Primeiro cuarto de século do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

Armando Requeixo
Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
Facultade de Ciencias da Educación da USC
arcuba@edu.xunta.gal
armando.requeixo.cuba@usc.es

 

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades alcanzou no 2018 o seu primeiro cuarto de século de vida. Nestes vinte e cinco anos andados de existencia moitas teñen sido as iniciativas e actividades que desde el se promoveron, converténdoo nun centro de referencia na promoción e desenvolvemento dos estudos lingüísticos, literarios, históricos e antropolóxicos galegos.

Non se entende a escena cultural galega, en xeral, e a filolóxica, en particular, sen o concurso do CRPIH, unha das institucións decisivas na investigación do noso idioma e literatura, que posúe, amais, rango oficial, por canto depende organicamente da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, o que o converte no centro institucional de referencia para os estudos deste ámbito no eido gobernativo.

 

Orixes e estrutura

As orixes do CRPIH hai que procuralas no Decreto 25/1993 (DOG do 19 de febreiro) que establecía a súa constitución, daquela baixo o nome de Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro, denominación que mudou pola actual a partir dun novo decreto aprobado en novembro de 1997. Nese momento fundacional e ata o seu pasamento en outubro do 2008, o coordinador científico do Centro foi Constantino García.

A súa primeira localización estivo no lugar da Barcia, na santiaguesa parroquia de Laraño, nunhas instalacións veciñas do Centro Superior de Hostalería de Galicia e da Axencia de Turismo de Galicia. Actualmente, e desde decembro do 2013, a súa sede é o pazo de San Roque en Compostela (número 2, cp 15704, tfno. 881 996 139), edificio que comparte coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, que dirixe Valentín García Gómez, e mais co Instituto Padre Sarmiento do Centro Superior de Investigacións Científicas, dirixido por Eduardo Pardo de Guevara.

A súa estrutura articúlase nunha comisión reitora, de carácter institucional e consultivo; unha comisión executiva, que é o órgano de dirección do Centro; dúas seccións, a Área de Lingua e a Área de Literatura; e diversos proxectos adscritos a cada unha destas áreas.

O máximo responsable do CRPIH é o seu coordinador científico, o profesor e académico Manuel González González. A dirección da Área de Lingua recae en Marisol López Martínez e a da Área de Literatura en Mercedes Brea, e axudo eu nos labores de secretario científico.

 

Os estudos lingüísticos

O CRPIH acolle un amplo número de proxectos de investigación tanto no eido lingüístico como no literario e aínda no doutras humanidades, investigacións que lidera un destacado grupo de profesionais, a maioría deles procedente das tres universidades galegas, ao que se suma un equipo de case unha vintena de bolseiros en formación que se renova bianualmente e que resulta unha excelente canteira de novos investigadores que, co pasar dos anos, ascende xa a máis de medio milleiro.

Entre os importantes proxectos lingüísticos que no Centro se desenvolven débense amentar TERMIGAL (servizo que comparte coa RAG, fonte principal en Galicia dos recursos terminolóxicos sobre as linguas de especialidade, a estandarización de neoloxismos e o léxico científico-técnico); XIADA (un lematizador e etiquetador morfolóxico automático para textos en lingua galega); o Corpus de Referencia do Galego Actual CORGA (colección de documentos accesibles en rede na que están representados diferentes tipos de textos desde 1975 ata o presente); o Dicionario italiano-galego galego-italiano (obra lexicográfica cun lemario de case 30 000 voces); o Corpus Documentale Latinum Gallaeciae CODOLGA (recolle toda a documentación latina relacionada con Galicia entre os séculos VI e XV); un proxecto de Recursos para as Tecnoloxías da Fala ao que precedeu o sintetizador de voz COTOVÍA (elaborado en colaboración con enxeñeiros de telecomunicacións da UVigo e lingüistas da USC); a exhaustiva Bibliografía Informatizada da Lingua Galega BILEGA; e mais un proxecto de Fraseoloxía Galega (que se ocupa da elaboración dun Tesouro Fraseolóxico Galego e do sostemento da revista Cadernos de Fraseoloxía Galega).

 

Os estudos literarios

Da súa parte, a Área de Literatura do centro aloxa o macroproxecto Arquivo da Galicia Medieval (con subproxectos particularizados para a lírica profana galego-portuguesa, a prosa literaria medieval e as cantigas de Santa María); un proxecto de Investigación en Literatura Infantil e Xuvenil (que colabora coas mellores redes ibéricas da especialidade, como LIJMI, ELOS e LITER21); outro proxecto de Recuperación de Textos Literarios e Xornalísticos Galegos (no que destacan coleccións como a de Narrativa Recuperada, a colección Láncara de Poesía e os Cadernos Ramón Piñeiro); un proxecto de Dicionarios de Literatura (no que se realizou un Dicionario de termos literarios, do que se publicaron dous volumes en papel e que hoxe, actualizado e moi implementado, pode ser consultado na web do centro) que conecta con outro centrado na Bibliografía da Literatura; e, finalmente, un proxecto de Informes de Literatura (que dá a coñecer unha compilación anual de todo o producido no eido da escrita literaria galega).

Non hai dúbida de que o Centro Ramón Piñeiro propiciou un avance importante nos estudos lingüísticos e literarios galegos, como demostran as case 250 obras publicadas, entre as que tamén se contan valiosos facsímiles de revistas galegas e da emigración, volumes históricos de poesía e prosa felizmente recuperados, así como os amentados Cadernos de Fraseoloxía Galega e Cadernos Ramón Piñeiro.

Alén do exposto, o Centro integra tamén un proxecto sobre as Dimensións da Identidade Colectiva de Galicia e algunhas das súas investigacións e actividades están conveniadas e lévanse adiante en colaboración coas tres universidades galegas e, puntualmente, con outras institucións, como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, o Instituto da Lingua Galega, o Museo do Pobo Galego ou a Compañía de Radio Televisión de Galicia, entre outras.

O CRPIH dispón dunha páxina web (http://www.cirp.gal/) na que pode consultarse, en detalle, toda a información sobre os proxectos referidos (http://www.cirp.gal/w3/proxectos/) e tamén servirse das súas bases de datos (de acceso libre directo ou de rexistro gratuíto: http://www.cirp.gal/w3/recursos/) e descargar as ducias de publicacións que nestes anos foron vendo a luz (http://www.cirp.gal/w3/publicacions/).

 

Legados

Alén do traballo que cada unha das áreas descritas desenvolve, tamén forman parte das angueiras investigadoras do Centro a custodia e estudo de diferentes legados de intelectuais que, ben persoalmente ben a través dos seus familiares e/ou herdeiros, depositaron materiais no CRPIH para a súa análise e divulgación. É o caso dos legados do profesor indoeuropeísta Jürgen Untermann, do filólogo e escritor Aníbal Otero, do lexicógrafo e etnógrafo Elixio Rivas Quintas e da poeta, dramaturga, narradora e ensaísta Luísa Villalta.

Estes legados están sendo estudados polo equipo de investigadores do CRPIH, que prepara diversas publicacións sobre eles e que xa desenvolveu algunhas actividades para a súa divulgación, como a recente xornada Palabra de Muller, levada a cabo con motivo do décimo quinto cabodano da escritora Luísa Villata o 6 de marzo do 2019.

 

 

Presente e futuro

O balance do traballo realizado no Centro Ramón Piñeiro neste cuarto de século ofrece un saldo ben positivo pois, amais das múltiples liñas de investigación, dos abondosos recursos e numerosas publicacións que se sinalaron, tamén organizou un alto número de xornadas e congresos, promoveu estadías de investigadores estranxeiros e coorganiza o Premio Ramón Piñeiro de Ensaio en colaboración coa Editorial Galaxia, o que dá idea da transversalidade do seu labor e tamén das sinerxías que ten creadas con outras plataformas e institucións.

Importante, polo tanto, o esforzo que o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades ten realizado a prol da lingua, a literatura e a cultura do país, así como manifestar o desexo e a esperanza de que os que nel traballan sigan laborando máis e mellor para continuar a acrecentar os froitos das súas investigacións en beneficio de todas e de todos.

 

 

Sección: