Snappet

Unha achega sobre a aprendizaxe adaptativa
Snappet é unha ferramenta de aprendizaxe que aproveita o uso das novas tecnoloxías e da intelixencia artificial para mellorar e facilitar o proceso de ensinanza. A través da personalización e adaptación dos contidos aténdese a toda a diversidade presente nas aulas. Actualmente, máis dun millar de centros educativos, de ámbito nacional, empregan Snappet no seu día a día.

Cristina Rabuñal Barral, mestra de educación infantil e de educación primaria. Asesora pedagóxica.
cristina.rabunal@snappet.org
Gonzalo García Fernández, mestre experto en tecnoloxía educativa. SEK Atlántico.
ggarcia@sek.es

 

Contextualización

Nos últimos tempos, púxose de manifesto a necesidade de cambiar a forma na que entendemos a avaliación, integrándoa no proceso de aprendizaxe: xa non é o instrumento final de medida que compara uns estándares predefinidos co rendemento dun individuo, senón un marcador evolutivo continuo dun proceso. Deste xeito, necesitamos sistemas que permitan facer avaliación para a aprendizaxe (formativa) ademais de avaliación da aprendizaxe (sumativa), integrando ambos os puntos de vista.

Por outra banda, a aprendizaxe por competencias, en combinación coas chamadas «habilidades brandas», fai imprescindible unha redefinición do xeito en que deseñamos e construímos as actividades de aprendizaxe do noso alumnado. Termos como interdisciplinariedade ou autonomía forman parte da nosa linguaxe habitual ao falarmos da planificación do noso día a día como educadores.

Ademais, a atención á diversidade fai necesaria a aplicación de estratexias de seguimento do proceso de aprendizaxe moito máis complexas e continuadas, a un tempo individualizadas (para ter en conta as características únicas de cada persoa) e xeneralizadas (compilando as informacións obtidas desde as distintas áreas de coñecemento).

A tecnoloxía vén na nosa axuda achegando ferramentas que permiten facer esa integración de xeito fácil, continuo, eficaz e, se están ben deseñadas, transparente. Se nos atopamos fronte a unha ferramenta intuitiva e ben formulada, o alumnado adquirirá autonomía no seu uso dun xeito máis veloz e poderá traballar axilmente os contidos curriculares seleccionados.

Snappet integra de xeito natural a secuencia completa do proceso de aprendizaxe, desde a avaliación inicial ata o seguimento da mellora nas competencias básicas, pasando pola autonomía a través da indagación guiada ou a diversificación. Desde o punto de vista do alumnado, o enfoque lúdico da práctica fomenta o seu compromiso ao tempo que facilita a metacognición e a análise da propia aprendizaxe; desde o punto de vista dos docentes, o completo cadro de mandos xunto ás capacidades de configuración fan que a tarefa de deseñar, construír, avaliar, dar retroalimentación e reconducir as actividades de aprendizaxe sexa sinxelo e achegue gran cantidade de información valiosa.

 

Obxectivos

- Definir a base pedagóxica na que se sustenta Snappet.

- Investigar sobre a integración de Snappet en diferentes aulas e centros.

 

Base teórica

Snappet é unha metodoloxía fundamentada en dúas teorías pedagóxicas: o concepto do Mastery Learning, de Bloom (1968), e The Power of Feedback, de Hattie (2003).

O Mastery Learning sustenta a idea de que todo o alumnado pode aprender cando se lle ofrece as condicións necesarias que atendan as súas necesidades educativas persoais. Dentro do Mastery Learning, existen diversas estratexias que definen os pasos para trasladar esta teoría ás aulas. Snappet bebe delas e lévao a cabo a través da intelixencia artificial. Snappet busca acompañar a cada alumno na súa aprendizaxe de xeito individualizado e personalizado, ofrecéndolle o grao de dominio de cada obxectivo didáctico, así como a planificación adaptativa de actividades por facer para incrementar o seu dominio.

O segundo piar fundamental de Snappet é a teoría de Hattie. Este profesor e pedagogo defende a importancia e o impacto do feedback directo na aprendizaxe do alumnado. Co uso desta ferramenta, o alumnado recibe unha retroalimentación instantánea sobre as actividades realizadas e recibe información valiosa que lle permita interiorizar todo o proceso, desde a detección dos erros ata a asimilación de contidos e a posterior reflexión sobre eles.

Este modelo de feedback directo atendendo a Hattie estrutúrase con base en tres preguntas: Cara a onde vou? Como vou? Cal é o camiño? Esta secuenciación busca ofrecerlle respostas e información ao alumnado para que visualice o camiño coa finalidade de acadar un maior dominio dos obxectivos.

 

Práctica desta proposta metodolóxica

Tendo como base toda a parte teórica que fundamenta esta metodoloxía dixital, é imprescindible afondar en experiencias reais en dous centros, diferentes polo seu contexto e contorno, pero cun punto en común: Snappet.

4.1. CEIP San Clemente de César (Caldas de Reis)

Comezaremos polo relato da experiencia de Pablo Carracedo. Pablo é titor de terceiro de educación primaria no CEIP San Clemente de César, situado no lugar de Baltar, parroquia de San Clemente, no concello de Caldas de Reis. Este innovador mestre integrou Snappet na súa rutina diaria hai xa varios anos e prescindiu así dos libros de texto. Actualmente, emprega os Chromebooks que ofrece Snappet para traballar con esta ferramenta dixital co seu alumnado. Hoxe ábrenos a porta da súa clase para amosarnos como integra esta metodoloxía na súa rutina e para explicarnos como lle axuda na atención á diversidade.

Como é un día na túa aula?

Na miña aula existe unha axenda diaria e unha semanal, imos programando conforme o meu alumnado vai adquirindo os obxectivos e os estándares da programación. Ao ter os Chromebooks, teño a posibilidade de poder crear un documento en liña que comparto co meu alumnado e aí compartimos a ruta do que imos traballar nesa semana. Desde o comezo do curso, fixemos varios proxectos como A vida de Rosalía de Castro, O mundo dos anfibios e dos réptiles, Os seres mitolóxicos galegos... Ademais, na miña clase temos un acuario con cágados e con tritóns.

Dentro desta propia programación, collemos o contido curricular e marcamos os pasos que imos traballar. Isto levámolo a cabo con Snappet, por exemplo, agora mesmo estamos a traballar a división, entón os nenos xa saben que teñen que coller os portátiles e, con eles e un folio de apoio, traballamos a división.

Como definirías a túa maneira de traballar?

Gústame facer a broma de que a miña maneira de traballar é «á finlandesa». O xeito de traballar con Snappet facilítache un ensino moi personalizado, porque malia facermos as actividades en gran grupo o propio software calcula en que están errando, en que deberían mellorar e prepáralles exercicios específicos para eles e elas. Así medran curricularmente de xeito espectacular, por non dicir o nivel que adquiren na competencia dixital. Porque os Chromebooks permítenche facer moito máis ca Snappet: agora mesmo os meus alumnos saben facer e editar un documento de Word, son autónomos para enviar un correo electrónico, saben abrilo, saben o que se lles envía. Por exemplo, o outro día elaboramos unha ficha especificando as características do «sapo común» que temos na clase de mascota, foron autónomos para redactalo e anexar correctamente fotografías deste. Adquiren un nivel de competencia dixital moi alto, sen esquecer sempre o «papel e o lapis». En xeral, estou moi contento con como traballamos porque ningún neno queda atrás.

Como coñeciches Snappet?

Snappet coñecino a partir dun proxecto piloto, o asesor comercial veu ao centro e propúxonos probalo. A verdade, a min cando me dixo que eu lles marcaba uns exercicios e que logo o programa de xeito automático detectaba os seus erros e os seus acertos e valoraba onde podía ampliar ou reforzar contidos, non o crin e pensei: «Isto teño que comprobalo; se funciona, é unha auténtica revolución». Porque un docente non é capaz de chegar a preparar tanto material tan adaptativo e tan personalizado para cada un dos nenos e nenas da súa clase.

Como integraches Snappet no teu día a día?

Ao principio, integrei Snappet dun xeito puramente curricular, substituíndo o libro de texto, comprobei que si se podía facer, o contido é curricular e pode substituír o libro. É moi importante traballar a competencia dixital explicándolles aos alumnos que non é un videoxogo e que non tiren para adiante sen se fixar nas actividades. É importante que desde o principio se lles faga moito fincapé niso, insistir na importancia de que se deteñan e reflexionen, que vaian pouco a pouco. Tendo ese aspecto claro, en dous meses Snappet está a funcionar ben na túa clase. Agora mesmo estou facendo unha especie de «experimento», a miña intención é ser titor deste grupo desde primeiro ata sexto de educación primaria, xa imos por terceiro, e estes nenos e nenas conforman unha pura «xeración Snappet». O meu alumnado e as súas familias teñen plenamente integrado Snappet e incluso durante a pandemia traballamos case como se estivésemos en clase.

Como che permite Snappet atender o alumnado con diferentes niveis presente na túa clase?

Antes de ter Snappet, detectaba que o sistema educativo convencional lle pon un «teito de cristal» ao alumnado que «vai moi ben» e, a non ser que o propio titor faga un grande esforzo para ofrecerlle retos, non es capaz de que o neno siga tirando dese interese que ten. Tamén observo que o sistema educativo erra co alumnado que precisa un reforzo. Ante a falta de persoal que existe nos centros, Snappet permíteche chegar a atender a todo o alumnado, proporcionándolles a todos os alumnos a aprendizaxe adaptada ás súas características e individualidades.

Na miña clase, conto con alumnado con dificultades de aprendizaxe importantes e con alumnado que non presenta ningunha dificultade e que, en ocasións, me pide máis e máis. Tendo en conta isto, para min Snappet é perfecto. Eu sento co alumnado que precisa o meu apoio e mentres o resto do alumnado avanza na parte de adaptativo. E logo analizo o traballado e envíolles listas de traballo aos que o precisan. Sen dubidalo, eu non coñezo outro método que sexa tan doado, tan profesional, curricular e tan individualizado e que atenda tanto a cada alumno.

Que vos achegou Snappet no confinamento?

Durante o confinamento, Snappet permitiume ter un control total e absoluto sobre a que hora traballaban, que tipos de erros tiñan, cantas veces o intentaban, como erraban... O sistema educativo galego non estaba preparado para ese reto e con Snappet o meu alumnado non percibiu a diferenza. Podía traballar a distintos niveis atendendo a cada alumno coma se estivese na clase, só lles faltaba verme na pantalla da televisión, con Snappet mellor imposible!

4.2. Colexio Fogar de Santa Margarida (A Coruña)

Outro interesante relato é o achegado polo Fogar de Santa Margarita. Este centro, situado na cidade da Coruña, integrou a metodoloxía de Snappet nas súas aulas hai xa cinco anos, converténdose nun dos primeiros centros educativos en España en implementar Snappet. Desde o primeiro momento, o claustro do Fogar tivo un aspecto claro: a integración das familias era esencial para que o proxecto funcionase. Actualmente, Snappet está integrado en 15 aulas (de segundo a sexto de educación primaria) e emprégano na modalidade tabletas compartidas, é dicir, cada dúas aulas comparten un lote de tabletas Snappet. A continuación relatarannos a súa experiencia no uso da plataforma.

Como é un día nas vosas aulas?

Ningún día é igual ao anterior nas nosas aulas. Intentamos dinamizar o máximo posible o traballo na aula, innovando e facendo partícipes os pequenos do seu propio proceso de aprendizaxe. Para iso, o profesorado está en continua formación pedagóxica (novas técnicas e ferramentas didácticas, diferentes metodoloxías, atención á diversidade, adaptacións metodolóxicas, tecnolóxicas…).

Como definiriades a vosa maneira de traballar?

O traballo na aula parte das demandas e necesidades dos nenos e nenas. Consideramos que unicamente partindo dos seus intereses, gustos, demandas, puntos fortes… podemos chegar a traballar de forma efectiva aquilo que pode supoñer un obstáculo no seu desenvolvemento persoal, social ou académico. É dicir, impórtanos a formación integral da nosa cativada: nenos e nenas felices, capaces de discernir entre as súas emocións e de expresarse a través delas; seguros de si mesmos; que respecten e se sintan respectados, que axuden e pidan axuda cando a necesiten; que motiven e se sintan motivados…

Para conseguir o noso obxectivo, o Fogar aposta por unha ensinanza compartida, na que o labor docente é compartido por diferentes profesionais en sesións únicas. Especialistas en pedagoxía terapéutica, audición e linguaxe e profesorado en xeral xuntamos forzas para chegar e axudar de maneira máis eficaz e rápida os nosos pequenos. Detéctanse as dificultades e abórdanse antes de que se convertan en necesidades.

Os apoios e reforzos inclusivos forman parte da nosa dinámica de traballo e o noso alumnado xa o ten normalizado no seu día a día. A axuda ofrécese ao grupo-clase e responde ás demandas de calquera dos seus membros. Os nenos traballan en equipo e de forma cooperativa. Logros e dificultades resólvense en grupo, pois todos os nenos e nenas son emisores e receptores de coñecemento, con moito que ofrecerlles aos seus compañeiros e moito que aprender deles.

Como coñecestes Snappet?

A través da Asociación de Centros Educativos da Ensinanza Concertada. Persoal de Snappet púxose en contacto connosco, analizamos o proxecto e decidimos implementalo como innovación educativa no noso colexio.

Como integrastes Snappet no voso día a día?

A nosa mecánica de traballo esíxenos diferentes ferramentas para traballar innovando. A integración das TIC (tecnoloxías da información e da comunicación) na aula foi unha idea que se materializou no noso colexio a través de Snappet. Tras a formación do total do profesorado, incluímos na nosa programación de aula esta nova metodoloxía como complemento das áreas de Matemáticas, Lingua Castelá e Inglés.

Esta nova ferramenta permitiunos reforzar, ampliar, activar coñecementos previos, repasar, avaliar ou xogar cos contidos a través das TIC, con toda a carga motivacional e fluidez que o recurso dixital implica.

Nun principio establecéronse dúas sesións semanais por área para traballar Snappet. As tabletas no noso centro son de uso compartido entre dúas clases, así que o profesorado marca eses días segundo o seu horario. O seu emprego quedaba relegado á aula e ás tres áreas marcadas.

Hoxe en día, e tras cinco anos desde a súa entrada no colexio, Snappet converteuse nunha ferramenta moi versátil. Saíu do noso recinto escolar e voou ata aos fogares para reforzar desde a casa o traballado na escola. Os mestres podemos corrixir as actividades e resolver posibles dúbidas a través do seu chat directo co alumnado.

No mesmo senso, empregamos as tabletas para a busca de información nos nosos traballos de investigación. O profesorado ten a oportunidade de guiar esa procura, algo esencial nun primeiro momento, e liberalos unha vez que a práctica lles permita unha maior autonomía.

Diversos xogos e actividades interactivas, como Kahoot, son outras das ferramentas que empregamos moito no noso centro. As tabletas que incorpora Snappet facilitan a participación do total do alumnado, ben de forma individual, ben de forma grupal.

Como vos permite Snappet atender o alumnado con diferentes niveis presente nas vosas clases? Facilítavos a atención á diversidade?

Cada neno e nena é un mundo, con potencialidades e necesidades diferentes. É precisamente neste punto onde consideramos que comeza a nosa acción docente. Coñecer o noso alumnado e adaptarnos ás súas necesidades é o noso principal obxectivo para que o neno poida dar de si o «seu» máximo posible. Snappet vai detectando estas dificultades e vai xerando exercicios individualizados e adaptados ao nivel de cada un.

O propio profesorado pode facer unha selección de contidos ou actividades para enviárllelas a alumnos específicos. Isto facilita o poder traballar sobre un reforzo puntual ou adaptación curricular.

Valorades que pode ser unha ferramenta motivadora para o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE)?

Como xa mencionei antes, todo recurso dixital leva implícito un extra motivacional. Desde o centro valoramos moito que Snappet se adapte —e nos permita adaptarnos— aos diferentes niveis do noso alumnado. Non diferenciamos entre NEAE e non NEAE, á hora de motivar centrámonos nos seus intereses. Todo o dixital forma parte deses intereses.

Que vos achegou Snappet no confinamento?

O confinamento rompeu todos os nosos esquemas pedagoxicamente falando. Toda a nosa dinámica se quebrou e da noite á mañá tivémonos que adaptar a unha nova forma de traballo na que a interacción, o concepto de grupo, traballo cooperativo, axuda entre iguais… xa non tiña lugar. Foi neste contexto no que Snappet xogou un papel moi importante. A través de sesións íntegras coa plataforma puidemos traballar os contidos das diferentes áreas, corrixir na distancia os erros persistentes, avaliar a evolución e interactuar cos pequenos a través do chat.

Foi unha ferramenta de grande apoio durante ese tempo. Redescubrimos e valoramos o seu alcance pedagóxico. Hoxe en día continuamos con moitas das «rutinas Snappet» afianzadas durante o confinamento. O noso alumnado xa o ten integrado no seu hábito de estudo.

Como recibiron as familias a introdución de Snappet?

As familias acolleron moi ben a implementación de Snappet desde un principio. A introdución de ferramentas dixitais na aula era algo que moitos fogares xa viñan pedindo e que facilitou a entrada de Snappet no colexio.

Cal e o grao de implicación das familias con Snappet? E o seu grao de satisfacción?

Hoxe en día os nosos pais e nais xa están totalmente integrados e familiarizados co funcionamento de Snappet. O poder usalo desde a casa fainos partícipes do traballo que realizan os seus fillos e de como o realizan. Os alumnos reciben retroalimentación instantánea do seu traballo, iso permítelles corrixir as súas estratexias no momento e localizar o erro. Os pais son testemuñas de ata que punto os seus fillos van gañando en autonomía e resolución autónoma de problemas.

Tanto familias como colexio apostamos pola innovación e a integración pedagóxica das novas tecnoloxías, polo que estamos moi satisfeitos coa introdución de Snappet na aula e nos fogares.

Se tivésedes que facer unha valoración do uso e do funcionamento de Snappet desde o 2016 ata hoxe, cal sería?

Por todo o exposto anteriormente, conclúo que a valoración é moi positiva. O seu uso é fácil e intuitivo, pero pouco a pouco fomos atopando novos usos que nos permitiron traballar desde outras áreas e lugares.

Actualmente, Snappet integrou Lingua Galega ao seu banco de actividades, polo que sumamos unha máis ás tres iniciais.

O Fogar de Santa Margarida está moi satisfeito coa evolución ata hoxe e esperamos continuar por moito tempo xa que vai na liña de innovación educativa que persegue o centro.


 

Conclusión

Os testemuños destes dous centros son unha pequena mostra de como traballan con Snappet os centros que teñen integrada esta metodoloxía na súa rutina. Son dúas vivencias diferentes: Pablo, mestre nun centro público rural, substituíu outros materiais curriculares por Snappet, contando ademais con plena liberdade para realizar proxectos de investigación nas outras áreas ao contar cos Chromebooks. No Fogar, mesturándoo con outros materiais, sendo un elemento imprescindible da súa rutina e tendo plenamente integradas as familias.

Se algo pode extraerse de ambos os dous relatos, é a gran liberdade e flexibilidade desta ferramenta para traballar con alumnado con diferentes niveis dentro da mesma aula. Permite atender a diversidade adaptando os contidos de xeito personalizado e individualizado. Sen dúbida, as palabras de Pablo resumen a integración de Snappet na aula: «con Snappet, mellor imposible!»

 

Agradecementos

- Pablo Carracedo, CEIP San Clemente de César (Caldas de Reis)

- Caridad Pintor e Raúl Díaz, Colexio Fogar de Santa Margarida (A Coruña)

 

Bibliografía: 

 

 

Bloom, B. S. (1968). Learning for mastery. Evaluation Comment, 1, 2.

Castro-Navarro, E., Urbina, M. e Toledo, M. (2020). Motivaciones y desmotivaciones de estudiantes de posgrado en educación matemática a partir de la metodología Mastery Learning. Paulo Freire. Revista de Pedagogía Crítica, 18 (23), 135-157. Recuperado de: https://core.ac.uk/download/pdf/327173224.pdf

Hattie, J. (2003). Teacher make a differencia: What is the research evidence? What does the reseach tell us. ACER Research Conference. Melbourne. http://research.acer.edu.au/research_conference_2003/4/

 Hattie, J. e Shirley, C. (2020). Aprendizaje visible: Feedback. Madrid: Ediciones Paraninfo.

Sección: