Esencia. Diseño de espacios educativos: aprendizaje y creatividad

Siro López Gutiérrez. Editorial KHAF. Ano de edición: 2018
Que tipos de espazos queremos para o alumnado e para nós como educadores? É posible habitar, crecer, traballar e aprender en lugares máis estimulantes, saudables e creativos? Podemos organizarnos dun xeito máis eficaz?

Isabel Nuevo Pérez
CFR de Vigo


Este libro é un inspirador manual de uso para emprender de forma creativa e á vez fundamentada a transformación na arquitectura e deseño dos espazos educativos.
O autor, formador e artista, especializado en creatividade, espazos, comunicación, fotografía e artes escénicas, ofrece a través dun deseño gráfico atractivo, práctico e claro as fontes pedagóxicas nas que se basea, instrumentos de análise da situación de partida, a estratexia e a orde de prioridades para iniciar o proceso de transformación e a súa descrición.
Divide o libro en capítulos que nos permiten ir, un por un, seleccionando todos os elementos que cómpre ter en conta á hora de cambiar os espazos, achegando tanto a fundamentación teórica que avala o cambio como exemplos, imaxes e planos de centros que xa o levaron a cabo.
O propio formato do libro, orixinal e coidado ao detalle, esperta a creatividade, facilita a lectura e convértese nunha auténtica guía para comezar a transformación do centro educativo.
Analízanse todos os espazos dun xeito exhaustivo, desde a porta de entrada ao patio, pasando polos corredores, as aulas, o comedor, a biblioteca, a sala de profesores, partindo sempre da premisa de que a escola se debe adaptar ao alumnado, á súa diversidade, aos diferentes intereses e motivacións. En palabras do autor, «cada un de nós temos unha forma diferente de aprender, de vivir, e é o espazo quen se adapta e modifica para as necesidades dos que o habitan».

 

Sección: