Despertando la creatividad. Un desafío para la bella durmiente

Elba Pedrosa. Profit Editorial, Barcelona, 2018

Javier Pintor Elizalde
                                jjpinel@edu.xunta.es
                                CFR A Coruña
 

A autora deste libro, Elba Pedrosa, licenciada en Ciencias da Información, é unha persoa de carácter inquedo e dinámico que tanto escribe libros como imparte cursos de formación a profesionais de distintos ámbitos, exerce de actriz ou colabora con medios de comunicación. Froito de todo este labor realizado en campos tan diferentes e diversos como os citados é este ensaio divulgativo escrito desde a experiencia e a práctica contrastada. Elba foxe das teorizacións innecesarias e da exposición tediosa e ofrécenos un manual repleto de indicacións enxeñosas e reflexións moi útiles e aplicables ao mundo da empresa ou da educación.   
A historia da bela dormente funciona como fío condutor dun relato que se introduce nas múltiples facetas do pensamento creativo, que se poden atopar nesta historia clásica. Unha historia, por outra banda, que a autora reinterpreta de xeito moi persoal para ensinarnos como afrontar os obstáculos que se nos presentan ao longo do camiño da vida. E as receitas que dá a autora están relacionadas directamente con termos como paixón, ilusión e ardimento.
O conto da bela dormente é unha parábola do que nos acontece durante a vida. A medida que medramos, imos perdendo a inocencia primixenia e as ganas de aprender e arriscar. Os adultos, en moitas ocasións, xa non  miran con curiosidade a súa contorna e van durmindo nun soño plácido e calmo. Cada capítulo do libro péchase cunha serie de exercicios que nos levan a reflexionar sobre a nosa actitude vital e nos impelen a non deixarnos arrastrar pola corrente do conformismo.
Elba proponnos unha forma de vivir e aprender máis acorde cos tempos que vivimos e amósanos que se pode aprender a ser creativo. Ensínanos tamén a avanzar como persoas, a superar atrancos e a gozar aprendendo. A autora defende a tese de que, ao gozarmos, aprendemos máis e mellor. Este libro anímanos a destapar o neno que todos levamos dentro e que, veces dabondo, se atopa amodorrado.  
 

Sección: