Programa Piteas: Unha senda cara á excelencia educativa

Este artigo explica a experiencia do cambio pedagóxico no que está inmerso o IES A Xunqueira II desde hai catro anos. A cohesión dos proxectos de innovación do centro, o ABP, o traballo colaborativo, a gamificación, o club de ciencia, a oratoria e o espazo maker conviven amparados baixo a estrutura do programa Piteas, que busca desenvolver o talento no alumnado, baseándose nos seus intereses.

Raquel Gey Piñeiro

IES A Xunqueira II

Baixo o título Desenvolvendo o talento nas aulas comezaba no curso 2015/16 unha andadura, en forma de grupo de traballo, que marcou unha liña clara cara ao cambio pedagóxico no que actualmente está inmersa unha parte considerable do equipo docente. Este grupo de traballo, formado por cinco docentes do IES A Xunqueira II, abriu as portas á participación en Piteas, un programa de formación e mentoring para o desenvolvemento do talento promovido pola Fundación Barrié en colaboración co Departamento de Innovación Educativa da Consellería e coa participación da Unidade de Altas Capacidades da USC.

Este programa, baseado na inclusión educativa e na atención á diversidade, ten como propósito principal a mellora da calidade educativa mediante un cambio metodolóxico real que faga posible a detección e o fomento do talento de todo o alumnado. O modelo no que se basea é o SEM (schoolwide enrichment model), un plan organizativo de enriquecemento e intervención educativa de Joseph Renzulli e Sally M. Reis, da Universidade de Connecticut, adaptado á realidade educativa, económica e cultural de Galicia.

A curta Romeo & Juliet, realizada coa técnica de stop motion por estudantes de primeiro da ESO, foi o primeiro proxecto que deu un paso na procura dos talentos do alumnado: a elaboración do guión en inglés, o deseño do vestiario, a creación dos monicreques, a fotografía, a interpretación da banda sonora, a creación do escenario etc. Cada estudante especializouse no ámbito que máis lle interesaba, dando desta maneira o mellor de si mesmo coa finalidade de conseguir un obxectivocomún.

 

17M17. Misión a Marte, o proxecto do curso 2016/17, foi o primeiro proxecto interdisciplinar desenvolvido no noso centro dentro do programa Piteas. A través desta misión, as actividades propostas ao alumnado de primeiro da ESO cobraron unha dimensión diferente: deberon tomar decisións para a súa superviviencia, sentar as bases dunha nova sociedade e formarse en deseño e impresión 3D, programación, robótica e no cultivo de plantas, co fin de prepararse para a inminente evasión do planeta Terra. A través desta temática actual, moitos dos contidos do currículo foron abordados desde unha perspectiva multidisciplinar, usando metodoloxías de traballo diferentes ás empregadas ata o de agora, como a aprendizaxe baseada en proxectos ou a aprendizaxe colaborativa.

A experiencia deste proxecto foi decisiva tanto para o alumnado como para o profesorado, que viu como era posible traballar os contidos da materia de maneira inclusiva nun mesmo proxecto. Alumnado con TEA, dificultades de aprendizaxe, de recente incorporación ou con altas capacidades traballou de maneira inclusiva neste proxecto que abarcou contidos de Bioloxía e Xeoloxía, Valores Éticos, Lingua Castelá, EPeV e Música. Ligazón ao vídeo do proxecto 17M17. Misión a Marte

 

Co proxecto Pontevedra PreApocalíptica recollemos os froitos do curso anterior. Seguimos a recibir formación e a observar os beneficios desta maneira de traballar: o desenvolvemento das competencias no alumnado involucrado, un mellor clima na aula, novos espazos para desenvolver a creatividade e as habilidades sociais ou a busca do talento persoal a través da participación en feiras educativas, concursos e torneos de debate.

Con este proxecto, ademais, o alumnado comezou a proxectar o seu traballo fóra do centro, en lugar de quedar dentro das aulas: saímos á rúa co fin de analizar o estado da cidade de Pontevedra, o nivel de contaminación acústica, ambiental e visual, o nivel de limpeza ou a accesibilidade. O obxectivo último desta profunda análise era promover accións que levase o alumnado a ser axente de cambio: deseño de logos, concienciación da necesidade de diminución do uso de plásticos a través da venda de bolsas de tea no mercado da cidade, deseño e creación dun cargador solar para dispositivos móbiles, unha ruta musical interactiva etc. O alumnado propuxo solucións reais a un problema social que non lle é indiferente e que logrou mobilizar as súas emocións. Exemplo de uso de realidade aumentada
 

Durante o presente curso, o alumnado de terceiro desenvolve un proxecto que une a Música, a Literatura, a Arte, a Historia, a Filosofía, a Física e a Química e as Matemáticas, co espírito maker e a gamificación, no que o alumnado traballa o contido curricular dunha maneira holística, baseándose nos seus intereses e tendo en conta os seus estilos de expresión: desde a realización de mapas mentais ou xogos sobre unha etapa estilística, elaboración de guións para pequenas representacións dramáticas sobre unha época, interpretacións musicais, decoración, reunións con organismos para presentar o proxecto, reelaboración de obras pictóricas, revisión do pensamento científico e filosófico ao longo da historia, gravación e edición de vídeos, uso da realidade aumentada etc. O alumnado aborda a historia da humanidade dunha maneira transversal, derrubando as barreiras establecidas nos libros de texto e nas paredes das aulas, o cal dá como resultado un proxecto que sae ás prazas de Pontevedra e logra que os transeúntes se convertan en viaxeiros do tempo desde a prehistoria á actualidade. Aínda que se trata dun proxecto coordinado polo alumnado de terceiro da ESO, participa nel un gran número de estudantes de todo o centro e incluso doutros centros da cidade, por medio de colaboracións musicais, teatrais ou de danza. Mediante este proxecto, o alumnado, concienciado da necesidade do ensino artístico para unha formación integral, busca recadar fondos para colaborar cunha ONG que leva o ensino da música a rapaces e rapazas que viven en zonas desfavorecidas.

 

Ademais destes grandes proxectos anuais, a filosofía do profesorado implicado no programa Piteas desenvolve no centro outros proxectos con grupos menos numerosos de alumnos e alumnas: BandaRockbótica, un proxecto no que o alumnado de segundo da ESO logrou deseñar e programar un robot capaz de interpretar ritmos nunha batería a escala; o Proxecto Sanote, que analiza a relación entre os bos hábitos alimenticios e a meditación cos resultados académicos; Kraken, proxecto de construción dunha embarcación solar para competir nunha regata solar, ou Comunica-TEX, un proxecto levado a cabo por tres alumnas dos obradoiros do espazo maker, recentemente premiado na Galiciencia, que a través do uso dos e-téxtiles facilita a comunicación de persoas con diversidade funcional cos seus coidadores.

 

 

A afondamento no SEM, xunto coa formación en ABP, cooperativo, ciencia, oratoria e creatividade, mellorou as competencias do profesorado e repercutiu de maneira exponencial no alumnado, que atopa un espazo para aprender desde os seus intereses e desenvolver os seus talentos e as súas competencias, ao tempo que mellora as habilidades sociais e a intelixencia emocional.

Os docentes implicados actualmente neste programa (Raquel Gey Piñeiro, Olga López Míguez, Laura Malvar Méndez, Tito Ogando Fernández, Fernando Otero Urtaza, Esther Padín Vidal, Juan Carlos Pérez Mestre, Miguel Quiroga Bóveda, Eusebio Rivero Veiga, Patricia Seijas Ramos e Pepa Vicario Quintana) estamos, polo tanto, nunha senda que xa non ten marcha atrás, pola motivación e a ilusión que implica o traballo en equipo e a constatación dos beneficios para o alumnado e para toda a comunidade educativa.
 

Sección: