Contrarrestando a era covid con dinamismo, empatía e educación emocional

Unha das cousas que levo anos escoitando é que na escola non aprendemos a adaptarnos aos cambios, que a educación é como hai vinte ou trinta anos (dicían). Isto faime reflexionar e pensar a min, que comecei o meu primeiro ano de docencia o curso 2019/20, o ano da pandemia, das clases virtuais e das mensaxes electrónicas ás tres de mañá. Podedes imaxinar como todo parecido co escoitado con anterioridade era pura coincidencia e como o xeito de adaptarmos desbancou calquera dúbida da nosa adaptabilidade.

Alejandra Abuín Sixto
IES Perdouro (Burela - Lugo)
alejandra.abuin@edu.xunta.gal

 

 

A actual situación excepcional que vivimos —despois de pasar polas clases confinadas, o ensino non presencial, o presencial con distanciamento e tamén o ensino mixto (sen esquecer a súa correspondente programación)— fai que sexa necesario reflexionar sobre o traballo, a adaptación aos cambios e o resultado.

 

Que fixemos, como o fixemos e que aconteceu

Chegou o día «x» e tivemos que traballar confinados desde a casa e quen imaxinaba que sería posible realizar o traballo dun centro educativo a través de ordenadores? Pois adaptámonos e pasou, sen programalo, sen reunións para saber como, sen máis que o capital humano de cada centro, a súa implicación, a colaboración das familias e os recursos dos que se dispoñía. Foi como se agora o teu encargo é facer un pastel, pero non sabes se na casa tes os materiais necesarios e non podes consultar a receita. Non parece doado ou polo menos é un traballo incerto e seica nalgún caso non saíu un pastel, pero si un pan ben xeitoso. Conseguimos estar preto do noso alumnado, impartir clases, avaliar e incluso seguir facendo titorías nas nosas aulas, aínda que virtuais.

O como foi diferente segundo cadaquén. Eu fixen unha conta na rede social Instagram para achegarme ao meu alumnado de bacharelato e dar as clases en directo por esta plataforma. Así, eles podían facer preguntas no momento e a explicación ou clase quedaba gravada vinte e catro horas para a súa visualización. Tiven unha boa resposta por parte deles e considero que os de segundo de bacharelato ata traballaron máis do que adoitaban traballar na propia aula. 

Este ano, a semipresencialidade fixo que ao chegar á aula tivese varios alumnos e alumnas fisicamente presentes e outros tantos virtualmente desde a casa. O centro no que traballo comprou cámaras para transmitir as clases e, coa pantalla dixital, as conferencias vía Webex estiveron á orde do día. A experiencia foi boa salvo nalgúns momentos nos que a conexión puido fallar. 

Penso que non debemos esquecer os sentimentos da comunidade educativa en xeral ante esta situación. A cara emocional desta moeda foi e é dura, tanto as situacións persoais do alumnado e das súas familias como a vivencia profesional do proceso por parte do profesorado ou a organización e xestión por parte dos equipos, que fai que, como persoas que somos, sintamos medo, desconcerto, necesidade de apoio ou inseguridade. E debemos engadir que, como docentes e educadores, a nosa función titorial inherente precisa de moita educación emocional e acompañamento emocional ao noso alumnado.

Por este motivo, considero que é tan importante que nos formemos en educación emocional como en plataformas institucionais ou uso da aula virtual. De feito, este ano, a nosa preparación na súa meirande parte versou arredor disto, dúas materias que, malia non parecer moi correlacionadas, o estiveron pola era covid.

Fixemos cursos de ferramentas institucionais, básicos e avanzados, xerais ou específicos dalgunha plataforma. Eu persoalmente adquirín novos coñecementos que me permiten aproveitar moito máis os recursos que teño dispoñibles, non só para adaptarme a esta situación (que tamén), senón para mellorar e actualizar o proceso de ensino-aprendizaxe e tamén para ter unha liña de traballo e actualización deste en sintonía co resto dos compañeiros e compañeiras.

Por outra banda, realizamos un proxecto coa súa correspondente programación sobre educación emocional. Poder traballar a educación emocional foi moi interesante para min, facelo por reunións Webex, un reto, e levar as aprendizaxes á práctica co meu alumnado, un éxito.

Cabe reflexionar sobre como nos sentimos, como estamos e se temos algunha necesidade emocional. Moitas veces, o mero feito de falar cos nosos alumnos e alumnas fai que esteamos preto deles e se sintan mellor, apoiados e acompañados e o ir e vir atarefado dos cursos ás veces impide que nos fixemos nisto, «as veces o urxente non lle deixa paso ao importante». Que o alumno ou a alumna sinta o educador preto del, sinta apoio, preocupación por como se sente ou como leva todo, axuda á súa predisposición cara á clase, á relación co docente e ao seu proceso de ensino-aprendizaxe.

Neste proxecto e nesta formación aprendemos a identificar emocións e sentimentos e a traballar co noso alumnado, a identificar estes sentimentos e entendelos como normais. Tamén porque, se non o fosen ou algún fose continuado no tempo, se podería pedir axuda. Para isto usamos ferramentas como o medidor emocional, intentar preguntar ao chegar á clase que tal están os nosos alumnos e alumnas ou como foi o día.

 


Tamén traballamos a relaxación, como, por exemplo, prácticas para calmar unha clase que está moi alterada mediante uns minutos de meditación. Puiden levalo a cabo en diferentes clases, desde cuarto da ESO ata segundo de bacharelato e podo dicir que foi alucinante. Nunha clase de segundo de bacharelato despois dun exame no que estaban preocupados, tensos e dispersos, remataron por agradecerme ese momento. Desde aquel día, incluso piden poder meditar cando están tensos. En xeral, despois deses minutos traballan mellor, están máis concentrados e atenden sen interromper as explicacións que se fan.

Por poñer un último exemplo, tamén aprendemos diferentes recursos relacionados coa autoestima ou co autocoñecemento, tan importantes no desenvolvemento do alumnado para á vida e para saber como son, como se senten e que é o importante para eles.

Na seguinte imaxe vemos como cadaquén tiña que debuxar un corazón e poñer dentro todas as persoas que queren na súa vida. Ao rematar indicáselles que esqueceron á máis importante: elas e eles mesmos.

 


Todas estas actividades e recursos emocionais, ademais do propio, axudan a mellorar a proximidade co noso alumnado e axúdannos a ser máis empáticos e a poñernos no seu lugar para entendelos mellor.

Polo que o que aconteceu despois de adaptarnos á era covid, na miña opinión, foi unha mellora da nosa preparación como docentes, unha reflexión sobre o que temos, o que nos fai falta e un empuxón cara á educación emocional e a actualización real das ferramentas institucionais.

Está claro que estas aprendizaxes son necesarias para estes momentos, pero estou convencida de que as utilizaremos e sacaremos proveito delas sempre, axudando e adaptándonos ás necesidades do noso alumnado, no só ás intelectuais ou físicas, senón tamén ás necesidades emocionais. 

Unha das cousas que levo anos escoitando é que na escola non aprendemos a adaptarnos aos cambios, que a educación é como hai vinte ou trinta anos (dicían). Isto faime reflexionar e pensar a min, que comecei o meu primeiro ano de docencia o curso 2019/20, o ano da pandemia, das clases virtuais e das mensaxes electrónicas ás tres de mañá. Podedes imaxinar como todo parecido co escoitado con anterioridade foi pura coincidencia. Contrarrestar a era covid con dinamismo, empatía e educación emocional foi enriquecedor para min como persoa e como docente, polo que a lectura final do conto é positiva e dunha gran e rica aprendizaxe.

 

 

 

Sección: