Feminismo para principiantes

Nuria Varela, Editorial ZETA BOLSILLO, 2018

Ana Justo Herrero
anajustoherrero@edu.xunta.es
CFR de Vigo
                  

«Todo libro ha de ser necesario, […] ha de revelar una verdad oculta. Oculta por olvidada, o por censurada, por desconocida o por novedosa. […] Feminismo para principiantes cumple las tres exigencias.». Con estas suxestivas palabras Espido Freire preséntanos este imprescindible libro de Nuria Varela.

A autora, reporteira con grande experiencia en conflitos bélicos desde unha perspectiva de xénero —desde a guerra de Bosnia ata os feminicidios en Cidade Juárez—, coopera ademais con diversos grupos e plataformas contra a violencia de xénero e ten varias publicacións sobre este tema. Feminismo para principiantes publicouse en 2005; en 2018 presentouse unha versión ilustrada por Antonia Santolaya.

A través dun percorrido pola historia do feminismo —desde as reivindicacións das mulleres do século XVIII, pasando polas primeiras sufraxistas ata Simone de Beauvoir, desde o feminismo radical ata o ciberfeminismo—, a autora introdúcenos neste tema de actualidade e de tan necesario debate e repercusión social.

Que é o feminismo? Que ocorre co feminismo en España? De que xeito o poder, a economía e a globalización condicionan e sosteñen as diferenzas de xénero? Como construímos socialmente a masculinidade e a feminidade? De que xeito o corpo constitúe un obxecto de control social e de dominación? Que é o machismo e que o feminismo? Cales son os prexuízos e tópicos máis comúns sobre esta temática?  Por que a violencia de xénero é a arma por excelencia do patriarcado? A autora responde a todas estas cuestións dun modo sinxelo, claro e accesible, xustificando a necesidade dunha mirada feminista sobre o social, pois acadar a igualdade de xéneros é facer deste mundo un lugar máis xusto e libre para todas as persoas.

Feminismo para principiantes, de Nuria Varela, é unha interesante proposta de lectura para abordar desde as aulas, especialmente en secundaria, a necesidade imperiosa de desenvolver unha educación en igualdade. Os contidos, tratados con rigor e cunha linguaxe accesible, permiten que tanto principiantes coma veteranos poidan sacar proveito se o obxectivo é entender séculos de loita e reivindicacións sociais que aínda hoxe seguen a ser tan necesarias.
 

Sección: