Entrevista a Manuel Armas Castro

Coordinador do Equipo de Orientación Específico da provincia da Coruña

Neste número 76 de EDUGA, entrevistamos o doutor en Ciencias da Educación e coordinador do Equipo de Orientación Específico da provincia da Coruña, Manuel Armas Castro. Manuel, dono dunha amplísima experiencia profesional e publicística, verdadeiro referente da Orientación Educativa en Galicia, ofrécenos ao longo desta entrevista o seu autorizado punto de vista sobre as características esenciais do noso sistema educativo, enriquecéndoo coa súa visión da educación á que debemos aspirar: «pensar globalmente e actuar localmente, pero tamén pensar localmente e actuar globalmente» pois «unha hora de clase pode transformar a vida».

Así, fálanos apaixonadamente das esencias da educación inclusiva, o papel global dos diferentes axentes sociais no sutil proceso que implica formar persoas, subliñando a importancia dos elementos emocionais no desenvolvemento vital de nenos e nenas.

Máis concretamente, explicounos o deseño dos tres niveis existentes na tarefa orientadora: titoría, departamento de orientación e, finalmente, Equipo de Orientación Específico, relatando a razón de ser e intereses de actuación deste organismo dependente da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.

A última parte da entrevista dedicouse a seguir tras a súa man experta o deseño dos protocolos de intervención interdisciplinar realizados entre as consellerías de educación e sanidade, especialmente no que respecta ao Protocolo de consenso sobre TDAH na infancia e adolescencia (2014) e o Plan de prevención do suicidio en Galicia e o seu Protocolo de prevención e intervención do risco suicida (2017). Accións educativas e sanitarias nas que Manuel Armas desempeñou, como se sabe, un papel reitor, ao igual que ocorre no caso da elaboración do tratamento do proceso de dor nos centros educativos.

Unha hora longa de exposición maxistral que agora lle proporcionamos á comunidade educativa na confianza e seguridade de que as palabras de Manuel Armas servirán para abrir camiños e transitar novas e creativas vías no apaixonante oficio de educar. Como o mesmo entrevistado quixo citar, trátase de «aprender a navegar nun océano de incertezas a través de arquipélagos de certezas» (Morín).

Sección: