CEIP Plurilingüe Eladia Mariño, un cole cheo de vida

Javier Fachal Corbeira
CEIP Plurilingüe Eladia Mariño (Cabanas - A Coruña)

 

 

Para unha persoa con vocación pedagóxica, traballar no CEIP Plurilingüe Eladia Mariño supón unha motivación e un desafío constante.
Hoxe en día, con valores sociais como a individualidade sobredimensionada, o noso centro ten o benestar do alumnado como premisa irrenunciable para acadar o éxito escolar.
Nun mundo onde todo se filtra e racionaliza, no Eladia Mariño partimos da intelixencia emocional do noso alumnado como base para a aprendizaxe: estar relaxado e feliz é a porta para unha aprendizaxe real.
Partindo dos seus centros de interese, todo o alumnado debe ter a oportunidade de desenvolverse con plenitude, de render ao máximo dentro das súas posibilidades. A calidade no ensino debe basearse en que todos deben ter a posibilidade de aprender e gozar aprendendo. E a atención á diversidade, xunto coa aprendizaxe cooperativa, son claves para acadalo. Non existe calidade no ensino sen equidade nel.
Nun horizonte cambiante, onde os datos indican que máis da metade dos futuros traballos non existe aínda, a aprendizaxe de contidos pasa a un segundo plano en beneficio de competencias como a creatividade, a flexibilidade, o traballo en equipo e o pensamento diverxente para a resolución de problemas.
Por estes motivos, o noso equipo docente leva inmerso desde hai anos en proxectos de centro innovadores, intentando darlle resposta á demanda actual dun ensino integral.
Nesta longa traxectoria, xa viñamos traballando na adquisición natural das linguas en proxectos internacionais como o Portfolio Europeo das Linguas, un terzo do noso horario é impartido en lingua estranxeira.
Despois duns anos de formación nun PFPP baseado en educación emocional e creatividade, o noso centro viu como unha grande oportunidade traballar co equipo de formación do profesorado do CFR de Ferrol para recibir formación e asesoramento na metodoloxía SEM e formar parte do programa Pitea. Deste xeito, no pasado curso 2017/18, iniciámonos como centro Piteas.
Ano 0, no que tivemos formación sobre esta metodoloxía de aprendizaxe. Xa neste curso 2018/19 continuamos a ser centro Piteas, ano I, desenvolvendo varios proxectos como Mergúllate nas fragas, un proxecto xeral de toda infantil e primaria no que contamos coa guía da nosa mentora. No blog de libroucho pódese ver todo o traballo realizado.
Un cole cheo de vida é proxecto que xurdiu como consecuencia das obras que se están a levar a cabo no noso colexio. Os alumnos de educación infantil están traballando sobre todo o que supón este proceso (ligazón).
Nos cursos de terceiro e cuarto estase levando a cabo un proxecto interdisciplinar sobre a auga potable e o problema dos plásticos co cal se presentarán á Feira Piteas (ligazón) (ligazón2).
En quinto de primaria están traballando co proxecto Lóva, no cal o alumnado monta unha compañía de ópera e realiza todas as profesións implicadas para levala a cabo

.

Afondar nestas premisas require traballar en equipo, estar dispostos a saír da nosa zona de confort, onde coñecemos a materia e simplemente a transmitimos, ou darlle un xiro de 180º ao proceso de ensino-aprendizaxe e transformalo en algo vivo, atractivo e que realmente sirva para potenciar o talento e o interese por aprender do noso alumnado, receptor do noso labor diario.

 

Tres claves para o éxito: equipo, equipo, equipo

Cando falamos dun PFPP, son palabras maiores. Falamos dun centro onde case a totalidade do claustro achega tempo, esforzo e traballo para que os proxectos gañen en calidade e contando sempre coa comunidade educativa, para que se beneficien deles o alumnado, as familias, o Concello…
Cando un claustro de mestras e mestres rema en sintonía, a relevancia e profundidade que adquiren os proxectos nun centro escolar son incomparables. O traballo que viñamos facendo tradicionalmente, onde as aulas eran pequenos reinos de taifas, non é motivador nin é percibido como importante, é dicir, non ten ningunha relevancia social.
Conseguimos que se traballe en cooperativo e que o traballo sirva para mellorar o contorno. Toda persoa da comunidade educativa —alumnado, equipo docente, familias, institucións…— con ganas de ofrecer o seu gran de área ten aquí o seu espazo. Para nós é importante que «os que teñen o privilexio de saber teñen a obriga de compartilo».
Dámoslle moita importancia á educación emocional. O benestar no traballo e na aula é clave para a eficiencia e o rendemento do noso labor diario. Sentir que como alumno/docente ou traballador somos importantes para o bo funcionamento da escola é un importante estímulo para o apoderamento e motivación de todos os membros da comunidade escolar.
Este curso comezamos coa escola de nais e pais, para participar no proceso de aprendizaxe a carón das familias.

 

A radio escolar como punto de encontro dos diferentes proxectos

Fusionando o legado de antigos compañeiros e o know-how das novas incorporacións ao noso equipo docente, a radio escolar segue a ser o eixe vertebrador do noso labor docente.
Cada quince días, toda a comunidade se reúne no vestíbulo e alí móstranse os distintos avances nos proxectos, diversas actuacións, exposicións…
Todo o alumnado se enriquece dun recurso motivador e inclusivo, que ten múltiples arestas:
Por unha banda, como locutores teñen a oportunidade de verbalizar e compartir a súa aprendizaxe e inquedanzas co resto das súas compañeiras e compañeiros e, a través das redes sociais, con toda a comunidade educativa. Aprenden a organizar os contidos e a centrarse na expresión e na locución para transmitilos de xeito eficiente a través da linguaxe oral.

Como oíntes teñen a oportunidade de participar nas aprendizaxes dos seus iguais gozando dos pasos nos diferentes proxectos de aula.

Como técnicos, aprenden as características propias de botar a andar un programa de radio, onde o son e a linguaxe oral constitúen a súa base.

Por último, o coordinador supervisa a faceta de facer unha radio Live, onde non hai segunda oportunidade para que o programa saia ben e deben planificar e deixar todo ben atado nos ensaios.
Desde o blog da nosa biblioteca pódense ver todos os programas emitidos ata a data.
Neste terceiro trimestre do curso actual (2018/19) e coincidindo co remate de formación en radio por parte dalgúns dos membros do claustro, a unha parte da nosa radio quixemos darlle unha volta máis e lanzar unha radio 4.0, na que se forman técnicos para deixar que no futuro fagan eles mesmos os seus propios podcasts. Para iniciarse, un grupo de nenos de cuarto de primaria, coordinados polo profe de Ciencias e o de Educación Física e Matemáticas, participa no primeiro Concurso de Podcast de Radio, convocado coa colaboración da Radio Galega, cun podcast que se titula O tempo do soño e que recolle a lenda da orixe das Fragas do Eume, eixe vertebrador do traballo de todo o colexio durante este curso: As lendas e a Fraga do Eume. Tamén contén unha reflexión sobre o respecto ao medio ambiente como fonte de vida e legado para as xeracións que veñen detrás.
Pódese escoitar descargando a app Ivoox.
 

Pola ilusión posta nos proxectos e, en especial, pola xente que convivimos a diario e os levamos a cabo —alumnado, mestras/es, cociñeiras/os, coidadora, voluntarias/os e familias—, o Eladia Mariño é un colexio cheo de vida.


 

Sección: