As técnicas Freinet da escola moderna

 

Título do libro: As técnicas Freinet da escola moderna
Autor: Célestin Freinet
Editorial: Kalandraka, Pontevedra, 2019
Autora da recensión: Sabela Fernández Trelles
Enderezo electrónico: fernandeztrelles@edu.xunta.es
CFR destino: A Coruña

 

 

Célestin Freinet foi un mestre e pedagogo francés, creador das técnicas que levan o seu nome, utilizadas en diversos métodos de investigación pedagóxica.

As técnicas Freinet da escola moderna é un texto que o autor escribiu en 1964 para os ensinantes franceses de educación básica. Ao longo do seu escrito, Freinet non quixo deseñar un método de autor, cerrado e concluído, por iso nunca falou do método Freinet e preferiu salientar o concepto de técnicas, abertas e dinámicas, ligadas á modernización dos instrumentos e recursos da época.

A pedagoxía Freinet formúlase como unha pedagoxía centrada no educando para contribuír a desenvolver o potencial de vida de cada un deles, partindo da tendencia natural da rapazada á acción, a expresarse, a crear e a exteriorizarse.

Os supostos «freinetianos» atenden a factores como a conexión entre as aprendizaxes escolares e as actividades vitais dos nenos, co fin de percibir a súa utilidade e sentido; a apertura dos centros aos seus contextos sociais e culturas máis próximas, e a organización cooperativa, a asunción por parte do propio alumnado na xestión das actividades.

Este desenvolvemento pedagóxico implica un cambio de paradigma no ensino, unha modificación das prácticas educativas e unha transformación de espazos que permitan acompañar estes cambios metodolóxicos.

Este texto é un reflexo no que a escola é un espazo de vida, de formación, de traballo, xogo e ledicia, onde a creación, a expresión libre e a comunicación se mesturan coa investigación e a experimentación, converténdose nos piares da educación.

 

 

Sección: