La escuela no es un parque de atracciones

Una defensa del conocimiento poderoso

 

Título do libro: La escuela no es un parque de atracciones
Subtítulo: Una defensa del conocimiento poderoso
Autor: Gregorio Luri Medrano
Editorial: Ariel, Barcelona 2020
Autor da recensión: Javier Pintor
Enderezo electrónico: jjpinel@edu.xunta.es
CFR destino: A Coruña

 

 

Un título tan suxestivo e directo como “La escuela no es un parque de atracciones”, dános pistas do que nos imos a atopar durante a lectura deste libro. O autor, docente con ampla experiencia en temas de pedagoxía, filosofía e política reflexiona ao longo de todo o libro sobre cuestións relacionadas co coñecemento e a escola. Reivindica a necesidade do coñecemento en tempos nos que Google parece resolvelo todo e subliña a importancia de que é a escola o lugar no que se dá o descubrimento do grande, do realmente valioso.

Gregorio Luri fálanos da necesidade que temos como docentes de restaurar a dignidade do coñecemento. Ademais, subliña que a escola ten a obriga de compensar as desigualdades sociais, e neste sentido afirma que os desfavorecidos son merecentes dunha escola ambiciosa con bos profesionais do ensino, que non aspire só a entretelos.

O libro pasa revista a moitos conceptos clave en educación nestes últimos anos, e a moitas das novas pedagoxías que decote se introducen nas aulas co criterio de que hai que renovar a escola e adaptala aos novos tempos. Luri con datos estatísticos contrastados de informes PISA e outras fontes fiables desmonta o incerto beneficio destas receitas pedagóxicas supostamente tan proveitosas nas aulas. Por este motivo é preciso avaliar a escola con criterios obxectivos que nos permitan deducir xuízos críticos ben fundamentados. O autor manifesta que se debería esixir aos centros educativos que expoñan con claridade cales son as súas metas, en que medio confían para alcanzalas, e cales son os resultados obtidos.

A escola está aí para facilitarlle ao alumnado o acceso ao mellor do noso patrimonio cultural, isto será sen dúbida o mellor legado que pode ofrecer a institución educativa aos seus estudantes. Deste xeito, reivindica a importancia do humanismo, da educación liberal e da transmisión. E nesta cadea de transmisión de coñecemento a figura clave sempre será a do mestre; sen docentes que transfiran saberes significativos o sistema educativo atoparíase nunha situación lamentable.

Neste ensaio tamén se pon en dúbida a mala prensa que na actualidade teñen conceptos como a atención, a memoria, o esforzo, e a disciplina. Conceptos que o autor considera claves e necesarios para que se alcancen coñecementos valiosos. Asemade, critica que as escolas renuncien a realizar exames como mostra dunha vontade innovadora xa que isto supón, segundo o autor, ignorar o funcionamento da aprendizaxe.

Comparto moitas das apreciacións expresadas neste libro e moi en concreto a que di que todo profesor é un profesor de lingua. O mellor xeito de garantir a competencia lectora a medio prazo, é fomentar a competencia oral o antes posible. Lectura, escritura e fala van unidas. Porque sen esta competencia lectora todo o edificio da aprendizaxe esborrállase.

Tamén coincido co autor en que as escolas naceron para axudarnos a adquirir coñecementos valiosos. Simplificar os elementos do coñecemento é empobrecer o pensamento e menosprezar as institucións educativas. De xeito un tanto controvertido e provocativo, Luri conclúe que o coñecemento require a súa ecoloxía pero esta non se atopa nun parque de atraccións.

 

 

Sección: