Osíxeno para a pel mancada da Limia

O proxecto O Patrimonio Asolagado foi concibido para abordar, desde unha perspectiva integrada e interdisciplinar, a desfeita medioambiental e cultural que provocou o desecamento da lagoa de Antela. A partir deste eixe temático, deseñáronse diferentes estratexias de intervención no ámbito das ciencias e das humanidades co obxectivo de favorecer a aprendizaxe activa e cooperativa. O traballo de campo acometido polo alumnado converteuse nunha ferramenta eficaz de sensibilización e serviu para dignificar o patrimonio natural e cultural da contorna.

Carmen Gómez García
Profesora Lingua Galega e Literatura

 

Contextualización

O IES Lagoa de Antela, cuxo nome remite á lagoa desecada na época franquista, é un centro público situado na bisbarra da Limia que imparte a ensinanza secundaria obrigatoria, os bacharelatos das modalidades de Ciencias Sociais e Humanidades e Ciencias e Tecnoloxía e primeiro e segundo de FP básica de Cociña.

O noso alumnado procede da vila de Xinzo de Limia e do ámbito rural, dos concellos que conforman a comarca da Limia (Cualedro, Calvos de Randín, Trasmiras, Vilar de Barrio, Os Blancos, Sarreaus, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, Sandiás, A Xironda e Baltar). Unha parte deste alumnado reside lonxe do centro de ensino, circunstancia que o obriga a investir bastante tempo no desprazamento ata o instituto e dificulta a súa participación en actividades planificadas fóra do horario lectivo. Por outra banda, algunhas alumnas e alumnos teñen limitado o acceso, fóra do centro de ensino, a algunhas ferramentas de aprendizaxe tecnolóxicas.

Os traballos por proxectos non son unha experiencia nova no instituto pois, desde hai anos, os departamentos de Bioloxía e Física e Química participan no Proxecto Ríos e levan planificando e realizando actividades cooperativas, fóra do horario lectivo, nos espazos naturais da contorna —análise de augas e solos, plantacións, anelamento de cegoñas— co propósito de estudar os ecosistemas, analizar os efectos que causa a intervención humana e infundir unha conciencia de protección e respecto polo medio ambiente. En relación con isto, cómpre salientar que a comarca da Limia constitúe unha das zonas máis contaminadas de Galicia, tal como constatan os datos da Confederación Hidrográfica, e tamén unha das máis deprimidas economicamente segundo os indicadores locais de pobreza/riqueza.

Así mesmo, unha parte do profesorado de Lingua e do ENDL ten deseñado nos últimos anos accións curriculares e proxectos con outros departamentos a prol da conservación do patrimonio inmaterial. O compromiso coa nosa lingua supón sempre unha fonte de motivación para mobilizar o alumnado e intentar frear, dalgunha maneira, a ameaza a que está sometida.

Obxectivos do proxecto

  • Describir e analizar a importancia da lagoa de Antela, o nicho ecolóxico creado ao seu abeiro e as causas e consecuencias do seu desecamento.
  • Desenvolver actitudes que se asocian ao traballo científico, tales como a busca de información e a verificación dos feitos.
  • Promover actitudes favorables cara ao respecto e á protección do medio ambiente.
  • Analizar a repercusión dos aspectos históricos e sociolóxicos, económicos no patrimonio natural e cultural da contorna e promover a reflexión.
  • Coñecer e valorar o patrimonio cultural, material e inmaterial, para contribuír de forma activa á súa conservación e difusión.
  • Potenciar o contacto interxeracional e recoñecer o seu valor como fonte de información.
  • Promover o traballo cooperativo e activo e o uso das novas tecnoloxías no proceso de aprendizaxe.

 

Descrición do proxecto

Este proxecto xestouno o profesorado de Lingua e Física e Química que imparte clases en cuarto da ESO e propúxose a profesorado doutros departamentos. Aceptaron a proposta docentes pertencentes aos departamentos de Latín, Historia e Plástica. Participou alumnado de cuarto da ESO e primeiro de bacharelato.

Logo de varias reunións, nas cales se formularon os obxectivos, áreas de traballo e liñas de actuación do proxecto, procedeuse á súa realización:

O profesorado de Historia, Paz Prada Álvarez en cuarto da ESO e Manuel López Taboada en primeiro de bacharelato, encargouse de contextualizar e analizar as causas e consecuencias do desecamento da lagoa na aula.

A profesora de Lingua Galega e Literatura, Carmen Gómez García, encargouse de promover a recollida, rexistro e clasificación da toponimia e microtoponimia; da planificación das entrevistas, da xestión das visitas e da selección de textos poéticos.

O profesor de Física e Química de cuarto da ESO, Miguel Ángel Yebra Ferro, xestionou entrevistas, planificou e abordou a análise das augas, flora e fauna da canle principal da lagoa, das canles adxacentes e das marxes das devanditas canles.

A profesora de Física e Química de primeiro de bacharelato, Eulalia Delgado Gándara, xestionou a visita ás areeiras e algunha entrevista.

A profesora de Latín, Rosa de Ávila Juárez, promoveu a pescuda sobre o patrimonio castrexo e romano máis salientable na contorna e colaborou na investigación etimolóxica dos topónimos.

A profesora de Educación Plástica e Visual, Sara Vázquez Guzmán, xestionou a intervención poética na vila.

Actividades desenvolvidas

- Organizáronse dúas conferencias: unha co académico Vicente Feijoó Ares, que disertou sobre toponimia, e outra con Víctor Javier Pérez Baltar, membro da Sociedade Galega de Historia Natural, que describiu a importancia da lagoa de Antela e as consecuencias do seu desecamento na contorna.
- Planificáronse e realizáronse varias entrevistas en pequenos grupos a:

  • Persoas de relevancia da contorna: a Tomás García García, antigo profesor de Bioloxía do instituto e membro da SGHN; a Antón Riveiro Coello, escritor oriúndo de Xinzo; a Andrés Taboada Casteleiro, vicepresidente do Padroado do Museo da Limia e antigo alumno do instituto; a Elixio Rivas Quintas, filólogo e estudoso do patrimonio cultural da Limia; e a Camilo de Dios Fernández, destacado membro da resistencia contra a ditadura franquista e veciño de Sandiás, unha das zonas máis afectadas polo desecamento da lagoa de Antela.
  • Persoas de idade —algunhas delas familiares directos do alumnado—, que describiron a súa experiencia e relación laboral coa lagoa, valoraron os cambios que provocou o desecamento nas súas vidas e contaron lendas e contos. A estas persoas, que lles tocou vivir un período difícil da historia, que son depositarias da nosa cultura e memoria e que constitúen valiosas fontes de información diriximos todo o noso agradecemento. Velaquí os seu nomes: Palmira Cuquejos, Isabel Gil, Arsenio Joga, Genoveva Franco, Manuela Lage, Albina Manso, Eloi Santana, Esperanza Morales, María Losada, Concepción Cid, Francisco Fernández, Concepción Camino, Rosa Marra, Saladina Parada, Antonio Quintas, Eloi Fernández, Juanita Gómez, Servando Varela, José López, Dolores Mellado e Juan José Diz.

Con Elixio Rivas Quintas

 

- Organizouse unha visita ao Museo Etnográfico da Limia, situado no concello de Vilar de Santos, na que exerceron de guías o alcalde do concello, Xan Xardón, e dúas alumnas de primeiro de bacharelato oriúndas do municipio, Nicole Rodríguez e Nerea Graña.

No Museo Etnográfico de Vilar de Santos

 

- Organizouse unha visita guiada ás áreas hídricas onde se levan a cabo iniciativas para restaurar o hábitat das aves acuáticas e fomentar accións didácticas como o anelamento de cegoñas. Exerceu de guía o axente forestal Félix Alonso Feijóo.

Observando aves

 

- Realizáronse, fóra do horario escolar, cinco saídas en pequenos grupos de catro persoas para analizar a calidade das augas da canle principal da lagoa e canles adxacentes e das súas marxes. Aplicouse a metodoloxía científica, consistente na observación directa, recollida de mostras e análise destas (pH, osíxeno disolto, nitratos, bacterias fecais, turbidez, macroinvertebrados presentes). Empregáronse mangas para a recollida de macroinvertebrados, reactivos para o estudo do pH, O2 disolto na auga e a concentración de nitratos nesta (NO3-), indicador de colibacilos, cubetas e frascos para estudar as mostras recollidas, smartphones para localizar as coordenadas dos puntos de mostraxe, prismáticos para poder achegar a visión das aves, guías de campo para a identificación de aves, árbores, macroinvertebrados e plantas acuáticas. (Ver gráfico adxunto).

Recollendo mostras na canle principal

 

Recolleuse, rexistrouse e clasificouse gran parte da toponimia da zona que ocupaba a lagoa de Antela, dos espazos limítrofes e inundables e dalgúns lugares de residencia do alumnado. Para o desenvolvemento desta tarefa, o alumnado recorreu ás familias como fonte de consulta. Utilizáronse mapas para situar os nomes de lugar e, posteriormente, procedeuse a buscar a orixe etimolóxica dos termos e clasificalos. Tamén se rexistraron aspectos relacionados coa orixe dos topónimos ou historias vinculadas a estes.

Situando topónimos nun mapa

 

- Realizouse unha pescuda sobre os restos da cultura prerromana, as pegadas da romanización (miliarios, a Vía Nova..) e medieval na Limia, en especial aquel que foi destruído ou sufriu modificacións por causa das obras do desecamento como o menhir da Pedra Alta, a ponte romana das Poldras e ponte Liñares.
- Incentivouse a creación artística a través de diferentes accións: confección de poemas, caligramas, debuxos e cómic. Na semana das Letras Galegas organizouse unha intervención artística na vila que consistiu en pintar os pasos de peóns con versos de poetas da zona, como Chus Pato ou Xabier Xil Xardón. Para iso, utilizáronse uns patróns en papel previamente recortados na aula de Plástica. Posteriormente, levouse a cabo un recital na praza Maior de Xinzo.
- Confeccionáronse uns carteis para lle dar visibilidade ao proxecto que se expuxeron no instituto e no local onde este se presentou.
- Organizouse un acto público para presentar o proxecto na vila de Xinzo coa participación do alumnado máis activo como condutor deste.

Presentando o acto en Xinzo

 

Metodoloxía e recursos empregados

O proxecto abordouse dunha maneira interdisciplinar e integrada. Para iso, deseñáronse estratexias de aprendizaxe que conectasen contidos de diferentes materias e que tivesen en conta os medios dispoñibles, as circunstancias do alumnado e os seus intereses e habilidades. Empregouse unha metodoloxía activa, cooperativa e científica.

Consultáronse fontes de información diversas e empregáronse ferramentas tecnolóxicas para a elaboración dos produtos. Tamén se fomentou a creación artística.

Recursos empregados:

  • Mapas: Sixpac, Google Earth e Google Maps.
  • Cámaras dixitais, trípodes, móbiles, editores de vídeo e ordenadores.
  • Plataformas dixitais como Issuu, Spreaker e YouTube.
  • Aplicacións como Plantnet, botas de goma, prismáticos, xeolocalizadores, mangas, cubetas, frascos e reactivos do Proxecto Ríos para a análise de augas, fauna e flora das canles.
  • Fontes web, dicionarios e libros.
  • Padróns, pinturas, máscaras e luvas para a intervención plástica.

 

Avaliación

O profesorado mantivo reunións periódicas para avaliar o desenvolvemento do proxecto e realizar as modificacións pertinentes. Durante o proceso de planificación e execución do proxecto, houbo que reformular algúns obxectivos para posibilitar o traballo de campo do alumnado.

Co alumnado aplicáronse mecanismos variados de avaliación: para o proceso. empregáronse instrumentos como a observación directa e os diarios de aprendizaxe e, para o produto, a verificación, a reflexión (autoavaliación) e o debate (avaliación compartida) a partir de cuestionarios.

Valoración das accións e dos obxectivos:

  • A pescuda e rexistro da toponimia resultou moi interesante pois, a través dela, o alumnado descubriu a orixe e significado dos nomes dos espazos que habita e as modificacións que se produciron nestes pola intervención humana (conversión en terra de cultivo, perda de bosque e de correntes hídricas...).
  • As entrevistas resultaron atractivas porque desenterraron a memoria asolagada, propiciaron o contacto interxeracional e lles deron valor ás fontes orais. Grazas a elas, o alumnado comprobou que hai diferentes puntos de vista sobre a mesma realidade,  apreciou a riqueza da literatura oral e descubriu un mundo que foi pero que xa non existe: os palafitos, os cortellos, o beón, os merguilletes…
  • As saídas para realizar análises das augas, flora e fauna foron moi instrutivas porque se realizaron en grupo, se usaron diversos medios técnicos e se aplicou a metodoloxía científica, instrumento eficaz para desarmar ideas infundadas.
  • O coñecemento da historia valorouse como un medio necesario para evitar reproducir os erros cometidos.
  • O traballo cooperativo xulgouse como motivador e enriquecedor.
  • As novas tecnoloxías son instrumentos eficaces e necesarios para compilar e preservar o patrimonio.

 

Conclusións

O alumnado que participou no proxecto puido comprobar que a realidade é múltiple e múltiples son os camiños do coñecemento, que os ámbitos de estudo están interconectados e que a alteración nunha parte dun ecosistema provoca cambios en todo o seu conxunto. O desecamento da lagoa foi un desastre ecolóxico que desencadeou danos irreversibles na contorna e que non trouxo a prosperidade prognosticada polos seus defensores. Hoxe en día sería posible, de non ocorrer tal desfeita, explotar dunha maneira sostible a lagoa e esa explotación redundaría en beneficio da comarca.

O profesorado participante valorou positivamente a experiencia pois aprendeu a traballar de maneira colaborativa, aplicou novos métodos de aprendizaxe, coñeceu aspectos da contorna onde reside o seu alumnado e xerou empatía con este. 

Aínda que a maior parte do alumnado que participou no proxecto valorou positivamente a experiencia, cómpre salientar o compromiso dun grupo de vinte persoas que se involucraron dunha maneira significativa no seu proceso de desenvolvemento e execución.

Velaquí deixamos as súas palabras:

Para nós, esta foi unha experiencia distinta ao usual método para aprender; ademais, o proxecto relacionouse directamente con feitos próximos a nós, o que nos fixo estreitar lazos coa nosa contorna. Tamén nos pareceu interesante traballar desde distintos puntos, como foron a toponimia, as mostras químicas da canle e as entrevistas á xente que viviu nos tempos da lagoa, o que nos permitiu coñecer máis o seu contexto histórico. En definitiva, é un orgullo gañar este premio que tanto esforzo custou e tantas alegrías nos proporcionou. (Mónica Santana e Zaira Dopozo)

Pareceume unha actividade moi interesante porque coñecemos a historia recente da comarca da Limia e, ao mesmo tempo, puidemos ter máis relación cos nosos maiores, algo que vexo moi necesario porque eles son os que preservan toda a nosa cultura e tradicións. (Iago Dameá).

Produto final

Todos os produtos elaborados polo profesorado e o alumnado (gravacións, estudos, análises, creacións, carteis…) foron subidos a un blog habilitado para lle dar visibilidade ao proxecto e para ser usado como material didáctico nas aulas.

 

Bibliografía: 

 

 

CABEZA AQUILES, F. Os nomes de lugar. Topónimos de Galicia: a súa orixe e o seu significado. Ed. Xerais de Galicia.

RIVAS QUINTAS, E. A Limia: Val da Antela e Val do Medo. Ed. Deputación Provincial de Ourense.

RIVAS QUINTAS, E. A Limia II. Ed. Deputación Provincial de Ourense.

VV. AA. Dicionario Xerais. Ed. Xerais.

VV. AA. Gran dicionario da lingua galega. Ed. do Cumio.

VV. AA. Guía das aves de Galicia. Ed. Baía.

VV. AA. Guía das árbores de Galicia. Ed. Baía.

https://toponimia.xunta.es/

https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1492779743/contido/tipos_de_topnimos.html

http://sli.uvigo.es/toponimia/

 

 

Sección: