O Camiño de Santiago virtual

O proxecto que aquí se presenta xorde dentro do Plan de vida activa e saudable do centro na busca do aumento de actividade física do alumnado. Para iso, entre outras propostas, fixemos o Camiño de Santiago de xeito virtual.

Manuel Losada González e  Miguel Varela Pereira, mestres de Educación Física
Mónica Mato Seijas, profesora de Educación Física
CPI Castro Baxoi (Miño - A Coruña)

 

Contextualización

O proxecto que aquí se presenta ten como punto de partida o problema relacionado co incremento do sedentarismo entre os habitantes dos denominados países desenvolvidos e que é especialmente preocupante entre os sectores máis novos da poboación.

Organismos como a Organización Mundial da Saúde (OMS) ou a Fundación Española do Corazón levan décadas poñendo o acento sobre os graves problemas que o sedentarismo e a obesidade están a provocar na poboación dos denominados países desenvolvidos e que xa son consideradas unha das «pragas» do presente século XXI.

No caso do sedentarismo, as estatísticas barallan cifras realmente alarmantes, como que, por exemplo, en España un 25 % da poboación masculina e máis dun 30 % da feminina non realiza ningún tipo de actividade física. Por outra banda, no caso da obesidade, os datos son bastante desesperanzadores, xa que se calcula que arredor dun terzo dos españois teñen sobrepeso ou obesidade e esta tendencia vai en aumento.

Esta situación é especialmente preocupante entre a poboación infantil e adolescente, tendo en conta que estas son dúas etapas nas que, de xeito natural, os humanos realizan máis actividade física a través do xogo xa sexa este espontáneo ou organizado e regrado, como é o caso do deporte. Esta tendencia natural estase a inverter debido a incorporacións de novos xeitos de ocupar o tempo de lecer que non implican ningún tipo de actividade física e si o manexo de dispositivos con pantallas a través das que os mozos establecen unha gran parte da súa relación co contorno físico e social.

Neste sentido, é sobradamente coñecida a relación directa entre a práctica regular de actividade física e a saúde en todos os seus aspectos: físico, psíquico e social; e non o é menos a que existe entre o sedentarismo e a maior prevalencia de enfermidades cardiovasculares, diabetes, certas formas de cancro, afeccións respiratorias e enfermidades osteoarticulares, entre outras. 

Ante este contexto, o CPI Castro Baxoi, dentro dunha estratexia global de centro, leva anos poñendo en marcha diferentes iniciativas de prevención do sedentarismo entre o alumnado, como poden ser os denominados «recreos activos» e a organización de saídas extraescolares especificamente enfocadas á actividade física.

A máis formal das devanditas iniciativas foi a participación desde o curso académico 2018/19 no Proxecto de vida activa e deportiva, na modalidade DAFIS, que forma parte do denominado Plan Proxecta da Consellería de Educación.

A acción DAFIS do Plan Galicia saudable é unha ferramenta para o rexistro da condición física relacionada coa saúde nos escolares; está promovido pola Xunta de Galicia, coordinado pola Secretaría Xeral para o Deporte e leva funcionando nos centros escolares de toda Galicia desde o curso 2012/13.

No primeiro ano de implementación (2018/19), a plataforma DAFIS brindounos unha diagnose moi útil sobre a situación do alumnado do centro. Por exemplo, no relativo ao índice de masa corporal (relación entre peso e altura), os valores obtidos foron altos en xeral e sempre en sintonía cos datos no contexto nacional comentados anteriormente. Á vista dos resultados e de cara ao que ía a ser o vindeiro curso, o 2019/20, decidimos que adoptariamos estratexias co fin de reverter esta situación. Desgraciadamente, ese curso foi o dos confinamentos e o do ensino non presencial.

Xa de volta no curso 2020/21 atopámonos nunha situación inédita, seguiamos coa pandemia e con todas as restricións derivadas dos protocolos sanitarios. As posibilidades de realizar actividade física diminuíron drasticamente polas recomendacións (e incluso prohibicións nalgunhas situacións) de reducir o contacto social: os nenos e nenas deixaron de ir, en boa medida, a actividades extraescolares ou deportivas, foron menos ao parque, non quedaban coas súas amizades etc.

O Camiño de Santiago Virtual nace dentro deste contexto de sedentarismo, agravado pola situación pandémica e coa necesidade de buscar iniciativas que sorteasen as dificultades derivadas dos restritivos protocolos covid e que facían imposible levar a cabo actividades como as que tradicionalmente viñamos poñendo en marcha antes da aparición do virus.

Aproveitar as pulseiras de actividade que moitos dos nosos alumnos tiñan e ás que non lles sacaban rendemento, contar os pasos que cada un de nós damos todos os días e invitar a sumar máis pasos como estratexia para incrementar actividade física diaria convertéronse nas nosas ferramentas para levar a cabo esta iniciativa.

Cabe destacar que o concello de Miño é punto de paso e de parada do Camiño de Santiago do Norte. De feito, nas inmediacións do edificio atópase un albergue de peregrinos e tamén cómpre lembrar que o 2021 foi Ano Xacobeo.

Buscabamos animar o noso alumnado a realizar actividade física, pero tiña que ser algo lúdico con algún tipo de propósito ou reto para que resultase motivante de cara ao alumnado e próximo ao contexto dos rapaces e rapazas.

 

Obxectivos

Os obxectivos que perseguimos van da man co exposto no proxecto de vida activa e deportiva:

  • Mellorar a condición física do alumnado.
  • Crear e promover hábitos saudables relacionados coa actividade física.
  • Aumentar o tempo de actividade física do alumnado dentro e fóra do horario escolar.
  • Involucrar a toda a comunidade educativa nun proxecto de vida activa e saudable.
  • Recoñecer a importancia do Camiño de Santiago como patrimonio cultural de Galicia.

 

Recursos empregados

Recursos materiais

  • Pulseiras de actividade (tipo Xiaomi Mi Band, Huawei Band...) ou reloxos que rexistraban os pasos e/ou a distancia percorrida
  • Equipos informáticos do centro

Recursos tecnolóxicos

  • Aula virtual do centro
  • Taboleiro virtual Padlet
  • Plataforma de videoxogos Scratch

Recursos persoais

A coordinación e posta en marcha deste proxecto foi levada a cabo polos tres profesores especialistas de Educación Física que imparten docencia en todos os niveis educativos do centro.

Cabe destacar que este proxecto non se podería levar a cabo sen a colaboración dos titores e especialistas das etapas de primaria e infantil e da dos profesores de secundaria que quixeron colaborar nel.

 

Descrición das actividades e a súa metodoloxía

A. O CAMIÑO DE SANTIAGO VIRTUAL

O centro no que se levou ao cabo o proxecto, o CPI Castro Baxoi (Miño-A Coruña), conta con diferentes niveis educativos que van desde a educación infantil ata a educación secundaria. Este  proxecto desenvolveuse en todos eses niveis adaptándoo ás correspondentes idades, posibilidades e particularidades do alumnado de cada etapa.

O fío condutor de todo o proxecto foi a realización do percorrido inglés do Camiño de Santiago, que vai desde a cidade de Ferrol ata Santiago de Compostela e que pasa por Miño.

Esta actividade levouse ao cabo no terceiro trimestre do curso 2020/21, entre os meses de abril e xuño.

 

Etapa de educación infantil

Para o alumnado de educación infantil elaborouse un percorrido no patio e zona verde do centro de arredor de 500 metros. Dividiuse a totalidade da ruta Ferrol-Santiago en 10 etapas. Cada vez que os alumnos facían o percorrido do patio equivalía a unha etapa feita do camiño. O grupo-clase, acompañado da titora e outro profesorado de apoio, realizaba este percorrido en horario lectivo.

A realización de cada etapa quedaba plasmada na credencial de peregrino, onde os alumnos, xa na clase, escribían o nome da poboación á que chegaran e a profesora poñíalles un cuño co selo que se creou especificamente para este proxecto.

Ao rematar todo o Camiño recibían a credencial, asinada polos profesores e co selo do centro, xunto cun adhesivo coa súa mascota favorita das que aparecen na figura que encabeza este apartado e que forma parte dun traballo interdisciplinario na etapa de secundaria e do que falaremos posteriormente.

 

Etapa de educación primaria e secundaria

O alumnado de educación primaria e secundaria tivo que camiñar toda a distancia correspondente ao Camiño Inglés, que vai desde Ferrol ata a catedral de Santiago, é dicir, 121,5 km. O percorrido estaba dividido en pequenos tramos significativos (cada traxecto chegaba a un de entre 1,5 e 10 km).

Os pasos que percorrían diariamente na súa vida cotiá servían para avanzar ao longo do Camiño e computáronse grazas ao uso durante todo o día dunha pulseira de actividade. Esta pulseira, na meirande parte dos casos, era propiedade dos alumnos e alumnas, aínda que o Departamento de Educación Física dispón dunha cantidade suficiente para prestárllelas a aqueles que non dispoñían dunha.

O alumnado tivo que comprometerse, ao inicio do proxecto, a unha serie de aspectos, como a realización dos pasos ou distancias acordados, de levar posta a pulseira de xeito continuado, a participación das familias e a ir cubrindo a súa credencial cos datos que diariamente lle mostraba a súa pulseira/reloxo.

Para estas etapas tamén se elaborou unha credencial de peregrino adaptada ao formato de pasos/km, de xeito que cada día anotaban o número de quilómetros en función dos pasos dados. Para a conversión tomouse como referencia o estudo feito por Aguilar et al. (2020) e estimouse como norma xeral que cada paso dun alumno de primaria equivalía a 60 centímetros e a 70 para os de secundaria.

No apartado específico para este proxecto creado na aula virtual do centro inseriuse unha calculadora de pasos.

Así mesmo, os alumnos dispoñían dun pequeno programa no motor de videoxogos Scratch elaborado por alumnos do centro no contexto dun traballo interdisciplinario (véxase máis adiante) no que unha das mascotas deste proxecto interactúa co peregrino e lle axuda a realizar o cálculo da distancia percorrida cada día e mesmo lle indica en que poboación se atopa.

En definitiva, paso a paso, os alumnos ían completando o Camiño e anotaban na súa credencial o punto aproximado ao que chegaban. Ao chegar á catedral entregábaselles a credencial asinada polo profesorado e cos selos do proxecto e do centro.

B. SEGUIMOS CAMIÑANDO

Como colofón á realización virtual do Camiño, e dentro das posibilidades que permitiu a situación da pandemia, propuxéronse actividades reais sobre o Camiño de Santiago Inglés que, como xa dixemos ao comezo deste artigo, pasa pola localidade de Miño.

- Na etapa de educación infantil, os alumnos e alumnas realizaron unha visita ao albergue de peregrinos de Miño, que está situado ao carón do noso centro.

- Saída ao tramo do Camiño de Santiago: para o alumnado de educación primaria organizouse unha saída para realizar unha pequena parte do Camiño Inglés que pasa por Miño.

C. O NECESARIO TRABALLO INTERDISCIPLINARIO

Paralelamente a este camiño virtual, outros docentes colaboraron activamente no proxecto.

  • Educación Plástica Visual e Audiovisual en cuarto da ESO

Nesta materia o alumnado deseñou cinco mascotas que serviron para acompañar o proxecto na aula virtual, nas ferramentas virtuais deseñadas e nas credenciais nas que os alumnos ían recollendo o seu progreso.

  • Materia optativa de Programación de terceiro da ESO

Por outra banda, na materia de Programación e no contexto do Plan Proxecta Aprendo programando, os alumnos e alumnas desenvolveron o videoxogo en Scratch do que falamos anteriormente. Cabe destacar que estaba deseñado de xeito que o usuario podía elixir entre as cinco mascotas e, despois de introducir os datos, o boneco elixido movíase ao longo do camiño virtual.

  • Traballo interdisciplinario en sexto de primaria

Realizáronse traballos e fichas, desde distintas áreas, para traballar contidos como os relacionados co patrimonio do Camiño Inglés, vocabulario en inglés relacionado co Camiño de Santiago, do impacto social, cultural e económico do Camiño...

 

D. AS NOVAS TECNOLOXÍAS NO PROXECTO

Como xa se foi detallando ao longo deste artigo, o uso das novas tecnoloxías foi esencial para a levar a cabo este proxecto do camiño virtual.

  • Plataforma Moodle-Aula virtual do centro

Grazas a esta plataforma, o alumnado dispoñía dun foro de dúbidas, dunha calculadora de pasos-distancia, dun mapa do Camiño, dos perfís das etapas e da ligazón a unha visita á catedral de Santiago en 3D.

  • Videoxogo de Scratch e foro de comentarios, para realizar un intercambio de experiencias.
  •  Padlet (ferramenta para crear paneis ou murais colaborativos), co que se inseriron na aula virtual os seguintes recursos:

a) Un mapa interactivo do Camiño, que lle permitía ao alumnado ir marcando a súa localización cada día e compartilo cos compañeiros.

b) Un taboleiro para compartir cos compañeiros e profesores as súas experiencias e opinións sobre o proxecto ao finalizar o Camiño.

 

Avaliación e conclusións

Educación infantil

Ao tratarse dunha actividade realizada en horario lectivo, participou nela todo o alumnado desta etapa.

O alumnado mostrouse moi motivado e ilusionado durante a participación neste proxecto. Colleron con moito agrado a actividade e mostrábanse moi motivados para saír (aínda que só fose dun xeito virtual) facer un tramo do Camiño e chegar ata a seguinte poboación. Ao rematar o Camiño levaron con moito orgullo a súa credencial de peregrino asinada e selada.

Educación primaria

En educación primaria, o alumnado matriculado durante ese curso eran 282 alumnos e alumnas. Ao tratarse dunha actividade realizada dentro e fóra do horario lectivo, a participación nel era voluntaria. Apuntáronse un total de 261 nenos e nenas (un 93 % dos matriculados) e a adherencia ao proxecto, é dicir, remataron o Camiño de Santiago Virtual, 219 persoas (o 84 % dos que o comezaron).

O alumnado estaba moi implicado co proxecto, exteriorizando unha gran motivación de cara a aumentar os pasos diarios para rematar canto antes. Neste sentido, o videoxogo empregado para contabilizar os quilómetros percorridos parece que xogou un papel importante, ademais de levar a credencial asinada e selada.

  Educación secundaria

O número de alumnos e alumnas de educación secundaria participantes no proxecto foi de 72 (un 48 % dos matriculados na ESO) dos cales 68 remataron o Camiño e entregaron a credencial para acreditalo (un 97 %).

O 92 % do alumnado participante estaba nos primeiros cursos da ESO (primeiro e segundo) e o 8 % restante en terceiro da ESO, os alumnos de cuarto non participaron na iniciativa. Isto fainos pensar que este tipo de iniciativas pode ter mais aceptación entre o alumnado dos cursos máis baixos e que deben ser implementadas outras actividades para os cursos máis altos, que parecen mostrar outros intereses á hora de facer actividade física.

No Padlet ao que podían acceder os alumnos para compartir a súa experiencia destacaron a actividade como interesante, entretida, orixinal e que os obrigou a incrementar o número de pasos diarios.

Moitos dos alumnos tamén expresaron o seu interese en repetir experiencias similares.

Unha vez rematado o proxecto, queremos destacar algunhas conclusións/reflexións que, desde o noso punto de vista, son importantes:

- A obesidade e o sedentarismo estanse a converter nun problema presente e futuro na nosa sociedade e a pandemia non fixo máis que agravar esta situación debido xa non só ao confinamento senón ás restricións impostas que limitaron a práctica de actividade física regular entre o noso alumnado.

- O conxunto de docentes, e non só os profesores de Educación Física, teñen un papel fundamental na promoción de hábitos de vida saudables entre o seu alumnado.

- Iniciativas como a que aquí expoñemos non substitúen as actividades deportivas que adoitaban practicar os nenos e adolescentes, pero no seu momento serviu para tratar de reverter unha situación que ademais supuxo unha experiencia moi positiva para todo o alumnado e o profesorado implicado nel.

- As actividades baseadas en retos persoais e poder compartir os logros acadados é un elemento motivador en si mesmo que garante o éxito das nosas propostas de aula na materia de Educación Física.

- As tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) moitas veces son vistas como unha das causas do aumento do sedentarismo, pero podemos aproveitar as súas vantaxes para motivar cara á práctica de actividade física e para monitorizar a súa realización.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Aguilar Reguero, J. L., Subires Gómez, P., González Suárez, A. J. (2020). Relación entre talla y longitud del paso en niños de educación primaria. Journal of Physical Education and Human Movement, 2(2), 21-35.

Alonso, J. (2008). El camino de Santiago: Guía de vivencias del peregrino del siglo XXI. España: Desnivel.

Fernández Tolosa, S. (2021). Caminos de Santiago: 25 rutas jacobeas. España: GeoPlaneta.

Páxina web da OMS

 

 

Sección: