69
- Recomendarías este proxecto a outras compañeiras e compañeiros? 83% SI
- Recomendaríaslles aos teus profesores e profesoras que seguisen traballando en proxectos similares nos vindeiros cursos? 83% SI
Alén das enquisas, tamén esquematizamos os aspectos que máis lle gustaron ao alumnado e aqueles que consideran que se poderían mellorar en próximas edicións:
Puntos fortes do proxecto
- As historias das distintas persoas activistas.
- A creación do programa de radio.
- A parada relativa á publicidade e contrapublicidade.
- Coñecer a cultura doutros países.
- Os xogos e as estruturas que se usaron para explicar os conceptos.
- Os vídeos de Rocío, a monitora do obradoiro de radio.
- Ademais de aprender sobre o activismo, tamén aprendemos a manexarnos mellor coas tecnoloxías.
Puntos febles do proxecto
- Non ter o contacto directo coas monitoras e non poder coñecer en persoa o alumnado doutros centros de Galicia.
- Problemas de conexión a Internet.
- As sesións foron virtuais e non puideron facerse encontros presenciais con activistas e monitoras.
Como se pode apreciar, as principais feblezas que sinalan son debidas a cuestións técnicas ou provocadas pola propia situación sanitaria; polo que consideramos que son facilmente solucionables en vindeiras edicións. Malia a satisfacción xeral, quedamos coa sensación de que, noutro contexto, a experiencia sería aínda máis enriquecedora, así que o que máis nos gustaría sería poder volver participar no proxecto nun futuro próximo—no que xa non existan estes condicionantes— para poder aproveitar todo o seu enorme potencial.
(1) A guía pedagóxica do proxecto —moi completa e útil— está dispoñible para a súa consulta na Rede. Solidariedade Internacional de Galicia (SIGA), Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) e Asemblea de Cooperación Pola Paz (ACPP), 2020a.
(2) Solidariedade Internacional de Galicia (SIGA), Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) e Asemblea de Cooperación Pola Paz (ACPP).
(3) (SIGA, AGARESO e ACPP., 2021a).
(4) Seis foron os centros que participaron nesta edición: CPI As Mirandas (Ares-A Coruña); CPI Castroverde (Castroverde-Lugo); CPI Toural (Vilaboa-Pontevedra); CPR Plurilingüe Rosalía de Castro (Vigo-Pontevedra), IES Miguel Ángel González Estévez (Carril-Vilagarcía de Arousa-Pontevedra); IES Primeiro de Marzo (Baiona-Pontevedra).
(5) Tanto o cuestionario como os resultados pódense consultar no documento de diagnose recollido na bibliografía (SIGA, AGARESO e ACPP, 2021a).
(6) Tanto o cuestionario como os resultados pódense consultar no documento de diagnose recollido na bibliografía(SIGA, AGARESO e ACPP, 2021a).
(7) As ONGD responsables do proxecto redactaron un documento a xeito de guía para que o alumnado saiba facer boas preguntas (SIGA, AGARESO e ACPP, 2021b).
(8) Na aula virtual do proxecto existían indicacións de como facer unha reportaxe radiofónica (organización, estrutura da información, escada…).
(9) Pódense escoitar en formato podcast na plataforma Ivoox(VV.AA., 2021a,b,c).
Solidariedade Internacional de Galicia (SIGA), Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) e Asemblea de Cooperación Pola Paz (ACPP) (2020a). Guía pedagóxica. O mundo que queremos 2020/2021. Recuperado de https://drive.google.com/file/d/17M_BlsVmW-eVwQKvBkwWGhhrvKdidAUE/view
Solidariedade Internacional de Galicia (SIGA), Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) e Asemblea de Cooperación Pola Paz (ACPP) (2020b). Aula virtual. O mundo que queremos. Recuperado de https://drive.google.com/file/d/17M_BlsVmW-eVwQKvBkwWGhhrvKdidAUE/view
Solidariedade Internacional de Galicia (SIGA), Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) e Asemblea de Cooperación Pola Paz (ACPP) (2020c). Memoria de formación. O mundo que queremos 2020/2021. Recuperado de https://www.dropbox.com/s/9voxyphe1fsdvbz/Anexo%202.-%20Memoria%20formaci%C3%B3n%20Activistas%20polo%20Mundo%20que%20Queremos.pdf?dl=0
Solidariedade Internacional de Galicia (SIGA), Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) e Asemblea de Cooperación Pola Paz (ACPP) (2021a). Diagnose inicial. O mundo que queremos 2020/2021. Recuperado de https://www.dropbox.com/s/wwfaxomdbfrotzn/Anexo%204.%20%20Diagnose.pdf?dl=0
Solidariedade Internacional de Galicia (SIGA), Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) e Asemblea de Cooperación Pola Paz (ACPP) (2021b). Boas preguntas para unha boa entrevista. Recuperado de https://aula.omundoquequeremos.org/pluginfile.php/1425/mod_resource/content/3/Preguntas%20para%20unha%20boa%20entrevista.pdf
VV.AA. (2021a). Programa final desde o Miguel Ángel González Estévez. 3ºA. [Audiopodcast]. Recuperado de https://www.ivoox.com/programa-final-dende-o-ies-miguel-angel-gonzalez-audios-mp3_rf_67328540_1.html
VV.AA. (2021b). Programa final desde o Miguel Ángel González Estévez. 3ºB. [Audiopodcast]. Recuperado de https://www.ivoox.com/programa-final-dende-o-ies-miguel-angel-gonzalez-audios-mp3_rf_66975164_1.html
VV. AA. (2021c). Programa final desde o Miguel Ángel González Estévez. 3ºC. [Audiopodcast]. Recuperado de https://www.ivoox.com/programa-final-dende-o-miguel-angel-gonzalez-estevez-audios-mp3_rf_66876746_1.html