¿Cómo aprendemos?

Una aproximación científica al aprendizaje y la enseñanza

Autor: Héctor Ruíz Martín
Editorial: Graó, 2020
 

Autora da recensión: María Cristina Villarmea Álvarez
cristinavillarmea@edu.xunta.gal
Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI)

 

 

¿Cómo aprendemos? (Graó, 2020) é o primeiro volume dunha triloxía asinada por Héctor Ruiz Martín, director da International Science Teaching Foundation (ISTF) e investigador no ámbito da psicoloxía cognitiva da memoria e da aprendizaxe, que ten como principal obxectivo a divulgación das evidencias científicas sobre o proceso de aprendizaxe, coa finalidade última de mellorar a práctica educativa.

No seu afán por achegarse aos diferentes sectores que interveñen nos contextos educativos, a colección adapta o enfoque aos distintos destinatarios e, se na primeira entrega se dirixe a un público máis especializado, a segunda, Conoce tu cerebro para aprender a aprender (Science bits, 2020), preséntalle o tema ao alumnado de xeito moi didáctico, e a terceira, Aprendiendo a aprender (Vergara, 2020), a un público xeral, co que pode resultar un manual idóneo para as familias.

¿Cómo aprendemos? non é un libro de certezas nin de receitas infalibles, nin pretende difundir ningún tipo de afirmación categórica sobre a mellor maneira de construír o proceso de ensino-aprendizaxe, pois se algo ensina a ciencia é que ningún método é efectivo en todos os contextos. A súa é unha contribución ao eido da divulgación científica que expón as conclusións da investigación actual no tocante ás accións e circunstancias que promoven a aprendizaxe, e reivindica a súa importancia para apoiar as decisións na práctica educativa.

En efecto, cun discurso accesible, pero á vez rigoroso, o autor fai unha acendida defensa da ciencia como aval das decisións pedagóxicas, fronte á intuición ou a experiencia persoal, que a miúdo son a base das actuacións educativas e que, inevitablemente, están suxeitas aos nesgos cognitivos, isto é, fenómenos psicolóxicos involuntarios que deforman o procesamento que facemos da información, co que se compromete a fiabilidade dos métodos empregados na transmisión de coñecemento.

Así, partindo das achegas da neurobioloxía, da psicoloxía cognitiva e da psicoloxía educativa, o libro analiza as variables concretas que fan efectivos os métodos educativos, de acordo co que sabemos da aprendizaxe. Noutras palabras, explica que factores poden axudarlle ao estudantado a acadar aprendizaxes significativas, duradeiras, transferibles e, en definitiva, como poden mellorar o seu rendemento académico.

Con esta premisa, o libro divídese en dúas partes ben diferenciadas: na primeira, expóñense as circunstancias da aprendizaxe, ou sexa, os mecanismos cognitivos que regulan a memoria e a aprendizaxe; os factores emocionais que inflúen na motivación e no desempeño; e a importancia da autorregulación desde a dobre perspectiva cognitiva e emocional. Na segunda parte, o manual achéganos de xeito explícito ao que os docentes poden facer para promover a adquisición de coñecemento: como enfocar o proceso de instrución de xeito efectivo; como ofrecer feedback ou retroalimentación sobre o progreso do alumnado e como abordar a avaliación, pois a forma na que se conciban as ferramentas e os criterios de avaliación condicionará a maneira na que os alumnos se enfronten ao seu proceso de aprendizaxe.

En consonancia coa tese defendida ata o momento, o manual péchase cun anexo dedicado aos mitos pseudocientíficos sobre a aprendizaxe: estilos de aprendizaxe; períodos críticos e contornas enriquecidas; o potencial cerebral e hemisferios dominantes preséntanse, deste xeito, como o resultado de interpretacións erróneas de achados científicos sobre o cerebro, que se extrapolan para describir contextos educativos e que, con frecuencia, redundan en prácticas de aula de eficacia cuestionable.

En conclusión, Hector Ruíz demostra que aprender non só depende das calidades innatas do individuo, senón que é cuestión de técnica e de estratexia e, como tal, pode aprenderse. De aí a importancia de lles achegar aos docentes os fundamentos científicos da aprendizaxe, para que poidan sustentar neles as súas decisións pedagóxicas, sempre baixo o seu propio criterio, pois en ensino a clave non é aplicar o método máis eficaz, senón coñecer os factores que conducen ás aprendizaxes máis efectivas.

 

 

Sección: