Análise dos estados de execución de orzamentos públicos autonómicos: o caso dos programas operativos rexionais e plurirrexionais dos fondos estruturais

Concreción da análise da execución orzamentaria consecuencia da aplicación das políticas económicas públicas en Galicia
Este traballo presenta o desenvolvemento dunha práctica pensada para afondar no coñecemento tanto da xestión de políticas europeas como para estudar e interpretar a complexidade da execución orzamentaria. A través da súa realización, o alumnado universitario e dos ciclos das familias de Administración e Xestión, Comercio e Márketing e de bacharelato de Economía poderá entender os fundamentos da xestión económica pública e a aplicación deste coñecemento á toma de decisións complexas que afectan á realidade socioeconómica.

Diego Sande Veiga
José Ramón Sande Veiga
Profesores de Organización e Xestión Comercial e de Administración de Empresas
diego.sande.veiga@edu.xunta.gal

 

1. Contextualización

Os fundamentos para a interpretación da xestión orzamentaria revélanse como fonte de coñecemento indispensable para a comprensión e a aplicación das políticas públicas provenientes da Unión Europea (UE). Desde o ámbito educativo nace esta proposta didáctica cuxa utilidade se enmarca dentro do ámbito dos estudos universitarios en Administración de Empresas e Economía, así como na formación profesional para módulos como o de Xestión Financeira (CS de Administración e Finanzas), Sistemas de Xestión Empresarial (CS de Desenvolvemento de Aplicacións Multiplataforma) ou Financiamento Internacional (CS de Comercio Internacional), malia a súa utilidade para a análise de resultados empresariais ser extensible a outras familias profesionais e a materias de bacharelato como Economía.

2. Introdución

Ante a acumulación de desventuras económicas debidas á concatenación da gran recesión coa pandemia de SARS-CoV2, a UE decidiu poñer en marcha instrumentos anticíclicos para tratar de contrarrestar os devastadores efectos socioeconómicos acaecidos. En concreto, a UE conta co orzamento comunitario do septenio 2021-2027 e cun instrumento que destaca sobre os demais: os fondos NextGenerationEU.

Os fondos NextGenerationEU son un instrumento temporal concibido para impulsar a recuperación e modernización económica e que foi dotado con 750 000 millóns de euros para os 27 estados membros durante o período 2021-2024. Para isto, NextGenerationEU contará cunha serie de mecanismos que permitirán a súa instrumentalización: i) omecanismo europeo de recuperación e resiliencia (dotado con 672 500 millóns de euros), consistente en préstamos e subvencións destinados a mitigar o impacto económico e social da pandemia e a promover a sostibilidade e resiliencia fronte ás transicións ecolóxica e dixital; ii) o mecanismo REACT-UE, baseado en axudas á recuperación para a cohesión e os territorios para contribuír á recuperación ecolóxica, dixital e resiliente da economía (47 500 millóns de euros); iii) ademais, NextGenerationEU achegará fondos adicionais a outros programas ou fondos europeos, como Horizonte 2020, InvestEU, Desenvolvemento Rural ou o Fondo de Transición Xusta (FTX).

Segundo as estimacións actuais, dos tres cuartos de billón de euros asignados a NextGenerationEU, uns 140 000 millóns de euros serán destinados ao conxunto do Estado español que, como contrapartida a estas axudas e ao brexit, incrementou as súas achegas ao orzamento comunitario. A contía que percibirá Galicia situarase arredor dos 9400 millóns de euros, asignados principalmente en función da participación da economía galega no PIB estatal. Non obstante, a execución deste suposto «maná» de fondos europeos en Galicia non estará exenta de dificultades.

3. Parte experimental e interpretación das problemáticas de execución

Dous dos principais retos que a execución orzamentaria debe enfrontar de cara ao vindeiro período de programación son:

a) a produtividade dos investimentos no proceso de reconstrución e modernización económica

b) a recuperación de certo nivel de cohesión e igualdade. Tras a análise dos datos públicos, e con esta idea de fondo, son varias as problemáticas de eficacia e eficiencia que deberán ser debatidas polo alumnado ao longo da actividade respecto das actuais propostas de aplicación dos recursos europeos e de programas como NextGenerationEU:

1. En primeiro lugar, cómpre sinalar o problema competencial. As comunidades autónomas executarán apenas o 50% de fondos como NextGenerationEU. Isto implicaría o incumprimento parcial do principio de subsidiariedade, xa que non sería a Administración máis próxima —a que mellor coñece as necesidades existentes— a que estaría a aplicar gran parte dos recursos.

2. Unha segunda problemática consecuencia da anterior que deberá ser introducida é o risco de que os recursos mobilizados para a modernización tecnolóxica galega acaben captados por grandes empresas, como xa aconteceu no pasado (Sande & Vence, 2019; 2021), en vez de irrigar un tecido produtivo constituído maioritariamente por pequenas e medianas empresas.

3. O terceiro dos grandes problemas que se debate será a existencia dunha estratexia de investimento clara e coñecida pola cidadanía. Se pensamos en termos de modernización e innovación da economía, o alumno debe comprender que sería conveniente a existencia dunha aproximación sistémica ás necesidades e capacidades do territorio.

4. En cuarto lugar, cómpre entender a necesidade da existencia de procesos de avaliación continuados das políticas, tanto no ámbito de deseño e de estratexia como ao nivel de execución e impacto.  

5. Un quinto aspecto que se vai tratar sería analizar os aspectos favorables e os inconvenientes dos modelos de xestión público-privada  dos recursos públicos. Un aspecto que hai que destacar será a perda de control e posible  arbitrariedade na selección de investimentos que se van financiar, así como a centrifugación de responsabilidades e de funcións propias da Administración pública (TCE, 2018).

6. Analizarase a complementariedade dos investimentos con outras fontes de financiamento. Así, o instrumento NextGenerationEU presentaría complementariedades con outros recursos europeos de tipo FEDER, FSE, FEADER e FEMP que cómpre aproveitar de forma estratéxica, máxime nun contexto no que o orzamento europeo se elevará ata os 1,105 billóns de euros no período 2021-2027.

7. Debater e analizar o papel da política industrial. No ámbito europeo, esta adoita ocupar un plano secundario (cando non inexistente). O alumnado deberá comprender que o acompañamento dunha política industrial aos investimentos para a modernización e a innovación permitiría incrementar o tamaño das empresas galegas e mellorar as capacidades do territorio en sectores clave.

3.1. Datos de partida

O conxunto de datos que se empregarán como entrada do algoritmo son os dispoñibles ofrecidos polas administracións públicas. Para a presente proposta empregarase a información ofrecida pola Consellería de Facenda da Xunta de Galicia dos estados de execución dos diferentes programas operativos do período 2014-2020 enProgramas operativos 2014-2020 (Consellería de Facenda, 2021) e NextGenerationUE en Galicia (Xunta de Galicia, 2021).

3.2. Material

Empregarase o seguinte material:

  • Computador
  • Conexión á Rede

3.3. Programas e aplicacións informáticas necesarias

  • Paquete de ofimática (Office, Libre Office ou similar) que permita o traballo con folla de cálculo
  • Editor de texto (Bloc de Notas, Gedit ou similar)

3.4. Preparación dos datos para a análise

A entrada de datos require dunha ordenación/formato que permita a correcta interpretación da información. En particular, os datos deben presentarse nunha táboa dunha folla de cálculo tabulados en catro columnas. Unha destinada a identificar o programa operativo, outra para determinar o importe concedido, outra para o importe executado e unha última para calcular a porcentaxe de execución do programa operativo.

3.5. Tratamento e análise dos datos

Previo ao debate, o alumnado deberá elaborar unha táboa de información propia coa seguinte estrutura.

Táboa 1. Estado de execución dos programa operativos europeos en Galicia

Programa operativo

Orzamento concedido

Orzamento executado

Porcentaxe de execución

PO FEDER Galicia 2014-2020

%

PO FSE Galicia 2014-2020

%

PO FEDER Plurirrexional de España 2014-2020

%

PO FEDER Crecemento Intelixente 2014-2020

%

PO FEDER Crecemento Sostible 2014-2020

%

PO FEDER Iniciativa PEME 2014-2020

%

PO FSE Emprego Xuvenil 2014-2020

%

PO FSE Emprego, Formación e Educación 2014-2020

%

PO FSE Inclusión Social e da Economía Social 2014-2020

%

PO FSE Asistencia Técnica 2014-2020

%

PO do Fondo de AxudaEuropea para as persoas máis desfavorecidas (FEAD) 2014-2020

%

PO CTE Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP)2014-2020

%

PO CTE Transnacional Espazo Atlántico 2014-2020

%

PO CTE Transnacional Espazo Suroeste 2014-2020

%

PO CTE Interrexional Europa 2014-2020

%

Fonte: elaboración propia do alumnado

 

Cos datos de partida da táboa, o estudantado elaborará posteriormente un gráfico presentando a información.

 

4. Resultados e interpretación

Tras a realización das actividades propostas, o alumnado deberá comprender que a falta dunha planificación e programación adecuada poderá provocar novamente dificultades de execución e problemas de absorción dos fondos, tal e como se explica no ensaio O estrangulamento tecnolóxico de Galiza (Sande, 2020). Pola súa vez, o alumnado interiorizará que a falta dunha estratexia sistémica poderá derivar en problemas de execución dos recursos europeos, producindo como externalidade negativa o posible desaproveitamento parcial dos recursos. Desta maneira, é moi posible que parte das expectativas xeradas cos investimentos europeos non se poidan cumprir e o aproveitamento e impacto destes sexa máis reducido do que cabería agardar.

 

 

 

Bibliografía: 

 

 

Consellería de Facenda (2021). Programas operativos 2014-2020 [en liña]. Dispoñible en  https://www.conselleriadefacenda.es/es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/programas-operativos-2014-2020

Sande, D. (2020). O estrangulamento tecnolóxico de Galiza. Análise das políticas europeas para innovación rexional durante a gran recesión. Santiago de Compostela: Laiovento.

Sande, D. & Vence, X. (2019). Avaliación da execución do Programa Fondo Tecnolóxico 2007-2013 en Galicia: resultados, concentración das axudas e fugas de recursos. Revista Galega de Economía, vol. 29(3), 92-114. DOI: https://doi.org/10.15304/rge.28.3.5926

Sande, D., & Vence, X. (2021). Impacto dos fondos estruturais para innovación sobre a innovación empresarial: unha análise a través dos indicadores de empresas participantes no Programa FEDER-Innterconecta de Galicia. Revista Galega de Economía, vol. 30(2), 1-16. DOI: https://doi.org/10.15304/rge.30.2.6865

Tribunal de Contas Europeo (2018). Asociacionespúblico-privadas en la UE: Deficiencias generalizadas y beneficios limitados [en liña]. Dispoñible en http://www.obcp.es/sites/default/files/documentos/documentos_Informe_Especial_T_cuentas_Europeo_1026e153.pdf

Xunta de Galicia (2021). Fondos NextGeneration Galicia [en liña]. Dispoñible en  http://www.nextgenerationgalicia.gal/es

 

 

 

Sección: