Amparo Tomé

Socióloga experta en xénero e educación
Este curso escolar Amparo Tomé participou no XX Foro Galego de Educación en Igualdade, que tivo lugar os días 5 e 6 de abril de 2019 en Santiago de Compostela. Con ela compartimos os debates dese encontro e convosco compartimos esta entrevista.

Mónica Martínez Baleirón
Asesora de Igualdade
Consellería de Educación, Universidade e FP

 

 

 

Amparo Tomé ten unha traxectoria fácil de resumir, pero difícil de abarcar en toda a súa magnitude: traémola a estas páxinas por ser unha das maiores referentes da escola coeducativa española. Amparo Tomé arrancou a súa carreira profesional na filoloxía inglesa e completouna na socioloxía. Desenvolveu a súa carreira docente no ensino secundario e na universidade e emprendeu unha carreira investigadora arredor da presenza dos estereotipos de xénero no ámbito educativo. O seu traballo profesional centrouse en contribuír á construción dunha escola onde as diferenzas entre homes e mulleres non supoñan un factor de discriminación que limite as posibilidades de realización persoal e profesional duns e doutras. Podemos ler os seus traballos iniciais na colección Cadernos de Coeducación, revista da que foi directora ao longo dunha década, e nas seguintes publicacións:

Mujer y educación. Educar para la igualdad, educar desde la diferencia. Ed. Graò. 2002.
Contra el sexismo. Coeducación y democracia en la escuela. Síntesis. 2003.
Los chicos también lloran. Ed. Paidós. 2004.
Balones fuera. Con Marina Subirats. Ed. Octaedro. 2007.
Con ojos de niña. Con Francesco Tonucci. Ed. Graó. 2013.

 

 

Amparo Tomé leva toda unha vida dedicada a coñecer os obstáculos que as nenas e os nenos atopan na escola para conseguir desenvolverse máis aló do seu xénero. Así pois, coñece ben os avances logrados e os retos que nos quedan por afrontar para converter a escola mixta nunha escola coeducativa que estea á altura das necesidades do século XXI.
 
Mónica Baleirón: Vostede empezou a súa carreira profesional estudando o xénero como categoría de análise social e, concretamente, investigando cales eran as carencias que presentaban as nenas no sistema educativo (ou como afectaba o sexismo ao seu desenvolvemento educativo). Deseguido emprendeu o estudo do xénero como factor de discriminación para os nenos. Como valora os avances que se deron ao longo destes anos?

Amparo Tomé: En realidade, no Grupo de Investigación sobre Xénero e Educación da Universidade Autónoma de Barcelona pasamos máis de dez anos centrando as nosas investigacións e reflexións sobre as debilidades educativas das nenas e sobre as dificultades coas que o sistema educativo as recibía nas aulas. Foi a comezos dos anos noventa, de 1993 a 1996, cando comezamos a preguntarnos como os mozos construían as súas masculinidades. Isto cambiounos a visión da produción e reprodución dos xéneros no sistema educativo.

Realmente, o estudo das masculinidades foi unha sorpresa dolorosa. Constatar a anemia emocional masculina como mandato social, descubrir os índices de mortes prematuras de tantos e tantos mozos debido ás drogas, aos accidentes de moto e de coche, á súa participación en deportes de risco, ao feito de quedaren entre eles para pelexar (e así medir a súa virilidade, a súa forza, a súa valentía etc.), violar, acosar as mozas en grupo para autodemostrarse que así son os homes de verdade... Foi un choque. E o peor é que os rapaces seguen empeñados en ensinarlle ao mundo que non lle teñen medo a nada nin a ninguén e que sempre son quen de arriscar a súa vida por nada… É unha tolemia! É unha perda enorme de enerxías e delata falta de proxectos positivos. Podemos repasar un longo abano de violencias absurdas coas que viven, medran, sofren e causan moito dano a si mesmos, a outros homes, ás mulleres, á terra, ao planeta… Traballar a tenrura, a sensibilidade e o agarimo é o primeiro paso para desfacer ese nó de víboras no que medran e que coñecemos como machismo.

Afortunadamente, moitas nenas e mozas estanse a criar con referentes de mulleres con proxectos vitais en todas as ordes e ámbitos sociais, laborais e privados. Medran cunha forte conciencia do feito de que nacer muller e ser feminista non supón hoxe en día ningunha desvantaxe, aínda que segue esixindo un extra de fortaleza en canto ao uso de criterios que se enfrontan a posicións tradicionais que lles seguen sendo esixidas ás mozas, como a maternidade, o matrimonio heterosexual, a dedicación da vida a outras persoas… Pero as mulleres novas aprenderon as relacións de sororidade que supón vivencias, experiencias comúns, loitas compartidas entre moitas mulleres e algúns compañeiros… A individualidade do fogar estase rompendo. E enfatizo: hoxe en día ser feminista en moitos ámbitos sociais e urbanos está deixando de ser un estereotipo de contrafeminidade, propio de mulleres marimachos, feas, situadas contra o masculino e contra os homes. Isto non é así, as mulleres temos moitos proxectos por diante para perder o tempo en criticar aos e ás demais. Máis ben sentímonos fortes e alegres, e sabemos que a revolución será feminista ou non será. Sabemos moi ben dos contraataques do patriarcado, das mortes e das violencias cotiás que sufrimos, pero tamén sabemos que o mundo cada día é un pouquiño máis feminista.

E aínda así, volvendo ao tema que nos ocupa, cómpre poñer o foco en que o sistema educativo segue a discriminarnos en case todos os aspectos escolares e universitarios, tanto na organización escolar, nas ensinanzas non universitarias e en moitas das carreiras universitarias continuamos sen referentes femininos que dignifiquen o traballo das mulleres ao longo dos séculos no mundo das artes, das ciencias, da tecnoloxía, da música, da literatura, dos deportes etc. Séguese empregando unha linguaxe non inclusiva, é dicir, o uso do masculino para referirnos a ambos os sexos, non se revisan os currículos, que están totalmente masculinizados, e as mulleres seguen a ter pouca representación institucional (como reitoras de universidades, directoras de departamentos en certas enxeñerías etc.). Con todo, o avance das mulleres novas é imparable en calquera ámbito de excelencia, de responsabilidade, de dirección desde o ámbito académico (no doutoramento, na consecución de teses de doutoramento, nas cátedras) ata a alta dirección de empresas nacionais e internacionais. Agora esperamos a entrada dos homes no ámbito doméstico, no coidado, na tenrura e na corresponsabilidade.
 
MB: Acaba de mencionar o aumento da presenza das mulleres nos distintos ámbitos universitarios. Alén disto, a universidade española avanzou cara á investigación con perspectiva de xénero?

AT: España avanza cara á igualdade real de xénero nas áreas universitaria e de investigación. Hai pouco, a Secretaría de Estado de Universidades e I+D+i, conxuntamente coa Universidade Complutense de Madrid, emitiu un informe despois do encontro que tivo lugar o pasado 19 de novembro de 2018 no Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades con persoas expertas nacionais e internacionais sobre «Cambio estructural de género en universidades y agencias financiadoras de investigación» (enmarcadas no proxecto europeo SUPERA). A primeira parte da xornada centrouse nas axencias financiadoras de investigación mentres que na segunda parte da xornada se analizaron medidas para avanzar en igualdade nas universidades, desde a confección de estatísticas ata os protocolos contra o acoso sexual. A doutora Mina Stareva, responsable da Sección de Xénero da Dirección Xeral de Investigación e Innovación da Comisión Europea, presentou as medidas para a promoción da igualdade de xénero na UE e, doutra banda, as persoas expertas abordaron o papel dos estereotipos e como erradicar as desviacións de xénero na avaliación da actividade académica e nos proxectos de investigación. Isto evidencia que segue a haber elementos estruturais que impiden a igualdade entre homes e mulleres na universidade.

En España segue a haber serias resistencias aos estudos feministas e de xénero nos espazos universitarios, non se lles dá o valor social e político que teñen. Malia estas dificultades, o impulso do feminismo e as leis que favorecen os dereitos das mulleres, que promoven a igualdade, os bos tratos contra o maltrato e a violencia contra as mulleres vanse abrindo camiño a través da fundación das cátedras de xénero, dos centros de estudos sobre a muller, dos institutos universitarios de investigación de estudos de xénero, nos másters de xénero, nos graos universitarios en estudos de xénero, na convocatoria de conferencias, congresos, xornadas etc., que van dando como resultado certa tolerancia cara ás teorías feministas, cara á perspectiva de xénero nas teses e nos traballos de fin de grao, e unha certa conciencia da importancia do feminismo na definición das relacións sociais no futuro do planeta.
 
MB: Ao longo da súa carreira investigadora procurou dar coas claves que explicaban a socialización diferencial. Pode recordar os descubrimentos que máis impresión lle causaron?

AT: Aínda que me teño que remitir aos anos oitenta e noventa, e mesmo a comezos do século XXI, os primeiros pasos nas investigacións certamente supuxeron unha serie de sorpresas que ofreceron moita información para poder logo desenvolver unha metodoloxía de cambio nas actitudes do profesorado nas etapas de primaria e secundaria. Por exemplo, na linguaxe escrita, pictórica e simbólica utilizada nos libros de texto e nas lecturas infantís etc., todos os textos estaban escritos en masculino, os exemplos referíanse a homes, rapaces ou nenos; as actividades ás que se referían eran as realizadas polo sexo masculino, isto é, as mulleres estabamos totalmente ausentes, simplemente non existiamos para sermos nomeadas nin referidas en ningún aspecto relevante. Se había ilustracións, tamén estaban referidas aos homes e, se aparecía algunha muller, estaba realizando labores referidos ao seu sexo, é dicir, realizaba tarefas domésticas; as imaxes das mulleres eran máis pequenas ca as masculinas e non engadían ningunha referencia con contido que ampliase a información dos textos.

Calquera exercicio que se lle pedía ao alumnado de debuxar unha persoa que se dedicase á investigación, a escribir novelas, a viaxar, a facer deporte… os suxeitos eran sempre masculinos. Se se lle pedías que debuxasen persoas que coidaban enfermos, que cociñaban, que levaban os nenos á escola etc., os suxeitos eran sempre femininos.

Nos contos, os roles femininos eran as princesas que agardaban por príncipes que viñan de lonxe e dos que se namoraban en canto chegaban e cos que logo casaban, e aí acababa o conto das súas vidas; tamén podían ser raíñas malvadas, fadas, bruxas malas e boas, nenas pobres que traballaban sen descanso ou pícaras ricas e estúpidas que non tiñan outro obxectivo máis que casar. As mensaxes para as nenas eran clarísimas: o obxectivo era o matrimonio; debían aprender a ser boas mulleres, boas nais e boas esposas.

Hoxe en día, podemos virar encarnadas ante semellantes estereotipos, pero as mensaxes do patriarcado eran mandatos e principios que marcaban claramente os futuros das nenas e dos nenos.

Cando daquela observabamos, por exemplo, as avaliacións finais dos cursos de COU, tiñamos en conta a linguaxe utilizada tanto polo profesorado masculino como polo feminino cando avaliaban as mozas e os mozos. Os mozos con catro ou cinco sobresalientes eran moi intelixentes, as mozas co mesmo número de sobresalientes eran moi traballadoras e esforzábanse moito, coma formiguiñas.

Cando observabamos o tempo dos recreos nos patios, fixabámonos no uso dos espazos, o que mostraba en todos os lugares observados a desigualdade na distribución do espazo: os mozos fortes e con boas calidades para o fútbol ocupaban o 90 % do espazo. Tamén era fácil ver a xerarquía dos xogos, o xogo que marcaba a vida no patio era a pelota, ben para xogar ao fútbol, ao baloncesto ou a outros xogos que inventaban. O resto de xogos perdía categoría, non se xeneralizaba, e as mozas acababan sendo espectadoras do xogo dos seus compañeiros. Observabamos, así mesmo, as diferentes actitudes nas relacións entre as mozas e os mozos, entre as mozas ou os mozos. Moitos dos conflitos físicos ou verbais dábanse nos patios. Observamos tamén que cantos menos xogos tiñan no patio máis aumentaban os conflitos. Se o profesorado se implicaba nos xogos diminuían tamén os conflitos. Observamos que as nenas ían moito máis a pedirlle axuda ao profesorado debido a que non lles permitían xogar ou estaren tranquilas. O profesorado non lles facía moito caso (segundo as súas palabras, «eran moi queixumeiras»). Os mozos insultábanse, podíanse mesmo pegar e o profesorado consideraba que estes comportamentos eran normais entre eles. Os primeiros estudos nos patios déronnos a clave de como se manifestaba o sexismo nos espazos non regulados. Se observabamos os laboratorios, os mozos eran os protagonistas de levar a cabo os experimentos mentres que as súas compañeiras escribían e limpaban e arranxaban os espazos.

Seguiría horas e horas lembrando aqueles descubrimentos, ás veces dolorosos, como os insultos machistas, sexistas, as ameazas escritas nas mesas da aula contra as compañeiras ou as nais dos compañeiros e compañeiras. Podo referirme a case todos os ámbitos da vida escolar, pero existen innumerables artigos de Marina Subirats e meus da época se se queren pescudar estes comezos das investigacións sobre o sexismo nas escolas.

 


 

MB: Coméntase frecuentemente que fai falta moita formación do profesorado para favorecer a súa implicación na construción dunha sociedade igualitaria. No debate público a formación compite coa sensibilización como pedras de toque do traballo coeducativo. Recordoume esta polémica o debate que abriu no foro ao redor da empatía, que non move necesariamente á acción, e que hai que implicarse, comprometerse para participar activamente na vida dos outros. Como conseguimos chegar á mobilización? Que impacta máis no profesorado: a formación ou a sensibilización?

AT: Na miña opinión, forman parte da mesma moeda, aínda que entendo que a sensibilización  é o primeiro paso do proceso e a formación achega as ferramentas para a transformación. Sensibilizar é ensinar a descubrir o sexismo normalizado en todos e cada un dos ámbitos da vida, na linguaxe, nas diferentes expectativas para as nenas e os nenos, nas actitudes e nos comportamentos que temos con unhas e cos outros, educar en principios e en valores segundo o sexo das persoas etc.

Cando formamos o profesorado, seguímolo sensibilizando, pero existe o valor engadido de mobilizarnos e actuar. Podemos aprender o que se pode facer diante dun patio sexista co uso de diferentes tipos de xogos, como alcanzar o uso equitativo do espazo, introducir espazos de xogos lentos, abrir espazos de natureza con plantas, con verde, con árbores, con area, con auga… facer do antigo patio de recreo unha aula ao aire libre.

Temos outra fronte aberta no acoso escolar. Que podemos facer ante os comportamentos violentos ou agresivos que xera? Temos que introducir na organización escolar aprendizaxes sobre as responsabilidades domésticas ou o uso da pedagoxía da responsabilidade, da autonomía, da tenrura, da bondade etc. Ensinar a coidar e a coidarnos, a coidar o espazo de vida escolar, o doméstico, os animais, a natureza etc.

Desde esta perspectiva son fundamentais para o profesorado, para o alumnado, para as familias etc. tanto a sensibilización como a formación, que son procesos que non rematan nunca. Sempre dixen que o sexismo, coma o Facebook, se actualiza todos os días.
 
MB: Cando se fala dos retos que fai falta abordar no ámbito educativo para superar a transmisión do sexismo, chegamos sempre á revisión do currículo para favorecer a visibilidade do papel das mulleres na historia, ou falamos da abordaxe da educación afectivo-sexual para educar desde o respecto nas relacións de parella, ou da intervención dos espazos compartidos como lugares nos que se reflicten as xerarquías sociais, e tamén falamos da construción da identidade desde as etapas iniciais do desenvolvemento. Con todo, no seu discurso tamén figuran outros temas desde os cales se pode contribuír moito á deconstrución dos estereotipos aprendidos, e que poucas veces se abordan con esa perspectiva de xénero que nos permita paliar a transmisión de valores contrarios á diversidade. Estou pensando no bo trato, nos coidados e tamén no enfoque liberal da educación, que leva o sistema educativo cara á procura do que demanda o mercado laboral (deixando atrás a filosofía do Informe Delors). Vostede pon o foco de novo na aprendizaxe para a vida, na vida como centro da educación. Pódenos explicar como contribúe isto á construción dunha sociedade igualitaria?

AT: O panorama que vivimos no macromundo e no micromundo de xeito cotián vaise escurecendo desde hai xa algúns anos ou, polo menos, iso é o que nos amosan as novas que vivimos con horror diariamente. É unha época de asombrosas e inmensas desigualdades sociais no ámbito planetario.
A educación logo da Segunda Guerra Mundial, a comezos da década de 1950, tiña dous grandes obxectivos: a socialización e a preparación da maioría das persoas para o mundo laboral nas sociedades occidentais. É dicir, educábase para realizar un traballo que ía durar toda a vida ou boa parte da vida e, de acordo co oficio, coa carreira estudada ou cos coñecementos e coa experiencia obtida, producíase a estratificación social. Este obxectivo educativo está chegando á súa fin e, con todo, a falta de poder entrever con claridade o futuro do mundo, seguimos educando coma se non pasara nada. A proposta á que me refería na miña reflexión é cambiar o traballo pola vida, é dicir, poñer a vida no centro da vida. E doutra banda, xa que a tipoloxía dos traballos está aínda por definir e a vida está para vivirse, en vista das desigualdades e das inxustizas coas que vivimos, a miña proposta é intentar visualizar en primeiro lugar e corrixir posteriormente as inxustizas, as desigualdades, as discriminacións, as violencias interpersoais, recuperar os dereitos fundamentais e poñer de manifesto outro tipo de valores que creen substratos de boa vida, de bos tratos, de saúde afectiva, de relacións igualitarias.

A política debe basearse naquilo que nos une, non no que nos separa, no que produce un continuo sufrimento no planeta, nas nacións, nas cidades, nas vilas, nas comunidades, nas familias. Trátase de colaborar en lugar de competir, escoitar en lugar de falar por falar, mirar para entender, non para envexar, coidar en vez de consumir, abrazar no canto de perdoar sen sentimento. E un longo etcétera que nos facilita a vida.

Nos centros educativos debemos de ensinar a amabilidade, a bondade, a tenrura e a compaixón xuntamente con aquelas materias que nos ensinen a investigar e coñecer as sociedades para deconstruír a avaricia, a violencia, o desamor, a tiranía etc., en espazos tranquilos, sen contaminación acústica, espazos de cooperación, con tempos de traballo persoal e para a comunidade, con tempos e espazos de reflexión para un mundo en cambio.

Así mesmo, cada día é máis necesario incidir en educar na reflexión, na calma, no silencio e na meditación. Unha mente en calma pode afrontar calquera tipo de situación; unha mente ansiosa producirá erros que ás veces teñen graves consecuencias.

Realmente, témoslle que dar a volta a aquelas experiencias que vivimos ou soubemos por referencias ou estudos que fixeron que a vida sexa un inferno para milleiros de seres humanos. Isto é inxustiza, é desigualdade, é discriminación, é sexismo, é violencia, é abuso...

Referíame na miña reflexión á diferenza entre empatía e compaixón, xa que a empatía nos permite sentir o que senten as demais persoas, pero a compaixón é dun nivel superior, porque implica adoptar o compromiso para aliviar o sufrimento. Ponnos en movemento para axudar. Diría que ocorre o mesmo co valor do respecto fronte ao do coidado; podo ser respectuosa porque non berro, intento non discriminar, son educada con todos; se utilizo o coidado, dispóñome a coller as ferramentas para axudar a vivir, a entender, a dar aquilo que necesita a persoa dependente, angustiada, triste etc. Se educamos os nenos na amabilidade, na tenrura, no coidado, mellorarán os resultados académicos, o seu benestar emocional e a súa saúde física e social.

MB: Teño a percepción de que estamos aínda descubrindo cales son os espazos nos que podemos intervir para modificar condutas sexistas e para corrixir factores de discriminación. Isto ten que ver coa falta de intervención nos espazos informais, coa falta de percepción do sexismo...? A que o achaca?

AT: Achácollo ao patriarcado. O patriarcado é un sistema global que perdura desde que temos estudos e referencias grazas á antropoloxía, á historia, á arqueoloxía etc. sobre a humanidade. O patriarcado normalizou o supremacismo do home sobre a muller, todo o masculino ten valor por si mesmo, o feminino ten valor de uso por e para o home. Normalizou o supremacismo da raza branca sobre todas as outras razas, a raza branca é a intelixente, é a poderosa e por esta razón ha ter permiso para invadir, colonizar, destruír outras culturas, outros pobos, outras linguas etc. Normalizou o supremacismo dos países ricos sobre os pobres, isto é, normalizou a xerarquización e dividiu países de acordo cos seus intereses, creou países novos etc. Normalizou os privilexios dunhas persoas sobre outras. Dise, por exemplo, que a prostitución é o oficio máis antigo do mundo e non é tal: é unha forma máis de explotación, é o privilexio dos homes sobre os corpos das mulleres máis antigo do mundo, como forma de pracer masculino. Normalizou o uso da forza de traballo dos homes pobres para o enriquecemento dos ricos. Normalizou a extracción e o uso dos recursos naturais de certos países (como o petróleo, o cobre, o uranio, o ouro, o coltan etc.) como forma de enriquecemento. Normalizou o concepto de desenvolvemento industrial acabando coas terras fértiles, coas terras de regadío, cos bosques etc. para construír bloques de pisos nos que acoller os grupos migrantes que se desprazaban das comunidades rurais ás cidades para traballar nas fábricas e nos servizos, para enriquecer a aqueles que tiñan o poder, o capital e que estaban no máis alto da xerarquía das corporacións multinacionais.

Debemos desnormalizar as xerarquías, desnormalizar o uso dos seres humanos como elementos da engrenaxe social, facer desaparecer os privilexios das masculinidades respecto do uso do corpo das mulleres e doutros homes, desnormalizar o traballo gratuíto doméstico e de coidado das mulleres, recuperar a memoria das mulleres como protagonistas da historia da humanidade... Sen coidado non hai vida e os homes nunca coidaron porque non formaba parte da construción da masculinidade, os homes construíron a historia porque as mulleres se dedicaron a coidala e reproducila.
 
MB: Como percibe en 2019 a educación afectivo-sexual desde o ámbito educativo? Parécelle que saímos da zona do tabú? Estamos traballando cos retos que se presentan hoxe en día (hipersexualización das mozas, persistencia dos trazos tóxicos do amor romántico, extensión do consumo de pornografía e prostitución, ciberdelitos con contido sexual, abordaxe da masculinidade tóxica...)?

AT: É unha das materias pendentes e cada día máis necesaria. O valor do corpo cambiou totalmente. O corpo, excepto nas zonas rurais nas que non chegou aínda a tecnoloxía, xa non se utiliza como ferramenta de traballo. A forza nas nosas sociedades occidentais non ten o valor que tiña. O corpo dedícase cada día máis como o carné de identidade dun ser que se exhibe, moito máis ca un ser que vive.

MB: No foro avogou por empregar a técnica do role playing ou do teatro-foro para poñer o alumnado diante de distintas escenas co fin de afrontar as situacións de discriminación e de promover o autocoñecemento. Estas actividades e o visionamento de películas significativas están a espertar a empatía e a autoidentificación do noso alumnado con situacións moi duras. Estamos a facer aflorar a violencia sexual?

AT: Aprendín as posibilidades do uso do role playing en aprendizaxes non-sexistas nun vídeo moi antigo canadense que trataba sobre a aprendizaxe de nenas e nenos a descubrir que é e como se manifesta o abuso sexual na escola, nos espazos públicos e na casa, e que lles transmitía o que podían facer. O vídeo titulábase Sentir que si, sentir que non (Feeling yes, feeling no). Convido a velo na rede. Pódese utilizar con alumnado de todas as idades, con familias, con profesorado, con axentes de igualdade etc. Ensínalles aos nenos a escoitar o seu corpo, a ter en conta que facer ante situacións complexas nas que non se senten con seguridade, ensínalles como expresar emocións e sentimentos ante os papeis que o role playing vai amosando. Existe tamén unha serie semellante catalá (Sentir que sí, sentir que no) que se pode atopar subtitulada en castelán.
Estes vídeos poden dar ideas de crear ou recrear situacións simples ou complexas para que o alumnado poida reflexionar, aprender ou solucionar situacións machistas.
 
MB: Sostense que a familia é o espazo onde se aprenden as primeiras desigualdades e xerarquías, e que a desigualdade de xénero constitúe a primeira delas. Como podemos chegar ás familias e involucralas na superación da transmisión de condutas machistas? Como podemos involucrar as familias que máis o necesitan? Como podemos traballar coas condutas que culturalmente afastan as mulleres das carreiras profesionais, da actividade deportiva, das disciplinas STEM, ou os homes do ámbito humanístico e das profesións relacionadas co coidado ou coa primeira infancia?

AT: Por suposto que o primeiro espazo de socialización é a familia —sexa cal sexa o modelo de familia— e, aínda que en principio desexan, maioritariamente, o mellor para as súas fillas e os seus fillos, o tema das diferenzas na socialización por razón xénero está lonxe de apreciarse como importante. Máis ben cren que educan e tratan por igual ás súas fillas e aos seus fillos.

Existe un vídeo que ten uns dous minutos e medio de duración que se titula A mente en cueiros (La mente en pañales. Educación diferenciada entre niños) que é moi explícito en como de forma inconsciente esperamos das nosas nenas e nenos mundos moi diferentes. Animo a que se traballe con profesorado, familias e alumnado…É bo que nas sesións que se fagan nas ANPA poidan existir obradoiros de masculinidades, de feminidades ou mixtos para educar paralelamente as súas fillas e fillos. Hai que elixir moi ben as lecturas, o material audiovisual, ter extremo coidado coa linguaxe e ir moi amodo para que non sintan tensións debido á súa mala ou deformada educación recibida.

MB: Moitas voces reclaman unha revisión do currículo escolar con perspectiva de xénero co fin de garantir o cambio cara a unha educación que deixe de transmitir a construción tradicional de homes e mulleres. Estamos preto desta revisión do currículo?

AT: Non, en absoluto. A única comunidade autónoma que deu este paso foi a Consellería de Educación de Navarra e foi acusada de pederastia, de inculcar toxicidade sexual no alumnado... Do que creo que si que estamos máis preto é de que desaparezan os libros de texto, de que se traballe por proxectos e de que as aprendizaxes estean baseadas en áreas de interese e na curiosidade, na creatividade e na autonomía no alumnado. Pero aínda que as leis de igualdade e contra a violencia de xénero son ben claras, o tema da perspectiva de xénero e o Ministerio de Educación son de momento incompatibles.
 
MB: Para rematar, que consello lles daría ás profesoras e aos profesores que nos están lendo e que se cadra están comezando a súa carreira profesional?

AT: Pois diríalles que teñan en conta a diferente socialización das nenas e dos nenos e que o obxectivo primordial é desaprender esta diferente socialización. Que a educación en igualdade favorecerá as mozas e os mozos. A escola e o profesorado han de ofrecerlles as mesmas posibilidades para os seus proxectos vitais. Deben explicarlle ao alumnado por que os mozos e as mozas se comportan de xeito tan diferente, pasarlle vídeos explicativos, lecturas axeitadas para a súa idade, escoitar conferencias con elas e eles, ver exemplos diarios que ocorren no centro, ensinarlle a observar os comportamentos sexistas, a publicidade sexista, a estupidez do consumo, as relacións de violencia etc.

Tamén hai que explicarlles como funciona o sistema patriarcal, os obxectivos e as consecuencias que ten tanto para a vida das nenas como para a dos nenos, mozas e mozos, homes e mulleres; debemos explicarlles a importancia que ten romper cos estereotipos sexistas, que son e como funcionan. Hai que falar do que é o sexismo, de como se manifesta, de como distorsiona os desexos, as expectativas, as relacións, os vínculos, os afectos etc. En resumo, como inflúe na vida das persoas.

Diríalles que non temos a responsabilidade da educación que recibimos, pero si que a temos da educación que lle ofrecemos ao alumnado, e que hai que empeñarse a fondo en darlles as mesmas oportunidades para que se preparen o mellor posible para a súa vida presente e futura.

Respecto dos nenos, que insistan na aprendizaxe das linguaxes emocionais, na vida dos sentimentos, que se lles fale da sexualidade tóxica que se lles ofrece aos homes como a única sexualidade (que ademais é heterosexual) etc. Que lles ofrezan lecturas nas que as mulleres foron protagonistas da vida musical, poética, que foron escritoras, pilotas, Premios Nobel, aventureiras, químicas, matemáticas, historiadoras, doutoras etc.

E respecto das nenas, diríalles que lles expliquen moi ben a diferenza que hai entre ser fermosas por saúde ou ser fermosas como modelo sexual e de atracción masculina. Que as motiven para pensar en grande sempre e que lles expliquen a importancia de ter un proxecto vital que as faga autónomas económica e emocionalmente.

MB: Amparo Tomé, un pracer.

AT: Moitas grazas.

 

 

Sección: