Análise do discurso publicitario dentro do Plan Proxecta

Dentro do Plan Proxecta, o IES Salvador de Madariaga participou no curso 2018/19 no programa Galicons-net que, a través da Escola Galega de Consumo, nos permitiu desenvolver as competencias clave e a educación en valores. Este proxecto de innovación educativa levouse a cabo cun grupo de primeiro da ESO e investigamos e traballamos desde un nivel lingüístico, artístico, cultural e social coa publicidade para fomentar o consumo responsable entre todos os membros da nosa comunidade educativa.

Sonia Lavandeira Rojo
Profesora de ensino secundario, especialidade Inglés
sonialavandeira@edu.xunta.es

 

 

Contextualización

Este proxecto de innovación educativa levouno a cabo cun grupo de primeiro de educación secundaria obrigatoria o Departamento de Lingua Inglesa. Investigamos e traballamos coa publicidade na nosa contorna para fomentar o consumo responsable entre todos os membros da nosa comunidade educativa. Para iso fixemos que o noso alumnado fose o creador dos seus propios anuncios publicitarios para que reflexionase como presentar o seu produto desde a mellor perspectiva posible. Traballouse desde un nivel lingüístico (área de lingua inglesa), un nivel cultural e social (área de xeografía e historia), un nivel artístico (área de educación plástica e visual) e un nivel tecnolóxico (área de tecnoloxía).

A publicidade fai alusión a unha sociedade de consumo e o noso labor foi educar para o consumo responsable. Mediante este proxecto centrámonos nunha metodoloxía innovadora, participativa, cooperativa e integradora para o noso alumnado e, por extensión, para toda a nosa comunidade educativa, desenvolvendo as competencias clave, os temas transversais e a educación en valores.

O IES Salvador de Madariaga é un centro urbano situado nunha zona céntrica coñecida como «Cidade Escolar», xa que comparte contorno co Colexio de Educación Primaria Aneja, o IES Rafael  Dieste, os conservatorios Profesional e Superior de Música, a Escola Oficial de Idiomas, a UNED, a Escola de Náutica e a Facultade de Ciencias Empresariais. O alumnado participante neste proxecto foi un grupo de primeiro da ESO composto por 22 alumnos: 9 alumnas e 13 alumnos.

 

Obxectivos

As funcións principais do profesorado eran a de informador, guía, monitor, observador e avaliador, papeis do docente que recolle Harmer (2001) e que seguimos para ensinar e axudar o noso alumnado. Antes de poñernos mans á obra, decidimos ver cal era o punto de partida do noso alumnado para saber como enfocar o proxecto. Comezamos avaliándoo mediante un cuestionario previo. O obxectivo era claro: queriamos saber se eran conscientes de todos os elementos que interactúan no mundo publicitario. Os resultados foron moi positivos. Saben que o anuncio en si é unha mensaxe que envía unha empresa publicitaria (emisor) a un grupo determinado de persoas (destinatarios). Os anuncios utilizan linguaxe e imaxes (código) e pódense encontrar en varios medios (canle). Chama a atención que moitos insisten en que a publicidade é enganosa e di mentiras, ademais de molestar e interromper as súas series favoritas. Queremos traballar o patrocinio e, en termos xerais, saben que é e o que implica, e normalmente asóciano cos patrocinadores deportivos. Por último, o 75 % contestou que lle parecería ben traballar coa publicidade na aula, fronte a un 25 %. Tras o produto final, o profesor volveu á súa función de avaliador, neste caso avaliando de forma positiva o esforzo e gran traballo final do alumnado.

Entre os obxectivos xerais máis relevantes podemos destacar os seguintes:

  • Mellorar a calidade educativa.
  • Fomentar o traballo cooperativo entre o alumnado, profesorado e familias.
  • Realizar un proxecto interdisciplinario.
  • Desenvolver as competencias clave.
  • Traballar con contidos transversais.
  • Aprender a traballar por proxectos.
  • Ser críticos e independentes para reflexionar sobre a responsabilidade no consumo.
  • Realizar un proxecto de innovación educativa en materia de consumo responsable.

Dentro dos obxectivos específicos cabe salientar os seguintes:

  • Ser capaces de ver a película Cars en lingua inglesa e entender o seu contido básico.
  • Fixarse na publicidade que aparece na película.
  • Aprender sobre o mundo do patrocinio.
  • Ser críticos e responsables no noso consumo.
  • Fixarse nos slogans existentes e ser capaces de crear novos slogans.
  • Traballar cos recursos lingüísticos para a creación de slogans.
  • Facer unha maqueta onde colocar os logos e slogans creados.

 

Recursos

As aulas do centro están ben dotadas de equipos informáticos. Desde a propia aula temos acceso a Internet para buscar información puntual sobre calquera cuestión que xurda na clase, temos un ordenador portátil e un taboleiro dixital para a proxección de películas, audicións e presentacións dixitais para unha mellor explicación e seguimento do traballo que estamos a realizar.

O contexto socioeducativo do noso alumnado facilitou o correcto seguimento do proxecto desde a casa porque todos eles dispoñen de dispositivo móbil e case todos tiñan ordenador na casa para consultas posteriores. Só dous alumnos non tiñan ordenador, aínda que podían acceder a eles na biblioteca do centro.

 

Descrición e metodoloxía

Temos que destacar o bo acollemento que tivo o proxecto desde o principio por parte do alumnado, que se mostrou moi motivado e interesado. É certo que o mundo da publicidade ofrece unha enorme fonte de recursos que se poden explotar na aula. Se a isto xuntamos a visión dunha película animada (Cars), podemos concluír que o alumnado se mostra bastante receptivo. O máis difícil de todo era facelo desde a área de inglés, pero a película foi fácil de seguir, mais que nada porque xa a viran todos con anterioridade e sabían de que trataba.

O obxectivo era que tiñan que facer os seus slogans na lingua estranxeira e tiñamos que explicarlles os recursos empregados na publicidade na lingua inglesa. Empezamos explicando os graos do adxectivo e a formación do comparativo, contido incluído na programación de Inglés para o segundo trimestre. Unha explicación que seguiron moi ben e souberon poñer en práctica na creación dos seus slogans. Polo tanto, consideramos que pagou a pena estar neste proxecto porque nos axudaba a impartir contidos da nosa materia.

Na aula de primeiro da ESO tiñamos dúas alumnas con ACI e outros dous con reforzo na área de inglés. Como apuntan Rodríguez e Morales (1998), para crear as condicións necesarias para que haxa aprendizaxe, o profesor debe utilizar recursos para animar o alumnado desmotivado e manter o entusiasmo do motivado. Neste caso, cabe salientar que unha das alumnas con ACI e os dous alumnos con reforzo participaron activamente no proxecto.

Tendo en conta que a temporización do proxecto abarca todo o curso escolar, pasamos a resumir algunhas sesións levadas a cabo co alumnado de primeiro da ESO durante todo o curso nas clases de Inglés.

No primeiro trimestre, o grupo de 1.º C-ESO nas clases de Inglés estivo vendo e gozou da película animada Cars. Non só practicaron o seu inglés, senón que tamén foi un primeiro achegamento ao mundo da publicidade, en concreto, ao patrocinio. O mundo das carreiras ofrece un vasto exemplo onde o patrocinio das diferentes marcas ten un papel importante.

Despois de ver o filme Cars, no segundo trimestre pasamos a analizar a publicidade que aparece nel. En primeiro lugar, dentro da película, vemos como o protagonista Raio McQueen participa directamente nun anuncio publicitario. O primeiro recurso que vemos é o uso dun famoso para presentar o anuncio que, segundo Vestergard e Schroder (1992), é un recurso moi utilizado na publicidade actual. Tamén nos atoparnos con máis recursos moi empregados no mundo publicitario, que recolle Goddard (1998), como o uso de adxectivos, sobre todo no grao comparativo ou superlativo, o uso do adxectivo «new/novo», o uso de oracións comparativas e o uso de exclamacións. (Aproveitamos esta análise para facer unha pequena introdución aos graos do adxectivo que o alumnado de primeiro vería na unidade seis na clase de Inglés). No filme tamén se xoga coa ambigüidade e deixa caer que os anuncios poden enganar. Esta ambigüidade dá moito xogo para reflexionar cos nosos alumnos.

Ademais deste anuncio, a película está chea de publicidade en forma de patrocinadores/sponsorship. Desde o principio vemos a importancia que o protagonista lles dá aos patrocinadores, sobre todo ao patrocinador dos campións Dinoco ao que el aspira chegar a ter algún día. As actividades máis patrocinadas xeran audiencia nos medios e supón un investimento en imaxe. Digamos que se obteñen ganancias a través dunha imaxe positiva da marca daquilo que se lles intenta ofrecer aos posibles consumidores do produto ou servizo patrocinado.

Tendo en conta que a publicidade é un proceso comunicativo onde podemos atoparnos diferentes elementos da situación comunicativa dos definidos por Jakobson (1984), trazamos o plan da nosa seguinte sesión no segundo trimestre. Tratamos de contestar entre todos as preguntas e reflexionamos sobre as estratexias utilizadas no mundo do patrocinio: Quen? O patrocinador é o que fai o anuncio. Que? Anúnciase un produto ou un servizo. Como? A mensaxe utiliza a linguaxe escrita e visual. A quen? Vai dirixido aos posibles consumidores do produto ou servizo. Onde? O anuncio aparece nos coches e nas pistas de carreiras.

No segundo trimestre o alumnado tamén participou nuns obradoiros levados a cabo pola Escola Galega de Consumo. O noso alumnado encontrou estes obradoiros bastante útiles e aprendeu moitas cousas. A Escola Galega de Consumo ofreceunos, en primeiro lugar, aos propios docentes do proxecto unhas xornadas nas súas propias instalacións para darnos unhas pautas de como enfocar o proxecto na nosa comunidade educativa. Este programa chámase Galicons-net e o seu obxectivo é potenciar a educación para o consumo responsable nos centros educativos fomentando o traballo cooperativo do alumnado e do profesorado.  Tamén nos ofreceron os seus propios recursos, que podiamos encontrar na Web a través da Mediateca da Escola Galega do Consumo (rede MEIGA). Faláronnos de que había a posibilidade de que viñesen ao noso centro impartir uns obradoiros, incluídos dentro do seu Programa Cores, para o noso alumnado. A súa oferta é ampla e podémola resumir por temáticas: alimentación e etiquetaxe, consumo responsable, TIC, dereitos e deberes e a propia publicidade. Esta última temática foi a que eliximos xa que se centraba máis no que estabamos traballando nas aulas, como, por exemplo, a linguaxe publicitaria, a publicidade ilícita e traballando a igualdade a través da publicidade. Os técnicos da Escola Galega presentaron os seus obradoiros no noso centro e, ademais do alumnado que estaba directamente implicado no proxecto, organizamos para que outros grupos tamén tivesen a oportunidade de coñecer e traballar coa publicidade na aula. Este foi o caso dun grupo de cuarto da ESO que puido ampliar os seus coñecementos sobre o tema da propaganda ao longo da historia que estaban a levar a cabo nas clases de Historia. Na aula traballaron como comentar imaxes publicitarias e agora ían centrarse na análise de carteis. Os carteis con representacións figuradas e con textos alusivos foron un procedemento de difusión de propaganda política moi empregado no século XX. Algunhas das máis importantes técnicas cartelísticas foron as desenvoltas en tempos da Revolución Soviética que chegaron a facer escola neste medio de propaganda que máis tarde se difundiría por todo o mundo. Os alumnos, despois de comentar e analizar na aula imaxes propagandísticas de onte e hoxe e despois do obradoiro da Escola Galega, traballaron e analizaron carteis propagandísticos e mostráronlle os seus carteis ao resto da comunidade educativa colgando os seus traballos na web do centro.

 

 

No terceiro trimestre, despois desta análise do mundo publicitario, preparamos o noso produto final. Todos os alumnos imaxinaron que eran os patrocinadores da súa propia gran carreira de coches. Vimos cales son os logotipos e slogans dos patrocinadores da Piston Cup da película Cars. Na clase de Inglés vimos algúns vídeos de How to build a car? (Como construír un coche?) para que a clase collese ideas de como facer os seus propios coches. Repasamos léxico en inglés dos diferentes materiais que podían usar para faceren as súas maquetas. Como deberes fixeron un debuxo dun coche e sinalaron dez partes del, para así pensar onde querían colocar os logos e slogans dos seus anuncios. Aquí reproducimos algúns dos resultados.

 

 

E por fin chegou o día da presentación do produto final do noso alumnado. Encantounos ver como todos ían coas súas bolsas desvelando pouco a pouco as súas maquetas. Foi moi emocionante ver diferentes coches fabricados de diferentes formas, tamaños, cores e materiais. Todos eles tiñan o seu slogan. Todo o grupo entendeu moi ben o mundo do patrocinio, de como anunciar un produto ou servizo dirixido ás grandes masas. Para chegar a un público amplo non se pode pasar desapercibido e, como recolle Goddard (1998), os slogans teñen que chamar a atención utilizando recursos lingüísticos como o uso de adxectivos en grao superlativo «the best», a repetición de palabras, rimas, o uso do adxectivo «new», frases curtas e fáciles de memorizar, xogos de palabras, comparativos, hipérboles, frases nominais e outros recursos como podemos ver nos exemplos dos nosos alumnos que resumimos a continuación:

  • Energetic drink. Black Night gives you stars. Monstars.
  • Dazzle shine feel well. Pantenel Shampoo.
  • Purple for your body.
  • Everfresh. Evergreen.
  • They shine more than the sun.
  • Moon Phone. With Moon Phone you will feel like the sky.
  • Rama´s Kebabs are the best out there.
  • Mara´s Cream. Everyday is a dream.
  • Vodofon. The best for your phone.
  • Pizzas Delicious is the pizza for the best family. You are the best and the pizza too!
  • Regold Bank. Better than gold.
  • The soda of youth. Bubble.
  • Simply delicious.
  • Yu yu yu! The best for you! Milk Company.
  • Repsun. If you want petrol, this is the one.

Con estes exemplos podemos ver que fan un bo uso da linguaxe para facer bos slogans. Demostran que entenden o mundo do patrocinio, como funciona e como poden chegar aos posibles consumidores dos seus «produtos». Tamén reflexionaron sobre os produtos que ían anunciar e deunos pé a falar do uso responsable que deben facer como consumidores. Despois da presentación, expuxeron o seu produto final na entrada do instituto para que o resto da comunidade educativa puidese ver os seus traballos.

 

Avaliación

Avaliamos a participación de todo o alumnado, profesorado e familias implicadas na realización do proxecto. Tivemos en conta todo o proceso ata o logro do produto final que está exposto ao resto da comunidade educativa. Levamos a cabo unha avaliación inicial coa entrega dos cuestionarios previos para saber de onde partir, unha avaliación formativa tendo en conta todo o proceso de ensinanza/aprendizaxe e unha avaliación sumativa valorando o traballo e esforzo cara ao produto final. Medimos tamén a eficacia dos contidos e a metodoloxía empregada, así como o carácter interdisciplinario do proxecto. Para a avaliación final da eficacia dos contidos e metodoloxía empregados tivemos en conta os seguintes criterios:

  • Traballo dun proxecto interdisciplinario e participativo
  • Valoración do nivel de participación do alumnado, profesorado e familias
  • Implicación do resto da comunidade educativa, como, por exemplo, outros alumnos doutros grupos
  • Calidade no produto final
  • Transmisión de conclusións ao resto da comunidade educativa
  • Valoración do grao de cumprimento dos obxectivos xerais e específicos
  • Adquisición de competencias polo noso alumnado

En xeral avaliamos o proxecto de forma favorable, cremos que foi acertada a elección do programa Galicons-net. É un programa que ofrece un amplo campo de coñecemento que pode ser abarcado desde varias perspectivas, como a lingüística ou cultural, e que ofrece moitas posibilidades de traballo e enfoque. Traballar por proxectos é moi positivo e reconfortante para o alumnado e os docentes implicados. Hai un sentimento de traballo cooperativo e significativo. O que se aprende nas aulas non queda nas aulas senón que serve para o día a día do alumnado. Pensamos que o importante é que o centro siga a traballar en máis proxectos e que sexan máis departamentos os implicados neles.

 

Conclusións

Non só todo o noso alumnado implicado estivo a traballar no proxecto, tamén o fixeron as súas familias axudándolles desde a casa, como, por exemplo conseguindo materiais de reciclaxe e adquirindo pinturas para as maquetas ou simplemente sendo os primeiros en ver o produto final que elaboraron na casa e trouxeron ao centro. As maquetas están expostas na entrada do centro, onde todas as familias, demais alumnos e docentes poden velas e comentalas. Cando se fixeron os obradoiros da Escola Galega de Consumo, tamén se invitaron os outros grupos de primeiro e cuarto da ESO que puideron saber do proxecto que se estaba levando a cabo. Moitos alumnos de terceiro da ESO puideron participar de forma directa cando foron ver a exposición das maquetas e votaron a que consideraban máis orixinal e o slogan máis eficaz.

Toda a comunidade educativa puido seguir o proxecto a través da páxina web do centro. Na páxina principal hai unha icona de Proxecta e Galicons-net que leva a unha nova páxina onde se poden ver algunhas das actividades que levaron a cabo os alumnos e alumnas de primeiro e cuarto da ESO. Na entrada do instituto tamén tivemos a exposición dos seus produtos finais para que todo o alumnado, profesorado, familias e demais membros da comunidade educativa os puidesen ver.

Web do centro

 

 

Bibliografía: 

 

 

Goddard, A. (1998). The Language of Advertising: Written texts. Londres: Routledge.

Harmer, J. (2001). The Practice of English Language Teaching. Oxford: Longman.

Jakobson, R. (1984). Ensayos de lingüística general. Barcelona: Ariel.

Rodríguez, R. e Morales, G. (1998). El trabajo en grupo. Oxford: Oxford University Press.

Vestergaard, T. e  Schroder, K. (1992). The Language of Advertising. Oxford: Blackwell.

 

Sección: