Un proxecto de educación en valores

Democracia, dereitos e participación social desde a infancia
A educación ten que desenvolver valores de responsabilidade e participación na transformación social cara a un mundo máis xusto. O respecto, a igualdade, a xustiza, a equidade, a protección do medio ambiente, a cooperación, a diversidade... han ser asumidos como valores que sosteñan o futuro proxecto de vida do noso alumnado. É necesario que, desde a infancia, tome conciencia da realidade e se lle ofrezan recursos para asumila de forma crítica e para potenciar actitudes transformadoras. E isto non só pensando no futuro, senón que xa no presente eles son suxeitos de dereito e de deberes e son quen de participar de forma activa na sociedade.  Este fundamento teórico é a base da que partimos no CEIP Plurilingüe Os Casais para enfocar o traballo e as actividades que realizamos, desde varios cursos atrás, no ámbito da educación en valores e para o desenvolvemento.

María José Vila Barreiro
Coordinadora do proxecto Somos quen. Profesora de Relixión
Lorena María Pita Fraga
lorenapf@edu.xunta.es
Directora do CEIP Plurilingüe Os Casais. Profesora de educación infantil
ma.jose.vila.barreiro@edu.xunta.es

 

Contextualización

CEIP Plurilingüe Os Casais


O CEIP Plurilingüe Os Casais é un centro de educación infantil e primaria situado na parroquia de Maniños, no concello de Fene. Somos un centro pequeno, cunha soa aula de infantil e catro de primaria.
Formamos parte dunha bisbarra que sofre un descenso demográfico progresivo desde os tempos da crise do sector naval e a súa reconversión, da que nunca se recuperou. A situación actual é incluso máis grave e faise sentir especialmente nos centros rurais como o noso.
Se o alumnado é pouco, o profesorado tamén. Somos poucos, pero a meirande parte temos destino definitivo no centro. Esta circunstancia posibilitou a materialización do noso desexo de traballar en equipo, hoxe en día moi consolidado, buscando unha pedagoxía integradora e interdisciplinaria, apostando pola innovación e convertendo os nenos e  nenas nos protagonistas da súa aprendizaxe.

 

Obxectivos

Bandeira do Somos quen


O proxecto Somos quen naceu como tal cando, no curso 2013/14, decidimos unificar aqueles traballos e actividades que estabamos realizando no centro a partir de iniciativas individuais e que se realizaban nas aulas. Comprendemos o noso común interese por educar o noso alumnado para seren cidadáns responsables, críticos e activos, así como implicados na educación para o desenvolvemento e a solidariedade. Decidimos entón unificar criterios, optimizar recursos e outorgarlles maior valor aos temas transversais, planificando un proxecto conxunto recollido na Programación xeral anual.

Os obxectivos que perseguimos son:

- Potenciar a convivencia no centro escolar, entendendo este non como un lugar no que se traspasan coñecementos, senón como unha comunidade na que as persoas son corresponsables e asumen o seu dereito e o seu deber de participación.

- Incentivar o traballo en equipo, baseado a un tempo no desenvolvemento de todas as potencialidades individuais e no crecemento como grupo.

- Fomentar as relacións interpersoais fundamentadas no respecto á liberdade individual, á singularidade e á diversidade.

- Sensibilizar a toda a comunidade educativa da importancia da educación en valores para a maduración persoal dos nenos e das nenas e para a súa formación como cidadáns activos.

- Concienciar sobre a realidade do mundo: os estereotipos e prexuízos, as desigualdades e discriminacións, as grandes diferencias entre norte e sur, os perigos da non sustentabilidade etc.

- Reforzar o traballo por competencias, especialmente nas competencias relacionadas coa autonomía e iniciativa persoal e a competencia social e cívica.

- Promover a conciencia crítica desde unha educación integral e solidaria.

- Construír canles de participación xeradoras de cambios nas actitudes e comportamentos de toda a comunidade educativa.

- Valorar a infancia como axente capaz de participar na promoción do cambio social.

Plan Proxecta

O noso proxecto está incorporado ao Plan Proxecta da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, dentro do programa Voluntariado miúdo: Móvete!, da Consellería de Política Social, desde o primeiro ano da súa convocatoria.
Tal como sabemos, esta iniciativa da Consellería vai dirixida a fomentar a innovación educativa, incentivar as dinámicas de mellora da calidade e potenciar o traballo activo, cooperativo e en rede. Por iso, nos últimos anos participamos en diferentes programas (Nós tamén creamos! e Xogade) e, neste curso, ademais do Móvete, contamos co Dafis e Protexe os animais.

O CEIP Plurilingüe Os Casais é un centro pequeno, si; pero, coa imprescindible modestia, sentímonos convencidas de que formamos parte da vangarda da necesaria renovación pedagóxica. Fixemos un esforzo moi grande, cun alto custo persoal de tempo e dedicación, coa finalidade de formarnos para poder transformar o día a día das aulas (COMBAS, metodoloxía baseada en proxectos, aprendizaxe cooperativa, creación de contidos dixitais, robótica, titoría entre iguais, modelo SEM...). Tanto é así que neste curso o centro está incluído no proxecto Piteas, programa de enriquecemento inclusivo para o desenvolvemento do talento.
Cada neno, cada nena, colocados no centro da aprendizaxe; pero non soamente de maneira individualizada, senón tamén de forma grupal e global. Esta é a nosa folla de ruta. Por iso os nosos proxectos son flexibles e se van articulando a medida que se desenvolven.



 Votacións e asemblea

 

O proxecto Somos quen

Buscamos que o responsable sexa o alumnado e, para conseguir este obxectivo, empregamos unha metodoloxía activa, participativa e cooperativa, que permita, salvando as limitacións inherentes á curta idade dos nenos e das nenas, que eles sexan os protagonistas, implicados no maior grao posible na preparación e desenvolvemento das actividades.

Potenciamos a súa voluntariedade (non en todos os casos) para, así, permitirlles decidir por eles mesmos se queren ou non participar. Isto eleva a súa implicación, o compromiso adquirido e dota de maior significación e satisfacción persoal o traballo realizado.

Durante tres cursos consecutivos, toda a comunidade educativa (profesorado, alumnado e familias) participou na proposta educativa Coñece os teus dereitos da ONG Educo. Constaba de actividades formativas para o profesorado, de charlas e obradoiros informativos e de sensibilización para as familias e de actividades grupais nas aulas cunha metodoloxía lúdica e dinámica. O seguimento desta proposta ofreceunos ferramentas e prácticas que fomentan unha cidadanía global, de asunción de responsabilidades e de recoñecemento do dereito de participación dos nenos e nenas. Todo este traballo foi coordinado por Paula, pertencente a esta ONG, co apoio do material que, nunha versión revisada e actualizada, se pode consultar aquí.

Como exemplos de actividades encamiñadas á toma de conciencia da propia capacidade de transformación en diferentes escenarios que atentan contra valores como a igualdade, a paz mundial ou a xustiza global, queremos destacar a nosa continua participación en actividades como Conectandomundos, de Oxfam-Intermón. Esta proposta educativa, na que participan miles de alumnos e alumnas de diferentes países, combina a actividade nas aulas, tanto de infantil e primaria como de secundaria, co traballo colaborativo en liña. A edición do curso 2018/19, Cando os dereitos se frustran, centrouse na defensa dos dereitos e a desigualdade social; pero cada ano traballamos un tema diferente: a paz, a igualdade de xénero, a inmigración, a fame...

Cada edición propón a elaboración dun produto final. Podedes ver dous exemplos.


QR MrSmith  e  QR Os Bigotinis

 

Outra actividade na que participamos todos os anos (con quinto e sexto de primaria) é o Concurso Escolar ONCE, que fomenta a inclusión a través dunhas mecánicas que promoven o traballo cooperativo. É unha actividade moi atractiva e motivadora, na que os nenos e as nenas dan sempre o mellor de si. Proba disto e que lles foron concedidos tres premios provinciais e un autonómico.

Estamos en contacto con diferentes ONG que nos ofrecen materiais en datas especialmente significativas (Día da Paz, Día dos Dereitos da Infancia, Día da Igualdade de Xénero, Día da Terra...). Da súa man levamos anos participando cada mes de abril na Campaña de Acción Mundial pola Educación. De feito, no ámbito da educación para o desenvolvemento, o dereito á educación é a prioridade da nosa reivindicación. O curso pasado, o grupo de ONG encargado da súa organización (Ayuda en acción, Educo, Entreculturas) veu impartir obradoiros durante o primeiro trimestre.

Colaboramos tamén con outras entidades, agrupacións ou asociacións, tales como a Garda Civil, Cáritas Fene, Protección Civil, a asociación veciñal AETNA ou BETULA, aínda que de forma esporádica. Isto acontece cando nos son ofertadas actividades que poden ser incluídas no proxecto Somos quen ou cando demandamos a súa axuda ou apoio para algunha concreta que organizamos nós.
O Voluntariado Galego achéganos os pasaportes solidarios onde o alumnado fai un seguimento individual das actividades que realiza.
O feito de ter incorporado o noso proxecto ao Plan Proxecta posibilita ter asesoramento, obradoiros e contacontos solidarios e participar nun encontro como o que gozamos o curso pasado na Cidade da Cultura.




Voluntariado miúdo


Son moitos os pequenos vídeos, presentacións, manifestos, mensaxes  enviados polos nenos e nenas a diferentes persoas; murais, cancións, ingresos bancarios, contos cooperativos, traballos manuais, entregas en especie, diplomas… producidos nestes cursos como remate a cada unha das actividades desenvolvidas. Temos tamén un blog do proxecto, no que o alumnado maior, de forma moi sinxela, as vai recollendo.

Avaliación

A avaliación realizámola por medio de diferentes instrumentos: entrevistas, rúbricas e observación directa, fundamentalmente. Unha das nosas guías de observación é a que aparece a continuación.
 

 

Guía de observación 1 Somos quen

Participa de forma activa nas actividades

Amosa actitudes de axuda mutua

Amosa apertura cara aos temas sociais

Acepta as decisións grupais

Respecta as opinións das outras persoas

S

AV

N

S

AV

N

S

AV

N

S

AV

N

S

AV

N

1

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


É un feito incuestionable que este proxecto está a dar froitos positivos facilmente constatables e visibles na actividade diaria do centro e tamén na formación integral dos nosos nenos e nenas, na nosa propia práctica docente e nas familias. Non obstante, somos moi conscientes de que a avaliación do proxecto é necesariamente un dos ámbitos de mellora.

Conclusión

Este proxecto tivo, desde o seu inicio, un grande impacto en toda a comunidade educativa. Supuxo un cambio significativo nas dinámicas do centro, non só nos aspectos pedagóxicos, senón tamén nos ámbitos organizativos e de relacións persoais. Contribuíu, non como único motor, pero si como peza importante desa innovación educativa que pretendiamos conseguir.
Como exemplo, podemos aludir á implicación das familias. Levou algo de tempo, pero está ben claro que, sen elas, non serían posibles os mercados e outras campañas solidarias que realizamos. A aproximación das familias por esta vía, o contacto máis directo co centro, facilitou a superación das iniciais reticencias cara a outras renovacións máis profundas. Non queremos con isto dicir que non fosen e sigan sendo necesarias moitas charlas informativas e obradoiros de formación coas familias (impartidas por expertos) para explicarlles os novos modelos de aprendizaxe que estamos a implantar, pero si que o maior nivel de confianza axuda a vencer os medos e preocupacións que nais e pais teñen.

A participación de toda a comunidade educativa foi en aumento, cara a este e aos restantes proxectos, estamos máis cohesionados como grupo, o alumnado adquiriu unha visión máis global do mundo, está máis motivado, asume máis responsabilidades, desenvólvese competencialmente... Educar en valores é unha aposta para o futuro, pero que achega froitos desde o presente.

Na nosa intención está manter no tempo este proxecto tan enriquecedor para todos. A concesión do Premio Proxecta de Innovación Educativa 2018 (terceiro premio da nosa categoría), como recoñecemento ao traballo e ao esforzo, dános novos pulos para continuar con enerxía.


 

 

Bibliografía: 

 

 

Martínez-Odría, A. e Gómez Villalba, I. (2017). ApS.Aprendizaje-Servicio. Madrid: KHAF.

Barahona, R.; Gratacós, J. e Quintana, G. (2012). Centros educativos transformadores: cidadanía global e transformación social. Intermón-Oxfam.

De Paz, D. (2007). Escuelas y educación para la ciudadanía global: una mirada transformadora. Intermón-Oxfam.

Martínez-Odría, A. e Gómez Villalba, I. (2017). ApS.Aprendizaje-Servicio. Madrid: KHAF.

Pujolás, P. (2008). Nueve ideas clave. El aprendizaje cooperativo. Barcelona: Graó.

 

 

Sección: