Beneficios das actividades acuáticas na idade infantil

Na idade infantil, as actividades acuáticas supoñen numerosos beneficios no desenvolvemento, tanto no ámbito físico como no cognitivo e social. Durante estes primeiros anos de vida, a práctica da actividade acuática debe ser formulada como un medio de diversión e aprendizaxe; en ningún caso encamiñada cara á natación competitiva. Por actividades acuáticas entendemos todas aquelas que se realizan no medio acuático. Neste estudo pódese ver a importancia da súa práctica desde o primeiro contacto coa auga ata a adquisición e perfeccionamento das técnicas e habilidades natatorias. A intervención levada a cabo neste estudo trátase dunha enquisa que se lles realizou aos técnicos responsables do programa Nadar é Vida de todas as escolas e centros deportivos adheridos a el en España. Este é un programa desenvolvido pola Real Federación Española de Natación (en diante, RFEN), apoiada polo Consello Superior de Deportes (en diante, CSD), que ten como obxectivo certificar os estándares no ensino da natación en España e unificar os criterios desde a base. Os resultados obtidos na citada enquisa están encamiñados a optimizar os procesos de ensino-aprendizaxe. Como conclusión desta investigación, pódese afirmar que o programa Nadar é Vida da RFEN está a axudar na tarefa de mellorar a calidade do ensino da natación no noso país. Desta forma optimízanse os beneficios anteriormente citados que proporciona a práctica da actividade acuática desde idades temperás.

Antonio Novo Carballal, director e profesor de Educación Física no IES Illa de Tambo (Marín-Pontevedra)
Profesor asociado da UVigo (Facultade de Ciencias da Actividade Física e do Deporte)
Profesor de Aprendizaxe e Desenvolvemento Motor e Xogo Infantil nesta universidade
antonionovo@edu.xunta.gal
anovo@uvigo.es
Marina Fernández Díaz, mestra de educación infantil
Adestradora e xuíza de natación artística
fernandezgarcia@gmail.com

 

Marco teórico

A práctica de actividades acuáticas (en diante, AMA) desde os primeiros anos de vida achega numerosos beneficios no desenvolvemento do individuo e non só no físicos, senón tamén no cognitivos, porque o neno ou nena iníciase desta forma na aprendizaxe organizada. Na etapa da infancia é fundamental realizar actividade física de todo tipo, xa que é beneficiosa para o desenvolvemento físico e social. Todo isto serviralles posteriormente para adquirir outros coñecementos e habilidades ao longo da súa vida. Como afirman Da Fonseca (1984, 1988, 1994) e Franco (2001); o desenvolvemento motor ten unha decisiva participación na construción do esquema corporal debido ao seu papel integrador no proceso de maduración.

As AMA son unha boa oportunidade para expresarse, comunicarse, observar e explorar a propia contorna; mellorando así a relación social do alumnado. Con estas idades o único que se pretende mediante estas actividades, ademais de todos os beneficios que achegan no desenvolvemento, é utilizalas como medio de diversión e aprendizaxe; nunca formulalas como unha obriga ou un adestramento deportivo, xa que a natación non é só un deporte competitivo e organizado. A práctica de exercicio físico no medio acuático é unha forma moi boa para que os nenos e nenas vaian coñecendo as limitacións e posibilidades do seu propio corpo. Tamén lles achega moito á hora de establecer relacións interpersoais cos seus iguais e favorece o seu benestar social e físico. Grazas a que a nena ou o neno se sentirá máis seguro de si mesmo a medida que vaia dominando o seu corpo na auga, poderá adquirir unha maior independencia. O coeficiente intelectual do alumnado vese aumentado, xa que o practicar actividades acuáticas desde bebés fai que se volvan máis creativos e observadores. Doutra banda, o sistema inmunolóxico faise máis forte (enfróntase a outros medios non tan habituais), do mesmo xeito que sucede co cardiorrespiratorio.

Un dos primeiros medios de comunicación que ten o neno co mundo é o xogo, por iso unha forma efectiva de introducir as actividades acuáticas é a través deste, realizando xogos que lle produzan aprendizaxe e pracer ao mesmo tempo. Isto é compatible coa lexislación vixente en canto a psicomotricidade e educación física, que presentan o xogo como un dos medios obrigados de traballo. Na primeira infancia non se pretende unicamente que o neno aprenda a nadar, senón que se aproveite dos numerosos beneficios que as actividades acuáticas achegan ao desenvolvemento da súa psicomotricidade. Antes de aprender especificamente as técnicas dos deportes acuáticos, deben adquirir comportamentos, habilidades e coñecementos xerais en canto ao medio acuático que lle permitan prepararse para as adquisicións seguintes. A este proceso déronlle nome varios autores:Carvalho (1984, 1985, 1992) e Mota (1990) denominárono «proceso de adaptación ao medio acuático»; outros, como Moreno (2002), chamárono «método acuático comprensivo». Este último autor afirma que nadar non é soamente adquirir os estilos e as diferentes técnicas de natación, senón que tamén é saber estar e comportarse no medio acuático. Un dos primeiros obxectivos de comezar tan cedo a realizar estas actividades é que o bebé se sinta cómodo e seguro no medio acuático. Entre outros atópanse: as equilibracións, as inmersións, os saltos, os desprazamentos autónomos básicos e o desenvolvemento do ton muscular. Como di Fontanelli (1990), o bebé xa está adaptado ao medio líquido desde a xestación, é capaz de executar diversos movementos natatorios e mostra unha serie de reflexos comúns na primeira infancia. De Paula Borges, Galindo e Villodre propoñen para a etapa de educación infantil unha organización dos contidos traballados a partir das actividades acuáticas seguindo certa progresión e tendo en conta os seguintes contidos: esquema corporal, conceptos de espazo e tempo e a respiración.

 

Atención á diversidade no medio acuático

Ademais de todos os beneficios tratados anteriormente, as actividades no medio acuático poden servir como tratamento eficaz para alumnado. Este é un medio propicio para o traballo deatención á diversidade: problemas condutuais, relación interpersoal, TDAH, Asperger, espiña bífida etc. Entre o alumnado con discapacidades físicas búscase a máxima potenciación motora nos membros non afectados, para diminuíros problemas que poidan causarlles. No caso dos que sofren algunha discapacidade psíquica, son incitados e estimulados máis ca os anteriores, pero o seu alcance está sometido a cada caso concreto.

 

Metodoloxía

Trátase, por unha banda, dunha revisión bibliográfica das fontes e publicacións achadas que teñen relación co tema estudado focalizada nos últimos anos. Por outra, é un traballo de campo que trata do seguinte: a RFEN, apoiada polo CSD, desenvolveu un programa para garantir a calidade do ensino da natación en España chamado Nadar é Vida. Este foi deseñado para a certificación dos estándares do ensino da natación en España, así como para fomentar o deporte e unha vida sa entre os nenos e nenas. O programa ten en conta todas as partes que participan no proceso de ensino-aprendizaxe: os nenos e nenas, os monitores e monitoras, as familias e as escolas. No noso país existe unha gran disparidade en canto aos criterios e formas de aplicar o ensino da natación, por iso formulan a necesidade de implantar un sistema de homologación que sirva de guía para todos os axentes implicados. En relación con todo isto, os obxectivos están claros: seguridade, autonomía, hábitos saudables, valores humanos...

Fixemos unha enquisa coordinada co técnico responsable do programa na RFEN, Carlos Bellón, a quen temos que agradecerlle que desde o principio se mostrou moi colaborador e interesado por este estudo e que, unha vez analizou as preguntas propostas para a nosa investigación, dixo que serían tamén do maior interese para a súa federación. O estudo conta coas respostas de máis de 100 coordinadores do programa repartidas por toda España. Centrámonos no currículo da educación infantil en Galicia: Decreto 330/2009, do 4 de xuño. No apartado de metodoloxía, concretamente na área de coñecemento de si mesmo e autonomía persoal, unha das primeiras cuestións nas que incide é na necesidade de que o alumnado potencie a súa psicomotricidade.

En canto á revisión bibliográfica, os autores actuaisinciden na vivencia de experiencias, que os nenos deben poder comprobar do que son capaces e a auga é un medio que lles pode achegar numerosas aprendizaxes e momentos significativos. Todo o mundo debería saber nadar desde os seus primeiros anos de vida para ter autonomía neste medio, pero por desgraza isto non é así, como confirmou Jessica Piñeiro, responsable do Informe nacional de ahogamientos da Federación Española de Salvamento e Socorrismo. Piñeiro afirma que non se está facendo o suficiente por reducir este número de mortes.

Con frecuencia, o ensino da natación resultou monótono e pouco motivador, debido á súa carencia de diversión (González & Sebastiani, 2000). Estudos dos últimos anos no campo do deporte de iniciación,como os de Moreno (2001) e Castelo (2001, 2005), aprecian a crecente preocupación polo ensino da natación desde idades temperás. Ata hai relativamente poucos anos só atopabamos estudos que falaban da natación como medio utilitario, apuntan Costill, Maglischo&Richardson (1998), ou como vía para alcanzar o alto rendemento, Navarro, Castañón&Ocaña( 2003). Foi principalmente na última década cando as prácticas acuáticas alcanzaron unha maior consideración como recurso para conseguir un mellor desenvolvemento da aprendizaxe global de quen as practica: Conca &Armendáriz(2013). Pasouse de concibir a natación cunha finalidade unicamente deportiva a vela como un medio educativo e pedagóxico para o alumnado. Con esta concepción educativa da natación, o deportivo chégase a deixar nun segundo plano.

Herrera&Barbeiro (2013) levaron a cabo un estudo mediante o que introduciron o conto motor no medio acuático. Puxéronlle o nome de «modelo narrativo lúdico» e tomaron unha mostra de 168 suxeitos de entre 3 e 6 anos de idade. Con isto quixeron destacar os beneficios que supón esta forma de traballo baseada nos contos motores acuáticos sobre outra formas de ensino tradicionais. Os contos motores que propoñen lévanse a cabo mediante situacións próximas ao alumnado e adaptadas ás súas características e idade. Para darlle validez a este estudo, baseáronse en diversas investigacións realizadas a través dos anos sobre o conto como medio eficaz de aprendizaxe. Por exemplo, nas teses de doutoramento sobre as propiedades do conto a diferentes niveis de Zapata (2001) e Temporal (2002); Mondejar, Vivancos&Moreno (2004) e Conca e Armendáriz (2013). Os contos son unha das formas máis apropiadas de aprendizaxe nestas idades e das máis motivadoras. Baseándose en estudos de Piaget, Oña (1987) di que esta etapa do desenvolvemento adoita corresponderse cunha idade psicolóxica onde o simbolismo xoga un papel moi importante na percepción da realidade.

Volvendo ao Nadar é Vida, este ten como obxectivo certificar os estándares no ensino da natación. Divide o proceso de ensino-aprendizaxe en tres grandes bloques: aproximación, aprendizaxe e perfeccionamento. Cada un destes bloques, pola súa vez, divídese en diferentes categoríase cada categoría en niveis Á hora de categorizar o alumnado, pódese ver que é un programa condutista, pero ao realizar a elección da metodoloxía que se vai empregar ofrece total liberdade e marca unicamente uns obxectivos mínimos que deben cumprirse en canto á calidade do ensino. A forma na que se conseguen os devanditos obxectivos queda a criterio de cada escola ou centro deportivo e os seus técnicos. Debido ao convenio que a RFEN asinou con Disney, cada un dos premios leva asociado un personaxe da película Buscando a Dory, o que chama a atención de nenos e nenas e aumenta máis, se cabe, a súa motivación.

Estrutura da aprendizaxe do programa Nadar é Vida

 

Nadar é Vida conta cunha aplicación informática que lles ofrece a todos os centros adheridos unha axuda en canto á xestión e uso do programa e conta cun blog accesible para calquera persoa que o queira visitar. Cada un dos centros deportivos ou escolas onde se implante este programa debe contar con persoal técnico titulado pola Escola Nacional de Adestradores da RFEN ou que posúa calquera acreditación formativa oficial dentro do ámbito da actividade física e o deporte (CCAFYD, TAFAD). Existen un total de 104 centros deportivos adheridos ao programa en toda España, en Galicia participaron oito.

Na nosa intervención realizouse unha enquisa cuxos resultados queremos que acheguen unhas conclusións que sirvan para optimizar os procesos de ensino-aprendizaxe.Tendo en conta a hipótese da que partimos: a implantación deste programa achega efectos positivos sobre o ensino da natación e a adherencia a esta. Trátase dun traballo de carácter transversal. Gustaríanos que fose lonxitudinal, aínda así o enorme entusiasmo co que realizamos o traballo fainos asumir o seguir estudando este programa e o seu futuro durante máis anos.

O universo desta enquisa é de 104 técnicos. Tecnicamente ten unha vantaxe e é que a mostra é o propio universo n= N, polo que non hai discriminación de casos. Os datos achegados permiten tanto o correlato como a relación causal. A respostas obtidas son analizadas e relacionadas entre si.A enquisa ten as seguintes preguntas:

1. Valore o grao de mellora nos hábitos de vida do alumnado entre 3 e 6 anos.

2.Valore o grao de mellora en hábitos de hixiene no alumnado entre 3 e 6 anos.

3.Valore o grao de mellora no estado físico no alumnado entre 3 e 6 anos.

4. Resulta máis sinxelo planificar as clases de natación coa axuda do manual para monitores que ofrece Nadar é Vida?

5. En que medida se aprecia a satisfacción das familias coa utilización da aplicación de Nadar éVida?

A cuarta pregunta respóndese de forma directa, con si ou non; e o resto delas, mediante unha escala graduada valorativa con cinco opcións (escala Litker). Coas respostas obtidas realizamos unha análise de resultados con estatísticas sinxelas, pero moi determinantes.

Os criterios de procura no que á revisión bibliográfica se refireson extraídos fundamentalmente dos buscadores Google Académico e Scopus, utilizando os conceptos «actividades acuáticas», «idade infantil», «educación» e «educación infantil». Ecuacións de procura empregadas foron «and», «e», «or», «ou» e«versus». Os artigos seleccionados foron os máis referenciados e citados. Procuramos bibliografía recente, de non máis de 10 anos de antigüidade.

 

Resultados

Ao ser n= N (a poboación=mostra), os resultados obtidos amosan un alto índice de confianza, fiabilidade e validez e teñen unha reducida marxe de erro. A metodoloxía da investigación é de carácter valorativo (apreciacións da posta en práctica do programa) mediante un deseño descritivo tipo enquisa e interpretativo. En canto a asegurarnos a validez externa, a partir da elaboración do cuestionario con preguntas pechadas e a modo de escala, pasamos unha pilotaxe (co responsable da Federación) que deu lugar ás modificacións oportunas, o que nos garantiu a validez interna. En canto á fiabilidade ou á homoxeneidade das preguntas, fixemos o que é común nestes casos: empregar o coeficiente alfa de Cronbach, onde consideramos un de 0,95. Cunha marxe de fiabilidade moi considerable: E=1-α. En canto á análise de resultados, todos eles se refiren unicamente ao alumnado do rango de idade entre 3 e 6 anos, e son os seguintes:o 75,1% dos enquisados coincide en que os hábitos de vida do alumnado desta franxa de idade mellorou nun grao bo ou moi bo.

 

En canto ao grao de mellora en hábitos de hixiene no alumnado entre 3 e 6 anos, o 75% dos enquisados coincide en que estes hábitos do alumnado desta franxa de idade melloraron nun grao bo ou moi bo.

No referente á valoración do grao de mellora no estado físico do alumnado, o 75% dos enquisados di que este mellorou nun grao bo ou moi bo e esta é unha razón imperativa desde o punto de vista da psicomotricidade.

En canto á cuestión de se resulta máis sinxelo planificar as clases de natación coa axuda do manual para monitores que ofrece NadaréVida, o sigaña co 83,3% do total dos monitores que traballan baixo as directrices deste programa.

 

No que respecta ao grao de satisfacción das familias coa utilización da aplicación do programa, o 58,3% coincide en que o grao de satisfacción das familias co programa informático é bo ou moi bo, pero neste caso a apreciación de máis peso específico é a regular.

 

 

Conclusións

Despois da realización deste estudo chegamos a diversas conclusións. En primeiro lugar, preséntase unha análise de correlación sobre os datos obtidos. Os resultados das preguntas 1 e 2 son moi similares, polo que os hábitos de vida e os hábitos de hixiene están directamente relacionados entre o alumnado que aprende baixo as directrices deste programa. Pola súa vez, obsérvase que estas dúas variables tamén inflúen sobre o estado físico dos nenos e nenas, pero no caso da pregunta 3 os resultados xa se desvían máis con respecto á 1 e á 2. Aínda así, é evidente que os hábitos de vida e os hábitos de hixiene inflúen sobre o seu estado físico. Grazas aos resultados da pregunta 4, vemos claramente que a maior parte dos técnicos responsables da utilización de Nadar é Vida está satisfeita coa utilización do manual para monitores que facilita o programa. Segundo o obtido na pregunta 5 pódese deducir que a utilización deste programa por parte das escolas ou centros deportivos foi un factor clave que motivou as familias á hora de elixir a que lugar levar os seus fillos e fillas para recibir clases de natación.

O ideal deste estudo sería unha intervención transversal, e así desta forma poderíase ver realmente a evolución na aprendizaxe de nenos e nenas e se existe unha mellora substancial na metodoloxía de ensino do programa. O que si parece claro é que o estado físico, hábitos de vida e de hixiene do alumnado melloraron coa práctica de actividades acuáticas, de aí a súa posible xustificación curricular. Sucede o mesmo co grao de satisfacción dos monitores. Pola contra, non se aprecia a mesma aceptación por parte das familias, polo que reiteramos que sería beneficioso continuar con esta enquisa ao longo do tempo. De todo isto podemos sacar algo en claro, que Nadar éVida está a axudar na tarefa de mellorar a calidade do ensino da natación en España, así como a unificar criterios. Grazas a este programa están a optimizarse os numerosos beneficios que achega a práctica de actividades acuáticas desde idades temperás, malia quedar aínda un longo camiño que percorrer.

 

 

Bibliografía: 

 

 

Decreto 330/2009, do 4 de xuño, polo que se establece o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia.

Programa Nadar es Vida da RFEN

De Paula Borges, L., Martínez Galindo, C., &Villodre, N. A. (2008) Las actividades acuáticas en los primeros años de vida del niño. Nuevas aportaciones a las actividades acuáticas, pp. 27-42. Murcia:UNIVEFD

Moreno, J. A. & Rodríguez, P. L. (1996). Diseños de programas de salud en actividades acuáticas. Deporte y salud: natación y vela, pp. 121-133.

Moreno, J. A. (2000). Pasado, presente y futuro de las actividades acuáticas. Salidasprofesionales y promoción en el ámbito de la actividad física y el deporte, pp. 243-257.

Castillo Obeso, M. D. (2001). La experiencia acuática en la primera infancia como aprendizaje motor enriquecedor del desarrollo humano: un estudio en la Escuela Acuática Infantil del INEF de Galicia.

Mármol, A. G., Rodríguez, M. F. L. &Martínez, B. J. S. A. (2015). Diseño, validación y aplicación de una hoja de observación para la evaluación de la psicomotricidadacuática (HOEPA) en edad infantil. Sportis: Revista Técnico-Científica del Deporte Escolar, Educación Física y Psicomotricidad, 1(3), pp. 270-292.

Moreno-Murcia, J. A., Huéscar Hernández, E., Polo, R., López, E., Carbonell, B.,&Meseguer, S. (2016). Efecto de los cuentos en la competencia acuática real y percibida en infantes. Revista Internacional de Medicina y Ciencias de la Actividad Física del Deporte.

Herrera, E. M.&Barbero, M. D. S. M. (2013). El cuerpo, la expresión y el medio acuático. Una experiencia integradora. Retos: nuevas tendencias en educación física, deporte y recreación (24), pp. 176-183.

Domínguez, M. E. (2013). Comparación y caracterización de algunas teorías de la enseñanza aplicadas a la enseñanza de la natación. In10º Congreso Argentino de Educación Física e Ciencias, 9 ao 13 de setembro de 2013, La Plata. Universidad Nacional de La Plata. Facultadde Humanidades y Ciencias de la Educación. Departamento de Educación Física.

Informe nacional de ahogamientos (2018)

 

 

Sección: