Coñecendo os nosos concellos. Proxecto colaborativo en Radio na Biblio

As bibliotecas deberían ser unha ventá aberta ao mundo e que mellor que comezar por abrirse ao mundo que temos ao noso redor e a partir del camiñar cara ao futuro tendo como punto de partida o noso patrimonio, a nosa historia e a nosa cultura. Se ademais esta tarefa a compartimos con outras bibliotecas escolares a través dos laboratorios de radio, ampliaremos o horizonte do noso alumnado traballando tanto competencias intelectuais como emocionais para construír cidadáns responsables e respectuosos.

Adoración Fernández González

Directora e coordinadora da biblioteca escolar

CEIP da Pobra do Brollón

dora@edu.xunta.es

Flora Grande Rodríguez

Mestra Educación Musical e coordinadora da biblioteca escolar

CEIP Plurilingüe Virxe do Carme (Sober)

floragrande@edu.xunta.es

 

O CEIP Plurilingüe Virxe do Carme e o CEIP da Pobra do Brollón están situados na zona sur da provincia de Lugo, na comarca de Lemos. Ambos somos centros pequenos que contamos na actualidade con catro mestres definitivos máis varios provisionais, algúns deles itinerantes compartidos polos dous centros.

O feito de ser pouco profesorado require consenso e compromiso de traballo do claustro, pero, aínda con ese compromiso, temos que priorizar á hora de escoller os proxectos que solicitamos, atendendo á realidade do noso centro e ás posibilidades reais de asumilo, tratando ademais de que o noso alumnado rural teña as mesmas posibilidades ca o alumnado dun centro urbano.

Tendo todo isto en conta e que ademais a biblioteca é o eixe central dos nosos centros, non dubidamos á hora de querer formar parte do proxecto Radio na biblio porque desde un principio cremos no seu potencial como unha ferramenta extraordinaria para desenvolver as competencias, na súa capacidade para xerar dinámicas de comunicación e de apoio, tanto aos proxectos do centro como aos traballos do alumnado, e na posibilidade de abordar aprendizaxes de forma activa e innovadora favorecendo o uso da biblioteca como espazo creativo para construír coñecemento; por estas razóns, ambos os dous centros solicitamos a nosa participación neste proxecto na primeira convocatoria.

Tivemos a sorte de ser os únicos centros da provincia de Lugo seleccionados e isto pareceunos un bo punto de partida para poder compartir experiencias, traballo, formación… todo aquilo que nos axudase a dar os nosos primeiros pasos no mundo radiofónico.

Desde o comezo decatámonos de que a radio era unha poderosa ferramenta coa que abordar unha boa parte do currículo de calquera materia e comezamos a gravar os primeiros programas, detrás dos que había sempre un traballo de educación documental: entrevistas, fomento da lectura, lecturas dramatizadas, presentación dos colexios, colaboracións con entidades próximas á nosa realidade como o centro de día, asociacións locais, as bibliotecas públicas municipais e programas relacionados coas conmemoracións realizadas nos colexios… Nas nosas radios cabe todo!

 

Compartindo a nosa experiencia nas Xornadas de Bibliotecas Escolares, xurdiu a proposta de facer un programa conxunto co alumnado dos dous centros. A idea inicial era un programa de investigación que foi tomando forma e terminou concretándose nun programa de ida e volta que nos permitise investigar e coñecer mellor as nosas contornas e, de paso, preguntarnos que queremos saber do concello veciño: Coñecendo os nosos concellos.

 

Para deseñar este programa tomamos como base os seguintes obxectivos do Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Coñecer e apreciar os valores e as normas de convivencia, aprender a obrar de acordo con elas, prepararse para o exercicio activo da cidadanía e respectar os dereitos humanos, así como o pluralismo propio dunha sociedade democrática.

b) Desenvolver hábitos de traballo individual e de equipo, de esforzo e de responsabilidade no estudo, así como actitudes de confianza en si mesmo, sentido crítico, iniciativa persoal, curiosidade, interese e creatividade na aprendizaxe e espírito emprendedor.

h) Coñecer os aspectos fundamentais das ciencias da natureza, as ciencias sociais, a xeografía, a historia e a cultura, con especial atención aos relacionados e vinculados con Galicia.

i) Iniciarse na utilización, para a aprendizaxe, das tecnoloxías da información e da comunicación, desenvolvendo un espírito crítico ante as mensaxes que reciben e elaboran.

o) Coñecer, apreciar e valorar as singularidades culturais, lingüísticas, físicas e sociais de Galicia, poñendo de relevancia ás mulleres e homes que realizaron achegas importantes á cultura e á sociedade galegas.

Unha vez que tivemos claros os obxectivos que se debían alcanzar, entroncamos o programa coa materia de Ciencias Sociais, centrándonos nos contidos do bloque 1 (contidos comúns) e do bloque 4 (as pegadas do tempo):

  • B1.2. Busca e selección de información empregando as TIC e outras fontes (directas e indirectas), organización, análise, documentación do proceso (mediante uso do cartafoles) e comunicación das conclusións.

  • B1.4. Emprego de técnicas de estudo individual e de estratexias de traballo cooperativo. Valoración do esforzo e coidado do material.

  • B1.5. Participación activa e construtiva na vida social, uso das normas de convivencia.

  • B1.6. A cooperación e o diálogo como valores democráticos e recursos básicos na resolución pacífica de conflitos.

  • B4.11. O noso patrimonio histórico e cultural.

  • B4.12. Museos, sitios e monumentos históricos como espazos de aprendizaxe e gozo.


E nos correspondentes estándares de aprendizaxe:

  • B4.5. Desenvolver a curiosidade por coñecer as formas da vida humana no pasado, valorando a importancia que teñen os restos para o coñecemento e estudo da historia e como patrimonio cultural que hai que coidar e legar.

  • B4.6. Valorar a importancia dos museos, sitios e monumentos históricos como espazos onde se ensina e aprende, amosando unha actitude de respecto á súa contorna e á súa cultura, apreciando a herdanza cultural.


Durante o proceso de desenvolvemento deste proxecto, a radio como ferramenta para empregar dentro do currículo de calquera materia tamén nos ofrece a posibilidade de desenvolver as competencias clave recollidas no título I, artigo 5. Non só as directamente relacionadas con ela como a competencia en comunicación lingüística, a competencia dixital e a competencia básica en ciencia e tecnoloxía, senón tamén outras como:

  • Competencia para aprender a aprender (CAA) e competencia relativa ao sentido de iniciativa e espírito emprendedor (CSIEE) en canto que o alumnado colabora no desenvolvemento dos aspectos relativos á organización do programa: control eficaz do tempo e da información, toma de conciencia das necesidades e dos procesos das tarefas, adquisición de compromiso co proxecto, superación de dificultades que poidan aparecer, asimilación de novos conceptos e aprendizaxes…

  • Competencias sociais e cívicas (CSC) en todo o que se refire ao traballo en equipo: respecto ás opinións dos demais, escoita activa, posta en común, toma de decisións, realización de críticas construtivas…

  • Competencia referida á conciencia e expresións culturais (CCEC) achegándonos á nosa cultura, á nosa contorna, á nosa historia e ao noso patrimonio.

Comezamos o proxecto deseñando unha sintonía para este novo programa coa que, desde o primeiro momento, quedase claro o seu carácter colaborativo; por iso na cabeceira participaron nenos e nenas dos dous centros recitando intercaladamente o texto que a conforma:

Que queres saber de Sober?

E ti que queres saber da Pobra?

Dous proxectos unidos

polo proxecto Radio na biblio

Programa radiofónico para coñecer ben

o concello da Pobra e o de Sober

 

O primeiro programa emitiuse en decembro desde Radiuvín, a radio de Lectuvín, e nel deuse a coñecer o concello de Sober: situación xeográfica, extensión e parroquias, límites, poboación, festividades, o colexio e, por suposto, a biblioteca. E decidiron cal era a pregunta que querían formular: «Se os de Sober nos chamamos soberinos, como vos chamades os da Pobra?»

 

 

O segundo programa emitiuse desde Radio Guímaro e nel podemos escoitar tamén unha presentación do concello da Pobra do Brollón, tanto xeográfica e cultural como do colexio e da biblioteca, xunto á resposta á pregunta pendente do primeiro programa. Se escoitades o programa, poderedes saber que os habitantes da Pobra se chaman guímaros e que a razón deste topónimo se encontra nunha revolta medieval contra o pagamento de impostos. E dun nome a outro, lánzase a pregunta do segundo programa: «Por que Radiuvín é a radio de Lectuvín?»

     

A pregunta sobre Lectuvín, que é un acio de uvas lector, mascota da biblioteca de Sober, deu orixe á terceira emisión, centrada na importancia da viticultura no concello: o proceso de produción do viño desde a cepa ata o embotellado, a viticultura heroica, a extensión dedicada a viñedo, a produción estimada de uvas e de viño, e a importancia económica e turística para o concello, ademais da declaración da Ribeira Sacra como ben de interese cultural (BIC) e, xa que o concello da Pobra do Brollón tamén pertence á Ribeira Sacra, o alumnado preguntou sobre a viticultura na súa zona.

Así, o cuarto programa centrouse na viticultura da Pobra de Brollón, poñendo de manifesto as semellanzas e diferenzas entre as dúas: Amandi e Vilachá. Ademais tamén describiron un paseo que comeza no campo da festa e percorre zonas das bodegas de Vilachá para rematar na súa igrexa, onde parece que tamén existiu un convento de monxes que foi a orixe do cultivo da vide. E falando de conventos e mosteiros, a pregunta deste programa tamén estaba clara: «Que mosteiros ou igrexas tendes en Sober para visitar?»

O último programa (por agora) dá resposta á terceira pregunta e fala dalgúns dos monumentos e igrexas máis importantes de Sober, representativos do románico rural galego, e que forman parte desa gran cantidade de templos que son unha das razóns polas que esta zona se chama Ribeira Sacra.

Para chegar á emisión destes programas, o alumnado dos nosos centros fixo un gran traballo de educación documental utilizando todos os recursos dispoñibles nas nosas bibliotecas: ordenadores, tabletas, fondos bibliográficos… á hora de obter información, investigando a través de Internet, consultando páxinas como as webs dos propios concellos, manexando tamén o fondo local da biblioteca e facendo saídas e entrevistas específicas para obter información. Así, por exemplo, o alumnado da Pobra visitou unha bodega de Vilachá e fixo un percorrido polos seus arredores, mentres que o alumnado de Sober organizou unha excursión para coñecer mellor catro das igrexas máis importantes da localidade.

      

Ademais da recollida de información, o alumnado fixo unha tarefa moi importante de organización, selección e síntese para elaborar as escadas dos programas, o que foi posible tamén porque desde os comezos mostraron un nivel moi alto de implicación e interese, o que os levou a esforzarse e acadar sen dificultade a maioría dos obxectivos propostos.

Por todo o dito anteriormente, analizamos este proxecto tan interesante e didáctico desde dous puntos de vista. Por unha banda, os coñecementos adquiridos sobre os concellos permitiulles achegarse máis profundamente aos lugares nos que viven, o que supón a súa posta en valor: coñecer a nosa historia, o noso patrimonio natural e material, difundilo e valoralo para que non se perda, construír o presente valorando o pasado e saber de onde vimos para saber ata onde queremos camiñar, sempre con seguridade, convivindo, respectando e construíndo cidadanía.

Por outra banda, traballáronse conceptos de grande importancia que igual noutros contextos educativos serían máis difíciles de traballar: a escoita atenta dos programas para saber que se di, que se responde e que se pregunta; a elaboración e o desenvolvemento dun plan de traballo en equipo que supón a organización e a repartición de tarefas tendo en conta os ritmos persoais e as características e singularidades de cada alumno; o propio traballo de investigación coa selección de fontes, busca, posta en común, selección e organización de información; a elaboración da escada onde volven asumir parcelas de responsabilidade, organización e redacción e a exposición do produto final a través da gravación, edición e publicación de cada un dos programas, o que supón un traballo coordinado de todos (locutores, técnicos de son, presentadores…) e responsabilidade en canto aos silencios e ao respecto ás quendas de palabras.

Este produto final gratificante, motivador e inmediato é resultado dun traballo cooperativo no que antes se fomentou a expresión escrita e agora a expresión oral en todos os seus ámbitos: expresión, pronunciación, entoación… e que ademais se conxuga con coñecementos técnicos para a gravación en si mesma, o que amplía as linguaxes presentes na biblioteca e a alfabetización múltiple.

Despois só nos queda ouvirnos e autoavaliarnos —individualmente ou en grupo— para reflexionar sobre os puntos fortes, pero tamén sobre os aspectos que hai que mellorar, analizar os erros e propoñer posibilidades de mellora.

Outro valor positivo engadido é a relación entre mestres e alumnos, pois neste caso o noso papel de mestres é un papel máis de acompañamento e reforzo dos seus logros que de transmisores de coñecemento.

Con esta valoración e a oportunidade de seguir contando no centro cun laboratorio de radio, que é unha ferramenta moi potente e motivadora, é doado imaxinar que o proxecto non remata aquí, rematará este curso cunha excursión na que o alumnado da Pobra e o de Sober se coñeza e visite o concello da Pobra, pero o próximo ano continuaremos coñecendo os nosos concellos.

 

 

Bibliografía: 

 

Convocatoria da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, do 17 de outubro de 2017, no contexto do Plan LÍA de Bibliotecas Escolares (lectura, información e aprendizaxe), do proxecto piloto Radio na biblio, para a introdución da radio nas bibliotecas escolares de centros que matriculan alumnado de educación infantil, primaria e secundaria integrados no Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso 2017/18

Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Sección: